Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Xoves, 26 de setembro de 2013 Páx. 37953

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 16 de setembro de 2013, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establece a convocatoria do programa de bolsas destinadas aos cidadáns galegos residentes no exterior e aos seus descendentes para a prórroga da realización de estudos universitarios oficiais conducentes á obtención do título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico en centros públicos de Galicia para o curso académico 2013/14.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con estas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do devandito Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

O 6 de xullo de 2011 foi publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 129 a Resolución do 24 de xuño de 2011, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aprobaron as bases reguladoras do programa de bolsas destinadas aos cidadáns galegos residentes no exterior para a realización de estudos universitarios oficiais, intercambios universitarios e estudos de formación profesional en Galicia.

A presente resolución abrangue a convocatoria de bolsas para o curso académico 2013/14, destinadas aos cidadáns galegos que tiveron axudas en convocatorias anteriores neste programa para realizar estudos universitarios oficiais conducentes á obtención do título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico.

Búscase que estes mozos e mozas poidan formarse no eido cultural e educativo galego, dentro das súas institucións académicas, para que posteriormente desenvolvan o seu labor profesional, ao mesmo tempo que se contribúe ao fortalecemento das súas orixes galegas.

En virtude do exposto, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, naqueles preceptos que sexan básicos, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na normativa que a desenvolve,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade da convocatoria

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar a convocatoria pola que se rexerá a concesión de bolsas para a prórroga da realización de estudos presenciais universitarios, de carácter oficial, en centros públicos de Galicia para o curso académico 2013/14, a través do programa 1 da sección I da Resolución do 24 de xuño de 2011, da Secretaría Xeral da Emigración: bolsas para a realización de estudos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional conducentes á obtención do título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico.

2. As ditas bolsas teñen como finalidade axudar a sufragar parte dos gastos académicos derivados dos estudos (incluídas as taxas académicas correspondentes aos estudos elixidos), da estadía e da manutención.

Artigo 2. Réxime de concesión

O procedemento de concesión destas bolsas realizarase en réxime de concorrencia competitiva, mediante a comparación e avaliación dos méritos achegados polos solicitantes co fin de establecer una prelación entre estes de acordo cos criterios de valoración que se establecen e respectando os principios de obxectividade, igualdade e non discriminación.

A convocatoria rexerase polas bases reguladoras recollidas na Resolución do 24 de xuño de 2011, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras do programa de bolsas destinadas aos cidadáns galegos residentes no exterior para a realización de estudos universitarios oficiais, intercambios universitarios e estudos de formación profesional en Galicia e a convocatoria para o curso académico 2011/12 (Diario Oficial de Galicia núm. 129, do 6 de xullo).

Artigo 3. Solicitudes, prazo de presentación e resolución

1. Poderán solicitar estas axudas cidadáns galegos que fosen beneficiarios deste programa I de bolsas en anteriores convocatorias e non rematasen os seus estudos conducentes á obtención do título de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico e cumpran coas especificacións contidas nas bases aprobadas na Resolución do 24 de xuño de 2011, da Secretaría Xeral da Emigración.

2. As solicitudes poderán presentarse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, as solicitudes tamén poderán presentarse en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de Correos na primeira folla do formulario, para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

No suposto de que a solicitude de concesión non reúna os requisitos exixidos ou a documentación presentada fose incompleta, a Secretaría Xeral da Emigración publicará na súa páxina web, http://emigracion.xunta.es, a relación de interesados que deberán emendar a súa solicitude, para que no prazo de 10 días corrixan a falta en que incorreron ou acheguen os documentos preceptivos, indicando que, se non o fixesen, se terán por desistidos da súa petición de conformidade co disposto no artigo 71, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Se por causas non imputables ao interesado non se puidese presentar no prazo sinalado algunha da documentación ou xustificante de carácter académico requirido, poderase admitir a súa substitución por unha declaración responsable do solicitante. Neste caso, e con anterioridade á proposta de resolución de concesión da subvención, a Secretaría Xeral da Emigración requirirá a presentación, nun prazo de 10 días, da documentación que acredite a realidade dos datos contidos na citada declaración.

4. O prazo máximo para resolver este procedemento será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da data de entrada do expediente completo no Rexistro da Secretaría Xeral da Emigración. Transcorrido este prazo sen que se notificase a resolución expresa, os interesados poderán entender desestimada a súa solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Documentación

Xunto coa solicitude, segundo o modelo normalizado do anexo I, os solicitantes deberán achegar a seguinte documentación:

1. Copia do DNI, pasaporte ou documento acreditativo da identidade e nacionalidade do solicitante. A presentación da copia do DNI só será necesaria no caso de non autorizar a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade.

2. Certificación de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular acreditativo da residencia no estranxeiro da súa unidade económica familiar. No caso de non posuír a nacionalidade española, documentación oficial que acredite a residencia no estranxeiro.

3. Documentación xustificativa, expedida pola universidade correspondente de ter superados o 75 % dos créditos matriculados durante o curso 2012/13.

4. Declaracións (incluídas no anexo I):

• Declaración de non ter concedidas, para os mesmos estudos, outras axudas ou subvencións das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

• Declaración de non estar incurso en prohibición para obter a condición de beneficiario de subvención.

• Declaración responsable de non ter débedas pendentes coa Administración tributaria estatal e autonómica, así como coa Seguridade Social.

• Declaración do compromiso de utilización da lingua galega en todas as actividades para as cales se solicita a axuda, se é o caso.

Artigo 5. Orzamento

Esta convocatoria ten carácter plurianual e para a concesión destas bolsas destinarase un total de 24.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.0, Accións políticas migratorias, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2013 e 2014, distribuídos en dúas anualidades: 16.800 € para o ano 2013 e 7.200 € para o ano 2014.

Artigo 6. Contía das axudas

Cada bolsa concedida estará integrada por unha axuda máxima de 6.000 €, destinada a sufragar os gastos académicos derivados dos seus estudos, da estadía e manutención na Comunidade Autónoma de Galicia.

Poderanse conceder axudas coa contía máxima prevista a aquelas solicitudes admitidas que reúnan os requisitos previstos, no caso de non esgotar o crédito previsto na convocatoria.

As bolsas que se perciban a través deste programa para cursar estudos regrados, tanto en España como no estranxeiro, en todos os niveis e graos do sistema educativo están exentas de tributar segundo o establecido no artigo 7 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e de modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre patrimonio, e o artigo 14 do Real decreto lexislativo 5/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do imposto sobre a renda de non residentes.

Artigo 7. Desenvolvemento e aplicación

O secretario xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria e das súas bases reguladoras.

Artigo 8. Recursos

Contra esta resolución, que é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2013

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file