Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Martes, 10 de setembro de 2013 Páx. 35640

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 28 de agosto de 2013 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia. As competencias nesta materia corresponden á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en virtude do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da dita consellería.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra acordou, en asemblea xeral do 10 de xuño de 2013, a aprobación dos seus estatutos, que foron presentados ante esta consellería para os efectos da súa aprobación definitiva, logo da cualificación de legalidade, en cumprimento do establecido no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade da modificación estatutaria efectuada, e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra que figuran como anexo á presente orde.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación da Orde do 14 de outubro de 2008

Quedan derrogados os anteriores estatutos aprobados pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 14 de outubro de 2008.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Estatutos do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra

Título I
Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza xurídica e réxime normativo

1. O Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, constituído con carácter representativo e estrutura democrática, é unha corporación de dereito público que ten personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

2. O Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra rexerase polo disposto na lexislación estatal e autonómica de colexios profesionais e polos presentes estatutos, así como polos regulamentos de réxime interior, que non poderán ir contra o disposto nestes estatutos.

Artigo 2. Ámbito territorial e subxectivo

1. O ámbito territorial e de actuación do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra será a provincia de Pontevedra, na cal non se poderá crear outro colexio da mesma profesión.

2. O Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra está integrado polos licenciados en Farmacia, titulados de grao en Farmacia ou título homologable, que exerzan a profesión e teñan o seu domicilio profesional único ou principal no ámbito territorial da provincia de Pontevedra.

Ademais, estará integrado polos licenciados en Farmacia, titulados de grao en Farmacia ou título homologable que, non estando obrigados legalmente a incorporarse a el, voluntariamente queiran facelo.

Artigo 3. Denominación, domicilio social e sedes do Colexio

1. A denominación oficial é «Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra» e o seu domicilio social está na cidade de Pontevedra, na rúa Echegaray, nº 10, que poderá ser modificado pola asemblea xeral.

2. O Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra dispón dunha sede no seu domicilio social na cidade de Pontevedra, na rúa Echegaray, nº 10, e outra na cidade de Vigo, na avenida Camelias nº 78, 1º.

Título II
Fins e funcións do Colexio

Artigo 4. Fins do Colexio

Os fins do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra son os seguintes:

1. Ordenar, no ámbito da súa competencia, o exercicio da profesión velando polo cumprimento da normativa vixente que o regule.

2. Representar a profesión farmacéutica perante as autoridades ou organismos públicos en toda clase de intereses e compromisos que afecten a profesión en xeral, incluíndo a sinatura de convenios para a prestación de servizos públicos e/ou privados aos cidadáns.

3. Defender os intereses xerais dos profesionais en todos os ámbitos.

4. Velar pola protección dos intereses dos consumidores e usuarios nos servizos dos colexiados.

5. Lograr a constante mellora do nivel de calidade da prestación profesional dos colexiados, promovendo a súa formación e perfeccionamento.

6. Colaborar coas administracións públicas no exercicio das súas competencias, nos termos previstos na lexislación vixente.

Artigo 5. Funcións e actividades do Colexio

Corresponde ao Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, no seu ámbito territorial, o exercicio de todas as funcións que lle atribúe a lexislación vixente na materia, entre as cales se atopan as seguintes:

1. Exercer cantas funcións e competencias lle sexan atribuídas pola lexislación ou lle sexan delegadas ou encomendadas polas administracións públicas no seu ámbito territorial, así como aquelas que redunden en beneficio dos intereses profesionais dos seus colexiados.

2. Ordenar, no marco normativo e no ámbito da súa competencia, o exercicio profesional dos colexiados, velando pola ética e a dignidade profesional e polo respecto aos dereitos dos usuarios.

3. Facilitarlles o exercicio profesional aos colexiados e fomentar a súa ocupación en colaboración coa Administración e a iniciativa privada.

4. Cooperar cos poderes públicos na promoción do dereito á saúde e colaborar coas administracións públicas do seu ámbito territorial, para o cal se poderán subscribir acordos ou convenios no marco da normativa vixente.

5. Negociar e concertar as condicións para a prestación farmacéutica a través das oficinas de farmacia coa Administración sanitaria ou outras entidades.

6. Concertar as condicións para a prestación de servizos profesionais a través das oficinas de farmacia coa Administración sanitaria ou outras entidades.

7. Exercer, no seu ámbito, a representación e defensa da profesión perante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios e causas afecten os intereses profesionais e fins do Colexio, e para exercer o dereito de petición.

8. Participar nos órganos consultivos e comisións das administracións públicas territoriais cando estea previsto nas disposicións aplicables ou as administracións o requiran.

9. Colaborar coas administracións, xulgados e tribunais mediante a realización de estudos, emisión de informes, ditames, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins.

10. Organizar e prestar cantos servizos e actividades de asesoramento científico, tecnolóxico, xurídico, administrativo, laboral e fiscal ou de calquera outra natureza sexan necesarios para a mellor orientación e defensa dos colexiados no exercicio profesional.

11. Estimular a promoción científica, cultural, laboral e social da profesión fomentando a solidariedade, a formación e o progreso profesional dos farmacéuticos colexiados.

12. Proporcionarlles aos colexiados a formación continuada, tanto científica como práctica, necesaria para o exercicio da profesión farmacéutica e para o seu desenvolvemento profesional.

13. Proporcionarlles aos colexiados a formación, capacitación e acreditación necesarias para a prestación de servizos profesionais.

14. Fomentar a investigación. Poderá instalar laboratorios con fins docentes e formativos da práctica profesional e pólos á disposición dos colexiados para que efectúen unha ou varias fases da elaboración de fórmulas maxistrais.

15. Participar coas facultades de farmacia no desenvolvemento das prácticas tuteladas dos seus alumnos, así como na realización de cursos de especialización, colaborando na elaboración dos plans de estudos cando sexa requirido pola Administración competente.

16. Editar toda clase de publicacións relacionadas co Colexio ou a profesión.

17. Adoptar as medidas que conduzan a evitar o intrusionismo profesional.

18. Vixiar e facer cumprir toda a lexislación que afecte a profesión farmacéutica. Para tal fin poderá crearse unha comisión deontolóxica e dotarse dun servizo de Inspección colexial.

19. Exercer a potestade disciplinaria sobre os colexiados cando infrinxan os deberes profesionais ou as disposicións legais, estatutarias ou deontolóxicas reguladoras do exercicio profesional no seu ámbito territorial.

20. Atender as solicitudes de información sobre os seus colexiados e sobre as sancións firmes a eles impostas.

21. Intervir, logo de solicitude, en vía de conciliación ou arbitraxe nas cuestións que por motivos profesionais se susciten entre colexiados, así como naquelas que, promovidas entre colexiados e terceiros, lles sexan sometidas para a súa resolución.

22. Cobrar as percepcións, as remuneracións e os honorarios profesionais cando o colexiado o solicite expresamente, exceptuando deste requisito a xestión, tramitación, presentación e cobramento da facturación e liquidación polas dispensacións de medicamentos e demais produtos sanitarios efectuadas polas oficinas de farmacia ao Sistema nacional de saúde e demais entidades concertadas, de conformidade coas condicións fixadas polos concertos ou convenios vixentes, así como as percepcións que estes profesionais deban recibir como consecuencia da prestación doutros servizos profesionais no marco da dita concertación.

23. Autorizar o nomeamento de directores técnicos, substitutos, adxuntos e rexentes das oficinas de farmacia, así como das restantes modalidades de exercicio profesional, de acordo coa normativa vixente en cada caso.

24. Velar polo cumprimento dos horarios oficiais que con carácter de mínimos e máximos se establezan, no marco da normativa vixente, para a apertura e o peche das oficinas de farmacia, e organizar as correspondentes quendas de urxencia, así como as de vacacións, co fin de garantir en todo momento a continuidade na prestación asistencial e sanitaria farmacéutica á comunidade.

25. Fomentar o uso das novas tecnoloxías da información e comunicación (TIC) entre todos os colexiados.

26. Facilitar, asegurar, manter e xestionar a infraestrutura de rede, o equipamento tecnolóxico e a seguridade necesaria das oficinas de farmacia para permitir a súa integración na rede sanitaria dos sistemas de saúde, co obxecto de realizar a prestación farmacéutica de forma electrónica.

27. Subministrar a sinatura dixital electrónica aos colexiados, naqueles casos en que sexa necesaria para a súa identificación no exercicio da súa profesión farmacéutica ou para a súa identificación como colexiado.

28. Elaborar os orzamentos do Colexio e fixar as cotas de colexiación, ordinarias e extraordinarias, fixas ou variables, e as derramas que deben satisfacer os colexiados, así como as contraprestacións pecuniarias que deben aboar por actuacións que realice o Colexio.

29. Adquirir ou allear os bens mobles ou inmobles necesarios para o funcionamento da organización. Poderá financiar estes investimentos mediante sistemas crediticios.

30. Elaborar os regulamentos de orde interna que se consideren convenientes para o bo funcionamento do Colexio, en canto que non se opoñan ao disposto nestes estatutos.

31. As actuacións do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra respectarán os límites establecidos na Lei de defensa da competencia.

Título III
Réxime de colexiación

Artigo 6. Colexiación

1. É requisito indispensable para o exercicio da profesión farmacéutica na provincia de Pontevedra, en calquera das súas modalidades, a plena incorporación a un colexio de farmacéuticos do territorio nacional nos termos establecidos na normativa reguladora sobre obrigatoriedade de colexiación.

En caso de que o domicilio profesional único ou principal do profesional radique na provincia de Pontevedra, é exixible a colexiación no Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra conforme a Lei de colexios profesionais.

En caso de que o domicilio profesional principal do profesional non radique na provincia de Pontevedra, o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra non lle poderá exixir ao profesional colexiado noutro colexio, pero que exerza no seu territorio, comunicación nin habilitación ningunha nin o pagamento de contraprestacións económicas distintas daquelas que lles exixa habitualmente aos seus colexiados pola prestación dos servizos dos cales sexan beneficiarios e que non se atopen cubertos pola cota colexial.

2. Para a incorporación ao Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra é necesario estar en posesión da titulación oficial habilitante para o exercicio da profesión farmacéutica.

3. En caso de desprazamento temporal dun farmacéutico nacional dun Estado membro da Unión Europea, para exercer na provincia de Pontevedra precisarase cumprir o que establezan a lexislación estatal e a normativa vixente en aplicación do dereito comunitario, en particular a relativa ao recoñecemento de cualificacións.

4. Os farmacéuticos nacionais de Estados non membros da Unión Europea, para a súa incorporación ao Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra deberán, de ser o caso, proceder á validación dos títulos universitarios estranxeiros e cumprir os requisitos establecidos nestes estatutos e na lexislación vixente.

5. Enténdese que exerce a profesión a sociedade profesional que realice calquera das actividades que o ordenamento xurídico determine como propias da profesión farmacéutica.

6. A sociedade profesional inscribirase no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, o que determinará a súa incorporación a este para os efectos de que se exerzan sobre ela as competencias que o ordenamento xurídico lle outorga sobre os profesionais colexiados.

7. A inscrición dunha sociedade profesional no correspondente rexistro colexial non exime da obrigatoria colexiación dos seus socios farmacéuticos, polo que tamén deberán ter a súa propia colexiación os socios profesionais que formen parte dela.

8. O Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra deberá utilizar os oportunos mecanismos de comunicación e os sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes previstos na lexislación vixente, sobre o libre acceso de actividades de servizos e o seu exercicio.

Artigo 7. Requisitos de colexiación

1. Para a admisión no Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra acreditarase o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española ou dalgún dos Estados membros da Unión Europea. No caso dos nacionais doutros Estados non membros da Unión Europea, observarase o disposto pola vixente lexislación na materia, ben que para a súa admisión deberá acreditarse, en todo caso, permiso de residencia e/ou traballo.

b) Ser maior de idade.

c) Estar en posesión da titulación oficial habilitante para o exercicio da profesión farmacéutica e, de ser o caso, dos títulos, diplomas e documentos que legalmente o habiliten para o exercicio da modalidade ou especialización correspondente.

O título de doutor en Farmacia, se non vai acompañado do correspondente título de licenciado en Farmacia, non habilitará nin facultará para o exercicio profesional.

Para os nacionais dun Estado membro da Unión Europea, en canto a diplomas, certificados e outros títulos, observarase o disposto na lexislación vixente, e igualmente para nacionais de Estados non membros da Unión Europea.

d) Satisfacer a cota de ingreso correspondente.

e) Non estar incapacitado ou inhabilitado legalmente para o exercicio da profesión.

f) Non estar suspendido no exercicio profesional por sanción disciplinaria colexial firme.

2. Nos casos de colexiación como exercente, acreditarase o exercicio na modalidade profesional que sexa causa de incorporación ao Colexio.

O cambio de modalidade profesional de exercicio deberá notificarse ao Colexio acreditando as causas que o motivan.

Artigo 8. Procedemento de colexiación

Para ser admitido no Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra presentarase unha solicitude, en documento normalizado que o Colexio porá á súa disposición, onde o solicitante fará constar os seus datos persoais e académicos, os títulos relacionados co exercicio profesional que posúa, os datos e domicilio de exercicio profesional, de ser o caso, e a aceptación expresa destes estatutos. Nos casos de colexiación como exercente acreditarase o exercicio na modalidade que sexa obxecto de incorporación ao Colexio. Incluirase unha declaración xurada do solicitante de carecer de antecedentes penais que impidan o seu exercicio profesional como farmacéutico.

Á dita solicitude xuntaráselle o correspondente título académico orixinal de licenciado en Farmacia, titulado de grao en Farmacia ou título homologable, ou testemuño notarial deste. O certificado acreditativo de ter superado a licenciatura ou grao en Farmacia, emitido pola universidade de orixe, poderá suplir a ausencia do título, e o colexiado quedará obrigado a presentalo unha vez que lle sexa expedido.

Ademais, será necesario presentar os documentos seguintes: fotocopia do DNI, tres fotografías de carné e cubrir un cuestionario normalizado que o Colexio porá á súa disposición.

Cando o solicitante proceda doutro colexio de farmacéuticos, deberá pesentar un certificado do colexio de procedencia acreditativo de estar ao día do pagamento das cotas colexiais e de non lle ter sido imposta sanción disciplinaria firme de expulsión nin de atoparse suspenso no exercicio da profesión.

Este trámite poderá efectuarse telematicamente a través do portelo único da web colexial, de conformidade coa normativa vixente e nas condicións que determinen os estatutos colexiais, sen prexuízo de que o Colexio verifique o carácter fidedigno dos documentos requiridos.

Igualmente, o solicitante deberá pagar a cota de inscrición fixada polos órganos colexiais de conformidade coas previsións legais, a cal non superará os custos asociados á tramitación da inscrición.

Se o solicitante procede dalgún dos países membros da Unión Europea, deberá presentar a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos exixidos pola normativa estatal e comunitaria. Para os farmacéuticos nacionais de Estados non membros da Unión Europea exixirase, ademais, acreditación do permiso de residencia e/ou traballo segundo dispoña a lexislación vixente en España.

Artigo 9. Seguro de responsabilidade civil profesional

Na medida en que a lei así o dispoña, os profesionais colexiados no Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra que exerzan no ámbito da asistencia sanitaria privada deberán ter subscrito un seguro de responsabilidade civil que cubra as indemnizacións que poidan derivar dun eventual dano ás persoas causado con ocasión da prestación de tal asistencia ou servizos.

O Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra adoptará as medidas necesarias para facilitarlles aos seus colexiados o cumprimento desta obriga.

Artigo 10. Exercicio profesional

1. Enténdese que se exerce a profesión farmacéutica cando se realiza:

a) O exercicio profesional farmacéutico en oficina de farmacia.

b) O exercicio profesional farmacéutico no Servizo de Farmacia dos centros de asistencia hospitalaria, sociosanitaria ou psiquiátrica, públicos ou privados.

c) O exercicio profesional farmacéutico no Servizo de Farmacia dos centros de atención primaria.

d) O exercicio profesional farmacéutico en almacén de distribución de medicamentos e produtos sanitarios ou en establecementos comerciais retallistas autorizados para a dispensación de medicamentos de uso animal.

e) O exercicio profesional farmacéutico en industria farmacéutica.

f) O exercicio profesional farmacéutico en laboratorio de análises, propio ou de terceiros.

g) O exercicio profesional farmacéutico no campo da investigación.

h) O exercicio profesional farmacéutico en entidades sanitarias privadas ou en empresas de calquera natureza, sempre que se accedese a desempeñar os devanditos servizos, en virtude do título universitario de licenciado ou de grao en Farmacia.

i) Calquera outra modalidade de exercicio profesional farmacéutico que se desenvolva en virtude do título universitario de licenciado ou de grao en Farmacia.

2. O réxime de incompatibilidades será o previsto nas disposicións vixentes establecidas legalmente.

Artigo 11. Colexiados exercentes e non exercentes

1. Son colexiados exercentes aqueles farmacéuticos que desempeñen unha actividade profesional en calquera modalidade para a cal faculte o título universitario de licenciado ou de grao en Farmacia.

2. Son colexiados non exercentes aqueles farmacéuticos que, estando colexiados, non exercen ningunha actividade profesional para a cal faculte o título universitario de licenciado ou de grao en Farmacia. A súa incorporación e pertenza ao Colexio será voluntaria mentres persista esta situación.

Artigo 12. Resolución das solicitudes de colexiación

1. Presentada unha solicitude de incorporación ao Colexio, na cal non consten todos os datos e requisitos exixidos, concederáselle ao interesado un prazo de dez días hábiles para que emende a omisión, coa advertencia de arquivamento da solicitude, sen máis trámite, se a esta non se completa. Durante este período suspenderase o prazo de tramitación do expediente.

2. Instruído o expediente de colexiación, a admisión solicitada someterase á decisión da primeira reunión da Xunta de Goberno que teña lugar, quen aceptará ou denegará motivadamente a solicitude mediante resolución expresa.

3. A resolución seralle notificada ao interesado na forma prevista na lexislación estatal reguladora do procedemento administrativo común, e farase pública no ámbito colexial.

4. O expediente de colexiación tramitarase nun prazo non superior a un mes desde o día seguinte a aquel en que o solicitante presente a documentación requirida.

5. As solicitudes de colexiación serán denegadas cando:

a) Non se cumpran os requisitos exixidos, cando non se presente toda a documentación requirida ou cando esta ofreza dúbidas razoables sobre a súa autenticidade.

b) O solicitante non acredite ter satisfeito as cotas de colexiado no colexio de orixe.

c) O solicitante tivese sufrido algunha condena por sentenza firme dos tribunais que no momento da solicitude o inhabilite para o exercicio profesional.

d) O interesado estivese suspendido do exercicio profesional, en virtude de sanción disciplinaria firme, imposta por outro colexio de farmacéuticos.

6. O acordo do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra polo que se admite ou denega a solicitude de colexiación seralle notificado ao interesado, que poderá interpor no prazo dun mes recurso de alzada perante o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos.

7. Transcorrido o prazo máximo establecido para a tramitación do expediente sen notificarse resolución expresa ao interesado, a súa petición entenderase desestimada e quedará aberta a vía ao recurso correspondente.

8. Admitido o solicitante no Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, expediráselle o carné de colexiado correspondente e abriráselle unha ficha colexial, na cal se consignarán os seus antecedentes e actuación profesional, e darase conta da súa inscrición ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos no modelo de ficha normalizada que este estableza.

O colexiado estará obrigado a facilitar en todo momento os datos precisos para manter actualizados os seus antecedentes, de xeito que cando un colexiado vexa alterada a modalidade ou concreta actividade de exercicio profesional que desempeña deberalle notificar ao Colexio o cambio ou ampliación da modalidade de exercicio profesional, achegando os títulos civís, laborais ou administrativos que en cada caso xustifican o referido cambio.

A incorporación ao Colexio dun colexiado en exercicio comporta a súa alta automática na modalidade de exercicio profesional correspondente.

9. A Xunta de Goberno aprobará os regulamentos de réxime interno que sexan precisos para o funcionamento dos rexistros colexiais de inscrición de colexiados.

Artigo 13. Perda da condición de colexiado

1. A condición de colexiado perderase polas seguintes causas:

a) Falecemento, declaración de ausencia ou incapacidade legal do colexiado.

b) Baixa voluntaria comunicada por escrito.

c) Baixa forzosa por incumprimento das obrigas económicas.

d) Perda dos requisitos para obter a colexiación, acreditada mediante expediente con audiencia do interesado.

e) Expulsión do Colexio, acordada en expediente disciplinario, unha vez que asine o acto sancionador.

f) Condena xudicial firme que comporte a accesoria de inhabilitación profesional.

2. A perda da condición de colexiado non liberará o interesado do cumprimento das obrigas económicas vencidas.

3. As decisións referidas á perda da condición de colexiado adoptadas polo órgano correspondente do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra poderán ser obxecto de recurso de alzada perante o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos nun prazo dun mes.

Artigo 14. Sociedades profesionais

1. O exercicio común da profesión farmacéutica pódese desenvolver mediante sociedades profesionais constituídas ao abeiro da normativa vixente na materia e das normas específicas que regulen a profesión en cada unha das súas modalidades.

2. O Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra terá un rexistro no cal se inscribirán as sociedades profesionais que teñan o seu domicilio social na provincia de Pontevedra.

3. A Xunta de Goberno aprobará os regulamentos de réxime interno que sexan precisos para o funcionamento dos rexistros colexiais de inscrición de sociedades profesionais.

Artigo 15. Requisitos para a inscrición das sociedades profesionais

1. Para a inscrición no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra será necesario presentar copia autorizada da escritura de constitución debidamente inscrita no Rexistro Mercantil. Na inscrición identificaranse os socios profesionais, especificando o número de colexiado de cada un deles e o colexio de pertenza, os socios non profesionais e a actividade ou actividades sociais que constitúen o seu obxecto social.

2. Calquera cambio de socios ou administradores, ou modificación do contrato social deberá ser comunicado ao Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra nun prazo non superior a dez (10) días hábiles para a súa inserción no Rexistro.

Título IV
Dereitos e deberes dos colexiados

Artigo 16. Dereitos dos colexiados

Desde o momento da súa incorporación ao Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra todo farmacéutico colexiado terá dereito a:

1. Exercer a profesión conforme os preceptos sinalados nestes estatutos e demais disposicións que regulen o exercicio profesional.

2. Ser asistido e asesorado polo Colexio, de acordo cos medios de que este dispoña, en cantas cuestións se susciten fronte a terceiros por razón de exercicio profesional.

3. Participar no uso e desfrute dos bens e servizos colexiais, dentro das normas reguladoras inevitablemente exixidas pola súa natureza colectiva.

4. Ser informado precisa e puntualmente polo Colexio de cantos asuntos afecten o colectivo farmacéutico, a profesión en xeral e a súa concreta modalidade de exercicio.

5. Serlle expedida certificación sobre os feitos e as circunstancias do seu exercicio profesional dos cales teña constancia documentada o Colexio.

6. Ter acceso ás actas e aos libros de contabilidade xeral en presenza dun membro da Xunta de Goberno ou de quen sexa delegado por esta, así como aos regulamentos de réxime interno.

7. Participar na xestión corporativa e exercer os dereitos de petición, voto, elección dos membros da Xunta de Goberno ou acceso a cargos directivos, mediante os procedementos e con cumprimento dos requisitos que se establecen nestes estatutos.

8. Ser recibido, por petición propia, polo presidente e demais membros da Xunta de Goberno, de acordo coas normas establecidas ao respecto.

9. Promover actuacións dos órganos de representación e goberno, por medio de iniciativas formuladas nos termos previstos estatutariamente.

10. Participar nas deliberacións na asemblea xeral, con pleno dereito a votar en todas as decisións que sexan da súa competencia.

11. Corresponderalles unicamente aos farmacéuticos titulares e propietarios das oficinas de farmacia coñecer, debater e aprobar o texto do concerto para a prestación farmacéutica a través das oficinas de farmacia, así como o de calquera acordo ou convenio que se concerte coa Administración sanitaria ou outras entidades. Para estes efectos, a convocatoria para a súa aprobación irá dirixida única e exclusivamente a esta sección de colexiados.

Artigo 17. Deberes dos colexiados

Desde a súa incorporación ao Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra todo farmacéutico colexiado contrae os seguintes deberes:

1. Exercer a profesión coa máxima eficacia, dentro da ética e a deontoloxía profesional, o segredo profesional e cumprindo cos preceptos da lexislación vixente, dos presentes estatutos e dos regulamentos de réxime interno do Colexio.

2. Non difundir informacións que sexan confidenciais conforme a lexislación sanitaria e a normativa legal.

3. Esforzarse por ofrecer unha elevada calidade nas súas actuacións profesionais, mediante unha formación continuada que actualice os seus coñecementos.

4. Pór en coñecemento do Colexio os actos de intrusionismo ou de exercicio ilegal ou calquera outro acto ou iniciativa profesionalmente reprobable do cal tivese coñecemento.

5. Evitar toda clase de convenios, acordos ou pactos con outras profesións sanitarias ou con entidades públicas ou privadas que teñan por obxecto a recomendación dos seus servizos ou que impidan a liberdade de elección do usuario.

6. Tramitar por conduto do Colexio, que lle dará curso co seu preceptivo informe, toda petición ou reclamación que se teña que formular ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos.

7. Comunicar ao Colexio calquera variación que se produza no seu exercicio profesional e solicitar o oportuno cambio no rexistro colexial.

8. Comunicar puntualmente ao Colexio os cambios de domicilio, así como calquera outra variación de tipo burocrático ou administrativo que afecte a súa situación colexial.

9. Aboar as cotas colexiais establecidas.

10. Cumprir estritamente as funcións de adquisición, custodia, subministración, control e dispensación de medicamentos tanto de uso humano como de uso animal, mediante a presenza obrigada e actuación profesional dos farmacéuticos necesarios para unha correcta asistencia, tanto na oficina de farmacia como nos servizos de farmacia hospitalaria e de atención primaria, boticas anexas, depósitos de medicamentos, almacéns de distribución de medicamentos, agrupacións gandeiras e nos establecementos comerciais retallistas de medicamentos de uso animal.

11. Respectar os prezos de venda dos medicamentos determinados pola lexislación vixente.

12. Cumprir os horarios e servizos de urxencia establecidos.

13. Propor o nomeamento de substitutos, rexentes ou adxuntos, nos casos exixidos pola lei.

Artigo 18. Deontoloxía profesional

Os profesionais integrados no Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra terán como guía da súa actuación o servizo á comunidade e o cumprimento das obrigas deontolóxicas propias da profesión.

O código deontolóxico será accesible a través da páxina web colexial.

Constituirá conduta sancionable o incumprimento por parte do colexiado das normas deontolóxicas da profesión farmacéutica. Os colexiados poderán ser sancionados por accións ou omisións tipificadas como faltas nos presentes estatutos, logo de instrución dun procedemento disciplinario cuxa tramitación se rexerá polo disposto neles.

Título V
Estrutura orgánica do Colexio

Artigo 19. Órganos da estrutura colexial

Os órganos colexiais do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra son a Asemblea Xeral, a Xunta de Goberno e o presidente.

Capítulo I
A Asemblea Xeral

Artigo 20. Definición da Asemblea Xeral

A Asemblea Xeral está integrada por todos os farmacéuticos colexiados e é o órgano soberano de decisión do Colexio.

Artigo 21. Atribucións da Asemblea Xeral

Correspóndenlle á Asemblea Xeral as seguintes atribucións básicas:

1. Aprobar e modificar os estatutos colexiais e os regulamentos de réxime interior de obrigado cumprimento para todo o censo de colexiados.

2. Adoptar os acordos que exixan as leis.

3. Elixir a Xunta de Goberno e o presidente, de entre todos os farmacéuticos exercentes colexiados, por sufraxio universal, libre, directo e secreto.

4. Acordar, sempre por proposta da Xunta de Goberno, a creación de novas vogalías de sección, ou a modificación, agrupación ou supresión das existentes.

5. Aprobar a moción de censura contra a Xunta de Goberno ou calquera dos seus membros, de conformidade co procedemento establecido nestes estatutos.

6. Acordar toda clase de accións legais ou recursos, incluídos o de casación e o de amparo, que afecten os colexiados ou unha sección deles, facultando expresamente o presidente para a interposición e retirada dos recursos en nome dos colexiados ou da sección correspondente.

7. Aprobar e modificar as normas de deontoloxía profesional.

8. Aprobar os orzamentos, as contas anuais, as cotas colexiais, os fondos de reserva, as derramas e demais contraprestacións que teñan que satisfacer os colexiados.

9. Aprobar a realización de actos de dominio sobre bens inmobles do Colexio ou calquera acto de disposición sobre os ditos bens por un prazo superior a cinco (5) anos.

10. Modificar o domicilio social do Colexio.

11. Modificar o ámbito territorial do Colexio por fusión, segregación, absorción ou disolución do Colexio.

12. Acordar calquera proposta da Xunta de Goberno, encamiñada á consecución dos fins e funcións do Colexio.

Artigo 22. Reunión da Asemblea Xeral

A Asemblea Xeral poderá reunirse con carácter ordinario ou extraordinario nas sedes colexiais ou fóra delas.

O presidente, cando o considere necesario, poderá convocar reunións informativas, dirixidas a todos os colexiados ou unicamente aos colexiados de modalidades de exercicio concretas, nas cales non se poderán tomar acordos e só se informará sobre temas concretos que os afecten.

Artigo 23. Asemblea xeral ordinaria

A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario polo menos dúas veces ao ano.

No mes de decembro celebrarase a asemblea xeral ordinaria de presentación do orzamento do seguinte exercicio, para a súa aprobación. Cando a actividade do Colexio non permita a celebración desta asemblea no mes de decembro, esta poderá celebrarse dentro do primeiro trimestre do ano seguinte.

Se o proxecto de orzamento non fose aprobado pola Asemblea Xeral, entenderase prorrogado o do último exercicio ata a aprobación dun novo.

Antes da finalización do segundo trimestre do ano celebrarase a asemblea xeral ordinaria de presentación das contas e balances do exercicio anterior, para a súa aprobación.

Artigo 24. Asemblea xeral extraordinaria

1. A Asemblea Xeral reunirase con carácter extraordinario nos seguintes casos:

a) Cando o acorde o presidente.

b) Cando o solicite a metade máis un dos membros da Xunta de Goberno.

c) Cando o solicite un mínimo dun 15 por cento dos colexiados, mediante un escrito no cal figurarán o nome, os apelidos, o número de colexiado e a sinatura de cada un deles, indicando o motivo da solicitude debidamente argumentado.

Nos supostos tipificados nas alíneas b) e c), o presidente deberá ordenar a convocatoria da asemblea xeral, para que teña lugar dentro dos trinta días naturais seguintes a aquel en que teña entrada no Rexistro colexial a petición da convocatoria. Nestas asembleas só se poderán tomar acordos sobre os asuntos previamente fixados na orde do día.

2. Será competencia exclusiva da Asemblea Xeral extraordinaria:

a) A modificación dos estatutos colexiais.

b) A moción de censura contra a Xunta de Goberno ou calquera dos seus membros.

c) A modificación do ámbito territorial do Colexio por fusión, segregación, absorción ou disolución.

3. Para a deliberación e a adopción de acordos nos temas que unicamente afecten o ámbito dunha determinada modalidade de exercicio profesional ou sección colexial, poderase celebrar asemblea extraordinaria de sección, limitando a convocatoria e a adopción de acordos aos colexiados incluídos nesta modalidade ou sección.

Os acordos tomados nas asembleas de sección terán que ser ratificados posteriormente pola Xunta de Goberno.

Artigo 25. Convocatoria das reunións de asemblea xeral ordinaria e extraordinaria

A convocatoria da asemblea xeral ordinaria faraa o secretario, por orde do presidente, mediante notificación aos colexiados cando menos por correo electrónico e a través da web colexial, con polo menos dez días naturais de antelación á data sinalada para a celebración.

Na convocatoria consignaranse a orde do día, o lugar, a data e a hora de celebración tanto en primeira como en segunda convocatoria, que será media hora máis tarde que a fixada para a primeira, e remitirase aquela información que considere procedente quen realice a convocatoria.

A convocatoria de asemblea xeral extraordinaria farase do mesmo xeito que a ordinaria, salvo nos supostos en que se estableza un prazo distinto nestes estatutos ou en caso de urxencia, que se poderá convocar con polo menos corenta e oito horas de antelación á data sinalada para a celebración.

Artigo 26. Orde do día das reunións de asemblea xeral

En toda convocatoria de asemblea xeral, como último punto do orde do día, incluirase unha quenda de rogos e preguntas.

Os farmacéuticos colexiados poderán solicitar que se inclúa na orde do día da asemblea xeral un tema ou proposición, sempre que se presente por escrito no rexistro colexial a través do portelo único da web colexial con polo menos sete días hábiles de antelación á data de celebración da asemblea, e que estea asinado como mínimo polo 15 por cento dos colexiados.

Artigo 27. Presidencia das reunións da Asemblea Xeral

A reunións da Asemblea Xeral deben ser presididas polo presidente, quen dirixirá e moderará o curso da reunión e velará por que os debates e os acordos que se adopten respecten a lei e os presentes estatutos, impedindo que se adopten acordos que vulneren a normativa vixente.

Actuará como secretario das reunións da Asemblea Xeral o secretario da Xunta de Goberno.

Artigo 28. Constitución da Asemblea Xeral

A Asemblea Xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando estea presente polo menos a metade máis un dos colexiados.

En segunda convocatoria, a Asemblea Xeral quedará validamente constituída calquera que sexa o número de colexiados asistentes, sempre que estean presentes o presidente e o secretario.

Artigo 29. Funcionamento da Asemblea Xeral

1. Os colexiados no poderán delegar noutras persoas a súa asistencia á asemblea xeral ordinaria nin extraordinaria nin ser representados para emitir o seu voto.

2. Cada colexiado terá dereito a un voto.

3. As votacións faranse de forma ordinaria á man alzada, pero serán nominais ou secretas cando o solicite a maioría dos colexiados asistentes ou así o decida o presidente.

4. Os acordos adoptados pola Asemblea Xeral reunida con carácter ordinario ou extraordinario tomaranse por maioría simple de votos dos asistentes ou por maioría cualificada de dous terzos ou tres cuartos en caso de que así se estableza nestes estatutos ou o acorde a Xunta de Goberno, o cal se fará constar na convocatoria da Asemblea Xeral.

En caso de empate, o presidente terá voto de calidade.

Se o acordo adoptado o fose por unanimidade dos asistentes á asemblea xeral ou dunha maioría clara e manifesta, non será preciso proceder á votación.

Os discrepantes poderán exixir a constancia en acta da súa oposición ao acordo, e poderán entregar ao presidente, antes de concluír a asemblea xeral, o texto da súa oposición que, logo de lectura, se incorporará á acta como anexo a esta.

5. A Xunta de Goberno poderá establecer que as votacións de determinados acordos susceptibles de ser adoptados en asembleas xerais extraordinarias, independentemente de que afecten todos os colexiados ou unicamente unha determinada modalidade de exercicio ou sección colexial, poidan realizarse por medios electrónicos.

Non se poderá someter a votación electrónica en ningún caso a modificación dos estatutos colexiais, a moción de censura contra a Xunta de Goberno ou a modificación do ámbito territorial do Colexio por fusión, segregación, absorción ou disolución.

A convocatoria da votación electrónica farase coa mesma antelación prevista nestes estatutos para a convocatoria da asemblea xeral extraordinaria.

A Xunta de Goberno deberá facilitar, con carácter previo á data sinalada para a celebración da votación electrónica, a información suficiente sobre os asuntos que se someterán a votación, e poderá convocar, cando o considere oportuno, reunións informativas.

As votacións electrónicas realizaranse coa intervención dun fedatario público e mediante un sistema que garante que o voto sexa inalterable, impida que un colexiado poida emitir máis dun voto e identifique inequivocamente a cada votante.

Con anterioridade á data da votación, o Colexio proporcionaralles aos colexiados que non o teñan un certificado dixital que permita a súa identificación e garantirá que todos os colexiados convocados a participar na votación electrónica poidan exercer o seu dereito ao voto, pondo á súa disposición os medios técnicos necesarios nas súas dúas sedes para que poidan emitir nelas o seu voto de forma electrónica, tanto con certificado dixital como sen el, posibilitando que aqueles colexiados que, por calquera causa, o día da votación carezan de certificado dixital poidan emitir o seu voto tras ser plenamente identificados in situ.

Os acordos adoptados nas votacións electrónicas tomaranse por maioría simple de votos emitidos ou por maioría cualificada de dous terzos ou tres cuartos en caso de que así se estableza nestes estatutos ou o acorde a Xunta de Goberno, o cal se fará constar na convocatoria da votación electrónica. En caso de empate, o presidente terá voto de calidade.

6. Todos os acordos adoptados pola Asemblea Xeral ou de sección, sexa en reunión ou por votación electrónica, terán que cumprir sempre a normativa vixente, e a Asemblea non poderá adoptar ningún acordo que non respecte a lei ou estes estatutos e que poida traer consecuencias legais para o Colexio ou os seus colexiados.

7. Todos os acordos adoptados pola Asemblea Xeral serán inmediatamente executivos, vinculantes e de obrigado cumprimento para todos os farmacéuticos colexiados e para as sociedades profesionais inscritas, sen prexuízo dos recursos que procedan.

Os acordos tomados en asembleas extraordinarias de sección serán inmediatamente executivos, vinculantes e de obrigado cumprimento para todos os farmacéuticos colexiados incluídos nesa modalidade ou sección, sen prexuízo dos recursos que procedan.

8. Nas discusións dos asuntos que se susciten nas asembleas só se permitirán tres quendas a prol e tres en contra e cada colexiado que tome parte no debate terá dereito a unha soa rectificación; non consumirá quenda a presidencia da reunión.

9. De todas as reunións da Asemblea Xeral ou de sección levantarase a correspondente acta na cal polo menos constarán as propostas sometidas a votación e o resultado das votacións; esta será asinada polo secretario co visto e prace do presidente.

Considéranse parte integrante das actas, como anexos, as intervencións dos colexiados que soliciten a constancia literal das súas intervencións, sempre que as entreguen por escrito, debidamente asinadas, antes de concluír a asemblea xeral.

As actas, cos seus anexos, estarán á disposición de todos os colexiados unha vez aprobadas.

10. Nas reunións informativas non se poderán realizar votacións nin tomar acordos, e os colexiados poderán delegar a súa asistencia noutros colexiados. Das reunións informativas non será necesario levantar a acta.

Artigo 30. Moción de censura

A Asemblea Xeral poderá debater, en sesión extraordinaria, a moción de censura contra a Xunta de Goberno ou calquera dos seus membros, proposta polo menos por unha cuarta parte dos farmacéuticos colexiados.

A proposta deberá ser motivada e incluír unha lista de candidatos e presentarase mediante un escrito no cal figurarán o nome, os apelidos, o número de colexiado e a sinatura de cada un dos colexiados solicitantes, en que se indique o motivo da moción de censura debidamente argumentado.

A convocatoria da asemblea xeral extraordinaria efectuarase na forma establecida no artigo 25 dos presentes estatutos e dentro dos trinta días naturais seguintes a aquel en que teña entrada no rexistro colexial a correspondente proposta.

Rexeitada unha moción de censura, para que a Asemblea Xeral poida debater outras posteriores será necesario que transcorra un ano desde a anterior ou ir proposta por, polo menos, a metade do número de colexiados.

Capítulo II
A Xunta de Goberno

Artigo 31. Composición da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno é o órgano de dirección, execución, xestión e administración do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, ao cal que lle corresponde o desempeño de todas as competencias e atribucións que non fosen outorgadas expresamente á Asemblea Xeral nos presentes estatutos, para a consecución dos fins e funcións do Colexio.

A Xunta de Goberno está integrada polo presidente, o secretario, o tesoureiro, o vicepresidente, o vicesecretario, e o vicetesoureiro, así como un vogal por cada unha das vogalías constituídas no seo do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra.

Artigo 32. Réxime de constitución da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno está constituída por un pleno e unha comisión permanente.

1. Forman parte do Pleno todos os membros da Xunta de Goberno.

2. Forman parte da Comisión Permanente o presidente, o secretario, o tesoureiro, o vicepresidente, o vicesecretario, o vicetesoureiro e dous vogais designados polo Pleno en quendas por períodos de tres meses.

Artigo 33. Funcións da Xunta de Goberno

1. Velar polo cumprimento dos fins e funcións colexiais, adoptando para iso os acordos que correspondan.

2. Elaborar e someter á Asemblea Xeral toda clase de propostas orientadas ao cumprimento dos fins do Colexio, a aprobación ou modificación dos estatutos e calquera outra cuestión de interese para a boa marcha do Colexio.

3. Propor á Asemblea Xeral a creación de novas vogalías de sección ou a modificación, agrupación ou supresión das existentes, segundo as necesidades que orixine a evolución da profesión farmacéutica.

4. Executar os acordos da Asemblea Xeral.

5. Propor á Asemblea Xeral a aprobación dos regulamentos de réxime interior do Colexio.

6. Aprobar os protocolos de actuación que regulen o funcionamento interno do Colexio.

7. Acordar a constitución de comisións por proposta do presidente.

8. Resolver as solicitudes de colexiación e os expedientes que o Colexio tramita por delegación de competencias da Administración pública.

9. Facilitarlles o exercicio profesional aos colexiados e fomentar a súa ocupación en colaboración coa Administración e a iniciativa privada.

10. Organizar actividades e servizos de carácter profesional, formativo, cultural, informativo, asistencial, de futuro e outros de interese para os colexiados.

11. Informar os colexiados das cuestións de carácter profesional ou colexial que poidan afectalos e defendelos no correcto exercicio da profesión.

12. Velar polo cumprimento das disposicións do código deontolóxico. Evitar o intrusionismo profesional e as incompatibilidades.

13. Exercer a potestade disciplinaria.

14. Acordar toda clase de accións ou recursos, incluídos o de casación e o de amparo, en nome do Colexio, sen prexuízo da facultade do presidente de decidir ao respecto en caso de urxencia. Os recursos que o Colexio interpoña en nome dos seus colexiados o dunha sección destes, terán que ser adoptados pola Asemblea Xeral ou a Asemblea da sección correspondente.

15. Captar, custodiar e administrar os fondos do Colexio.

16. Presentar e someter a aprobación da Asemblea Xeral os orzamentos, as contas anuais e balances e a memoria anual de actividades colexiais.

17. Aprobar a contratación, despedimento, nomeamento ou destitución, así como calquera outra cuestión en relación co persoal que preste os seus servizos no Colexio.

Artigo 34. Réxime de funcionamento do Pleno da Xunta de Goberno

Corresponde ao Pleno da Xunta de Goberno debater e decidir sobre todas as cuestións que se formulen no exercicio das funcións encomendadas por estes estatutos á Xunta de Goberno.

O Pleno reunirase, polo menos, unha vez ao mes ou cando así o acorde o presidente ou o demande a metade máis un dos seus compoñentes. As reunións terán lugar nas sedes colexiais, sen prexuízo de que ocasionalmente poidan ter lugar fóra delas.

O secretario, logo de mandato do presidente, convocará as reunións do Pleno da Xunta de Goberno por correo electrónico con polo menos 48 horas de antelación, salvo que se trate dunha convocatoria de xustificada urxencia, que se poderá convocar no mesmo día. Con carácter previo á celebración da reunión, o presidente fixará a orde do día, o lugar, a data e a hora de celebración tanto en primeira como en segunda convocatoria, que será media hora máis tarde que a fixada para a primeira.

O Pleno da Xunta de Goberno quedará validamente constituído en primeira convocatoria cando estea presente polo menos a metade máis un dos seus membros. En segunda convocatoria, quedará validamente constituído calquera que sexa o número de membros asistentes sempre que asistan o presidente ou persoa que o substitúa, e o secretario ou persoa que o substitúa.

Os acordos adoptaranse, salvo nos supostos establecidos nestes estatutos, por maioría simple de votos dos asistentes. En caso de empate, o presidente terá voto de calidade. Se o acordo adoptado o fose por unanimidade dos asistentes ao Pleno da Xunta de Goberno ou dunha maioría clara e manifesta, non será preciso proceder á votación. Os discrepantes poderán exixir a constancia en acta da súa oposición ao acordo.

De todas as reunións do Pleno da Xunta de Goberno levantarase a correspondente acta na cal polo menos constarán as propostas sometidas a votación e o resultado destas, e que será asinada polo secretario co visto e prace do presidente.

As reunións do Pleno da Xunta de Goberno serán sempre presididas polo presidente e, en ausencia deste, polo vicepresidente, quen o substitúe estatutariamente.

Artigo 35. Réxime de funcionamento da Comisión Permanente

Corresponde á Comisión Permanente a resolución e execución dos asuntos de carácter urxente, así como de todas aquelas cuestións que lle delegue o Pleno da Xunta de Goberno.

En ningún caso poderán ser delegadas na Comisión Permanente as funcións comprendidas nos puntos 2, 3, 5, 6, 7, 13, 14, 15 e 16 do artigo 33 dos presentes estatutos.

A Comisión Permanente poderá acordar inhibirse na resolución daqueles casos encomendados nos cales, pola súa importancia, considere necesario contar co parecer de todos os membros da Xunta de Goberno; neste caso, será o Pleno o que terá que resolvelos.

A Comisión Permanente reunirase, polo menos, unha vez ao mes ou cando así o acorde o presidente ou o demande a metade máis un dos seus compoñentes. As reunións terán lugar nas sedes colexiais, sen prexuízo de que ocasionalmente poidan ter lugar fóra delas.

O secretario, logo de mandato do presidente, convocará as reunións da Comisión Permanente da Xunta de Goberno por correo electrónico con polo menos 48 horas de antelación salvo que se trate dunha convocatoria de xustificada urxencia, que se poderá convocar no mesmo día. Con carácter previo á celebración da reunión, o presidente fixará a orde do día, o lugar, a data e a hora de celebración en única convocatoria.

A Comisión Permanente quedará validamente constituída á hora da convocatoria calquera que sexa o número de membros asistentes, sempre que asistan o presidente ou persoa que o substitúa, e o secretario ou persoa que o substitúa.

Os acordos da Comisión Permanente adoptaranse por maioría simple de votos dos asistentes. En caso de empate, o presidente terá voto de calidade. Terán validez definitiva e non terán que ser ratificados polo Pleno da Xunta de Goberno.

Do desenvolvemento da reunión, o secretario redactará a acta correspondente, na cal constarán, polo menos, os asistentes e os acordos adoptados. Cada acta darase a coñecer ao Pleno da Xunta de Goberno.

Poderá asistir ás reunións da Comisión Permanente calquera membro da Xunta de Goberno que o desexe, aínda que non pertenza á Comisión. Neste caso, a asistencia será con voz pero sen voto.

Artigo 36. Presidente

O presidente exercerá a representación legal do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra e será presidente tanto da Xunta de Goberno como da Asemblea Xeral.

Correspóndenlle ao presidente, entre outras, as seguintes funcións:

1. Exercer a representación máxima e a dirección do Colexio no seu ámbito territorial. Correspóndenlle o exercicio de cantos dereitos e atribucións se lle recoñecen nestes estatutos.

2. Representar legalmente o Colexio en todas as súas relacións e negociacións, incluídas as que manteña cos poderes públicos, entidades, corporacións e personalidades de calquera orde.

3. Decidir toda clase de accións e recursos, en nome do Colexio, en caso de urxencia, e dar conta ao Pleno da Xunta de Goberno na súa primeira reunión.

4. Convocar, fixar a orde do día, presidir e levantar as asembleas xerais e as reunións do Pleno e da Comisión Permanente da Xunta de Goberno, mantendo a orde e uso da palabra, así como decidir co seu voto de calidade os empates nas votacións.

5. Propor á Xunta de Goberno a creación das comisións necesarias para o mellor desenvolvemento das funcións do Colexio.

6. Examinar, intervir e revisar a documentación de todos os departamentos do Colexio.

7. Revisar e autorizar coa súa sinatura os outorgamentos de escrituras públicas, convenios, contratos, comunicacións oficiais, actas e certificacións que procedan.

8. Outorgar mandatos e poderes notariais, mesmo especiais, a favor dos avogados e procuradores dos tribunais ou de calquera outra persoa para o exercicio de accións que correspondan.

9. Autorizar conxuntamente co tesoureiro os libramentos para o investimento, o manexo de fondos e talóns para o movemento das contas do Colexio.

10. Convocar as eleccións para a provisión dos cargos da Xunta de Goberno.

11. Intervir moi especialmente en manter a harmonía entre todos os colexiados e procurar que calquera diferenza de carácter profesional que se suscite entre elles se resolva no seo do Colexio.

Artigo 37. Secretario

O secretario do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra exercerá ao mesmo tempo os cargos de secretario da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno.

As súas atribucións e obrigas son as seguintes:

1. Exercer de fedatario das actas e dos acordos do Colexio.

2. Redactar as actas e os acordos das sesións da Asemblea Xeral, do Pleno e da Comisión Permanente da Xunta de Goberno.

3. Redactar, asinar e expedir as certificacións co visto e prace do presidente.

4. Custodiar os arquivos, dirixir e supervisar o Rexistro de Colexiados, así como o Rexistro de Entrada e Saída de documentos e o Rexistro de Sociedades Profesionais.

5. Convocar as reunións da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno, logo de mandato do presidente, e coidar de que as convocatorias reúnan os requisitos sinalados nestes estatutos.

6. Redactar e presentar á Asemblea Xeral a memoria anual.

7. Asegurar a difusión entre os colexiados das disposicións lexislativas e administrativas que afecten a profesión.

8. Exercer a xefatura do persoal do Colexio e propoñerlle á Xunta de Goberno a contratación e o despedimento dos traballadores que presten os seus servizos no Colexio, así como o nomeamento e destitución destes, ou calquera outra cuestión en relación co persoal.

9. Ditar normas e protocolos para o correcto funcionamento do Departamento de Secretaría.

10. Velar polo cumprimento dos requisitos e das obrigas sinalados nestes estatutos para o funcionamento do Colexio e da Xunta de Goberno e para o desenvolvemento das asembleas xerais.

Artigo 38. Tesoureiro

Serán atribucións e obrigas do tesoureiro do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra as seguintes:

1. Dirixir e autorizar a contabilidade do Colexio.

2. Intervir nas contabilidades que, dentro do Colexio, correspondan ás seccións e comisións, mesmo cando dispoñan de orzamento propio.

3. Custodiar os fondos do Colexio.

4. Realizar os pagamentos e recibir os ingresos do Colexio.

5. Formalizar as contas anuais e os balances do Colexio para a súa presentación, logo de acordo da Xunta de Goberno, á definitiva aprobación da Asemblea Xeral.

6. Formular os orzamentos anuais para a súa presentación, logo de acordo da Xunta de Goberno, á definitiva aprobación da Asemblea Xeral.

7. Confrontar e asinar os libros de contabilidade xunto co presidente.

8. Ingresar e retirar fondos das contas bancarias do Colexio, conxuntamente co presidente.

9. Levar a sinatura da tesouraría xunto co presidente ante toda clase de organismos.

Artigo 39. Vicepresidente, vicesecretario e vicetesoureiro

Correspóndelles ao vicepresidente, ao vicesecretario e ao vicetesoureiro levar a cabo todas aquelas funcións relacionadas co seu cargo que lles confiran, respectivamente, o presidente, o secretario e o tesoureiro, así como asumir as funcións destes en caso de vacante, ausencia, enfermidade, vacacións, renuncia, ou falecemento.

Artigo 40. Vogalías

Coa finalidade de facilitar a relación entre os colexiados que exercen as distintas modalidades da profesión farmacéutica, fomentar a especialización e facilitar a resolución de problemas comúns, constitúense, no seo do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, diferentes vogalías de sección.

Os vogais de sección serán os representantes, na Xunta de Goberno, dos colexiados exercentes na modalidade profesional correspondente e terán ao seu cargo o estudo dos asuntos que correspondan a esta. Deben inscribirse na sección correspondente a cada vogalía todos os colexiados que exerzan a profesión na respectiva modalidade de exercicio profesional.

Todas as modalidades de exercicio exclusivas da titulación de farmacéutico, ou das súas especializacións, e as que, non sendo exclusivas, poidan exercerse con ela poderán ter a súa propia vogalía.

Ademais, poderán ter a súa vogalía outras actividades exercidas por farmacéuticos colexiados ou dentro das oficinas de farmacia no ámbito do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, para as cales se require unha titulación complementaria.

1. Oficina de Farmacia: titulares.

2. Oficina de Farmacia: non titulares.

3. Farmacia Hospitalaria.

4. Atención Primaria e Administración Pública.

5. Distribución.

6. Industria.

7. Análises.

8. Docencia e Investigación.

9. Nutrición.

10. Ortopedia.

11. Óptica, Optometría e Audioloxía Protésica.

A título enunciativo e non limitativo, estas 11 vogalías formarán parte da Xunta de Goberno do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra. A creación de novas vogalías de sección e a modificación, agrupación ou supresión das existentes estará supeditada á evolución da profesión farmacéutica e requirirá do acordo da Xunta de Goberno e da posterior aprobación da Asemblea Xeral, sen que sexa necesaria a remodelación destes estatutos.

As funcións das vogalías existentes no Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos que no estean representadas na Xunta de Goberno do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra poderán ser desempeñadas polos membros da Xunta de Goberno que designe o presidente.

Artigo 41. Comisións de traballo

Para o mellor desenvolvemento técnico das xestións colexiais, poderanse crear as comisións de traballo que a Xunta de Goberno acorde, por proposta do presidente. Estas comisións terán carácter consultivo e non vinculante e estarán formadas por tres ou máis membros da Xunta de Goberno, un dos cales actuará de coordinador da comisión, elaborando a acta da reunión e informando, no seguinte pleno da Xunta de Goberno que se celebre, dos estudos realizados e acordos adoptados.

Tamén se poderán crear comisións de sección ás cales, ademais de membros da Xunta de Goberno, poderán incorporarse farmacéuticos colexiados, designados polo Pleno da Xunta de Goberno, que desempeñen unha actividade profesional relacionada directamente co obxecto da comisión. Estas comisións terán por obxecto colaborar coa Xunta de Goberno na execución das funcións que esta ten atribuídas, realizando estudos, asesoramentos e axuda técnica naquelas áreas de traballo ou especialidade profesional que se considere conveniente e para as cales foron creadas. En cada comisión terá que haber, como mínimo, un membro da Xunta de Goberno, que actuará de coordinador e portavoz ante ela.

Artigo 42. Comisión Deontolóxica

A Xunta de Goberno creará unha comisión deontolóxica que será a encargada de velar polo cumprimento da deontoloxía profesional, terá funcións inspectoras e poderá realizar outras funcións que lle sexan delegadas pola Xunta de Goberno dentro do ámbito deontolóxico.

A Comisión Deontolóxica estará formada por un número máximo de seis farmacéuticos colexiados propostos pola Xunta de Goberno, quen poderá acordar a súa substitución cando considere. Como mínimo, un dos membros da Comisión Deontolóxica ten que ser membro da Xunta de Goberno.

O cargo de inspector será incompatible coa pertenza á Xunta de Goberno.

A Comisión Deontolóxica, por propia iniciativa ou por instancia da Asemblea Xeral ou da Xunta de Goberno, poderá realizar:

1º. O estudo, redacción e divulgación de toda norma ética profesional que afecte os colexiados, así como a proposta de calquera modificación do código deontolóxico do Colexio que, tras a aprobación da Xunta de Goberno, se someterá á aprobación da Asemblea Xeral. O contido do código deontolóxico deberá axustarse ao disposto nas leis e publicarase na páxina web do Colexio.

2º. A difusión entre os colexiados das indicacións que considere necesarias ou oportunas para lograr o mellor cumprimento do labor profesional no marco normativo vixente, logo de autorización da Xunta de Goberno.

3º. O seguimento das desviacións do bo facer profesional, das cales o Colexio teña sospeita ou coñecemento, tanto para evitar que cheguen a producirse, como para pór medidas que corrixan tales desviacións e impidan a súa repetición. Para tal fin, a Xunta de Goberno poderá encomendar á Comisión Deontolóxica a mediación e resolución de conflitos, así como delegar nela a realización das dilixencias previas en procedementos disciplinarios.

Artigo 43. Obrigas e dereitos dos membros da Xunta de Goberno

1. Constitúen obrigas dos membros da Xunta de Goberno:

a) Realizar as funcións específicas designadas á Xunta de Goberno no artigo 33 destes estatutos.

b) Gardar o segredo das deliberacións no seo da Xunta de Goberno.

c) Actuar como instrutor nos expedientes disciplinarios, en caso da súa designación.

d) Reunirse cos colexiados que o soliciten.

e) Asistir ás reunións do Pleno da Xunta de Goberno desde o seu comezo ata a súa finalización.

f) Asistir ás reunións, tanto ordinarias como extraordinarias, da Asemblea Xeral, así como ás asembleas extraordinarias de sección correspondentes á súa modalidade de exercicio.

g) Os membros da Comisión Permanente terán a obriga de asistir ás reunións da Comisión Permanente da Xunta de Goberno desde o seu comezo ata a súa finalización.

h) Os membros das comisións de traballo terán a obriga de asistir ás reunións da comisión de traballo correspondente desde o seu comezo ata a súa finalización.

i) Os membros da Comisión Deontolóxica terán a obriga de asistir ás reunións da Comisión Deontolóxica desde o seu comezo ata a súa finalización.

2. Constitúen dereitos dos membros da Xunta de Goberno:

a) A compensación económica para a substitución da súa actividade profesional cando, en cumprimento das súas funcións, se vexan na obriga de abandonar a dita actividade.

b) A compensación económica pola dedicación ao Colexio e polos gastos que se ocasionen como consecuencia do desempeño das súas funcións, segundo o establecido no procedemento de axudas de custo e gastos de representación do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra. Calquera colexiado que se designe como comisionado ou delegado para calquera función colexial terá dereito a percibir a mesma compensación económica.

Artigo 44. Perda da condición de membro da Xunta de Goberno

A condición de membro da Xunta de Goberno perderase polas seguintes causas:

1. Falecemento, declaración de ausencia ou incapacidade legal.

2. Dimisión ou renuncia.

3. Condena por sentenza firme, se leva consigo privación ou restrición real e efectiva da liberdade ou inhabilitación para cargos públicos.

4. Incumprimento dos seus deberes como membro da Xunta de Goberno. Serán moi graves a reiterada falta de asistencia ou abandono non xustificado das reunións da Xunta de Goberno ou da Asemblea Xeral e a violación do segredo das deliberacións no seo da Xunta de Goberno.

5. Aprobación da moción de censura, conforme o establecido nestes estatutos.

6. Convocatoria de eleccións.

No suposto 4 deste artigo, o Pleno da Xunta de Goberno poderá pedir a dimisión, se así o considera, do membro que incumpra de xeito reiterado ou cuxo incumprimento provoque un prexuízo ao Colexio ou aos seus colexiados.

Artigo 45. Dimisións ou baixas dos membros da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno continuará nas súas funcións mentres conte, polo menos, coa metade do total dos seus membros.

En caso de dimisión ou baixa dun ou máis dos seus membros, sen exceder a metade, a Xunta de Goberno decidirá sobre a conveniencia de cubrir as ditas vacantes por outros membros da Xunta de Goberno ata a celebración de eleccións.

No suposto de baixa ou dimisión da metade máis un dos membros da Xunta de Goberno, esta entenderase automaticamente disolta e transformarase en comisión xestora, que se comporá, como mínimo, de cinco dos restantes membros e terá facultades de comisión permanente, e estará obrigada a convocar eleccións no prazo máximo dun mes.

Se, como consecuencia da dimisión de todos os membros da Xunta de Goberno, non se pode constituír a comisión xestora, formarase unha xunta de idade con cinco membros, designados entre os farmacéuticos colexiados con exercicio, do xeito que segue: os tres de maior idade non superior a 65 anos e os dous de menor idade, que estarán obrigados a aceptar, salvo xustificación razoable debidamente acreditada. As funcións da xunta de idade serán as mesmas que as da comisión xestora, e estará obrigada a convocar eleccións no prazo máximo dun mes.

Título VI
Réxime electoral

Artigo 46. Elección da Xunta de Goberno

A elección dos cargos da Xunta de Goberno farase mediante votación libre, directa e secreta de todos os farmacéuticos colexiados que sexan persoa física segundo o proceso electoral que se regula nestes estatutos.

A duración do período de mandato da Xunta de Goberno é de catro anos desde o día da súa toma de posesión. Deberá realizarse a renovación da totalidade dos cargos da Xunta de Goberno cada catro anos, para o cal se convocarán eleccións con anterioridade á data de finalización do período de mandato.

O sistema de elección será a través de votación de listas pechadas con candidaturas completas á Xunta de Goberno do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, que inclúan os cargos de presidente, secretario, tesoureiro, vicepresidente, vicesecretario, vicetesoureiro e vogais de sección, de acordo co disposto nestes estatutos.

Extraordinariamente, o presidente poderá adiantar as eleccións cando así o considere.

En ningún caso se entenderá concedido ás sociedades profesionais inscritas no correspondente rexistro do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra o dereito ao sufraxio activo e pasivo nas eleccións aos cargos da Xunta de Goberno.

Artigo 47. Electores e candidatos

1. Son electores todos os farmacéuticos colexiados no Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, tanto exercentes como non exercentes, que consten como colexiados na data da convocatoria de eleccións e que figuren na lista de electores.

A cada farmacéutico colexiado, con independencia da categoría a que pertenza, correspóndelle un voto.

Para exercer o dereito de sufraxio activo, os colexiados deberán figurar ao día dos seus deberes estatutarios con anterioridade ao momento en que se acorde a convocatoria.

As sociedades profesionais non terán dereito de voto.

2. Son elixibles todos os farmacéuticos colexiados no Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra exercentes en calquera modalidade da profesión farmacéutica e non suspendidos no exercicio dos seus dereitos colexiais.

Non poden concorrer como candidatos ás eleccións:

a) Os colexiados que non estean exercendo como profesionais farmacéuticos no momento en que se acorde a convocatoria.

b) Os colexiados que fosen obxecto de sanción disciplinaria por falta grave.

c) Os colexiados que fosen inhabilitados por sentenza firme para o exercicio da profesión ou cargo público.

d) Os colexiados que, na data da convocatoria, non estean ao día das obrigas económicas co Colexio.

Os candidatos terán que estar en exercicio no momento da convocatoria e no proceso electoral.

Para os cargos de presidente, secretario, tesoureiro, vicepresidente, vicesecretario e vicetesoureiro, os candidatos deberán acreditar un mínimo de tres anos de exercicio profesional farmacéutico e de colexiación continuada no Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra.

Para os cargos de vogal de sección, os candidatos deberán acreditar unha antigüidade mínima dun ano de alta no Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra inscritos como exercentes na modalidade de exercicio profesional da vogalía correspondente.

Artigo 48. Convocatoria de eleccións

Correspóndelle ao presidente convocar eleccións para a renovación dos cargos da Xunta de Goberno con anterioridade á data de finalización do período de mandato dos cargos, ao cal que dará a oportuna publicidade, sinalando na convocatoria os prazos para a súa celebración.

Desde a convocatoria de eleccións, o presidente e os demais membros da Xunta de Goberno quedarán en funcións, desempeñando na dita condición as competencias atribuídas aos seus cargos ata o seu cesamento, que terá lugar ao tempo da toma de posesión dos candidatos electos.

Artigo 49. Constitución da mesa electoral

1. Inmediatamente despois de ser convocadas as eleccións, e nun prazo non superior a cinco días hábiles, constituirase a mesa electoral, que terá, entre outras, as seguintes funcións:

a) Dirixir e supervisar o proceso electoral.

b) Publicar o censo electoral e emendar os erros de que adoeza.

c) Proclamar candidatos e candidaturas.

d) Presidir a votación, realizar o escrutinio e resolver as reclamacións que se presenten na aplicación das normas electorais.

2. A mesa electoral estará constituída por tres membros: o colexiado máis antigo que non supere a idade de 65 anos, que actuará como presidente; o colexiado de menor idade, que actuará como secretario, e o colexiado de maior idade que non supere os 60 anos, que actuará como vogal.

Para todos os cargos designaranse suplentes elixidos de acordo coas mesmas normas que os titulares, por se se producen renuncias ou baixas xustificadas.

Ningún candidato poderá ser membro da mesa electoral.

3. De todas as sesións da mesa electoral levantarase a acta por triplicado exemplar, e remitirase un deles ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos.

Artigo 50. Censo de electores

O día da constitución da mesa electoral, a Xunta de Goberno facilitaralle a esta a lista de electores para a elección de cargos da Xunta de Goberno.

A lista de electores exporase no taboleiro de anuncios do Colexio e na páxina web do Colexio e constituirá o censo de votantes. Contra o dito censo poderase interpor reclamacións ante a mesa electoral no prazo de cinco días hábiles. As reclamacións resolveranse e faranse públicas no taboleiro de anuncios no prazo de tres días hábiles desde a finalización do prazo de interposición destas.

Contra as resolucións da mesa electoral poderase interpor recursos no prazo de tres días hábiles ante o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos, quen resolverá os ditos recursos no prazo de dez días hábiles.

Artigo 51. Presentación de candidaturas

As candidaturas para a Xunta de Goberno deberán presentarse no prazo de vinte días naturais a partir do día seguinte ao da notificación do acordo de convocatoria no Rexistro do Colexio.

Cada candidatura deberá presentarse nunha única lista pechada e completa, que inclúa os cargos de presidente, secretario, tesoureiro, vicepresidente, vicesecretario, vicetesoureiro e os vogais de sección, que represente polo menos o noventa por cento dos colexiados e o oitenta por cento das vogalías de sección existentes no Colexio no momento da convocatoria de eleccións.

A dita lista deberá conter a relación nominal de todos os candidatos co seu número de colexiado, o seu DNI e a súa sinatura, en proba da súa conformidade, e con indicación do cargo que lle corresponderá na Xunta de Goberno de resultar elixida a candidatura.

Á lista xuntaráselle a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos exixidos nestes estatutos respecto de cada un dos candidatos, que terá que solicitarse ao Colexio, como mínimo, con dous días hábiles de antelación á data límite de presentación de candidaturas.

Serán nulas as candidaturas presentadas fóra de prazo e as que non o fosen na maneira requirida acompañadas da documentación exixida.

Artigo 52. Proclamación de candidaturas

O día seguinte ao da expiración do prazo para a presentación de candidaturas, a mesa electoral, en acto público, procederá á proclamación das candidaturas presentadas en tempo e forma, logo de comprobación de que reúnen os requisitos establecidos estatutariamente.

Se non se presenta ningunha candidatura, a Xunta de Goberno proporá unha para continuar co proceso.

No caso de existir unha candidatura única, proclamarase de maneira automática.

Tras o acto da proclamación de candidaturas, concederase un prazo de tres días hábiles para presentar reclamacións ou substitucións ante a mesa electoral, que se resolverán nos seguintes tres días hábiles, transcorridos os cales se dará conta ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos.

As candidaturas validamente proclamadas poranse en coñecemento de todos os colexiados mediante a súa publicación no taboleiro de anuncios do Colexio e na web colexial.

As votacións terán lugar a partir dos quince días naturais seguintes.

Artigo 53. Procedemento de votación

1. Só se poderán utilizar os sobres e as papeletas oficialmente editados polo Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, que llelas remitirá aos votantes por orde da mesa electoral.

2. A votación farase en acto público, no ámbito corporativo, e a mesa electoral estará constituída no día e hora que se fixen na convocatoria.

3. Cada candidatura poderá nomear un interventor da súa libre elección entre os colexiados.

4. Os electores poderán:

a) Acudir persoalmente a realizar a votación. Neste caso estarán obrigados a acreditar ante a mesa electoral a súa identidade. Tras comprobar a mesa a súa inclusión no censo, o presidente introducirá a papeleta co seu sobre nunha urna.

b) Emitir o voto por correo, que deberán solicitar á mesa electoral cunha antelación mínima de dez (10) días naturais ás eleccións. O secretario da mesa electoral tomará nota no censo da solicitude e enviaralle ao colexiado a documentación pertinente para a votación por correo.

O voto por correo efectuarase en sobre pechado remitido por correo certificado ou mensaxaría que xustifique a súa recepción e dirixido ao presidente da mesa electoral, no domicilio do Colexio, coa sinatura do farmacéutico colexiado remitente na lapela do sobre, onde figurarán, así mesmo de forma lexible, o nome, apelidos, domicilio e número de colexiado. Dentro do sobre introducirase unha fotocopia do DNI e o sobre pechado que conteña a papeleta da candidatura elixida.

Presentada ou recibida en prazo a solicitude de voto por correo, este será válido sempre que se reciba na mesa electoral antes da realización do escrutinio.

O voto por correo quedará anulado se o colexiado se presenta a votar o día das eleccións.

Artigo 54. Escrutinio

1. Concluído o tempo para a votación, procederase ao escrutinio. O secretario levantará a acta co resultado, que será subscrita polos tres membros da mesa electoral e polos interventores das candidaturas.

2. As actas serán lidas publicamente ante os asistentes ao escrutinio, e proclamarase a lista elixida procedendo á lectura dos compoñentes da candidatura.

3. Da acta darase traslado ao Consello Xeral de Colexios Oficiales de Farmacéuticos.

Artigo 55. Toma de posesión

1. No prazo máximo de 30 días naturais a partir daquel en que teña lugar a elección, os elixidos tomarán posesión dos seus cargos.

2. Efectuada a toma de posesión dos cargos, darase traslado, para a seu coñecemento, á Administración autonómica, aos restantes colexios de farmacéuticos da Comunidade Autónoma de Galicia e ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos.

Título VII
Réxime económico-financeiro do Colexio

Artigo 56. Orzamento

A Xunta de Goberno proporá anualmente, por medio do tesoureiro, o orzamento de ingresos e gastos e o balance patrimonial que, cos preceptivos informes, será sometido á aprobación da Asemblea Xeral, preferentemente no mes de decembro do ano anterior.

O orzamento de ingresos e gastos conterá debidamente clasificadas as diferentes partidas previstas como ingresos e como gastos, con expresión dos seus correspondentes conceptos.

A Asemblea Xeral poderá facultar a Xunta de Goberno para realizar as transferencias de créditos que poidan ser necesarias entre as distintas partidas orzamentarias en caso de que sexa necesario.

Artigo 57. Contas anuais e balances

Concluído cada exercicio anual, o tesoureiro presentará o balance de situación e a liquidación de contas.

Examinadas as contas e a liquidación pola Xunta de Goberno e aprobadas provisionalmente, someteraas á Asemblea Xeral para a súa aprobación definitiva, antes da finalización do segundo trimestre do ano posterior.

Artigo 58. Auditoría de contas

O Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra deberá ser auditado no exercicio en que se produza a renovación ordinaria dos seus órganos de goberno, de acordo co disposto na normativa vixente.

Artigo 59. Ingresos colexiais

Constitúen recursos propios do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra os seguintes ingresos:

1. Ordinarios:

a) As cotas de inscrición correspondentes á incorporación do colexiado ao Colexio, que non poderán superar os custos asociados á tramitación da inscrición.

b) As cotas colexiais destinadas a financiar os fins específicos do Colexio, incluídas as derramas que, de ser o caso, poida propor a Xunta de Goberno.

Hai dous tipos de cotas colexiais que se aproban co orzamento de cada ano:

b1) Cotas xenéricas de importe fixo e periodicidade mensual, con progresividade de acordo coa situación laboral e profesional dos colexiados.

b2) Cotas específicas de importe variable e periodicidade mensual, con progresividade de acordo cun indicador da capacidade económica dos colexiados.

Estas cotas, incluídas as derramas, son obrigatorias para os colexiados.

c) O importe que se estableza polos servizos ofertados polo Colexio aos colexiados, así como pola facturación e administración de receitas ao Sistema nacional de saúde e a outras entidades.

d) As taxas e outras contraprestacións pola prestación de servizos que corresponden a funcións públicas.

e) O importe correspondente á realización de informes, ditames, estudos, análises, certificacións e outras prestacións similares.

f) Os rendementos de calquera clase que se poidan obter dos bens e dereitos que integran o seu patrimonio.

g) Os ingresos derivados de convenios de colaboración con entidades, públicas ou privadas, que teñan carácter ordinario.

h) O importe das sancións.

2. Extraordinarios:

a) Subvencións, donativos, herdanzas e legados que o Colexio poida recibir de procedencia pública ou privada.

b) Outros ingresos lexitimamente obtidos que non teñan carácter ordinario.

Título VIII
Réxime de xestión do Colexio

Artigo 60. Portelo único

1. O Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, conforme o previsto na lexislación vixente, disporá dunha páxina web na cal, a través do portelo único, os profesionais farmacéuticos poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o exercicio da profesión e a súa baixa no Colexio por vía electrónica e a distancia.

A través do portelo único, os profesionais poderán:

a) Obter os formularios necesarios e a información suficiente para o acceso á actividade profesional e o seu exercicio.

b) Presentar a documentación e as solicitudes necesarias, incluíndo as que se exixan para a súa colexiación.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que se acredite a calidade de interesado e recibir notificacións sobre os actos de trámite preceptivos e a súa resolución polo Colexio, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non sexa posible por outros medios.

d) Recibir as convocatorias para as asembleas xerais, ordinarias e extraordinarias, e obter comunicacións e información sobre as actividades públicas e privadas do Colexio.

2. A través do portelo único, co fin de garantir os dereitos dos consumidores e usuarios, o Colexio ofrecerá a seguinte información pública:

a) O rexistro de colexiados actualizado, que conterá, polo menos, os seguintes datos: nome e apelidos dos profesionais colexiados, número de colexiación, títulos oficiais que posúan, domicilio profesional, datos de contacto e situación de habilitación profesional.

b) O rexistro de sociedades profesionais, que terán o contido legalmente previsto.

c) As vías de reclamación e recursos que se poidan interpor en caso de conflito entre o consumidor ou usuario e un colexiado ou o Colexio profesional.

d) Os datos das asociacións de consumidores e usuarios ás cales os destinatarios dos servizos profesionais se poidan dirixir para obteren asistencia.

e) O contido dos códigos deontolóxicos profesionais.

3. O Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra facilitaralle ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos a información concernente ás altas, baixas e calquera outra modificación que afecte os rexistros de colexiados e de sociedades profesionais, para o seu coñecementos e anotación nos rexistros centrais de colexiados e de sociedades profesionais daqueles.

Artigo 61. Servizo de atención aos consumidores ou usuarios e colexiados

A través da páxina web do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra estará prevista a presentación de queixas ou reclamacións por vía electrónica e a distancia.

O Colexio disporá dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios e colexiados que tramitará e resolverá as queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou dos seus colexiados que sexan presentadas por calquera usuario ou profesional colexiado, así como por asociacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos intereses colectivos.

O Colexio, a través deste servizo de atención aos consumidores ou usuarios, resolverá sobre a queixa ou reclamación segundo proceda: informando o Sistema de arbitraxe de consumo, abrindo un procedemento disciplinario, arquivando ou adoptando calquera outra decisión que, de ser o caso, corresponda.

Artigo 62. Memoria anual

O Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra estará suxeito ao principio de transparencia na súa xestión e elaborará unha memoria anual que conterá, polo menos, a información prevista na lexislación vixente e que se fará pública no primeiro trimestre de cada ano a través da páxina web colexial.

O Colexio transmitiralle anualmente ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos a información necesaria para a elaboración da memoria correspondente ao conxunto da organización colexial.

Título IX
Réxime disciplinario do Colexio

Artigo 63. Potestade disciplinaria

O Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra é competente para sancionar os colexiados e as sociedades profesionais que infrinxan as disposicións xerais ou as normas específicas que regulen o exercicio da profesión, así como para facer cumprir as sancións impostas como consecuencia da tramitación e resolución dun expediente disciplinario.

A potestade sancionadora correspóndelle á Xunta de Goberno. Non obstante, o axuizamento e a sanción das faltas cometidas polos membros da Xunta de Goberno será competencia do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos.

Só se poderán impor sancións disciplinarias en virtude de expediente instruído para o efecto, de acordo co procedemento establecido neste título, e do disposto na lexislación vixente.

As infraccións cometidas por unha sociedade profesional seranlles imputables, con carácter solidario, á propia sociedade e aos socios que estean colexiados no Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra.

Artigo 64. Infraccións

As infraccións clasifícanse en leves, graves e moi graves.

Artigo 65. Infraccións leves

Terán carácter de infraccións leves as seguintes accións ou omisións:

1. O incumprimento das normas establecidas nestes estatutos ou as que dimanen dos acordos que, axustados a dereito, tome a Asemblea Xeral ou a Xunta de Goberno, sempre que de tal incumprimento non derive un prexuízo a terceiros ou o desprestixio á profesión.

2. A neglixencia no cumprimento das funcións e deberes que teña anexos calquera cargo da Xunta de Goberno, mesmo a violación do segredo das deliberacións no seo da Xunta de Goberno, así como a neglixencia no cumprimento da misión que se lle encomende a un colexiado, sempre que de tal incumprimento non derive un prexuízo a terceiros ou o desprestixio á profesión.

3. O atraso en satisfacer as cotas colexiais ou cantidades debidas ao Colexio por calquera concepto.

4. A neglixencia en comunicar ao Colexio calquera variación de tipo administrativo que se poida producir na situación profesional do colexiado.

5. A falta de contestación ante a solicitude personalizada e documentada de datos de tipo profesional formulada pola Xunta de Goberno.

6. Os actos probados de desconsideración manifesta aos compañeiros no exercicio da actividade profesional.

7. A falta de notificación ao Colexio das infraccións destes estatutos das cales o colexiado teña coñecemento, cando estas redunden en prexuízo do interese do colectivo farmacéutico.

8. A propaganda, o anuncio ou calquera tipo de publicidade en xornais, revistas, medios de comunicación electrónicos u calquera outro medio, prohibidos pola normativa legal vixente, sempre que non violen a normativa en materia de publicidade enganosa e que de tal incumprimento non derive un prexuízo a terceiros ou o desprestixio á profesión.

9. A infracción do réxime de horarios, así como do deber de información ao público das quendas de urxencia na oficina de farmacia.

10. A ausencia no establecemento sanitario a cargo do colexiado das instalacións, útiles ou existencias mínimas establecidas nas leis vixentes.

11. O impedimento ao inspector do Colexio de efectuar a súa investigación.

Artigo 66. Infraccións graves

Terán carácter de infraccións graves as seguintes accións ou omisións:

1. A reincidencia ou reiteración de faltas leves.

2. O incumprimento das normas establecidas nestes estatutos ou as que dimanen dos acordos que, axustados a dereito, tome a Asemblea Xeral ou a Xunta de Goberno, cando cause prexuízo a terceiros ou o desprestixio á profesión.

3. A neglixencia no cumprimento das funcións e deberes que teña anexos calquera cargo da Xunta de Goberno, mesmo a violación do segredo das deliberacións no seo da Xunta de Goberno, así como a neglixencia no cumprimento da misión que se lle encomende a un colexiado, cando cause prexuízo a terceiros ou o desprestixio á profesión.

4. A violación do segredo profesional, cando non ocasione grave prexuízo ou dano material ou moral a terceiros.

5. A realización de calquera actuación expresamente prohibida polas leis e pola normativa colexial.

6. A realización de actividades profesionais que sexan incompatibles a teor do disposto pola normativa legal vixente.

7. A propaganda, o anuncio ou calquera tipo de publicidade en xornais, revistas, medios de comunicación electrónicos ou calquera outro medio que ocasione prexuízo a terceiros ou desprestixio á profesión ou que viole a normativa en materia de publicidade enganosa.

8. Calquera clase de intereses económicos directos cos laboratorios farmacéuticos, por parte do farmacéutico con exercicio profesional nos establecementos e servizos de atención farmacéutica.

9. A promoción de toda actividade, acto, pacto ou convenio encamiñado a impedir o lexítimo dereito dos particulares ou entidades a elixir con plena liberdade o servizo do profesional farmacéutico.

10. O uso fraudulento do sistema de receita electrónica.

11. A captación de receitas fóra da oficina de farmacia.

12. A dispensación de medicamentos en establecementos distintos dos autorizados legalmente para iso, así como calquera tipo de venda indirecta, venda por mensaxaría ou venda ambulante.

13. Os descontos nos prezos de venda ao público dos medicamentos ou produtos sanitarios, así como de fórmulas maxistrais e preparados oficinais, sen prexuízo da lexislación vixente.

14. As primas, obsequios, concursos ou actos similares vinculados á venda ao público dos medicamentos.

15. A falta de prestación do servizo de urxencia polas oficinas de farmacia nos termos regulamentariamente establecidos.

16. A ausencia da actividade profesional por tempo superior ao que determine a lexislación sen cumprir os requisitos legais e regulamentarios.

17. A falta de seguro de responsabilidade civil nos supostos legalmente establecidos.

18. A obstrución voluntaria do normal desenvolvemento da asemblea xeral.

19. A falta de atención aos requirimentos do Colexio para o pagamento de cotas e similares.

20. O amparo ou encubrimento do exercicio ilegal da profesión, en calquera das súas modalidades, incluído o exercicio da actividade de oficina de farmacia por unha sociedade.

21. O incumprimento do deber de comunicación ao Colexio da transmisión da propiedade de accións ou participacións sociais no capital dunha sociedade profesional, ou do deber de comunicar a constitución, modificación ou extinción de dereitos sobre tales accións ou participacións, con indicación do nome e das circunstancias persoais e profesionais daqueles que celebrasen eses negocios xurídicos.

22. O incumprimento do deber de comunicación ao Colexio de calquera modificación do contrato social dunha sociedade profesional ou a modificación dos seus administradores.

23. A realización de calquera outra actuación que atente contra a deontoloxía profesional.

Artigo 67. Infraccións moi graves

Terán carácter de infraccións moi graves as seguintes accións ou omisións:

1. A reincidencia ou reiteración de faltas graves.

2. A comisión de calquera falta tipificada como grave no artigo anterior, cando o autor dos feitos sexa membro da Xunta de Goberno do Colexio.

3. A violación do segredo profesional, cando ocasione grave prexuízo ou dano material ou moral a terceiros.

4. A neglixencia no exercicio profesional, cando concorra a existencia de danos graves, probada aquela e demostrados estes en sentenza xudicial firme.

5. A preparación de remedios secretos, así como a ocultación de principios activos en preparacións.

6. A comercialización de medicamentos non autorizados.

7. A realización nunha oficina de farmacia de actividades de distribución de medicamentos a outras oficinas de farmacia, almacéns grosistas, entidades, centros ou persoas físicas.

8. O incumprimento das formalidades e dos requisitos exixidos para a dispensación de substancias e produtos susceptibles de producir dopaxe no ámbito da actividade deportiva, que propicien a utilización de métodos non regulamentarios ou prohibidos no deporte.

9. O uso da profesión para a comisión de delitos ou faltas comúns.

10. A denuncia de feitos falsos con mala fe demostrada.

11. O uso do propio título profesional para o exercicio ilegal da profesión, en calquera das súas modalidades, incluído o exercicio da actividade de oficina de farmacia por unha sociedade.

12. O amparo, encubrimento ou colaboración con aqueles que sexan condenados polos tribunais como autores dun delito de intrusionismo profesional.

13. O exercicio de actos ou actuacións profesionais por unha sociedade profesional que non estea debidamente constituída e inscrita no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio.

Artigo 68. Sancións

A comisión de infraccións poderá dar lugar á imposición das seguintes sancións:

1. Nos supostos de infraccións leves:

a) Amoestación privada ou pública.

b) Apercibimento por escrito.

c) Sanción económica ata 600 euros.

2. Nos supostos de infraccións graves:

a) Sanción económica entre 601 euros e 3.000 euros.

b) Suspensión do exercicio profesional por tempo non superior a seis meses.

3. Nos supostos de infraccións moi graves:

a) Sanción económica entre 3.001 euros e 15.000 euros.

b) Suspensión do exercicio profesional desde seis meses ata dous anos.

c) Expulsión do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra.

O importe das sancións actualizarase anualmente, de acordo co índice de prezos de consumo xeral, ou índice que, de ser o caso, poida substituílo.

Na aplicación das sancións, os instrutores estarán vinculados por canto queda previsto nestes estatutos. En atención á natureza da falta cometida, os antecedentes do expedientado, as circunstancias de toda orde modificadoras da responsabilidade, a repercusión do feito, os prexuízos ocasionados a terceiros, a outros colexiados ou á profesión e calquera outra razón, o instrutor poderá propor a sanción que considere máis axustada entre as previstas para calquera tipo de falta, baseándose no principio de proporcionalidade.

A imposición dunha sanción de suspensión do exercicio profesional ou expulsión comportará a proposta de peche ante os organismos competentes do establecemento de que sexa titular o sancionado polo tempo sinalado na sanción ou a obriga de nomear un substituto naqueles casos en que por lei o establecemento non poida permanecer pechado.

As sancións que impliquen suspensión no exercicio da profesión no ámbito do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra terán efecto tamén no ámbito de todos os colexios de farmacéuticos de España, de maneira que deberán ser comunicados ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos para que este o traslade aos demais colexios e ás autoridades sanitarias.

Artigo 69. Execución ou suspensión das sancións

Unha vez firmes en vía administrativa, as sancións serán executables pola Xunta de Goberno nos termos que se sinalen na resolución.

A suspensión do exercicio profesional suporá o cesamento en toda modalidade deste durante o tempo da suspensión, o cal se executará, se iso é preciso, mediante o auxilio da autoridade administrativa. No suposto de que a sanción de suspensión de exercicio profesional recaia nun copropietario de oficina de farmacia, este verase obrigado a nomear substituto polo tempo de suspensión.

A expulsión do Colexio executarase dando de baixa o sancionado e comunicándollelo a todos os colexiados e autoridades sanitarias para os efectos oportunos.

O cobramento das sancións farase efectivo mediante requirimento ao sancionado ou concedéndolle o prazo dun mes para ingresar o seu importe na caixa do Colexio ou conta bancaria designada para o efecto. Transcorrido o dito prazo, o presidente do Colexio, logo de acordo da Xunta de Goberno, instará ao procedemento xudicial correspondente para obter o pagamento do debido.

En todo caso, o importe da sanción poderá ser deducido do pagamento que por calquera concepto teña que percibir do Colexio.

Artigo 70. Prescrición de infraccións e sancións

1. As faltas prescribirán nos seguintes prazos, contados a partir da data en que se cometeu o feito sancionable sen que se iniciase o expediente disciplinario:

a) As faltas leves aos seis meses.

b) As faltas graves ao ano.

c) As faltas moi graves aos dous anos.

O inicio do expediente interromperá, en todo caso, a prescrición.

2. As sancións prescribirán nos seguintes prazos:

a) As sancións de faltas leves ao ano.

b) As sancións de faltas graves aos dous anos.

c) As sancións de faltas moi graves aos tres anos.

O prazo de prescrición da sanción por falta de execución desta comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que se lle comunique ao Colexio, por medio do órgano competente, o carácter firme da resolución sancionadora.

O prazo de prescrición da sanción, cando o sancionado quebrante o seu cumprimento, comezará a contar desde a data do quebrantamento.

Artigo 71. Procedemento disciplinario

O réxime disciplinario establecido nestes estatutos está sometido aos principios de legalidade, irretroactividade, tipicidade, proporcionalidade e non concorrencia de sancións.

A imposición dunha sanción establecida por estes estatutos debeu ditarse no marco dun expediente previo. Na tramitación do expediente téñense que garantir os principios de presunción de inocencia e de audiencia da persoa afectada, de motivación da resolución final e de separación dos órganos instrutor e decisorio.

A Xunta de Goberno do Colexio, despois de coñecer unha suposta infracción, pode acordar a práctica de dilixencias previas antes de decidir a incoación dun expediente ou o arquivamento das actuacións sen sanción por sobresemento.

A Xunta de Goberno poderá delegar na Comisión Deontolóxica a realización de todo tipo de dilixencias previas á incoación de expedientes. Neste caso, a Comisión Deontolóxica dará cumprida conta á Xunta de Goberno de todas as dilixencias realizadas.

O expediente disciplinario iníciase de oficio ou por denuncia, por acordo mediante votación secreta e con conformidade das dúas terceiras partes dos membros da Xunta de Goberno presentes. No cómputo do quórum non se terán en conta os membros da Xunta de Goberno que non poidan intervir na adopción do acordo.

En caso de acordo sobre a incoación de expediente, a Xunta de Goberno deberá facer constar a/as infracción/s supostamente cometida/s, así como o nomeamento de instrutor do expediente.

En caso de que a Xunta de Goberno non designe entre os seus membros un cargo de instrutor permanente, a elección do instrutor realizarase por sorteo entre os membros da Xunta de Goberno, coa excepción do presidente. Os que xa fosen instrutores non participarán no sorteo ata que todos os membros da Xunta o sexan.

A aceptación do cargo por parte do membro da Xunta de Goberno designado como instrutor do expediente é obrigatoria, salvo que concorra algunha das causas de abstención previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O documento onde conste esta aceptación ten que formar parte do expediente correspondente. Da decisión de incoar un expediente disciplinario e do nomeamento do cargo de instrutor darase traslado ao colexiado afectado para que, no prazo de dez días hábiles, poida exercer o seu dereito de recusación.

O instrutor ordenará a práctica das dilixencias que xulgue oportunas e trasladaralle por escrito ao interesado as infraccións supostamente cometidas segundo o acordado na Xunta de Goberno, para que realice alegacións e/ou propoña ou presente as probas que considere oportunas no prazo de quince (15) días hábiles desde a recepción da notificación.

Despois de recibir a resposta do colexiado ao prego de cargos, ou ben transcorrido o prazo sen recibila, o instrutor poderá valorar a realización de novas dilixencias ou practicar as probas propostas polo colexiado, e ordenar as actuacións para levalas a termo.

Unha vez concluído o expediente, o instrutor elevará á Xunta de Goberno o expediente e a Xunta de Goberno tomará o acordo que considere procedente, mediante votación secreta que requirirá un número de votos favorables superior á metade máis un dos membros da Xunta de Goberno, estean presentes ou non. No cómputo do quórum non se terán en conta os membros da Xunta de Goberno que non poidan intervir na adopción do acordo.

A resolución da Xunta de Goberno seralle notificada ao expedientado no prazo de dez días naturais. A resolución deberá estar convenientemente motivada e especificará os recursos que se poidan propor contra ela e ante que organismos.

Artigo 72. Duración do procedemento disciplinario

Desde a data de comunicación ao interesado da incoación do expediente disciplinario ata a data da resolución da Xunta de Goberno non poden transcorrer máis de seis meses, salvo que a tramitación sexa interrompida por circunstancias excepcionais ou para a realización dalgunha proba. Neste caso o instrutor acordará a suspensión do prazo e farao constar así no expediente.

Artigo 73. Normativa de aplicación ós procedementos disciplinarios

Para todo o non regulado nestes estatutos no que respecta ao exercicio da potestade sancionadora e ao procedemento disciplinario serán de aplicación a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, que aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora das administracións públicas.

Artigo 74. Expedientes disciplinarios a membros da Xunta de Goberno

Cando a persoa afectada polo expediente sexa un membro da Xunta de Goberno do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, as funcións disciplinarias recaerán no Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos.

Neste caso, o afectado quedará en excedencia durante a tramitación do expediente e será baixa da Xunta de Goberno se é sancionado por falta grave ou moi grave.

Artigo 75. Recursos en materia disciplinaria

Contra a resolución que poña fin ao expediente poderá o interesado, no prazo dun mes, interpor recurso de alzada ante o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos. Se o recurso se presenta no Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, este, no prazo de dez días hábiles, remitirao en unión do expediente instruído e dun informe ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos.

Contra as resolucións dos recursos de alzada poderán os interesados interpor recurso contencioso-administrativo.

As sancións disciplinarias, unha vez firmes en vía administrativa, serán executadas pola Xunta de Goberno nos propios termos da resolución que acorde a súa imposición. Non obstante, a Xunta de Goberno do Colexio poderá acordar, de oficio ou por instancia de parte, cando se acredite a interposición pertinente do recurso contencioso-administrativo, a suspensión da execución mentres se tramite, sen prexuízo do dereito do interesado a solicitar tal suspensión no ámbito do propio recurso contencioso-administrativo. En todo caso, cando a sanción consista na suspensión no exercicio profesional, a execución quedará en suspenso ata que a sanción resulte definitivamente firme.

Título X
Distincións e premios

Artigo 76. Distincións e premios

As distincións do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra recolleranse no correspondente regulamento de réxime interno do Colexio.

1. Insignia de prata aos 25 anos de colexiación.

2. Insignia de ouro aos 50 anos de colexiación.

3. Medalla de ouro ao Mérito Colexial.

4. Colexiado de Honra.

Correspóndelle á Xunta de Goberno outorgar as distincións do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, así como a creación de novas distincións e premios.

Título XI
Réxime xurídico dos actos do Colexio e modificación dos estatutos

Artigo 77. Réxime xurídico dos actos e acordos do Colexio

O Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, como corporación de dereito público, está suxeito ao dereito administrativo tanto no relativo á constitución dos seus órganos de goberno como aos actos e acordos que adopten.

As cuestións de carácter civil ou penal e aquelas que se refiran ás relacións co persoal dependente do Colexio atribuiranse, respectivamente, á xurisdición civil, penal ou laboral.

Contra as resolucións dos órganos de goberno e actos de trámite que determinen a imposibilidade de continuar o procedemento ou produzan indefensión poderá o interesado, no prazo dun mes, interpor recurso de alzada ante o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos. Se o recurso se presenta no Colexio, este, no prazo de dez días hábiles, remitirao en unión do expediente instruído e do informe ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos.

Contra as resolucións ditadas polo Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos poderán os interesados interpor recurso contencioso-administrativo.

No suposto de actos e resolucións ditadas en exercicio de competencias administrativas delegadas, observaranse os termos da propia delegación en canto ao órgano competente para coñecer, de ser o caso, o recurso correspondente.

Artigo 78. Modificación dos estatutos colexiais

Por proposta da Xunta de Goberno ou de máis da metade dos colexiados poderá procederse á modificación destes estatutos, que exixirá acordo da Asemblea Xeral.

En todo caso, para proceder á modificación terán que cumprirse os seguintes trámites:

1. Información a todos os colexiados do texto dos estatutos coas modificacións propostas, tanto por correo electrónico como na web colexial, cunha antelación mínima dun mes á celebración da asemblea xeral extraordinaria convocada para sometelos a aprobación. Os colexiados poderán presentar alegacións ás modificacións propostas ata dez (10) días naturais antes da celebración da asemblea.

2. Acordo da Asemblea Xeral convocada en reunión extraordinaria para estudar as modificacións propostas. Para a aprobación dos novos estatutos requirirase o voto favorable de dous terzos dos asistentes.

Se as modificacións propostas non son aprobadas pola Asemblea Xeral, seguirán sendo de aplicación os estatutos vixentes no momento da celebración da asemblea.

Título XII
Extinción do Colexio

Artigo 79. Disolución e liquidación do Colexio

A disolución do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra realizarase de acordo co disposto na lexislación vixente.

Serán causas de disolución e liquidación as seguintes:

1. A imposibilidade manifesta de procurar os fins do Colexio fixados nestes estatutos.

2. A paralización definitiva dos órganos de goberno do Colexio de forma que resulte imposible o seu funcionamento e reposición.

3. A fusión con outro ou outros colexios, cando así o acorden as tres cuartas partes dos colexiados en asemblea xeral extraordinaria convocada para o efecto.

En caso de disolución do Colexio, a súa xunta de goberno actuará como comisión liquidadora e someterá á Asemblea Xeral a proposta de destino dos bens sobrantes e a quen se adxudican, unha vez liquidadas as obrigas pendentes. A convocatoria da asemblea xeral extraordinaria farase cunha antelación mínima dun mes e os colexiados deberán dispor de toda a información sobre a proposta polo menos desde o día da convocatoria.

Disposición transitoria primeira. Actuacións en curso

Os expedientes que estean en curso e pendentes de resolución no momento da entrada en vigor destes estatutos continuarán a tramitación segundo as normas vixentes cando se iniciaron. Non obstante, se se trata dunha solicitude incompleta ou que non reúne os requisitos exixidos, e se procede á súa emenda ou mellora, aplicarase a normativa vixente no momento de se presentar a solicitude completa e acompañada de toda a documentación exixible.

Os recursos contra as resolucións que se diten nos expedientes a que se refire o número anterior tramitaranse de acordo coa normativa vixente no día que se interpoñan.

Disposición transitoria segunda. Cargos extinguidos da Xunta de Goberno

Os membros da Xunta de Goberno que no momento da entrada en vigor destes estatutos ocupen cargos extinguidos poderán continuar no desempeño das súas funcións durante todo o período do seu mandato ou ben poderán optar por cesar nos seus cargos. Neste último caso, o cargo quedará extinguido e non será cuberta a dita vacante por outro membro da Xunta de Goberno.