Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 18 de outubro de 2013 Páx. 41359

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 8 de outubro de 2013, da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, pola que se publica o crédito para o exercicio 2013 das axudas recollidas na Orde do 12 de xuño de 2008 pola que se ditan, con carácter permanente, normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Decreto 106/1994, do 21 de abril, e na Orde do 5 de outubro de 1994, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, pola que se regula a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social a persoas traballadoras afectadas por procesos de reestruturación de empresas.

Mediante a Orde do 12 de xuño de 2008 (DOG nº 119, do 20 de xuño), ditábanse, con carácter permanente, as normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Decreto 106/1994, do 21 de abril, e na Orde do Ministerio de Traballo e Seguridade Social do 5 de outubro de 1994 (BOE nº 253, do 22 de outubro) sobre axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social a persoas traballadoras afectadas por procesos de reestruturación de empresas.

As subvencións reguladas pola antedita orde, segundo o establecido no seu artigo 1, teñen por obxecto facilitar unha cobertura económica ás persoas traballadoras afectadas por procesos de extinción de relacións de traballo, por causas económicas, técnicas, organizativas e de produción, sempre que cumpran, segundo o artigo 2 e 4 da citada Orde do 12 de xuño de 2008, os requisitos e condicións nela exixidos, en canto non accedan á situación de xubilación, na súa modalidade contributiva no sistema da Seguridade Social.

Así mesmo, segundo o artigo 1.5 o procedemento de concesión será o descrito no artigo 7 da devandita Orde do 12 de xuño, sen que sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007.

Poderán acollerse a este tipo de axudas as empresas afectadas por procesos de reestruturación producidos por causas económicas, técnicas, organizativas e de produción, previstas nos artigos 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores, para aqueles traballadores e traballadoras que afectados por ditos procesos vexan extinguida a súa relación de traballo, logo de conformidade expresa e individual de cada un deles, sempre que estes, ao alcanzar a idade ordinaria para o acceso á pensión de xubilación na súa modalidade contributiva, no réxime da Seguridade Social de encadramento, teñan ou puidesen ter cuberto o período de cotización exixido para causar dereito á citada pensión de xubilación no dito réxime, estean en alta ou situación asimilada nel e teñan, como mínimo, 60 anos de idade, real ou teórica por aplicación dos coeficientes redutores da idade, cando accedan ao sistema destas axudas.

Os órganos de instrución e resolución, así como os prazos e forma de comunicación son os establecidos nos artigos 7 e 8 da Orde do 12 de xuño de 2008. A devandita resolución poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

As solicitudes e documentación axustaranse ao establecido no artigo 6 e segundo o establecido no artigo 6.1 da referida Orde do 12 de xuño de 2008, as axudas solicitaranse nos catro meses seguintes á data na que se aprobe o expediente de regulación de emprego ou da data efectiva de despedimento, segundo o tipo de extinción do contrato de que se trate, indicando, ademais que a data límite para cada exercicio orzamentario será a do 15 de outubro de cada ano.

Así mesmo, segundo o estipulado na disposición adicional primeira, esta orde será de aplicación permanente e as axudas terán como límite global o crédito asignado a esta comunidade autónoma, para cada exercicio, na distribución territorial anual da Administración central do Estado, correspondente ás axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social a persoas traballadoras afectadas por procesos de reestruturación de empresas, polo tanto, os fondos cos que se financia son fondos finalistas.

Por todo isto, segundo o establecido na disposición derradeira primeira da Orde do 12 de xuño de 2008, pola que se faculta a persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, actualmente Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento da referida orde,

RESOLVO:

Publicar, para o exercicio de 2013, o crédito das axudas establecidas na Orde do 12 de xuño de 2008 (DOG nº 119, do 20 de xuño), pola que se ditan, con carácter permanente, as normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Decreto 106/1994, do 21 de abril, e na Orde do Ministerio de Traballo e Seguridade Social do 5 de outubro de 1994 (BOE nº 253, do 22 de outubro) sobre axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social a persoas traballadoras afectadas por procesos de reestruturación de empresas, por importe de 1.153.603,41 € con cargo á aplicación orzamentaria 11.02.324A.470.0, códigos de proxecto 2011/00648 e 2013/00603.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2013

Odilo Martiñá Rodríguez
Director xeral de Traballo e Economía Social