Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Xoves, 26 de setembro de 2013 Páx. 37992

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 16 de setembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras de concesión de axudas en réxime de concorrencia competitiva para a renovación do parque de maquinaria agrícola da Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2013.

O Real decreto 457/2010, do 16 de abril (BOE nº 111, do 7 de maio), regula as axudas para a renovación do parque español de maquinaria agrícola pola necesidade de cumprir cos obxectivos de mellorar a eficiencia enerxética para conseguir unha cota de aforro de carburantes asignada ao sector agrario, menor impacto ambiental, reducir as emisións contaminantes á atmosfera, e a de rebaixar os índices de sinistralidade nas actividades agrícolas e forestais.

Estas axudas acóllense ao previsto no artigo 4 do Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro, sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 70/2001, téndose comunicado a esta, de acordo co estipulado no citado regulamento.

Estas axudas financiaranse con fondos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, así como outras achegas que para estes mesmos fins puidese facer a Consellería do Medio Rural e do Mar.

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

DISPOÑO:

Sección 1ª Bases reguladoras de concesión de axudas en réxime de concorrencia competitiva para a renovación do parque de maquinaria agrícola da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. A presente orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia competitiva, as bases reguladoras para conceder axudas para a renovación do parque de tractores e máquinas automotrices agrícolas da Comunidade Autónoma de Galicia, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2013.

O medio para acadar o obxectivo é a substitución das máquinas máis vellas, que deberán ir destinadas ao desmantelamento, por novos tractores e novas máquinas que, ao estaren equipadas con modernas tecnoloxías, melloran as condicións de traballo, teñen unha maior eficiencia enerxética e producen menor impacto ambiental.

2. Tamén se poderán destinar estas axudas procedentes do desmantelamento de tractores e máquinas automotrices á adquisición de determinadas máquinas arrastradas e suspendidas, como:

a) Sementadoras directas.

b) Cisternas para xurros e esparexedores de fertilizantes sólidos equipadas, en ambos os casos, con dispositivo de localización.

c) Fertilizadoras e equipos de aplicación de produtos fitosanitarios que posibiliten unha correcta distribución, mediante acreditación dunha estación de ensaios específica para estes tipos de máquinas.

3. A finalidade desta disposición é:

a) Garantir unha mellora nas condicións de traballo dos agricultores e agricultoras no manexo da maquinaria agrícola.

b) Incrementar o equipamento destes vehículos para maior seguridade nos seus desprazamentos polas vías públicas.

c) Potenciar a utilización de tractores e máquinas automotrices dotados con motores de novo deseño e de mellor aproveitamento enerxético do combustible.

d) Reducir a contaminación por emisión de gases e o seu nivel sonoro.

e) Asegurar a introdución na agricultura de tractores e máquinas con alta tecnoloxía, fiables e apropiados para satisfacer os requirimentos demandados pola agricultura moderna.

f) Promover a utilización en común da maquinaria agrícola para economizar os recursos do sector.

Artigo 2. Contía da axuda

1. A contía base da axuda establécese en 80 euros por cabalo de vapor (CV), da potencia que conste na inscrición no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA), no caso de tractores e motocultores. Para o resto de máquinas automotrices, a potencia en CV determinarase multiplicando polo factor 5 a súa potencia fiscal.

2. No caso de que o beneficiario/a sexa unha persoa física, a contía base da axuda incrementarase, atendendo ás súas condicións e as da súa explotación, nas contías seguintes:

a) Por ser titular dunha explotación agraria prioritaria, definida no artigo 3 da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias, en 35 euros por CV. A dita explotación deberá estar inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias Prioritarias da Comunidade Autónoma de Galicia segundo o Decreto 253/2008, do 30 de outubro.

b) Por ser agricultor/a mozo/a, que presente a solicitude da axuda para o desmantelamento do tractor ou máquina automotriz durante o proceso da súa primeira instalación ou nos cinco anos seguintes a esta, ou por tratarse dunha explotación de titularidade compartida de acordo co artigo 2 do Real decreto 297/2009, do 6 de marzo, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias, en 25 euros por CV.

c) Por estar a explotación nunha zona cualificada como zona de montaña ou outras zonas con dificultades, entre as citadas no artigo 36, letra a), incisos i) ,ii) e iii), do Regulamento (CE) n º 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), en 10 euros por CV.

3. No caso de que o beneficiario sexa cooperativa agraria, cooperativa de explotación comunitaria da terra, cooperativa de traballo asociado cuxa actividade principal sexa a agraria ou unha sociedade agraria de transformación (SAT), inscritas nos correspondentes rexistros oficiais, a contía da axuda será a contía base incrementada en 70 euros por CV de potencia dos tractores e máquinas automotrices desmantelados.

4. Para outras persoas xurídicas cuxa actividade principal sexa a produción agraria así como para as persoas físicas ou xurídicas cuxa actividade principal sexa a prestación de servizos agrarios, sempre que estean inscritas nos correspondentes rexistros ou censos oficiais, o incremento da contía base será de 25 euros por CV de potencia da maquinaria desmantelada.

5. A persoa ou entidade solicitante poderá desmantelar máis dun tractor ou máquina automotriz, e adquirir un único tractor novo ou unha soa máquina nova por beneficiario e convocatoria do ano, sempre que a contía total da axuda que poida percibir non exceda os límites máximos especificados no artigo seguinte.

6. A contía da axuda increméntase, atendendo ás deficiencias de seguridade dos tractores desmantelados, en 80 euros por CV cando sexan unidades de tractores inscritos no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA) antes das datas de exixibilidade da obriga de ter estruturas de protección homologadas para cada grupo e subgrupo de tractores, tal e como figuran na Resolución do 21 de marzo de 1997 (BOE do 11 de abril) da Dirección Xeral de Producións e Mercados Agrícolas, pola que se actualiza o anexo I da Orde do 27 de xullo de 1979 pola que se regula, tecnicamente, o equipamento dos tractores agrícolas con bastidores ou cabinas oficialmente homologadas. Para os tractores estreitos (grupo 3), entenderase como data de exixibilidade o 2 de xullo de 1993.

7. A contía da axuda incrementarase, ademais, en 50 euros por CV do tractor desmantelado, cando xunto ao devandito tractor, se desmantela un ou máis equipos de tratamento fitosanitario ou de distribución de fertilizantes, inscritos no ROMA a nome do solicitante da axuda, acoplables ao devandito tractor.

8. A contía base da axuda poderase incrementar tamén atendendo á clasificación segundo a eficiencia enerxética do novo tractor, e ao seu estado de cumprimento da normativa de emisións, regulada polo Real decreto 2028/1986, do 6 de xuño, sobre as normas para a aplicación de determinadas directivas da CE, relativas á homologación de tipos de vehículos automóbiles, remolques, semirremolques, motocicletas, ciclomotores e vehículos agrícolas, así como de partes e pezas dos ditos vehículos, nos seguintes importes, referidos á potencia da maquinaria desmantelada:

a) Por clasificación na categoría máis alta de eficiencia enerxética (A): 30 euros/CV.

b) Por clasificación na segunda categoría máis alta (B): 10 euros/CV.

c) Por ter na súa homologación valores de emisións contaminantes inferiores ás exixidas, no momento de presentación da solicitude, en 10 euros/CV.

Artigo 3. Compatibilidade con outras axudas e contía máxima

1. A axuda máxima por beneficiario e convocatoria do ano non poderá superar:

a) 12.000 euros no caso de adquisición de tractores novos.

b) 15.000 euros no caso de adquisición de novos tractores, cando xunto co desmantelamento de tractores, se dea algún dos supostos recollidos nos números 6 e 7 do artigo 2.

c) 30.000 euros cando se trate de máquinas automotrices de recolección.

d) O 30 por cento do investimento no resto de máquinas automotrices e no caso de máquinas arrastradas.

2. Estas axudas son compatibles con calquera outras legalmente establecidas co mesmo obxecto, coas limitacións establecidas no artigo 19 do Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro, sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas, e polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 70/2001, e sempre que non superen os límites especificados nos puntos seguintes ou no artigo 4.9 do citado regulamento. Para estes efectos os solicitantes incorporarán ao expediente unha declaración das axudas solicitadas para esta mesma finalidade.

3. Non obstante, a obtención concorrente de axudas outorgadas para a mesma finalidade por todas as administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das axudas percibidas por cada beneficiario supere os ditos límites, dará lugar á redución proporcional que corresponde no importe das axudas reguladas por esta orde, ata axustarse ao dito límite.

4. A contía máxima do conxunto das axudas a que se refire o punto 2 deste artigo, expresada en porcentaxe do importe do investimento subvencionable, calculada a partir do custo total de adquisición, considerando o prezo neto de factura, sen incluír o IVE, é:

a) En zonas desfavorecidas ou nas indicadas no artigo 36, letra a) incisos i), ii), e iii), do Regulamento (CE) nº 1698/2005, do 20 de setembro, o 50 por cento.

b) Nas demais zonas, o 40 por cento.

c) En agricultores/as mozos/as que soliciten a axuda no momento da súa instalación ou nos cinco anos seguintes a esta, as porcentaxes anteriores incrementaranse, en 10 puntos porcentuais, en cada caso.

4. O límite do investimento subvencionable será de 100.000 euros por solicitante e convocatoria do ano.

Artigo 4. Requisitos e compromisos dos beneficiarios

1. Para acceder á axuda regulada nesta orde cómpre:

a) Ser titular dunha explotación agraria ou tratarse dunha entidade das contempladas no artigo 2 puntos 3 e 4.

b) Cando se trate de outras persoas físicas ou xurídicas distintas a cooperativas agrícolas ou SAT, acreditar, ademais, que a súa actividade principal é agraria, deberán aportar o seguinte:

1º No caso de persoas xurídicas deberán presentar os estatutos e documento de constitución nos que deberá figurar o selo do rexistro coa inscrición rexistral.

2º No caso de persoa física ou xurídica, que prestan servizos agrarios, deberá presentar, se é o caso, os estatutos e documento de constitución, certificado da Axencia Tributaria que recolla a alta na actividade de prestación de servizos agrarios e, en todo caso, certificado de estaren inscritas nos rexistros ou censos oficiais.

c) Axustarse á definición de pequenas e medianas empresas (peme) conforme o anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado común na aplicación en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

d) Cumprir as normas comunitarias aplicables aos investimentos de que se trate, tal como establece o artigo 26 do Regulamento (CE) nº 1698/2005, do 20 de setembro, relativo á axuda do desenvolvemento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

e) Ser titular do novo tractor ou máquina e da maquinaria desmantelada, tendo en conta as excepcións recollidas no artigo 5.1.b).

f) Comprometerse a non allear o novo tractor ou a nova máquina durante un período de cinco anos, contados a partir da data de concesión da axuda. No caso de incumprimento, o beneficiario deberá reintegrar ao Tesouro Público o importe da axuda obtida e os xuros correspondentes, salvo que a Administración concedinte outorgue a autorización nos termos previstos polo artigo 31.5.b) da Lei 38/2003.

g) Non ter a consideración de empresa en crise.

h) Estar ao día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social conforme a normativa vixente e non ter ningunha débeda pendente de pagamento coa Administración da comunidade autónoma. Así mesmo, no caso de estranxeiros, co cumprimento das obrigas establecidas en materia de autorización de residencia e traballo.

i) Non ter sido sancionado por delitos ou inflacións ambientais ou contra a Facenda pública.

2. Así mesmo, poderán beneficiarse da axuda as cooperativas agrarias, as cooperativas de explotación comunitaria da terra, as cooperativas de traballo asociado das que a súa actividade principal sexa a agraria, e as SAT, que adquiren un novo tractor ou máquina para a súa utilización en común, con desmantelamento dunha ou máis unidades de tractores ou máquinas automotrices antigas, dos cales os titulares sexan a propia cooperativa ou ben socios destas, e que cumpran os requisitos anteriores, a excepción do sinalado na letra e) do punto anterior. Deberán achegar os estatutos, documento de constitución e certificado da súa inscrición rexistral.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarios aqueles solicitantes nos cales concorran algunha das circunstancias previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 5. Requisitos do tractor ou máquina automotriz desmantelados

1. Os tractores e máquinas automotrices que se desmantelen deberán:

a) Ter máis de 15 anos de antigüidade, excepto para os equipos de recolección, que poderá ser de 10 anos, computados entre a data da súa primeira inscrición como alta no Rexistro Oficial de Maquinaria (ROMA) e a data da solicitude da axuda.

b) Estar inscrito no ROMA polo menos un ano antes da data de solicitude baixo a titularidade do/a solicitante da axuda, agás nos casos de transmisión ou cambio de titularidade da explotación, falecemento, invalidez permanente ou xubilación do seu anterior titular, ou nos casos de primeira incorporación de mozos/as á titularidade ou cotitularidade da explotación agraria. Este requisito será exixible igualmente aos socios de cooperativas e sociedades agrarias de transformación recollidos no artigo 4.2.

c) Estar en condicións de uso e non de abandono. Poderase acreditar coa presentación da inspección técnica de vehículos (ITV) ao día ou co seguro de circulación en vigor no momento da solicitude da axuda ou cun informe dun técnico da Consellería do Medio Rural e do Mar.

d) Ser entregado nun centro autorizado de tratamento ou nunha instalación de recepción, regulados no Real decreto 1383/2002, do 20 de decembro, sobre xestión de vehículos ao final da súa vida útil, e na Orde INT/624/2008, do 26 de febreiro, pola que se regula a baixa electrónica dos vehículos descontaminados ao final da súa vida útil.

e) Causar baixa definitiva no ROMA, cunha anotación na que se faga constar que foi desmantelado e que foi acollido á axuda do plan Renove. Así mesmo, deberá causar baixa definitiva no Rexistro de Vehículos de Tráfico, se estivese inscrito nel.

2. Os equipos de aplicación de produtos fitosanitarios e de distribución de fertilizantes que se desmantelan xunto cun tractor, deberán:

a) Estar inscritos no ROMA baixo a titularidade do solicitante da axuda ou dos socios de cooperativas ou SAT nos casos recollidos no artigo 4.2

b) Ser entregados a un centro autorizado de tratamento ou nunha instalación de recepción.

c) Causar baixa definitiva no ROMA, cunha anotación, na que se faga constar que foi desmantelado e que foi acollido á axuda do plan Renove.

Artigo 6. Requisitos do novo tractor ou máquina

O novo tractor ou máquina deberá cumprir os seguintes requisitos:

1. Ser adquirido en data posterior á solicitude da axuda.

2. Quedar inscrito, como de primeira adquisición, no ROMA do servizo provincial correspondente, de acordo co especificado no Real decreto 1013/2009, do 19 de xuño, de caracterización e rexistro da maquinaria agrícola.

Artigo 7. Solicitudes e documentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderá presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. Coa solicitude de axuda achegarase a documentación complementaria establecida na orde e, ademais:

a) Fotocopia cotexada do DNI do solicitante persoa física ou autorización ao órgano instrutor do procedemento á consulta telemática dos seus datos de identidade no Ministerio de Administracións Públicas. Para iso deberá xuntar o anexo correspondente marcando o recadro de autorización.

b) Se o solicitante é persoa xurídica, fotocopia cotexada do DNI do representante ou autorización ao órgano instrutor do procedemento á consulta telemática dos seus datos de identidade no Ministerio de Administracións Públicas. Para iso deberá xuntar o anexo correspondente marcando o recadro de autorización, e ademais deberá presentar fotocopia cotexada do NIF do solicitante.

c) No caso de persoas xurídicas na que a súa actividade principal é a produción agraria, fotocopia cotexada do DNI de todos os socios ou autorización ao órgano instrutor do procedemento á consulta telemática dos seus datos de identidade no Ministerio de Administracións Públicas. Para iso deberá xuntar o anexo correspondente marcando o recadro de autorización.

d) Fotocopia da cartilla agrícola e ficha técnica do tractor ou máquina automotriz vella a desmantelar, e fotocopia da cartilla agrícola e certificado de características técnicas no caso de que se desmantelen máquinas de aplicación de produtos fitosanitarios ou de distribución de fertilizantes.

e) Unha factura pro forma do novo tractor ou máquina que se adquira, na que deberá figurar a marca, modelo e prezo neto sen IVE.

f) Fotocopia cotexada dos estatutos e documentos de constitución do solicitante, persoa xurídica e deberá figurar o selo do rexistro coa a súa inscrición, de ser o caso.

g) No caso de empresas de servizos agrarios, certificado da Axencia Tributaria que recolla a alta na actividade de prestación de servizos agrarios.

h) Para xustificar que o tractor ou máquina vella que se vaia desmantelar está vinculada á mesma explotación do solicitante deberá achegar unha ou algunha da seguinte documentación, segundo o caso:

– Fotocopia cotexada de transmisión ou cambio do titular da explotación ou fotocopia de certificado de defunción ou de invalidez ou de xubilación ou do libro de familia ou certificado de convivencia ou certificado de empadroamento, ou certificado de inscrición do Rexistro de parellas de feito do seu anterior titular ou nos casos de primeira incorporación dos mozos/as á titularidade ou cotitularidade da explotación agraria, unha fotocopia da súa incorporación.

i) Se o titular do tractor ou máquina agrícola vella para desmantelar é socio da cooperativa ou SAT, certificado de pertencer a ela.

j) Certificado de emisión de gases contaminantes do tractor novo, de ser o caso.

k) Declaración doutras axudas solicitadas para a mesma finalidade.

l) Informe da vida laboral na actividade agraria das persoas que traballan na explotación agraria.

m) Se o solicitante é unha persoa física titular de explotación agraria fotocopia cotexada da última declaración da renda e informe da vida laboral na actividade agraria.

n) Se o solicitante é unha persoa xurídica titular da explotación agraria, deberá achegar fotocopia cotexada do último exercicio da declaración de impostos de sociedades e da declaración da renda e informe da vida laboral na actividade agraria polo menos do 50 % dos socios.

ñ) No caso de que o solicitante persoa física, teña unha explotación con titularidade compartida deberá achegar do cónxuxe ou parella de feito, o informe da vida laboral, a última declaración da renda e a fotocopia cotexada do DNI ou autorización ao órgano instrutor do procedemento á consulta telemática dos seus datos de identidade no Ministerio de Administracións Públicas. Para iso deberá xuntar o anexo correspondente marcando o recadro de autorización, e ademais deberá presentar a fotocopia cotexada do libro de familia ou o certificado de inscrición no Rexistro de parellas de feito.

A documentación complementaria establecida na orde e no artigo 7.2, poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o contexto da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e o artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. A presentación da solicitude de axuda polas persoas ou entidades interesadas comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que teñan que emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral de Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de acordo co previsto no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Recibidas as solicitudes examinaranse os documentos presentados. No caso de que sexan detectadas faltas ou omisións, requirirase, conforme o artigo 71 da LRXAP e PAC, ao interesado para emendar os erros ou achegar a documentación preceptiva no prazo de dez días hábiles, considerándose que desistiu da súa solicitude en caso contrario, logo da resolución en tal sentido.

Artigo 8. Criterios de concesión das axudas

1. No caso de que as peticións de axuda presentadas excedan o crédito dispoñible, ordenaranse as solicitudes atendendo ao seguinte baremo:

a) Por ser cooperativa de maquinaria, cooperativa de explotación comunitaria da terra ou cooperativa con sección específica de maquinaria ou de servizos que incorporen maquinaria, sempre que dispoña de regulamento de funcionamento interno: cinco puntos.

b) Por ser outro tipo de cooperativa ou unha SAT: catro puntos.

c) Por ser titular de explotación prioritaria: catro puntos.

d) Por atoparse a explotación en zona de montaña ou outras zonas con dificultades, entre as citadas no artigo 36, letra a), incisos i,ii e iii, do Regulamento (CE) nº 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro de 2005: tres puntos.

e) Por ser agricultor/a mozo/a ou tratarse dunha explotación de titularidade compartida, de acordo co artigo 2 do Real decreto 297/2009, do 6 de marzo, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias: tres puntos.

f) Por ser muller: dous puntos.

g) Por ser persoa física ou xurídica cuxa actividade principal sexa a prestación de servizos agrarios: dous puntos.

h) Por tratarse dun modelo de tractor que se vaia desmantelar sen estrutura de protección homologada oficialmente: dous puntos.

i) Estar inscrito no ROMA baixo a titularidade do solicitante ou dos socios de cooperativas ou SAT ou por estar vinculada a máquina que se vaia desmantelar á mesma explotación do solicitante, desde hai polo menos 4 anos: seis puntos.

j) Por ser agricultor a título principal, segundo a Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización da explotacións agrarias: nove puntos.

k) No caso de explotacións agrarias, que teña polo menos dúas unidades de traballo agrario (UTA), que coticen á Seguridade Social na actividade agraria: catro puntos.

l) En función da superficie agraria útil (SAU) da explotación de acordo coa definición establecida na Decisión 2000/115/CE da Comisión, do 24 de novembro de 1999 e da rotación de cultivos levada a cabo nesta:

Co fin de baremar a rotación de cultivos, establécese un coeficiente ponderado que se vaia aplicar con respecto aos datos que a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria extraerá da última solicitude unificada da declaración de superficies do solicitante da axuda. Naqueles casos que non a fixeran deberán presentar unha declaración da superficie agraria útil da súa explotación na que constarán as referencias catastrais (provincia, concello, polígono, parcela) e seu uso agrícola, validarase a superficie e o uso polo Sixpac (Sistema de Información Xeográfica de Parcela Agrícola). O dito coeficiente será o resultante de sumar a superficie cultivada da explotación da forma seguinte: ha de pradeiras temporais menor de 5 anos multiplicado por dous, máis ha de cultivos anuais (agás pratenses) multiplicado por catro. En función do resultado anterior obtido as solicitudes puntuaranse do xeito seguinte:

Coeficiente de 30 a 45: catro puntos.

Coeficiente de 46 a 60: seis puntos.

Coeficiente de 61 a 75: oito puntos.

Coeficiente maior de 75: dez puntos.

No caso de que haxa solicitudes coa mesma puntuación, daráselle prioridade a aquela en que o solicitante substitúa o tractor de maior antigüidade e en caso de persistir o empate, daráselle prioridade ás que, en convocatorias anteriores foron desestimadas por falta de dispoñibilidade orzamentaria.

Artigo 9. Resolución das solicitudes

1. O órgano de instrución dos expedientes destas axudas será a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. A resolución do expediente correspóndelle á conselleira do Medio Rural e do Mar por proposta da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, logo da avaliación das solicitudes por un órgano colexiado que estará presidido polo/a subdirector/a xeral de Apoio ás Explotacións Agrarias e integrado polo/a xefe/a do servizo de Sanidade e Produción Vexetal e por dous/dúas funcionarios/as desa subdirección xeral con categoría non inferior a xefe/a de negociado, un dos cales actuará como secretario/a. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún ou algunha dos seus integrantes non puidesen asistir, será substituído/a polo/a funcionario/a que, para o efecto, designe o subdirector/a xeral.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de cinco meses contados desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria. Transcorrido o dito prazo sen que se notificase a resolución, esta poderase entender desestimada.

3. No caso de solicitudes desestimadas por falta de orzamento, os seus titulares poderán presentar unha nova solicitude, dentro do prazo sinalado pola nova convocatoria á que se acollan, séndolle de aplicación o disposto nesta última convocatoria, salvo no referente á data da presentación da solicitude, que para os efectos do artigo 6, se considera válida a data de solicitude inicialmente presentada.

4. No caso de que algún dos beneficiarios renunciase á subvención, o órgano concedinte acordará, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes a aquel en orde da súa puntuación, sempre e cando coa renuncia por parte dalgún dos beneficiarios se liberase crédito suficiente para atender, ao menos, unha das solicitudes denegadas, e o solicitante manifeste por escrito o mantemento da súa solicitude inicialmente presentada e a aceptación da axuda.

5. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 10. Recursos administrativos

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados en aplicación desta orde ou das respectivas ordes de convocatoria esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa.

Artigo 11. Xustificación e pagamento

1. Na resolución de concesión da axuda establecerase a data límite para a execución das actuacións aprobadas. Este prazo estará comprendido entre tres e seis meses, desde a notificación ás persoas ou entidades beneficiarias da resolución favorable. Así mesmo, estas deberán comunicar por escrito a súa execución antes da finalización do prazo, preferentemente as xefaturas territoriais ou ás oficinas agrarias comarcais da Consellería de Medio Rural e do Mar, presentando a seguinte documentación:

a) Xustificación de ser entregado nun centro autorizado de tratamento ou nunha instalación de recepción o tractor ou máquina agrícola que se vaia desmantelar ou o seu pase a vehículo histórico ou o seu envío a países en vías de desenvolvemento.

b) A baixa do tractor ou máquina automotriz desmantelado no ROMA provincial onde estea inscrito, conforme o establecido no artigo 11 do Real decreto 1013/2009, do 19 de xuño, sobre inscrición de máquinas agrícolas nos rexistros oficiais e tamén no rexistro de vehículos, se estivese inscrito nel.

c) A alta no ROMA do novo tractor ou máquina agrícola, conforme o artigo 11 do Real decreto 1013/2009, do 19 de xuño.

d) Notificación de concesión da axuda.

e) Factura de compra, na que deben aparecer detallados os seguintes conceptos:

1º O prezo da tarifa do tractor ou máquina adquirido, co seu equipamento.

2º Os descontos aplicados pola empresa vendedora, especificando os distintos conceptos e, en especial, o que aplique polo desmantelamento dos tractores ou máquinas automotrices antigos.

3º O prezo neto, sen IVE.

f) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

2. As facturas acreditativas dos investimentos deberán ter data posterior á da solicitude da axuda, e deberán cumprir as exixencias que establece o Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación, e se modifica o regulamento do imposto sobre o valor engadido, acompañándose do xustificante bancario que verifique o pagamento efectivo delas.

3. O pagamento da axuda realizarase, salvo incumprimento do establecido nesta orde, mediante transferencia á conta bancaria do titular debidamente documentada segundo o artigo 7.2.d) da presente orde.

Artigo 12. Modificación de resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, poderá dar lugar á modificación desta.

Artigo 13. Incumprimento e reintegro

1. O beneficiario deberá aproximarse de modo significativo ao cumprimento total dos compromisos que asumiu ao solicitar a subvención. No caso de que non realice o 100 por cen da actividade obxecto da axuda, soamente percibirá a parte proporcional correspondente á actividade realizada, reducíndose proporcionalmente a subvención concedida ou aboada.

2. O incumprimento do requisito de non ter sido sancionado por delitos ou infraccións ambientais ou contra a Facenda pública, con independencia doutras responsabilidades en que tivese podido incorrer o beneficiario, dará lugar á perda do dereito á subvención concedida, coa obriga de reembolsar as cantidades, se é o caso, percibidas, incrementadas cos xuros de demora legais.

3. Así mesmo, procederá o reintegro das cantidades percibidas, así como a exixencia dos xuros de demora desde o momento do pagamento da subvención, nos supostos de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todos caso, nos supostos previstos no artigo 37.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que desenvolve o regulamento da dita lei, agás nos casos de forza maior previstos na normativa en materia de axudas á modernización de explotacións agrarias.

Artigo 14. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lle poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural e do Mar, os/as beneficiarios/as das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control da Unión Europea.

Artigo 15. Vehículos históricos

No suposto de tractores de época ou históricos de máis de 30 anos de antigüidade, con valor de colección ou susceptibles de exposición en museos, poderase substituír o seu desmantelamento pola entrega a unha entidade ou asociación legalmente constituída, en cuxos estatutos se contemple esta actividade, que deberá emitir un certificado no que conste o valor de colección ou exposición en museos, que garante a súa retirada da actividade agraria e darase de baixa no ROMA cunha anotación de vehículo histórico. No caso de que a entrega á asociación consista nunha cesión a efectos museísticos ou de conservación, pero que non se produza a transmisión efectiva da propiedade do tractor e que a asociación non dispoña dun local para a recepción deste, o tractor poderá quedar na explotación do titular sempre que o titular proceda á matriculación como vehículo histórico ao seu nome e que no certificado que achegue a asociación se faga constar que dispón a cesión do vehículo para as actividades propias dun vehículo de exhibición no ámbito das actuacións desta.

Artigo 16. Vehículos para proxectos de cooperación

No suposto de tractores e máquinas automotrices, que estean ao día da ITV e equipados cos correspondentes dispositivos de seguridade, poderá substituírse o seu desmantelamento pola entrega a unha organización non gobernamental (ONG) ou outras entidades no marco da cooperación internacional, para o seu envío a países en vías de desenvolvemento, sempre que se garanta que as devanditas máquinas son retiradas da actividade agraria en España, deberán emitir un certificado da súa entrega e darase de baixa no ROMA cunha anotación que foi entregado a unha ONG ou outra entidade no marco da cooperación internacional.

Sección 2ª Convocatoria de axudas para 2013

Artigo 17. Solicitudes

1. As solicitudes de axuda para a convocatoria do ano 2013 formularanse conforme os modelos que se xuntan nesta orde, anexos I, II, III, IV, V, VI e anexo complementario.

2. As solicitudes que foron desestimadas na convocatoria do ano 2012 por falta de orzamento, poderán presentar unha nova solicitude segundo o anexo VI desta orde.

Artigo 18. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo día ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento, non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 19. Financiamento

O financiamento das axudas reguladas nesta orde efectuarase con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, será de 1.023.350,66 euros con cargo á aplicación orzamentaria 12.22.713C.770.2 (código proxecto 200800429), que se poderán incrementar, con xeración, ampliacións ou incorporacións de créditos, con fondos adicionais e con outros remanentes orzamentarios.

Artigo 20. Xustificante de cumprimento das obrigas

Quedan exentos de achegar os xustificantes de cumprimento das obrigas, as axudas especificadas na Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

Artigo 21. Publicación oficial

1. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas ou entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web, así como tamén se procederá á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Disposición adicional

Nos estremos non previstos na presente orde será aplicable o disposto preferentemente no Real decreto 457/2010, do 16 de abril, polo que se regula a concesión de axudas para a renovación do parque nacional de maquinaria agrícola, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu Regulamento executivo, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as ordes seguintes:

1. A Orde do 13 de xullo de 2010 (DOG nº 136, do 19 de xullo) pola que se establecen as bases reguladoras de concesión de axudas en réxime de concorrencia competitiva para a renovación do parque de maquinaria agrícola da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A Orde do 3 de outubro de 2012 (DOG nº 195, do 11 de outubro) pola que se modifica a Orde do 13 de xullo de 2010, pola que se establecen as bases reguladoras de concesión de axudas en réxime de concorrencia competitiva para a renovación do parque de maquinaria agrícola da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a directora xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións que considere oportunas para a execución desta orde.

Santiago de Compostela,16 de setembro de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file