Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Martes, 22 de outubro de 2013 Páx. 41647

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 30 de setembro de 2013, da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa AGS (Actividades de Gestión Integral y Servicios Múltiples, S.L.).

Visto o texto do convenio colectivo da empresa AGS (Actividades de Gestión Integral y Servicios Múltiples, S.L.), que se subscribiu o 3 de xaneiro de 2013, entre a representación empresarial e a representación dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

Esta dirección xeral,

ACORDA:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2013

Odilo Martiñá Rodríguez
Director xeral de Traballo e Economía Social

ANEXO
Convenio colectivo da empresa AGS (Actividades de Gestión Integral y Servicios Múltiples, S.L.)

Capítulo I
Ámbito de aplicación

Artigo 1. Ámbito funcional

O presente convenio establece as normas laborais polas cales se regulan todos os traballadores e traballadoras da empresa AGS, Actividades de Gestión Integral y Servicios Múltiples, para a realización de calquera das actividades que, dentro do obxecto social de AGS, se poida realizar. A modo enunciativo, e sen que supoña numerus clausus, podemos citar a prestación de servizos auxiliares en predios urbanos, oficinas, instalacións industriais, centros comerciais, redes viarias, organismos oficiais e dependencias administrativas, así como a realización de servizos auxiliares de loxística de produción, manipulación, envasado e traslados de mercadorías en instalacións propias ou de terceiros, así como xestión integral de almacéns; servizos de atención, información, venda e asistencia telefónica; servizos comerciais propios e de terceiros, mediante a representación comercial, os labores de consultoría a empresas, a explotación ou xestión total ou parcial de instalacións de todo tipo; os servizos de mantemento de calquera tipo de instalación, a distribución ou subministración a terceiros de calquera tipo de materiais, bens, equipamentos ou produtos sexan auxiliares ou materias primas e a execución de estudos sobre organización, métodos, sistemas e tempos en relación coa prestación de todos os servizos incluídos no obxecto social.

Queda abranguido neste convenio aquel persoal que preste o seu traballo ou exerza as funcións características da actividade de servizos varios, sexa cal sexa o seu centro de traballo.

Artigo 2. Ámbito territorial

As normas deste convenio serán de aplicación en todo o territorio nacional onde a empresa desenvolva as súas actividades.

Artigo 3. Vixencia

A vixencia do presente convenio estenderase do 1 de xaneiro de 2013 ao 31 de decembro de 2018. Con independencia da data da publicación, os efectos económicos iniciaranse o 1 de xaneiro de 2013.

Se o convenio non fose denunciado no prazo de tres meses antes do seu vencemento, entenderase prorrogado de ano en ano, nas mesmas condicións que se viña desfrutando.

Artigo 4. Compensación e absorción

Garantía ad personam: respectaranse as retribucións que en cómputo global, con respecto aos conceptos económicos cuantificables, sexan superiores ás establecidas no presente convenio, sempre que legalmente así estea establecido.

Sección 1ª. Contratación, clasificación segundo as permanencias

Artigo 5. Medidas de fomento do emprego e da contratación laboral

A empresa axustarase ao establecido no estatuto dos traballadores para as normas reguladoras da contratación de persoal.

Artigo 6. Contrato para a formación laboral

Segundo o disposto no número 2 do artigo 11 do Estatuto dos traballadores, modificado pola Lei 63/1997, do 31 de decembro, e atendendo ás especiais necesidades de formación dos traballadores do sector, as partes asinantes do presente contrato acordan ampliar a duración máxima do contrato para a formación a tres anos.

Esta ampliación da duración máxima será de aplicación tanto para os contratos vixentes no momento de publicación do presente convenio como para todos aqueles que se asinen no futuro.

Artigo 7. Contratación indefinida

Durante a vixencia do presente convenio, a conversión en indefinidos daqueles contratos que se concertasen con carácter temporal ou por tempo determinado, acollerase ao disposto na lexislación vixente no réxime previsto para os contratos de fomento da contratación indefinida.

Sección 2ª. Clasificación do persoal

Artigo 8. Clasificación profesional

Os traballadores afectados polo presente convenio, segundo as funcións que desenvolvan e tendo en conta as definicións que establecen os artigos seguintes, clasificaranse en grupos profesionais.

Esta estrutura profesional procura obter unha máis razoable estrutura produtiva, todo isto sen prexudicar a dignidade, oportunidade de promoción e xusta retribución que corresponda a cada traballador. Os actuais postos de traballo e tarefas axustaranse aos grupos profesionais establecidos no presente convenio.

A clasificación levarase a cabo por interpretación e aplicación dos criterios xerais e polas tarefas básicas máis representativas. No caso de concorrencia nun posto de traballo de tarefas básicas correspondentes a diferentes grupos profesionais, a clasificación realizarase en función das actividades propias do grupo profesional superior.

A clasificación non suporá, en ningún caso, que se exclúa nos postos de traballo de cada grupo profesional a realización de tarefas complementarias, que serían básicas para postos incluídos nos grupos profesionais inferiores.

Artigo 9. Grupos profesionais

Grupo profesional 0: criterios xerais: os traballadores pertencentes a este grupo planean, organizan, dirixen e coordinan as diversas actividades propias do desenvolvemento da empresa. As súas funcións comprenden a elaboración da política de organización, as formulacións xerais da utilización eficaz dos recursos humanos e dos aspectos materiais, a orientación e o control das actividades da organización conforme o programa establecido, á política adoptada; o establecemento e mantemento de estruturas produtivas e de apoio, e o desenvolvemento da política empresarial, financeira ou comercial.

Toman decisións ou participan na súa elaboración. Desempeñan altos postos de dirección ou execución dos mesmos niveis nos departamentos, divisións, grupos, establecementos etc. en que se estrutura a empresa e que responden sempre á particular ordenación de cada unha. Desempeñan as súas funcións cun alto grao de autonomía, iniciativa e responsabilidade, implicando o máis alto nivel de competencia profesional.

Encóntranse neste grupo licenciados, doutores, enxeñeiros superiores, graos e/ou persoal contratado especificamente para realizar funcións que requiran titulación superior.

Grupo profesional 1: criterios xerais: funcións que supoñen a responsabilidade completa pola xestión dunha ou varias áreas funcionais da empresa, a partir de directrices xerais moi amplas directamente emanadas de persoal pertencente ao grupo profesional 0, ou da propia dirección, segundo o tamaño da empresa, ás cales deben dar conta da súa xestión. Funcións que supoñen a realización de tarefas técnicas de máis alta complexidade e mesmo a participación na definición dos obxectivos concretos para alcanzar no seu campo, con moi alto grao de autonomía, iniciativa e responsabilidade no dito cargo de especialidade técnica.

Encargado xeral.

Grupo profesional 2: criterios xerais: tarefas que se executan segundo instrucións concretas, claramente establecidas, cun alto grao de dependencia, que requiren preferentemente esforzo físico e/ou atención e que necesitan de formación específica e ocasionalmente dun período de adaptación. Poden ter unha ou varias persoas ao seu cargo.

Técnicos, xefes de equipo, encargados.

Grupo profesional 3: criterios xerais: traballos de execución autónoma que exixan, usualmente, iniciativa e razoamento por parte dos traballadores encargados da súa execución, comportando, baixo supervisión, a súa responsabilidade; poderán ser axudados por outro ou outros traballadores.

Operarios, auxiliares.

Sección 3ª. Ingresos, ascensos e traslados

Artigo 10. Ingresos

O ingreso do persoal na empresa realizarase de acordo coas disposicións vixentes en materia de emprego, na data da sinatura do presente convenio.

Artigo 11. Período de proba

O ingreso na empresa considerarase provisional ata que non se cumprise o período de proba que para cada grupo profesional queda especificado a seguir:

• Grupo profesional 0: seis meses.

• Grupo profesional 1: un mes.

• Grupo profesional 2: tres meses.

• Grupo profesional 3: tres meses.

Neste tempo de proba é de aplicación tanto a todo o persoal contratado como fixo, aínda cando non se estableza contrato por escrito. Nos demais casos aplicarase o pactado entre as partes, sen que en ningún momento se poidan ampliar estes períodos. Durante o período de proba, a empresa poderá rescindir unilateralmente o contrato de traballo sen aviso previo nin indemnización de ningunha clase. Unha vez concluído este, o contrato producirá plenos efectos.

A situación de incapacidade temporal que afecte o traballador durante o período de proba interromperá o seu cómputo, que se reiniciará a partir da data de reincorporación efectiva ao traballo.

Artigo 12. Ascensos

A provisión de vacantes para os postos de dirección ou que impliquen mando serán de libre designación polo empresario. Non obstante, poderá convocar concurso entre os traballadores do grupo.

Artigo 13. Mobilidade xeográfica

O traslado de traballadores, que non fosen contratados especificamente para prestar os seus servizos en empresas con centros de traballo móbiles ou itinerantes a un centro de traballo distinto da mesma empresa, que exixa cambios de residencia, requirirá da existencia de razóns económicas, técnicas, organizativas ou de produción que o xustifiquen, ou ben contratacións referidas á actividade empresarial.

Entenderase que concorren as causas a que se refire este artigo cando a adopción das medidas propostas contribúa a mellorar a situación da empresa a través dunha máis adecuada organización dos seus recursos que favoreza a súa posición competitiva no mercado ou unha mellor resposta ás exixencias da demanda.

Por razóns económicas, técnicas, organizativas ou de produción, ou ben por contratacións referidas á actividade empresarial, a empresa poderá efectuar desprazamentos temporais dos seus traballadores que exixan que estes residan en poboación distinta da do seu domicilio habitual, aboando, ademais dos salarios, os gastos da viaxe e as axudas de custo.

En todas as cuestións non reguladas neste artigo, aplicarase o disposto no artigo 40 do Real decreto lexislativo 1/1995, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Artigo 14. Lugar de traballo

Lugar de traballo: dadas as especiais e variables circunstancias en que se prestan servizos, a mobilidade do persoal virá determinada pola correcta organización e racionalización dos recursos humanos por parte da empresa, sempre dentro da mesma localidade.

Sección 4ª. Xornadas e horas extraordinarias

Artigo 15. Xornada

A xornada máxima para todo o persoal afectado polo presente convenio será de 40 horas semanais, de termo medio en cómputo anual.

A xornada adaptarase ao horario dos clientes e farase constar no calendario laboral da empresa. Calquera modificación será pactada libremente entre a empresa e o traballador correspondente, sen prexuízo dos dereitos que legalmente o asistan. O empresario comunicará á representación dos traballadores as modificacións operadas.

Ambas as partes acordan que se considerará causa xusta para a modificación das condicións de traballo, a exixencia do cliente, pero que este aspecto debe ser acreditado polo empresario de modo fidedigno.

Artigo 16. Horas extraordinarias

A realización de horas extraordinarias, tanto estruturais como non estruturais, queda sometida á normativa vixente. No suposto de que se leven a cabo horas extraordinarias, compensaranse con tempo equivalente de descanso retribuído, salvo pacto en contrario.

Artigo 17. Vacacións

O persoal comprendido no presente convenio terá dereito a gozar de 30 días naturais ao ano, dos cales gozará, como mínimo, de quince días ininterrompidamente, se o desexa o traballador na época en que acorden as partes.

Se por causa de carga de traballo, o traballador non pode ter, como mínimo, 15 días de vacacións no período que vai do 1 de xuño ao 30 de setembro, o traballador terá como compensación un día máis de vacacións, no período que finalmente se acorde.

Cando na empresa usuaria se produza peche por vacacións, o desfrute delas por parte dos traballadores será nas ditas datas de peche vacacional. O traballador que non leve un ano na empresa desfrutaraas proporcionalmente ao tempo traballado.

O traballador coñecerá as datas que lle correspondan, polo menos, dous meses antes do comezo do seu desfrute.

Sección 5ª. Licenzas e excedencias

Artigo 18. Licenzas

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

• 15 días naturais en caso de matrimonio.

• 2 días en caso de nacemento de fillos, enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao. Cando por estas causas o traballador necesite facer algún desprazamento, estes prazos poderanse ampliar ata 4 días.

• 1 día por traslado do domicilio habitual.

• Polo tempo indispensable polo cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal e convencional un período determinado, establécese o que esta dispoña, en canto á súa duración e á súa compensación económica.

• Polo tempo indispensable para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación para o parto que se deban levar a cabo na xornada de traballo.

• Por lactación dun fillo menor de nove meses, as traballadoras terán dereito a unha hora de ausencia ao traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, á súa vontade, poderá substituír este dereito por una redución de xornada de media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado pola nai ou polo pai se ambos os dous traballan. Poderá acumular este desfrute en días completos para desfrutar no momento da súa reincorporación.

• Ata dous meses de permiso non retribuído en caso dunha acreditada necesidade persoal inescusable. Para o desfrute deste permiso, mediará acordo entre a empresa e o traballador.

Artigo 19. Permiso de maternidade

No suposto de parto, a suspensión do contrato terá unha duración de dezaseis semanas, que se desfrutarán de forma ininterrompida, ampliables no suposto de parto múltiple en dúas semanas por cada fillo a partir do segundo. O período de suspensión distribuirase á opción da traballadora, sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ao parto.

En caso de falecemento da nai, o pai fará uso da totalidade ou, se é o caso, de parte que quede do período de suspensión.

Non obstante o anterior, e sen prexuízo das dezaseis semanas inmediatas posteriores ao parto de descanso obrigatorio para a nai, en caso de que o pai e a nai traballen, esta, ao se iniciar o período de descanso por maternidade, poderá optar porque o pai desfrute unha parte determinada e ininterrompida do período de descanso posterior ao parto, de forma simultánea ou sucesiva co da nai, salvo que no momento da súa efectividade a incorporación ao traballo da nai supoña un risco para a súa saúde.

Nos supostos de adopción ou acollemento, tanto preadoptivo como permanente, de menores ata seis anos, a suspensión terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas, ampliables no suposto de adopción ou acollemento múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo, contadas á elección do traballador, a partir da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción. A duración da suspensión será, así mesmo, de dezaseis semanas nos supostos de adopción ou acollemento de menores maiores de seis anos de idade, cando se trate de menores discapacitados, que por circunstancias e experiencias persoais ou porque proveñan do estranxeiro teñan especiais dificultades de inserción social e familiar, debidamente acreditadas polos servizos sociais competentes. En caso de que a nai e o pai traballen, o período de suspensión distribuirase á opción dos interesados que poderán desfrutalo de forma simultánea ou sucesiva, sempre con períodos ininterrompidos e cos límites sinalados.

Os períodos a que se refire o presente artigo poderán desfrutarse en réxime de xornada completa ou a tempo parcial, logo de acordo entre os empresarios e os traballadores afectados nos termos que regulamentariamente se determinen.

Establécese unha paga única por nacemento de fillo de 150 €.

Artigo 20. Excedencias

As excedencias poderán ser voluntarias ou forzosas.

1. As voluntarias: poderán solicitar excedencia voluntaria os/as traballadores/as cunha antigüidade dun ano. Son condicións indispensables para a súa concesión as seguintes:

• Solicitude escrita, con expresión dos motivos.

• Compromiso formal de que durante o tempo de excedencia o/a traballador/a non se vai dedicar á mesma actividade da empresa que lla concedeu, nin por conta propia, nin por conta allea; tal incumprimento será a causa da extinción da relación laboral, con perda do dereito obtido.

O tempo de excedencia non poderá ser inferior a catro meses nin superior a cinco anos.

O/a traballador/a excedente conserva o dereito preferente ao reingreso nas vacantes da mesma ou similar categoría que se producisen na empresa; para tal efecto, deberá solicitala dentro do período comprendido dentro do mes seguinte ao cesamento. Para acollerse a outra excedencia voluntaria, o/a traballador deberá cubrir un novo período de, polo menos, catro anos de servizo efectivo na empresa.

As peticións de excedencia resolveranse dentro dos quince días seguintes ao da súa presentación e serán atendidas dentro das necesidades do servizo.

As mesmas normas, en canto a requisito de petición, son de aplicación á excedencia solicitada polos/as traballadores/as por un período non superior a tres anos, para atender o coidado de cada fillo, contado desde a data do nacemento deste.

2. As forzosas: darán dereito á conservación do posto e o cómputo de antigüidade da súa vixencia, e concederánselle ao/á traballador/a en quen concorran as seguintes circunstancias:

• Nomeamento para cargo público que se teña que realizar por decreto ou elección.

• Exercicio de cargo electivo nas centrais sindicais, na Seguridade Social ou organismos da Administración que, pola súa importancia, fagan imposible a asistencia ao traballo.

Nos supostos de suspensión por exercicio de cargo público representativo ou por funcións sindicais de ámbito provincial ou superior, o/a traballador/a deberá incorporarse no prazo máximo de trinta días naturais a partir do cesamento no servizo, cargo ou función.

A reincorporación do/a traballador/a fixo/a procedente dunha excedencia determinará o cesamento automático do interino que fose contratado para substituílo, pero este deberá ser avisado, polo menos, con quince días de antelación e desfrutará de preferencia para o ingreso na empresa.

Sección 6ª. Réxime económico

Artigo 21. Salario base

Establécese como salario base para o ano 2013 o que figura nas táboas salariais anexas.

Artigo 22. Incentivos

Os traballadores, naqueles postos onde sexa posible, percibirán un incentivo pola cantidade/calidade do traballo. A contía e determinación deste incentivo pactarase anualmente entre a empresa e os representantes dos traballadores.

Artigo 23. Complemento de transporte

Todo o persoal incluído no ámbito de aplicación do presente convenio percibirá un complemento de transporte de 2 euros por xornada efectivamente traballada con desprazamento fóra do lugar de traballo habitual.

Artigo 24. Complemento de nocturnidade

Os traballadores percibirán un complemento de nocturnidade cando presten os seus servizos no horario comprendido entre as 22.00 e as 6.00 horas.

O importe será dun 10 % do salario base establecido para cada categoría profesional.

Non terán dereito a cobrar o complemento de nocturnidade se os traballos que vai desempeñar pola súa propia natureza son nocturnos ou os traballadores realizan de maneira habitual a totalidade da súa xornada en horario nocturno.

Artigo 25. Gratificacións extraordinarias

Percibiranse dúas gratificacións extraordinarias ao ano, consistentes en dúas mensualidades de salarios consignadas no anexo I, que se satisfarán na primeira quincena do mes de xullo, e na segunda do mes de decembro, pero antes do día 22. As pagas extraordinarias poderanse ratear mensualmente.

Sección 7ª. Faltas e sancións

Artigo 26. Faltas

As acciones ou comisións punibles en que incorran os/as traballadores/as comprendidos/as neste convenio clasificaranse, segundo a súa índole nas circunstancias que nelas concorran, en leves, graves ou moi graves.

Artigo 27. Faltas leves

Consideraranse faltas leves:

1. Os descoidos, deficiencias ou demora na execución de calquera servizo, sempre que non se produza reclamación do cliente.

2. Tres faltas de puntualidade na asistencia ao traballo durante un mes, inferiores no seu conxunto a trinta minutos e sempre que destes atrasos non deriven prexuízos graves para o servizo.

3. Non cursar no tempo oportuno a baixa correspondente cando se falte ao traballo por motivo xustificado, a non ser que se probe a imposibilidade de telo feito.

4. Os pequenos descoidos na conservación do material.

5. Non comunicarlle á empresa os cambios de domicilio.

6. As discusións cos/coas compañeiros/as de traballo, sempre que non sexan en presenza do público nin durante a prestación dun servizo.

7. Faltas ao traballo sen a debida autorización ou sen causa xustificada, sempre que non sexa en venres, sábado, véspera de festa ou posterior a esta.

8. Non comunicar coa puntualidade debida as variacións de situación para os efectos da Seguridade Social, que deban ser postas en coñecemento das empresas. A falta maliciosa destes actos reputarase como grave.

Artigo 28. Faltas graves

Consideraranse faltas graves:

1. Máis de tres faltas de puntualidade na asistencia ao traballo, non xustificadas e cometidas no período dun mes.

2. Faltar dous días ao traballo sen causa xustificada ou nun dos días sinalados no número 7 do artigo anterior.

3. Abandonar o traballo sen permiso do empresario, aínda que sexa por tempo breve.

4. A falta de aseo e limpeza exixida pola empresa do establecemento.

5. A simulación de enfermidade ou accidente.

6. A desobediencia aos superiores que non implique gran quebranto no traballo.

7. A neglixencia ou descoido no servizo que produza reclamación xustificada do cliente.

8. Descoido importante na conservación do material ou artigos do establecemento.

9. A falta de respecto ou consideración ao público.

10. Discusións cos/coas compañeiros/as diante do público.

11. A reincidencia en faltas leves, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun trimestre, mediando amoestación.

Artigo 29. Faltas moi graves

Serán así consideradas as seguintes:

1. Máis de 10 faltas de asistencia ao traballo inxustificadas, nun período de 6 meses ou 20 faltas nun período dun ano.

2. A embriaguez ou drogadicción durante o servizo ou fóra del, sempre que, neste último caso, sexa habitual.

3. A falta de aseo e limpeza que produza reiteradas queixas dos clientes.

4. O traballo por conta propia ou para outra empresa, sen autorización escrita daquela a que pertence.

5. O roubo, furto ou malversación.

6. Os malos tratos verbais ou de obra, abuso de autoridade, a falta de respecto e consideración aos xefes ou aos seus familiares, así como aos compañeiros, subordinados e clientes.

7. O pronunciamento de palabras obscenas, groseiras ou blasfemas, en circunstancias habituais.

8. A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal do labor.

9. As rifas ou pendencias cos/coas compañeiros/as ou clientes.

10. A reincidencia en faltas graves, aínda que sexan de distinta natureza, sempre que se produzan nun período de 6 meses.

Artigo 30. Sancións

As sancións máximas que se poderán impoñer a aqueles que incorran nalgunha das faltas anteriormente numeradas ou similares, posto que a relación anterior ten carácter indicativo, son as seguintes:

1. Por faltas leves, amoestación verbal ou por escrito.

2. Por faltas graves, suspensión de emprego e soldo de 3 ata 15 días.

3. Por faltas moi graves, suspensión de emprego e soldo de 16 a 30 días; despedimento con perda de todos os dereitos na empresa.

Artigo 31

Correspóndelle á dirección da empresa a facultade sancionadora; deberalle comunicar ao/á traballador/a por escrito a súa decisión, indicando as faltas cometidas e as datas en que se cometeron.

Nos casos de despedimento seguirase o mesmo trámite, pero dándolle a posibilidade ao/á traballador/a de explicar por escrito as súas razóns no prazo de 24 horas; de seren estas convincentes, o empresario deberá reconsiderar a súa decisión, tamén por escrito.

Sección 8ª. Disposicións varias

Artigo 32. Uniformes, vestiarios e aparencia externa do persoal

Uniforme: no caso de impoñer a empresa uniforme, este será por conta dela, e o/a traballador/a usarao limpo, e será pola súa conta a limpeza. No caso de que o/a traballador/a cese na empresa, estará obrigado a devolver o uniforme.

Aparencia externa do persoal: todo o persoal terá que presentarse ao traballo perfectamente aseado e uniformado, de tal forma que o aspecto sexa en todo momento decoroso.

Artigo 33

Os representantes dos/as traballadores/as, membros do comité de empresa ou delegados de persoal terán a garantía das súas actuacións no contido do artigo 68 do vixente Estatuto dos traballadores, e que se dá aquí por reproducido. As súas consecuencias serán as determinadas no anterior artigo 64 do mesmo texto legal, salvo que por disposición legal se modifique; neste caso, aplicarase tal disposición.

Artigo 34. Comisión paritaria

Establécese unha comisión paritaria do convenio, como órgano mixto de interpretación, conciliación e arbitraxe. Esta comisión estará composta por un membro de cada parte elixido pola empresa e pola representación dos traballadores respectivamente.

Cando unha parte lle solicite á outra a convocatoria motivada da comisión paritaria, deberá facer constar os asuntos que se van tratar e, se é o caso, as súas demandas concretas, e as partes comprometeranse a comparecer, salvo causa xustificada que llo impida.

Artigo 35. Cláusula de submisión ao AGA

Por motivo da importancia que pode ter para a resolución pacífica de conflitos laborais a elaboración do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos colectivos de traballo (AGA), asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT, CC.OO. e CIG, as partes asinantes do presente convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos en que están formuladas.

Artigo 36. Dereito supletorio

Para todo o non disposto no presente convenio, as partes sométense ao disposto no Real decreto lexislativo 1/1995, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Artigo 37. Cláusula de desvinculación

Os compromisos en materia salarial contidos no presente convenio non serán de aplicación para aquelas empresas que acrediten descensos en termos reais dos resultados dos dous últimos exercicios, e corresponderá, no dito suposto, o mantemento do mesmo nivel retributivo do último convenio. Considerarase xustificación suficiente a achega da documentación presentada polas empresas ante os organismos oficiais (Ministerio de Facenda e Rexistro Mercantil). Os representantes legais dos traballadores están obrigados a tratar e manter coa maior reserva a información recibida e os datos a que tivesen acceso por causa do anteriormente establecido.

Disposición derradeira

O convenio é asinado pola representación da empresa, a través do seu administrador, e pola representante dos traballadores.

Grupo profesional 0

Salarios (anuais/mensuais) (12 pagas)

Enxeñeiros e licenciados

Enxeñeiros técnicos, axudantes titulados

12.542,40 €/1.045,20 €

11.100,00 €/925,00 €

Grupo profesional 1

Encargado xeral

10.404 €/867 €

Grupo profesional 2

Encargados/as

Gobernantes/as

9.840 €/820 €

Grupo profesional 3

Operarios/as

Auxiliares/as

9.000 €/750 €