Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 14 de outubro de 2013 Páx. 40547

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 4 de outubro de 2013 pola que se regula a composición e funcionamento da Comisión Galega de Enfermidades Inmunoprevibles.

A Orde comunicada do 14 de febreiro de 1995, modificada pola Orde do 25 de marzo de 1997, creou a Comisión Galega de Enfermidades Inmunoprevibles como instrumento para a consulta e avaliación do seguimento epidemiolóxico e planificación das medidas e accións sanitarias que se deben desenvolver no eido das enfermidades inmunoprevibles.

Durante estes anos foron sometidos á consulta desta comisión os sucesivos calendarios de vacinación aprobados na nosa comunidade autónoma, así como a incorporación de novos produtos, cambios de pautas ou idades de administración das diferentes vacinas. Tamén foron obxecto de consulta as campañas de vacinación extraordinarias levadas a cabo nestes anos e motivadas por variadas razóns epidemiolóxicas, e a Comisión colaborou na avaliación, implementación e consolidación dos programas incorporados.

Todas estas actualizacións e novas incorporacións levaron a Galicia a ser unha das comunidades punteiras desde un punto de vista técnico e loxístico nos programas de vacinación, sendo referente para outras comunidades autónomas.

O traballo realizado ata o de agora necesita nestes momentos adaptación á situación actual e impulso para poder facer fronte aos cambios producidos e ás novas necesidades, no marco dunha estratexia xeral.

En consecuencia, de conformidade coas facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é regular a composición e funcionamento da Comisión Galega de Enfermidades Inmunoprevibles, como órgano encargado da consulta e avaliación do seguimento epidemiolóxico e planificación das medidas e accións sanitarias que se deben desenvolver no eido das enfermidades inmunoprevibles.

Artigo 2. Funcións

A Comisión Galega de Enfermidades Inmunoprevibles terá as seguintes funcións:

1. Estudar e coñecer a situación epidemiolóxica das enfermidades inmunoprevibles da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Propoñer posibles accións de prevención e intervención que se deben desenvolver na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Asesorar, como órgano consultivo, a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade nas súas actuacións e decisións no eido das enfermidades inmunoprevibles.

4. Colaborar coa Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública en materia de avaliación, implementación e consolidación do Programa galego de Vacinacións.

Artigo 3. Composición

1. A comisión estará composta polos/as seguintes membros:

a) Presidente/a:

1º. A persoa titular da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública.

b) Vicepresidente/a:

1º. A persoa titular da Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía.

c) Vogais:

Serán vogais natos/as por razón do seu cargo:

1º. A persoa titular do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles.

2º. A persoa titular do Servizo de Epidemioloxía.

Serán vogais electos/as:

1º. Unha persoa proposta pola persoa titular da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria.

2º. Unha persoa representante das xerencias de xestión integrada proposta pola persoa titular da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria.

3º. Dúas persoas propostas pola Sociedade Galega de Pediatría.

4º. Unha persoa proposta pola Cátedra de Medicina Preventiva da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago.

5º. Unha persoa proposta pola Sociedade Galega de Microbioloxía Clínica.

6º. Unha persoa proposta pola Sociedade Galega de Medicina Preventiva e Saúde Pública.

7º. Unha persoa proposta por cada unha das sociedades médicas en Atención Primaria existentes en Galicia.

8º. Unha persoa proposta pola Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria.

d) Secretario/a:

Unha persoa técnica do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles nomeada pola persoa titular da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, fará as funcións de secretaría da comisión.

2. Nos casos de ausencia, enfermidade ou outra causa legal, das persoas titulares da Presidencia, da Vicepresidencia ou da Secretaría serán substituídas polas persoas en quen deleguen.

3. Na composición da Comisión Galega de Enfermidades Inmunoprevibles procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

4. Os/as membros da Comisión Galega de Enfermidades Inmunoprevibles non percibirán retribucións de ningún tipo.

Artigo 4. Asesoramento

Para o desenvolvemento das funcións da comisión, a Presidencia poderá solicitar a colaboración temporal doutro persoal técnico que participarán como asesores/as mentres sexa preciso. Estes/as asesores/as poderán asistir ás sesións da comisión e participarán nelas con voz e sen voto.

Artigo 5. Nomeamento e cesamento dos/das membros da comisión

1. Os/as membros natos/as o serano por razón do seu cargo e deixarán de pertencer á comisión no momento en que cesen neste.

2. As persoas integrantes da comisión como membros electos/as serán nomeadas e cesadas pola persoa titular da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública. Serán nomeadas por un período de catro anos, transcorrido o cal deberá procederse a confirmar ou renovar os ditos nomeamentos, sen prexuízo doutras causas de cesamento ou substitución establecidas no seguinte punto.

3. Serán causas de cesamento e substitución dos/as membros da comisión as seguintes:

a) Transcurso do tempo para o cal foron nomeados/as.

b) Renuncia expresa presentada por escrito ante a Presidencia da Comisión.

c) Incapacidade declarada xudicialmente.

d) Falecemento.

e) Acordo motivado adoptado pola Presidencia da Comisión baseado no incumprimento reiterado das súas obrigas.

f) Calquera outra causa prevista na lexislación vixente.

Artigo 6. Funcionamento da comisión

A comisión reunirase en sesión ordinaria unha vez ao ano para facer unha avaliación xeral do Programa galego de vacinación nese ano e formular novas propostas.

Reunirase en sesión extraordinaria, por solicitude da maioría dos/das seus/súas membros ou sempre que sexa requirida pola Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, utilizando preferiblemente medios tecnolóxicos (audio e videoconferencias) que aseguren a participación de todos os/as seus/súas membros e contribúan ao uso eficiente dos recursos (no caso de convocatorias urxentes utilizaranse, preferentemente, estes medios).

A Consellería de Sanidade promoverá o desenvolvemento das ferramentas de xestión da información que se consideren necesarias para facilitar a comunicación e posta en común dos contidos que sexan discutidos polos/as membros da comisión, en consonancia co previsto no artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 7. Réxime supletorio

En todo o non previsto na presente orde, aplicarase o disposto nos artigos 14 ao 22 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición adicional única

O funcionamento da Comisión Galega de Enfermidades Inmunoprevibles, de conformidade co regulado nesta orde, non xerará aumento dos créditos orzamentarios asignados á Consellería de Sanidade ou ao Servizo Galego de Saúde.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogados os artigos 2 e 3 da Orde comunicada do 14 de febreiro de 1995 e a Orde de 25 de marzo de 1997 e todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2013

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade