Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 14 de outubro de 2013 Páx. 40554

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 4 de outubro de 2013 pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2013.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e polo Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia e mais o Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Traballo e Benestar asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Con base no exposto, correspóndelle a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas, por unha banda, a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outra, incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, prestando especial atención aos colectivos con especiais dificultades de inserción, no marco da Estratexia europea para o emprego, o Programa nacional de reformas, a Estratexia española de emprego e o Plan anual de política de emprego (PAPE), no Plan estratéxico de Galicia 2010-2014 horizonte 2020 (PEG) e no eido da colaboración institucional e o diálogo social aberto polo goberno galego cos axentes económicos e sociais de Galicia.

Con todo, tamén é preciso deseñar e aplicar políticas activas orientadas a favorecer o desenvolvemento das zonas deprimidas, tendo especial relevancia o apoio ao emprego local. Ademais, a propia Unión Europea aconsella centrar os esforzos na dinamización das economías locais, a través de plans e programas que favorezan a permanencia da poboación no seu propio contorno.

Esta situación demanda o esforzo conxunto e coordinado das distintas administracións públicas que, xunto cos recursos procedentes da Unión Europea, permitan acometer programas que estimulen, de xeito inmediato, a xeración de emprego. Efectivamente, a aplicación das políticas activas de emprego segue as directrices europeas de emprego elaboradas pola Comisión Europea co fin de lograr unha estratexia de acción común. Estas directrices poñen especial fincapé na importancia da creación de postos de traballo a nivel local desde a perspectiva de que existen novos filóns de emprego susceptibles de xerar novos postos de traballo, sendo no ámbito local onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego.

A constitución dun contorno local propicio á creación de emprego require o desenvolvemento dun conxunto de funcións esenciais como son a animación, o estímulo e a innovación. Para que estas funcións se poñan en práctica é fundamental a presenza de axentes de emprego e desenvolvemento local, coa formación e experiencia adecuada que lles permita utilizar unha metodoloxía común e que poidan desempeñar diversas tarefas como promotores de actividade, prospectores de mercado e asesores puntuais de proxectos de empresa.

Desde esta perspectiva faise necesario potenciar o papel das entidades locais como motoras da creación de emprego e apoiar decididamente a constitución de pequenas e medianas empresas, dado que a súa existencia favorece un tecido empresarial máis estable, a diversificación de actividades e, sobre todo, un crecemento económico sostido.

Tendo en conta o exposto, nesta convocatoria recóllense aquelas liñas de axuda que teñen por obxecto a dinamización do emprego no ámbito de toda a Comunidade Autónoma de Galicia, a través da contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local (AEDL) por parte das entidades locais.

Estes técnicos, que, xunto cos axentes de emprego, configuran a Rede de técnicos de emprego de Galicia, teñen como funcións principais as de colaborar na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial, as de animación, estímulo e innovación actuando como promotores de actividade, asesores puntuais de proxectos de empresa e prospectores de mercado, contribuíndo á dinamización e xeración de novas actividades no ámbito local e rural.

O desenvolvemento destas tarefas contribúe á constitución dun contorno local propicio á creación de emprego e a potenciar a xeración de iniciativas empresariais e novas actividades xeradoras de emprego que repercuten na creación de novos postos de traballo e de alternativas de ocupación laboral.

Neste contexto, a implementación da Rede de técnicos de emprego de Galicia como infraestrutura especializada na promoción do emprego adquire precisamente o seu maior potencial, grazas á súa distribución por todo o territorio da Comunidade Autónoma. Porén, esta vantaxe estratéxica precisa de canles de comunicación axeitadas que confiran fluidez ao intercambio de experiencias e de información interna para converter en sinerxias colectivas o traballo individual realizado por cada técnico.

Nesta tarefa púxose en marcha unha aplicación informática denominada XATEmprego que, ademais de homoxeneizar o contido das memorias de toda a rede de técnicos aumente a eficacia do traballo desenvolvido e posibilite o traballo en rede, facilitando, en definitiva, a xestión, coordinación, apoio e avaliación da rede.

Para o exercicio de 2013 establécese a exixencia do uso e a aplicación de medios telemáticos para tramitar e presentar a solicitude, exclusivamente, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, creada polo Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que establece o marco de desenvolvemento da Administración electrónica na Administración pública galega como canle principal de relación do cidadán coa Administración e co obxectivo de avanzar na mellora da calidade e da eficacia dos servizos ofrecidos. Esta exixencia leva aparellada a necesaria obtención por parte dos representantes legais das entidades, cando non dispoñan deles, do DNI electrónico ou certificado electrónico de persoa física da FNMT.

Por outra banda, esta orde continúa coa senda iniciada na regulación dos programas de cooperación con entidades locais e no Programa de orientación laboral xa para o exercicio de 2012, onde se primaban aqueles concellos que coordinasen as súas solicitudes e compartan ou mancomunen obras ou servizos. Así, a regulación da presente convocatoria prima aqueles concellos que teñan unha media de paro rexistrado no ano 2012 inferior a 500 persoas no seu ámbito territorial que se agrupen para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local, neste caso a porcentaxe de financiamento dos custos totais de contratación increméntase sensiblemente, entendéndose así cumprida a finalidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013 polo que se aproban os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal.

Para este exercicio de 2013 implementarase en e para Galicia un programa autonómico que non é outra cosa que unha adaptación do programa estatal de axentes de emprego e desenvolvemento local, coherente co momento actual e cos requirimentos específicos da realidade do noso mercado laboral. Esta nova regulamentación autonómica é posible á vista do novo enfoque que deu ao deseño e á xestión das políticas activas de emprego o punto 2 da disposición derradeira duodécima da Lei 3/2012, do 6 de xullo, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, da que resulta que as comunidades autónomas están habilitadas para o deseño e execución de novos programas e medidas de políticas activas de emprego adaptadas ás peculiaridades e características dos seus mercados de traballo locais que, en todo caso, deberán dirixirse ao cumprimento dos obxectivos que se establezan no Plan anual de política de emprego (PAPE) de cada ano e integrarse nos distintos ámbitos da Estratexia española de emprego 2012-2014, requisitos e condicións que se cumpren no presente caso.

Efectivamente, no actual contexto de crise e recesión económica a sociedade exixe dos poderes públicos a adopción de medidas efectivas e eficientes que coadxuven a paliar os efectos e a reducir o desemprego, sinaladamente das persoas con especiais dificultades de inserción; por esta razón, mantendo os elementos nucleares que caracterizan orixinariamente ao programa de axentes de emprego e desenvolvemento local e co obxecto de non defraudar esas expectativas, na presente regulación realízase unha adaptación deste programa estatal, introducíndose unha serie de modificacións e adaptacións tendentes ao mesmo tempo que a reducir os custos dos proxectos a posibilitar o mantemento da actual rede de técnicos, configurándose así un novo programa autonómico nesta materia, que a Xunta de Galicia inclúe no Plan anual de política de emprego (PAPE) para 2013, en fase de elaboración.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas.

As subvencións contidas nesta orde financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias contidas na Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para el año 2013.

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe favorable da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Delegada, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no que resulte de aplicación, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, en virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e financiamento

1. Esta orde ten por finalidade o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local, no ámbito da colaboración da Consellería de Traballo e Benestar coas entidades locais, a través dos programas de cooperación, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na implantación das políticas activas de emprego e a xeración de emprego no contorno local.

2. As aplicacións orzamentarias e os créditos destinados ás axudas e subvencións establecidas na presente convocatoria serán os que establece a Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para el año 2013, na aplicación 11.03.322A.460.0 (código de proxecto 2013 00 532) e polo importe de 2.200.000 €.

3. Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

4. A distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde será directamente proporcional ao número de persoas paradas e á evolución do paro rexistrado no período 2008-2012 e inversamente proporcional á evolución da poboación no citado período e terá en conta, en coherencia cos programas Impulsa de Lugo e Ourense, o necesario equilibrio e solidariedade con aqueles territorios máis desfavorecidos.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde as entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local sempre que todas elas dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos e non incorran nas circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Definición e funcións dos axentes de emprego e desenvolvemento local

1. Os AEDL configúranse como persoal contratado das entidades locais ou entidades dependentes ou vinculadas a unha Administración local que teñen como misión principal colaborar na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial.

Esta colaboración na implantación das políticas activas de emprego desenvolveraa a entidade contratante, para o que os AEDL contratados analizarán a evolución e repercusión das medidas activas de emprego na súa zona de actuación, facilitándolle información puntual a aquela e colaborarán co resto dos integrantes da rede, na procura da mellora da súa calidade, intercambiando coñecementos e experiencias, así como desenvolvendo actividades e proxectos conxuntos.

2. Os AEDL realizarán as seguintes funcións:

a) Prospección de recursos ociosos ou infrautilizados, de proxectos empresariais de promoción económica local e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego no ámbito local, identificando novas actividades económicas e posibles emprendedores, así como prospección das necesidades de persoal das empresas co obxecto de identificar novos nichos de emprego.

b) Difusión e estímulo de potenciais oportunidades de creación de actividade entre as persoas desempregadas, promotores e emprendedores, así como institucións colaboradoras, levando a cabo accións de sensibilización cara a promoción dunha maior conciencia empresarial como oportunidade de emprego.

c) Acompañamento técnico no inicio de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas xeradoras de novos empregos, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira e, en xeral, sobre os plans de lanzamento das empresas.

d) Apoio aos promotores das empresas, unha vez constituídas estas, acompañándoos tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionamento, mediante a aplicación de técnicas de consultoría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos adecuados para contribuír á boa marcha das empresas creadas.

e) Calquera outra que contribúa á promoción e implantación de políticas activas de emprego, relacionadas fundamentalmente coa creación de actividade empresarial.

Artigo 4. Contía da subvención e período subvencionable

1. A contía máxima das subvencións que se concederán por cada axente de emprego e desenvolvemento local poderá ser, co límite máximo de 27.046 euros anuais por cada contratación subvencionada e tendo en conta a media de paro rexistrada no ano 2012 no seu ámbito territorial de acordo coas estatísticas oficiais da Consellería de Traballo e Benestar:

a) A equivalente ata o 35 por 100 dos custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, cando as entidades beneficiarias teñan unha media de paro rexistrado no ano 2012 igual ou superior a 500 persoas desempregadas.

b) A equivalente ata o 25 por 100 dos custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, cando as entidades beneficiarias teñan unha media de paro rexistrado no ano 2012 inferior a 500 persoas desempregadas.

c) A equivalente ata o 80 por 100 dos custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos, cando se trate de entidades beneficiarias que teñan unha media de paro rexistrado no ano 2012 inferior a 500 persoas desempregadas, pero a solicitude ou as actuacións previstas no proxecto engloben, cando menos, tres concellos limítrofes.

2. A subvención prevista no parágrafo anterior concederase por un período dun ano e será incompatible con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para a mesma finalidade, procedentes de fondos de políticas activas de emprego.

3. As subvencións previstas nesta orde en ningún caso poderán ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, supere os custos totais da contratación.

As entidades beneficiarias deberán comunicarlle á Consellería de Traballo e Benestar a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou ente público estatal ou internacional.

Artigo 5. Presentación de solicitudes

1. Para poder ser entidade beneficiaria das axudas reguladas nesta orde deberá presentarse unha solicitude axustada aos modelos normalizados que, a título exclusivamente informativo, figuran como anexos desta orde, que irán acompañados da documentación a que se fai referencia no artigo 6 que, necesariamente, deberá anexarse en formato electrónico. Para isto, no proceso de formalización electrónica permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios (en formato: pdf, odt, ods, xls, docx, xisx, jpg, jpeg, png, tiff e bmp).

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados polo representante legal da entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. Para os efectos do disposto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, no artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e nos artigos 14 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia mediante a presentación da solicitude asinada a entidade interesada presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos nos referidos rexistros e páxina web os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, poderán exercerse os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición, mediante escrito dirixido á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.

6. O non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Documentación

1. Xunto co formulario de solicitude, deberá anexarse a seguinte documentación que, nos casos recollidos no punto 3 deste artigo, poderaa identificar o solicitante como información accesible de xeito que a correspondente xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar poderá acceder á dita documentación sen que sexa presentada polo solicitante:

I. Copia da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

II. Copia do DNI da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención. Se se autoriza a consulta a través do Sistema de verificación de datos de identidade (SVDI) no formulario de solicitude non será necesaria a súa presentación.

III. Certificación do secretario da entidade solicitante segundo o modelo que se publica como anexo II no que conste:

a) A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

b) A disposición de financiamento para custear a parte non subvencionada pola Consellería de Traballo e Benestar.

c) A aprobación, polo órgano competente, do proxecto para o que se solicita a subvención. En caso de solicitude conxunta de tres ou máis concellos achegaranse as respectivas certificacións de todos os concellos que se agrupan.

d) As retribucións salariais brutas dos traballadores e traballadoras, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social, con referencia da publicación oficial do convenio colectivo que resulte de aplicación, acompañando as táboas salariais vixentes no momento da solicitude.

IV. Memoria-proxecto que desenvolverá cada AEDL ou grupo de AEDL en que se especifique:

a) Breve diagnose socioeconómica da zona de actuación.

b) Definición do proxecto global.

c) Fases de desenvolvemento do proxecto.

d) Obxectivos operativos de cada fase e tempos estimados de execución.

e) Instrumentos e infraestrutura que se posúe para a súa posta en práctica.

f) Número de AEDL que se vai contratar.

g) Accións e actividades a desenvolver polos axentes.

h) Tempo previsto para a realización do proxecto e duración estimada dos contratos.

i) Custos laborais totais anuais dos contratos.

l) Plan de adaptación dos axentes ao posto de traballo.

V. Para o caso de agrupacións de concellos baixo calquera modalidade: copia do convenio de colaboración de desenvolvemento conxunto do proxecto, e referencia ás achegas económicas e achegas dos concellos agrupados.

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nesta, e que fai constar os aspectos seguintes:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

c) A veracidade da titularidade da conta bancaria da entidade solicitante onde se deba efectuar o pagamento da subvención.

d) Que as copias dos documentos sinalados nos puntos I e II do número anterior coinciden cos orixinais poñéndose á disposición da Administración actuante para achegar estes cando se lle requira.

3. Cando os documentos exixidos nos puntos 1. I e II deste artigo xa estivesen en poder da correspondente xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar e non se producisen modificacións no seu contido, a entidade solicitante poderá identificala como información accesible e acollerse ao establecido na epígrafe f) do artigo 35 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar esta circunstancia especificando o ano en que se remitise a dita documentación, o número de expediente correspondente, e non tivesen transcorrido máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.

4. Se do exame do expediente se comproba que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, requirirase a entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se terá por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 desta lei.

Artigo 7. Procedemento

1. O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Emprego e Formación da respectiva xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar.

3. Revisados os expedientes e completados, de ser o caso, remitiranse á Comisión de Valoración para que esta, nun acto único, proceda á súa avaliación e informe, en que se concretará o resultado da avaliación efectuada.

4. Para os efectos previstos nesta orde, a Comisión de Valoración estará composta polos seguintes membros: a persoa responsable da xefatura do Servizo de Emprego e Formación ou quen a substitúa, que exercerá as funcións da presidencia, e dous técnicos ou técnicas do dito servizo, actuando un destes como secretario ou secretaria con voz e voto.

5. Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe a persoa responsable da respectiva xefatura territorial.

Artigo 8. Criterios de valoración das solicitudes

1. Sempre que se cumpran os requisitos establecidos na presente orde, a Comisión de Valoración prevista no artigo anterior valorará as solicitudes presentadas conforme a criterios de obxectividade, igualdade e non discriminación dentro das dispoñibilidades orzamentarias, perseguindo a maior repercusión posible das subvencións no ámbito territorial, e tendo en conta os seguintes criterios de valoración específicos:

a) Número de desempregados existentes no ámbito territorial da entidade (ata 10 puntos).

b) Poboación susceptible de ser atendida (ata a 5 puntos).

c) A existencia de AEDL contratados ao abeiro da orde do ano 2012 (ata 5 puntos).

d) Grao de participación dos axentes económicos e sociais con presenza no territorio na elaboración do contido e posterior desenvolvemento do plan de acción para o emprego que desenvolverá cada axente ou grupo de AEDL e vinculación dos ditos plans de acción á iniciativa, ou que conten coa participación do comité territorial de emprego competente (ata 5 puntos).

e) O grao de incidencia que na creación de postos de traballo terán as actividades que desenvolverán os AEDL (ata 5 puntos).

f) O establecemento de obxectivos operativos relacionados coa creación de empresas e o fomento da cultura emprendedora (ata 5 puntos).

g) Proxectos que na súa realización posibiliten a integración laboral dos colectivos máis desfavorecidos no mercado laboral (ata 5 puntos).

2. Para a comparación das solicitudes presentadas, establécese unha puntuación máxima de 40 puntos, co fin de establecer unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración establecidos no parágrafo anterior e adxudicar, co límite fixado na convocatoria dentro do crédito dispoñible, aquelas que obtivesen maior valoración en aplicación dos citados criterios. As entidades solicitantes terán que obter, como mínimo, 20 puntos para acceder ás subvencións reguladas nesta orde. Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas en aplicación destes criterios, terán preferencia aquelas solicitudes en que se utilice a lingua galega na elaboración da memoria-proxecto que desenvolverá cada AEDL.

3. A puntuación final das solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local incrementarase ata un 30 %, de acordo cos seguintes criterios:

a) Pola presentación da solicitude conxunta, cando vaia acompañada dunha memoria explicativa da realización e o financiamento conxunto da actuación, incrementarase nun 10 %.

b) En función do número de concellos asociados ou da poboación beneficiaria ou destinataria das obras ou servizos, poderá incrementarse ata nun 10 %.

c) Pola presentación e valoración dunha memoria de aforro de custos respecto das solicitudes presentadas de modo individual, poderá incrementarse ata nun 10 %.

4. No caso de presentación de solicitudes por parte da entidade resultante dunha fusión de concellos, a súa puntuación final poderá incrementarse ata nun 35 %.

Artigo 9. Resolución

1. O órgano instrutor elevará o informe da Comisión de Valoración xunto coa proposta de resolución á persoa responsable da xefatura territorial que corresponda quen, unha vez fiscalizada a proposta pola respectiva intervención territorial, resolverá a concesión ou denegación da axuda, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, mediante resolución motivada e individualizada, que se lles deberá notificar aos interesados, nos termos previstos no artigo 58.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A resolución pola que se conceda a subvención determinará, como mínimo, a denominación do proxecto aprobado, duración e data de inicio, a contía da subvención que se vai outorgar, e demais requisitos exixibles para a súa percepción e seguimento e poderá ter efecto retroactivo, sempre que non se interrompese a contratación e a prestación dos servizos polo AEDL, cando xa estivese contratado pola entidade local.

3. O prazo de resolución e notificación será de cinco meses contados a partir da finalización do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non se dita resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa. Contra estas resolucións poderá interporse recurso potestativo de reposición ou ben recurso contencioso-administrativo ante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao de notificación da resolución, a teor do disposto na Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, no Diario Oficial de Galicia, na páxina web oficial da Consellería de Traballo e Benestar e nos rexistros de subvencións de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 10. Requisitos e selección dos axentes de emprego e desenvolvemento local

1. As persoas candidatas para seren contratadas e desempeñar as funcións de axentes de emprego e desenvolvemento local deberán ter superado con éxito os estudos de segundo ou primeiro ciclo de educación universitaria, valorarase a experiencia profesional, así como os coñecementos extraacadémicos adquiridos en cursos monográficos de desenvolvemento local ou proxectos de emprego.

2. Os AEDL serán seleccionados polas entidades beneficiarias das subvencións logo de presentación de oferta na oficina da rede pública de oficinas de emprego da Xunta de Galicia correspondente ao seu domicilio, entre demandantes de emprego desempregados ou coa tarxeta de mellora de emprego, inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia.

A selección deberá realizarse tendo en conta a data límite para remitir a documentación xustificativa establecida na resolución concedente da subvención.

3. Se ao tramitar a dita oferta non se atopan candidatos idóneos, a entidade beneficiaria poderá acudir a outros procedementos de selección, de conformidade coa normativa vixente na materia, sempre que se garanta a idoneidade e o cumprimento dos requisitos dos candidatos mencionados no parágrafo primeiro, sen que sexa necesario, neste caso, a inscrición das persoas que se van contratar como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia.

4. Non será necesario realizar este proceso de selección cando a persoa que se vai contratar estea prestando servizos na entidade beneficiaria da subvención e cumpra os requisitos establecidos neste artigo.

Artigo 11. Contratación dos axentes de emprego e desenvolvemento local

1. Os AEDL seleccionados de conformidade cos procedementos establecidos no artigo anterior serán contratados a tempo completo pola entidade local ou entidade dependente ou vinculada, mediante a modalidade contractual máis adecuada, de acordo coa normativa vixente, tendo en conta que, en todo caso, os contratos deberán formalizarse dentro do exercicio 2013, nos termos expresados na resolución de concesión.

2. A concesión e gozo destas axudas non suporá, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.

Artigo 12. Adaptación inicial e actualización permanente da formación dos axentes de emprego e desenvolvemento local

1. As entidades beneficiarias garantirán a adaptación dos AEDL aos seus postos de traballo, facilitándolles o acceso á metodoloxía e a cantas técnicas sexan necesarias para o mellor desenvolvemento das súas funcións, poñendo á súa disposición os equipamentos e medios materiais adecuados, tales como equipos informáticos precisos, así como acceso á internet e correo electrónico, ademais do acceso á formación que se estableza.

2. A xefatura territorial correspondente da Consellería de Traballo e Benestar poderá comprobar mediante visitas aos centros de traballo ou outros procedementos a idoneidade dos mencionados procesos de adaptación.

3. Coa fin de garantir a adecuada coordinación, formación e actualización permanente deste persoal técnico, a Consellería de Traballo e Benestar, en colaboración con outros departamentos e/ou entidades públicas da Xunta de Galicia, organizará, con medios propios ou alleos, cantas actuacións considere conveniente, a través de reunións de coordinación, cursos ou xornadas de traballo, facilitando a este regularmente información sobre normativa, desenvolvemento de plans e outras cuestións que se consideren de interese.

4. A asistencia e participación nestas actividades de formación, coordinación, divulgación e actualización será obrigatoria, polo que as entidades beneficiarias da subvención deberán facilitar a participación dos AEDL nas citadas actuacións durante o horario de traballo.

Artigo 13. Avaliación das actividades levadas a cabo polos AEDL

1. Co obxecto de facilitar e axilizar o traballo diario dos axentes de emprego e de-senvolvemento local e de ofrecer unha información detallada sobre a xestión e os resultados acadados para cada unha das actuacións e servizos promovidos polos AEDL, disponse dun sistema electrónico de elaboración e xestión da memoria de actividades que permita avaliar, en tempo real, as actuacións que están sendo levadas a cabo por aqueles (XATEmprego).

2. Os datos e a información sobre os servizos e actuacións en que tomen parte deberán ser subministrados en tempo real, de xeito que a Consellería de Traballo e Benestar poida, en calquera momento, ter coñecemento das distintas actuacións que están a levar cabo as persoas contratadas con cargo a estas axudas.

Artigo 14. Publicidade

1. Para os efectos de difusión pública, no lugar onde se realice o servizo deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, no modelo normalizado establecido no Manual de identidade corporativa da Rede de técnicos de emprego de Galicia, publicado na web institucional da Xunta de Galicia (http://traballo.xunta.es/carteis_informativos), no cal constará o cofinanciamento pola Consellería de Traballo e Benestar.

2. Para os efectos de ofrecer unha imaxe unificada e global da Rede de técnicos de emprego de Galicia, cara aos usuarios e ás usuarias dos seus servizos en toda a Comunidade Autónoma, que permita unha mellor e máis rápida identificación deles, deberá utilizarse o conxunto de normas gráficas recollidas no Manual de identidade corporativa da Rede de técnicos de emprego de Galicia, para a utilización do logotipo da Rede, nos distintos elementos de comunicación, o que redundará nunha maior calidade das prestacións de-senvolvidas polos e polas axentes.

Artigo 15. Xustificación e pagamento

1. O aboamento da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación, na data límite establecida na resolución de concesión:

a) Orixinais ou copias compulsadas ou cotexadas ou, se é o caso, prórroga dos respectivos contratos de traballo formalizados e debidamente comunicados á oficina de emprego.

b) Orixinais ou copias compulsadas ou cotexadas dos partes de alta ou certificación que acredite a alta na Seguridade Social das persoas contratadas.

c) Unha declaración complementaria do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes e de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin ser debedor por resolución de procedencia de reintegro.

d) Os datos relativos á titulación e experiencia profesional do AEDL, debidamente acreditados.

e) Se é o caso, certificación do secretario da entidade solicitante sobre os resultados da presentación de oferta ante o Servizo Público de Emprego e sobre os custos da contratación, indicando o salario bruto mensual desagregado por conceptos e a cotización empresarial á Seguridade Social, cando estes sexan inferiores aos custos certificados no momento da presentación da solicitude de subvención.

f) Unha fotografía do cartel informativo e a súa localización, nos termos sinalados no artigo 14.

g) O documento de consentimento de cesión de datos do AEDL contratado, segundo o modelo que se estableza pola Dirección Xeral de Emprego e Formación.

2. Se é o caso, a comprobación da permanencia en alta na Seguridade Social realizaraa o Servizo de Emprego e Formación da respectiva xefatura territorial a través das correspondentes aplicacións informáticas, cando a persoa estivese xa contratada pola entidade local.

3. Unha vez recibidos os fondos a entidade beneficiaria deberá remitir á xefatura territorial correspondente da Consellería de Traballo e Benestar unha certificación acreditativa da súa recepción.

Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Aceptación da subvención no prazo de 10 días, de conformidade co disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Transcorrido o citado prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

b) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Aboar ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes á súa categoría profesional e titulación.

d) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer ao seu vencemento e, mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

e) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Consellería de Traballo e Benestar e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas e ás que poidan corresponder, se é o caso, á Comisión e ao Tribunal de Contas Europeo.

f) Comunicar, no prazo de 10 días, á xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar que corresponda:

• As subvencións ou axudas solicitadas e/ou obtidas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

• Aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que van desenvolver os AEDL contratados, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

g) Realizar, cando proceda e por requirimento dos órganos competentes da Consellería de Traballo e Benestar, unha valoración do nivel de competencia profesional, así como un informe global no cal se describan tanto os puntos fortes como as carencias dos mozos e mozas demandantes de emprego sen titulación de tipo profesional que se incorporen ao mercado de traballo a través dos programas regulados nesta orde.

h) Poñer á disposición dos AEDL todos os medios materiais necesarios para o correcto desenvolvemento das súas funcións e, en particular, os equipamentos informáticos precisos, así como acceso á internet e correo electrónico.

i) Utilizar as ferramentas informáticas postas á disposición dos técnicos, especialmente, o sistema electrónico de elaboración e xestión da memoria de actividades (XATEmprego) que permita avaliar as actuacións levadas a cabo por aqueles.

l) Presentar ante a respectiva xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar, no prazo de dous meses, unha vez que teña finalizado a execución destas, a seguinte documentación:

• Unha memoria final sobre as actividades realizadas e práctica profesional adquirida polos traballadores e traballadoras contratados.

• Un certificado de fin de servizo segundo o modelo que se publica na web institucional da Xunta de Galicia.

• Copias compulsadas das nóminas aboadas aos traballadores e traballadoras que se contraten e dos boletíns de cotización á Seguridade Social (modelos TC-1 e TC-2), así como os documentos bancarios correspondentes (transferencias bancarias) e máis o resumo anual de retencións sobre os rendementos do traballo (modelo 190 IRPF), unha vez se dispoña deste.

m) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, con base na mostra seleccionada ao abeiro do procedemento descrito no modelo dos sistemas de xestión e control da Comunidade Autónoma de Galicia e/ou segundo criterios baseados no risco, sexan realizadas por persoal técnico da respectiva xefatura territorial.

2. Polo que respecta á protección de datos de carácter persoal:

a) As entidades beneficiarias obríganse a dar cumprimento ao contido do artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, así como cantos outros artigos sexan de aplicación ao tratamento de datos das persoas beneficiarias que leven a cabo como responsables do ficheiro.

b) A entidade beneficiaria deberá tratar os datos coa finalidade exclusiva da xestión da subvención. En ningún caso os datos poderán ser obxecto dun tratamento distinto ao previsto na convocatoria. Calquera tratamento dos datos que non se axuste ao disposto na presente orde será responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria, respondendo fronte a terceiros das infraccións en que incorrese, e fronte á Consellería de Traballo e Benestar polos danos e prexuízos que lle poiden causar.

c) A entidade beneficiaria manifesta cumprir coa normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal e, en particular, coas medidas de seguridade correspondentes aos seus ficheiros.

Artigo 17. Revogación e reintegro

1. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. A obriga do reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

3. En todo caso, dará lugar ao seu reintegro total:

a) Non cumprir cos requisitos exixidos na convocatoria.

b) Destino da subvención a unha finalidade diferente a aquela para a que foi concedida.

Disposición adicional primeira

A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario tendo como límite global a cantidade de 2.200.000 € prevista na aplicación 11.03.322A.460.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

Disposición adicional segunda

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación para autorizar e redistribuír os correspondentes créditos e nos xefes e nas xefas territoriais, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, de conformidade co réxime disposto na disposición adicional primeira do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar.

Disposición adicional terceira

As entidades beneficiarias destas axudas están suxeitas ao réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional cuarta

Para o adecuado desenvolvemento das súas funcións, os datos de carácter identificativo (DNI, nome e apelidos, sinatura) así coma os académicos e profesionais dos axentes de emprego e desenvolvemento local contratados, serán públicos e deberán estar á disposición de quen requira dos seus servizos como tales, polo que deberán prestar o seu consentimento por escrito segundo o modelo que estableza a Dirección Xeral de Emprego e Formación, que serán tratados só e exclusivamente para o correcto desenvolvemento das finalidades previstas nesta orde e en ningún caso se utilizarán para outro fin.

Para os efectos do disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e no Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, que a desenvolve, as entidades beneficiarias das axudas para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local incorporarán os datos de carácter persoal nun ficheiro propio, declarado previamente no Rexistro da Axencia Española de Protección de Datos.

A entidade beneficiaria comunicará á Consellería de Traballo e Benestar os datos necesarios para o seguimento, control e supervisión das accións citadas, solicitando previamente ao interesado o seu consentimento sobre a cesión dos datos de carácter identificativo (DNI, nome e apelidos, sinatura) así coma os académicos e profesionais. A consellería comprométese a utilizar os devanditos datos exclusivamente para a finalidade mencionada.

En todo caso aplicaranse, sobre os datos de carácter persoal obxecto de tratamento, as medidas de seguridade establecidas no artigo 16.2 desta orde, así como na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e no Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, que a desenvolve.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file