Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Venres, 23 de agosto de 2013 Páx. 33968

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2013 pola que se modifica a Resolución do 14 de maio de 2013 pola que se aproba o Plan de xestión do polbo (Octopus vulgaris) con nasa para a campaña 2013-2014.

Feitos.

En Galicia o ciclo vital do polbo é de aproximadamente dous anos. O principal período reprodutivo acontece en primavera e, como consecuencia disto, a época de recrutamento (individuos de ata 300 g de peso) é na primavera-verán do ano seguinte. A frota que traballa con nasa para polbo explota basicamente unha única cohorte anual.

Desde o ano 1992 na pesqueira do polbo en Galicia utilizouse, na maioría dos anos, a veda nos meses de maio e xuño, como unha medida técnica para protexer a reprodución da especie e contribuír a que a explotación fose máis sustentable. Polo tanto, co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie, considerarase razoable que cada campaña de pesca comece despois da veda e remate no inicio do período de veda seguinte.

Nos últimos tres anos produciuse unha redución progresiva da abundancia e das capturas de polbo en Galicia. Así, no ano 2010 capturáronse 3.211.840 kg cun valor total de 12.838.568 euros, no ano 2011 capturáronse 2.570.371 kg cun valor total de 16.351.273 euros e no ano 2012 capturáronse 1.804.162 kg cun valor total de 10.615.498 euros. Aínda que os estudos científicos recentes indican que a abundancia desta especie depende en gran medida das condicións ambientais que actúan sobre o recrutamento, o resultado económico das campañas pesqueiras pode ser mellorado se se deseñan plans de explotación con medidas técnicas axeitadas que ordenen a actividade da frota.

Para evitar que a caída da produción de polbo continúe nos próximos anos, é preciso incluír no Plan de xestión do polbo novas medidas técnicas que eviten tanto a sobrepesca da especie como a saturación dos mercados nos inicios de campaña, mellorando a rendibilidade da actividade pesqueira.

Para a elaboración do novo Plan de xestión do polbo recibíronse propostas da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores da Coruña, da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo e da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra.

Fundamentos técnicos e xurídicos.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, establece no artigo 6 que «A política da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia terá como obxectivos en relación coa conservación e a xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros, entre outros os de: 1. O establecemento e a regulación de medidas dirixidas á conservación, a xestión e a explotación responsable, racional e sustentable dos recursos mariños vivos (...)».

A arte da nasa de polbo vén regulada no capítulo IV, sección primeira, subsección cuarta, nos artigos 138, 139, 140 e 141 do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

En concreto, o artigo 141.2 establece que «A través dos plans de xestión aprobados pola consellería competente en materia de marisqueo estableceranse os períodos, zonas e condicións para o calamento de nasas pechadas». Así, pola Resolución do 28 de decembro de 2012 autorizouse o Plan de xestión do polbo ata o 15 de febreiro de 2013, plan que foi prorrogado ata o 30 de abril de 2013.

Polo anterior,

RESOLVO:

Autorizar o Plan de xestión do polbo (Octopus vulgaris) con nasa, baixo os seguintes termos e condicións.

Primeiro. Ámbito de aplicación

Augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia para todas as embarcacións con artes menores que teñan a modalidade de nasa para polbo no seu permiso de explotación e con porto base nesta comunidade, así como para aquelas que, tendo porto base noutras comunidades autónomas, teñan permisos especiais de pesca para pescar nas ditas augas.

Segundo. Vixencia do plan

A época autorizada abranguerá desde o 16 de maio de 2013 ata a data de inicio da veda do ano 2014, que será fixada polo correspondente plan de xestión, que se publicará antes do 15 de abril de 2014.

Terceiro. Período de veda

O período de veda para o ano 2013 queda establecido entre as 16.00 horas do 17 de maio e as 6.00 horas do 1 de xullo.

As capturas desembarcadas o 17 de maio poderán ser comercializadas tamén o 18 de maio naquelas lonxas en que tradicionalmente se viñesen realizando vendas de polbo os sábados.

Polo tanto, neste período queda expresamente prohibida a captura do polbo, por medio de calquera arte, en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia. As embarcacións dedicadas á captura de polbo con nasas deberán retirar estas do seu calamento e levalas ao porto. O período de veda será, así mesmo, aplicable á pesca marítima de recreo.

Cuarto. Especies

A especie de captura obxecto deste plan será o polbo (Octopus vulgaris). As demais especies acompañantes terán que cumprir cos tamaños mínimos exixidos, non estar en veda e cumprir coas disposicións legais que lles sexan de aplicación.

O peso das especies acompañantes non poderá superar o 10 % do peso das capturas totais autorizadas para cada embarcación e día. Desta limitación quedan excluídos os peixes.

Quinto. Peso mínimo de captura

Un (1) kg/peza; no caso de eviscerarse a bordo, ao chegar ao porto os exemplares non deberán ser de peso inferior ao establecido.

Sexto. Número de nasas

O número máximo de nasas permitido para a captura de polbo é o establecido no artigo 139 do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro.

Sétimo. Cotas máximas diarias de captura e desembarco

Desde o 1 de xullo ata o 31 de outubro a cota máxima será de 30 kg por barco e día, ao cal se lle engadirán 30 kg/día por cada tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 210 kg/día.

No que resta de campaña a cota máxima será de 50 kg por embarcación e día, ao cal se lle engadirán 50 kg/día por cada tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 350 kg/día.

Oitavo. Horario de traballo das embarcacións con nasa para polbo

A actividade iniciarase ás 6.00 horas e finalizará ás 16.00 horas.

Enténdese por inicio da actividade o momento da saída do porto.

Fóra dos horarios establecidos non se poderá realizar no mar ningún tipo de actividade coas nasas para polbo.

O descanso semanal desenvolverase desde as 16.00 horas do venres ata as 6.00 horas do luns.

Noveno. Réxime de calamento das nasas

A captura do polbo con nasa pechada, coas dimensións previstas para a nasa de nécora, farase por fóra das rías, segundo as liñas definidas como anexo I no Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, salvo no período comprendido entre o 1 de outubro e o inicio do período de veda anual, no cal poderán utilizarse por fóra das liñas de referencia sinaladas como anexo V no Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro.

Ademais disto:

– De cabo Silleiro a Corrubedo: entre o anexo V e o anexo I, as nasas terán que levantarse do seu calamento e levarse a porto todos os días. Por fóra das liñas definidas no anexo I, e en fondos inferiores aos 25 metros (segundo a sonda establecida nas cartas do Instituto Hidrográfico da Mariña) e para a totalidade da cacea, as nasas deberán levantarse do seu calamento e levarse a porto todos os días. E por fóra das liñas definidas no anexo I, e en fondos superiores aos 25 metros (segundo a sonda establecida nas cartas do Instituto Hidrográfico da Mariña) e para a totalidade da cacea, as nasas poderán permanecer no seu calamento de luns a venres sen seren levadas a porto.

– No resto do litoral galego: as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto, incluso durante o período de descanso semanal.

Co fin de compensar o esforzo pesqueiro entre as zonas con distinto réxime de calamento das nasas, naquelas zonas onde estas poidan quedar caladas durante a fin de semana, da Guarda a cabo Silleiro e de Corrubedo ao río Eo, ao período de veda establecido de xeito xeral para o ano 2014 engadirase un período de inactividade equivalente ao 50 % dos días totais da veda xeral.

Antes de que a embarcación se despache para unha nova modalidade de pesca, deberá levantar e levar a terra todas as nasas segundo as condicións establecidas no punto 8.

A consellería competente na materia poderá autorizar o mantemento das artes ou aparellos calados fóra do horario de traballo establecido e/ou do descanso obrigatorio semanal, naqueles casos en que as condicións meteorolóxicas sexan desfavorables, ou por acontecemento sobrevido por causa de forza maior debidamente xustificada, tras a comunicación por parte do armador/a ou patrón/a ao Servizo de Gardacostas ao número de fax 981 54 40 31 ou ben ao correo electrónico: pesca.sala.operacions@xunta.es. Este explicará os motivos e indicará o número de pezas ou caceas, así como a situación destas, expresadas en latitude e lonxitude ou, de ser o caso, indicará da maneira máis exacta posible a situación xeográfica da zona onde se atopen.

Décimo. Balizamento

Os extremos ou cabeceiras de cada unha das caceas que se manteñan caladas deberán ser balizados e identificarse axeitadamente indicando de forma clara e visible a matrícula e o folio da embarcación, así como a letra «N».

A partir do remate da veda deste ano todas as nasas deberán levar visible un precinto codificado e seriado entregado pola consellería competente en materia de pesca. A consellería ditará as instrucións precisas para a colocación e control destes precintos antes da fin da veda do polbo.

Décimo primeiro. Puntos de descarga, control e venda

Soamente se poderá descargar polbo nos portos autorizados para iso pola Consellería do Medio Rural e do Mar por proposta das federacións provinciais de confrarías de pescadores.

En cada un dos portos autorizados establecerase un punto principal de descarga do polbo para facilitar os labores de control das capturas; estes puntos de descarga estarán o máis próximos posible á lonxa de comercialización do polbo. Para cada punto de descarga estableceranse previamente os horarios correspondentes.

A lista de portos autorizados, dos puntos de descarga e dos seus horarios farase pública mediante resolución da Secretaría Xeral do Mar.

Naqueles puntos de descarga en que se considere necesario, por causa de condicións meteorolóxicas adversas, poderase establecer un punto de descarga secundario. En ningún caso poderán simultanearse ambos os puntos.

Cando por circunstancias imprevistas sexa necesario realizar a descarga fóra dos horarios previstos, será obrigatorio comunicalo ao Servizo de Gardacostas ao número de fax 981 54 40 31 ou ben ao correo electrónico pesca.sala.operacións@xunta.es

Queda prohibida a descarga de polbo fóra dos portos autorizados e, nestes, fóra dos puntos de descarga fixados ou en horarios distintos aos establecidos.

Naqueles portos autorizados onde exista lonxa, unha vez feita a descarga do polbo nos puntos autorizados para iso, deberá trasladarse obrigatoriamente a esta sen que se poida levar ou manter noutro tipo de instalacións con anterioridade á súa poxa, incluídas as vendedorías e os vehículos. De non efectuarse a primeira venda nesa lonxa e se se transporta cara a outra, o produto deberá ir acompañado do correspondente documento de transporte ata que se efectúe a súa primeira venda.

Naqueles portos autorizados en que non exista lonxa, deberá cubrirse o documento de transporte con destino a unha lonxa ou centro autorizado de primeira venda.

Décimo segundo. Programa de seguimento e control

A Subdirección Xeral de Gardacostas coordinará os labores de control específicos deste plan de xestión, en colaboración cos gardapescas das confrarías e os servizos contratados para o efecto.

1. A Consellería do Medio Rural e do Mar, en colaboración coas federacións de confrarías de pescadores, reforzará os servizos de control en terra con persoal contratado para o efecto.

2. No mar os labores de control serán desenvolvidos cos seus propios medios polo Servizo de Gardacostas en colaboración cos gardapescas das confrarías que dispoñan de medios marítimos.

3. Para o control das descargas en terra contarase con persoal de gardacostas, gardapescas das confrarías, gardapeiraos de Portos de Galicia e persoal propio das autoridades portuarias.

4. O Servizo de Gardacostas, dentro do programa de control deste plan, tamén desenvolverá actuacións nas instalacións frigoríficas, de transformación ou comercialización onde se almacene, transforme e comercialice polbo.

5. O Servizo de Gardacostas, antes do final da veda, elaborará un programa de control en coordinación coas federacións de confrarías.

6. Durante o período de vixencia do plan, os gardacostas destinados ao control deste poderán acceder á información proporcionada polos plotters das embarcacións, as facturas da carnada e calquera outra información considerada relevante relacionada con este plan, sempre de xeito motivado e coa autorización do subdirector xeral de Gardacostas ou coordinador do Plan de xestión.

7. O Servizo de Gardacostas nomeará un coordinador do Plan de xestión do polbo con nasa.

Este programa de seguimento e control entrará en vigor ao remate da veda deste ano.

Despachos telemáticos.

As embarcacións que opten por desenvolver a actividade entre A Guarda e cabo Silleiro deberán rexistrar a actividade no punto de adhesión ao plan de xestión: [«Plan de xestión polbo-nasa 2013-2014 (Zona Silleiro-A Guarda)»].

As embarcacións que opten por desenvolver a actividade pesqueira entre cabo Silleiro e Corrubedo deberán rexistrar a dita actividade no punto de adhesión ao plan de explotación: [«Plan de xestión polbo-nasa 2013-2014 (Zona Corrubedo-Silleiro)»].

As embarcacións que opten por desenvolver a actividade pesqueira entre Corrubedo cara ao norte, ata o río Eo, deberán rexistrar a dita actividade no punto de adhesión ao plan de explotación: [«Plan de xestión polbo-nasa 2013-2014 (Zona río Eo-Corrubedo)»].

En todo caso:

• Os despachos serán específicos para cada zona.

• Cando cambien de zona, o despacho deberá efectuarse o luns e terá unha duración mínima dunha semana.

• No caso de que as condicións meteorolóxicas impidan manter a actividade na zona solicitada ao longo de toda a semana, logo de comunicación xenérica por parte da confraría cunha antelación mínima de 18 horas, permitirase o cambio de despacho. Neste caso, para que as nasas poidan permanecer caladas a fin de semana nas zonas autorizadas para iso (Zona Silleiro-A Guarda e Zona río Eo-Corrubedo) será necesario que a embarcación estivese despachada para esa zona polo menos 3 días desa semana.

Mostraxes.

Durante o período de vixencia do plan, técnicos da consellería poderán realizar en calquera das embarcacións participantes mostraxes para control, seguimento e avaliación do plan; os armadores deben colaborar de tal xeito que se permita acadar os obxectivos propostos. A falta de colaboración neste eido ocasionará a baixa definitiva do plan.

Décimo terceiro. Comisión de seguimento

Créase a comisión de seguimento do Plan de xestión do polbo, que se reunirá cunha periodicidade mínima trimestral e estará composta por:

– O subdirector xeral de Gardacostas, que será o seu presidente.

– O subdirector xeral de Pesca e Mercados da Pesca.

– O xefe do Servizo de Pesca, que será o seu secretario.

– O presidente da Federación Galega de Confrarías ou persoa en quen delegue.

– O presidente da Federación de Confrarías de Pescadores da Coruña ou persoa en quen delegue.

– O presidente da Federación de Confrarías de Pescadores de Lugo ou persoa en quen delegue.

– O presidente da Federación de Confrarías de Pescadores de Pontevedra ou persoa en quen delegue.

– O coordinador do Plan de xestión do polbo con nasa.

Décimo cuarto. Extracción e comercialización

O exercicio da actividade extractiva e comercial establecida neste plan está sometida ao estrito cumprimento da normativa vixente en materia de extracción e comercialización de produtos da pesca fresca.

Décimo quinto. Infraccións e sancións

O incumprimento das condicións establecidas neste plan poderá ser sancionado segundo o establecido na Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro.

Contra esta Resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2013

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar