Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 14 de outubro de 2013 Páx. 40590

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 4 de outubro de 2013 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Orde do 24 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á implantación de sistemas de aseguramento para a mellora integral da calidade do leite cru producido e recollido nas explotacións e a súa certificación externa, e se convocan para o ano 2013.

A Orde do 24 de abril de 2013 establece as bases reguladoras das axudas á implantación de sistemas de aseguramento para a mellora integral da calidade do leite cru producido e recollido nas explotacións e a súa certificación externa, e se convocan para o ano 2013 (DOG núm. 85, do 3 de maio).

No seu artigo 24 precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas e, así mesmo, que os importes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia con que se financiarán estas axudas se poderán incrementar con fondos comunitarios, estatais ou autonómicos achegados para o efecto.

Co obxecto de poder amparar o maior número de solicitudes posible, e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, tendo en conta a existencia de remanentes doutras convocatorias, cómpre mediante esta orde ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas axudas.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 14 e 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Amplíase a dotación orzamentaria que se establece na Orde do 24 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á implantación de sistemas de aseguramento para a mellora integral da calidade do leite cru producido e recollido nas explotacións e a súa certificación externa, e se convocan para o ano 2013 (DOG núm. 85, do 3 de maio).

2. O incremento da dotación será de 270.391 euros con cargo á aplicación orzamentaria 12.22.713C.770.6, para o ano 2013.

3. A contía total para as axudas que deriven da aplicación desta orde é de 420.391 euros con cargo á aplicación orzamentaria 12.22.713C.770.6 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

4. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional única

A ampliación de crédito prevista no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na devandita Orde do 24 de abril de 2013.

Disposición derradeira

Esta orden entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar