Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Luns, 21 de outubro de 2013 Páx. 41620

VI. Anuncios

b) Administración local

Deputación Provincial de Pontevedra

ANUNCIO de convocatoria e bases do Premio Otero Pedrayo 2013.

O presidente desta deputación provincial, mediante Resolución presidencial núm. 16876 do 7 de agosto de 2013, aprobou as seguintes bases:

Bases premio Otero Pedrayo 2013

1. Convocatoria.

1.1. Convócase o premio Otero Pedrayo 2013, dotado con dezaseis mil euros (16.000,00 €), segundo as disposicións do regulamento correspondente.

1.2. Esta convocatoria corresponde ao ano 2013, de acordo co disposto no regulamento, no cal se establece o seu ámbito autonómico e o seu carácter anual; convócaa cada ano unha das deputacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, por esta mesma orde.

1.3. Atendendo ás razóns expostas, a convocatoria e a concesión do premio, na edición de 2013, atribúese á Deputación de Pontevedra, que consignará na aplicación 13/330.334.461.00 do seu orzamento de gastos o importe do premio (16.000,00 €) máis os gastos correspondentes á súa organización, e no de ingresos, as sumas que deberá achegar cada unha das demais deputacións de Galicia, cotitulares do premio, cunha contía de 2.000,00 €, e a Xunta de Galicia, con 8.000,00 €.

2. Obxecto do premio.

– Perpetuar e honrar a memoria da persoa egrexia no campo das letras e do coñecemento.

– Premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega.

– Promover os valores propios de Galicia e ás obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.

3. Candidatos.

3.1. Poderán optar ao premio:

– As persoas naturais nacidas ou residentes en Galicia ou con cumprida raizame nela.

– Os grupos de traballo radicados en Galicia ou constituídos para promoveren a cultura galega.

– As personalidades ou institucións que se caractericen pola difusión e o mantemento da cultura galega.

3.2. A opción ao premio determinarase por unha candidatura, que poderá ser feita por:

– Calquera persoa física ou xurídica das sinaladas no número 3.1., respecto de si mesmas.

– As entidades académicas e culturais galegas respecto dos seus membros.

– Calquera dos presidentes das deputacións provinciais de Galicia, por proposta das respectivas comisións de Cultura.

– A Xunta de Galicia, oída a consellería correspondente.

– O mesmo xurado, xa constituído.

4. Tramitación.

4.1. A presentación de candidaturas ao premio formularase nun escrito dirixido á Presidencia da Deputación de Pontevedra, e achegaranse os seguintes documentos:

– Recensión biográfica da persoa ou agrupación que aspira ao premio.

– Documentos e antecedentes que se consideren de interese para o coñecemento da súa dimensión literaria ou científica.

– Cinco exemplares do texto do traballo con que se opta ao premio, presentados a dobre espazo, letra Times New Roman corpo 12, no caso de que a proposta se basee nunha obra ou produción singular concreta.

– No caso de agrupacións e institucións, un exemplar do regulamento ou estatutos por que se rexan e unha relación das tarefas levadas a cabo en relación co obxecto do premio.

4.2. A presentación de candidaturas realizarase no prazo de tres meses, a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no BOP de Pontevedra.

Esa publicación realizarase tamén nos boletíns oficiais das provincias da Coruña, Lugo e Ourense, no DOG e nos diarios de máis difusión da comunidade autónoma.

4.3. A presentación do candidato determina a aceptación íntegra das condicións desta convocatoria e das contidas no regulamento do premio.

4.4. Unha vez rematado o prazo o que se refire o número 4.2., a Secretaría da Deputación de Pontevedra expedirá unha certificación das propostas presentadas que, xunto con elas e coa documentación correspondente, pasarán ao xurado do premio, para que todos os membros as coñezan con anticipación suficiente á reunión de deliberación.

4.5. A cada solicitude ou proposta xuntaránselle cantos documentos se consideren de interese para o mellor coñecemento do candidato.

5. Xurado e actuacións.

5.1. Para adxudicar este premio constituirase un xurado integrado por:

– Presidencia: o presidente da Xunta de Galicia ou persoa en quen delegue.

– Vicepresidencia: a persoa titular da presidencia da deputación que convoca o premio, que este ano corresponde á Deputación de Pontevedra ou persoa en quen delegue.

– Vogais:

– Os presidentes das tres deputacións restantes ou persoas en que deleguen.

– O presidente da Comisión de Cultura da Deputación que convoca ou persoa en quen delegue.

– O conselleiro do departamento da Xunta de Galicia con responsabilidades en Cultura ou persoa en quen delegue.

– Un representante de cada un dos seguintes organismos:

a) Universidade de Santiago de Compostela.

b) Universidade de Vigo.

c) Universidade da Coruña.

d) Real Academia Galega.

e) Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos.

– Cinco persoas de recoñecida autoridade científica e literaria, designadas pola Xunta de Galicia e de cada unha das deputacións.

Procurarase a paridade de xéneros nos membros do xurado.

– Secretaría: con voz e sen voto, o secretario da Deputación de Pontevedra.

5.2. O xurado constituído emitirá o seu ditame no mes seguinte ao día en que remate o prazo de presentación de candidatos, e a súa actuación suxeitarase ao disposto nos artigos do 4.2 a 4.6 do regulamento do premio.

5.3. Da actuación do xurado e da adxudicación do premio redactarase unha acta detallada que, asinada polos seus membros e coa totalidade das documentacións presentadas, pasará a coñecemento do Pleno da Deputación convocante na primeira sesión que teña lugar.

5.4. A copia da acta e dos demais antecedentes que cumpran para o coñecemento da tramitación do premio remitiranse ás deputacións da Coruña, Lugo e Ourense.

6. Entrega do premio.

Realizarase no lugar e na data que determine o presidente da Deputación de Pontevedra, nun acto solemne e coa asistencia dos membros da corporación provincial e do xurado, así como de personalidades das artes, letras e ciencias da comunidade autónoma.

Xunto co premio, o galardoado recibirá unha copia da acta da reunión do xurado.

7. Normas supletorias.

No que non estea previsto expresamente nestas bases, o xurado e a deputación convocante terán en conta as normas contidas no regulamento do premio e nos xerais do funcionamento da corporación provincial.

Pontevedra, 4 de setembro de 2013

Rafael Louzán Abal
Presidente da Deputación Provincial de Pontevedra