Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Luns, 19 de agosto de 2013 Páx. 33284

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2013 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape ás empresas do sector téxtil-moda-confección para a realización de actuacións e estratexias de promoción e internacionalización en desenvolvemento do Plan Estratéxico do Téxtil, Visión 2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 28 de maio de 2013, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape ás empresas do sector téxtil-moda-confección para a realización de actuacións e estratexias de promoción e internacionalización en desenvolvemento do Plan Estratéxico do Téxtil, Visión 2020, facultando ao director xeral a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape ás empresas do sector téxtil-moda-confección para a realización de actuacións e estratexias de promoción e internacionalización en desenvolvemento do Plan Estratéxico do Téxtil, Visión 2020, e convocar para o exercicio 2013 as ditas axudas en réxime de concorrencia competitiva.

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o día final do prazo coincidise en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, posporase ao día hábil seguinte.

Terceiro. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias e polos seguintes importes:

Partida orzamentaria

Orzamento 2013

08.A1.741A.7708

500.000 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, previa declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. O prazo de execución dos proxectos non poderá superar o 31 de outubro do exercicio correspondente á anualidade establecida na resolución de concesión. Os beneficiarios deberán presentar a solicitude de cobramento no prazo improrrogable dun mes desde o día seguinte á devandita data (no caso de que coincida en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, posporase ao día hábil seguinte).

Quinto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2013

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Igape ás empresas do sector
téxtil-moda-confección para a realización de actuacións e estratexias de
promoción e internacionalización en desenvolvemento do Plan Estratéxico do Téxtil, Visión 2020

A industria do sector téxtil-moda-confección, afectada por unha intensa deslocalización, está a sufrir un proceso de transformación para adaptar as súas tradicionais estruturas ás novas exixencias mundiais, co fin de acometer os importantes retos de competitividade que ten que afrontar, apostando por estratexias baseadas, principalmente, en factores tales como o deseño, a innovación, o control de calidade, o apoio á imaxe de marca, a cooperación, o uso das novas tecnoloxías e a loxística, que achegan valor engadido con respecto aos seus competidores no ámbito internacional e facilitan o abandono, con carácter gradual, da idea de competir tan só en produción manufactureira.

Tendo en conta que as actuais circunstancias do mercado inflúen, sen dúbida ningunha, na evolución deste sector en Galicia, xa maduro e tradicional, faise necesario camiñar cara a un modelo onde a integración das actividades comerciais no conxunto das funcións da empresa, a elección da canle de distribución axeitada, o nome propio, a busca de novos segmentos de mercado e de novos produtos, ademais da capacidade de rápida adaptación e resposta ás necesidades e requirimentos do consumidor, lle permitirá xerar ás empresas de confección galegas a dimensión e capacidade necesarias para operar nos mercados, incidindo, pola súa vez, na creación dun sector innovador, produtivo, diversificado, competitivo e internacionalizado.

Neste sentido, estas bases enmárcanse no Plan Estratéxico do Téxtil. Visión 2020. O plan ten como obxectivo fundamental acadar que o sector téxtil-confecciónmoda de Galicia evolucione a un sector que se caracterice por:

– Estar integrado por empresas competitivas independentemente da súa dimensión.

– Ser un sector no que convivan grandes empresas con pemes que, a través da cooperación, poidan acceder ás mesmas vantaxes competitivas que as empresas de maior dimensión.

– Ter capacidade para xerar novas empresas en áreas de alto valor engadido relacionadas co negocio da industria da moda e o vestiario.

– Ser xerador de novos empregos de maior cualificación.

– Ter proxección internacional.

– Estar identificado cos valores do territorio.

– Ser un sector que busca sinerxías con outros sectores como o TIC, o loxístico e determinados servizos para fortalecer e ampliar a súa cadea de valor.

– Ser un sector que transcende das fronteiras de Galicia e se complementa no espazo da eurorrexión que achega a potencialidade suficiente para conseguir vantaxes competitivas a nivel internacional.

– Ser un sector aglutinador de coñecemento.

A convocatoria desta liña de axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

As axudas reguladas nesta base, outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio

Co obxectivo de incentivar o desenvolvemento de actuacións e as estratexias de difusión, promoción e acceso a mercados, xeradoras de vantaxes competitivas que incidan na proxección e posicionamento das empresas galegas do sector téxtil-moda-confección nos mercados externos a Galicia, tanto estatais coma internacionais, o Igape, poderá conceder subvencións a fondo perdido aos seguintes tipos de actuacións:

1.1. Actuacións de difusión:

a) Actuacións de difusión e divulgación con fins promocionais realizados a través de campañas ou insercións en prensa, revistas, internet e valos publicitarios, sempre que a súa difusión se realice fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Actuacións de difusión e divulgación con fins promocionais realizadas a través da elaboración de material promocional como catálogos, contidos audiovisuais, folletos e similares, en calquera soporte, que conteñan información da empresa beneficiaria e que contribúan á divulgación e coñecemento dos seus produtos fóra do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

1.2. Actuacións de promoción:

a) Participación en feiras, desfiles, certames e outros eventos expositivos sectoriais de carácter profesional que teñan lugar fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Córners situados tanto no mercado nacional como internacional para favorecer a promoción a través de exposicións permanentes así como mellorar a presenza da marca nos puntos de venda e show-rooms sempre que estean no estranxeiro.

1.3. Actuacións de acceso a mercados:

Estratexia de penetración nos mercados externos a Galicia a través da expansión da marca.

Estratexia de penetración nos mercados internacionais a través de licenzas de marca orientadas ao acceso aos mercados internacionais así como a materialización dos acordos con terceiros.

Os solicitantes terán que ser os titulares ou licenciatarios das marcas que cumpran cos requisitos establecidos no artigo 4 das bases reguladoras.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

2.1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2.2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.3. As axudas recollidas nesta base incardínanse no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28 de decembro).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

3.1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra subvención pública para o mesmo proxecto.

3.2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

3.3. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais.

Artigo 4. Beneficiarios

4.1. Poderán ser beneficiarios, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas privadas pertencentes ao sector téxtilmodaconfección con domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia, xa sexan persoas físicas ou xurídicas que figuren dadas de alta nas agrupacións 43, 44 e/ou 45 do imposto de actividades económicas ou no grupo 613.

4.2. Os beneficiarios terán que dispor dun diagnóstico positivo do potencial de internacionalización da empresa realizado no exercicio da convocatoria ou nos 4 catro exercicios anteriores a través de programas de Igape ou Icex. Só son válidos para estes efectos os diagnósticos presenciais con visita á empresa do realizador do diagnóstico, non os realizados on-line.

4.3. Non poderán ter a condición de beneficiarios as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

4.4. Non poderán ter a condición de beneficiario as empresas que estivesen en crise. Para estes efectos, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as grandes empresas figura no punto 2.1 das directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (DOUE C 244/2, do 1 de outubro de 2004) e que para as pemes aparece no artigo 1.7º do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE 800/2008).

Artigo 5. Condicións dos conceptos subvencionables

5.1. Conceptos subvencionables:

5.1.1. Nas actuacións de difusión, previstas no punto 1.1 do artigo 1 anterior, terán a consideración de conceptos subvencionables todos os relativos ao deseño, a elaboración, a edición, a montaxe, a produción, a tradución, a impresión e, se é o caso, a inserción.

5.1.2. Nas actuacións de promoción, previstas no punto 1.2 do artigo 1. anterior, terán a consideración de conceptos subvencionables:

a) Nas actuacións tipo a): o aluguer de espazos e servizos; a construción, a montaxe e a decoración de postos; o transporte do material de exposición; a inscrición e o seguro obrigatorio; a inserción no catálogo da feira; o estilismo; a fotografía; os modelos; os traballos de gabinetes de comunicación específicos para o evento e, cando se trate de asistencia a feiras e eventos no estranxeiro, a contratación de intérpretes.

b) Nas actuacións tipo b): a construción, o amoblamento, a decoración e o deseño do espazo, así como os traballos de gabinetes de comunicación específicos para estas actuacións.

5.1.3. Nas actuacións de acceso a mercados, previstas no punto 1.3 do artigo 1 anterior, terán a consideración de conceptos subvencionables:

• Gastos de asesoramento xurídico e legal que deriven da elaboración do proxecto.

• Gastos incorridos en viaxes de prospección. Deberán estar realizados por directivos ou persoal da empresa ou por asesores externos e referidos unicamente a transporte público (só gastos de avión e tren) e/ou establecementos hoteleiros (só gastos de aloxamento e almorzo).

Polo que se refire a gastos de viaxe, establécense as seguintes cantidades máximas de subvención por persoa e viaxe:

• Para viaxes con destino España e Portugal: 500 €.

• Para viaxes con destino resto de Europa: 1.000 €.

• Para viaxes con destino fóra de Europa: 2.000 €.

O límite máximo total de subvención en concepto de gastos de viaxe é de 30.000 €.

5.2. Quedan expresamente excluídas do ámbito de aplicación destas bases os seguintes conceptos:

a) Os gastos do persoal habitual contratado pola empresa e calquera outro derivado da actividade habitual e corrente da empresa solicitante.

b) Os custos de mailings, convites, regalos promocionais e os relativos á realización de cócteles e actos análogos.

c) O Deseño, a creación e o aloxamento de páxinas web.

d) O imposto sobre o valor engadido (IVE).

e) Os gastos de actuacións realizadas ou dirixidas ao ámbito da Comunidade Autónoma galega.

f) Aqueles gastos que resulten de carácter xeneralista ou non estean expresamente referidos á actuación concreta que se propón para a subvención.

g) Os folletos e outro material que non estea dirixido estritamente a fins promocionais.

h) No que se refire á participación en feiras internacionais, non se apoiarán aquelas actuacións que coincidan coas actuacións proxectadas no marco do Plan de Fomento das Exportacións Galegas (Foexga) que desenvolve conxuntamente a Consellería de Economía e Industria e as cámaras de comercio, industria e navegación galegas.

i) Aqueles outros que non estean directamente vinculados coa realización da actuación subvencionable.

5.3. Os gastos e investimentos subvencionables serán os realizados dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión para os efectos de cumprir todas as condicións nela establecidas. O prazo de execución iniciarase o 1 de xaneiro do exercicio da convocatoria (polo que a solicitude de axuda poderá incluír accións que se leven a cabo a partir do 1 de xaneiro do exercicio da convocatoria) e rematará na data establecida na resolución de concesión de axuda, sen que nunca poida exceder do 31 de outubro do exercicio da convocatoria.

Tamén serán subvencionables aquelas actuacións do punto 1.2 do artigo 1 executadas no exercicio anterior ao da convocatoria, sempre que a data de execución sexa posterior ao 31 de outubro de 2012. Xustifícase esta retroactividade dado que a convocatoria destas axudas para o ano 2012 (Orde da Consellería de Economía e Industria do 29 de maio de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a empresas galegas do sector téxtil-moda-confección para a realización de actuacións e estratexias de promoción e internacionalización en desenvolvemento do Plan Estratéxico do Téxtil. Visión 2020. DOG núm. 110, do 11 de xuño), estableceu como data límite de execución o 31 de outubro de 2012.

Tamén serán subvencionables os gastos efectuados no ano 2012 exixidos en concepto de reserva para a participación en eventos expositivos realizados en 2013.

5.4. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que, polas súas especiais características, non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, o que deberá acreditar o solicitante ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse coa solicitude de axuda, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta economicamente máis vantaxosa. As ofertas deberán ter sinatura e selo orixinal do provedor. Para modificar o provedor seleccionado deberá pedir previamente á súa contratación autorización ao Igape e xustificar as razóns do cambio.

5.5. O investimento terá que manterse no centro de traballo en Galicia durante os 5 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto, prazo que poderá reducirse a 3 no caso de que o beneficiario cumpra os límites de pequena e mediana empresa e non se trate de bens inmobles. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante os períodos mencionados e non poderán o ser obxecto de subvención os bens que substitúen aos obsoletos.

5.6. Os investimentos deberán realizarse en bens novos ou de primeiro uso empresarial. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros polo beneficiario. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes do remate do prazo de execución do proxecto, e deberán constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

5.7. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, agás que concorran as seguintes circunstancias:

a) Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

b) Que se solicite e conceda a súa previa autorización (a solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xunto coa solicitude de subvención).

Admítese a subcontratación das actividades subvencionadas polos beneficiarios, sen límite respecto ao importe da actividade subvencionada, exixíndoselles aos beneficiarios o cumprimento das obrigas establecidas nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 43 do seu regulamento. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

5.8. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 6. Intensidade de axuda e criterios de avaliación e selección de proxectos

6.1. Para as actuacións incluídas nesta convocatoria a subvención máxima será de 120.000,00 € por beneficiario (incluídas as persoas físicas ou xurídicas vinculadas) e a intensidade de axuda estará determinada polo tamaño da empresa solicitante, segundo se indica a continuación:

• Microempresas: 60 %.

• Pequenas e medianas empresas: 50 %.

• Grandes empresas: 40 %.

Para a clasificación das empresas, segundo o seu tamaño, actuarase de acordo coa definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

6.2. Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:

a) Execución dunha actuación destas bases nos mercados internacionais, excluídas as actuacións de difusión (1.1 do artigo 1): 20 puntos; en caso de que sexa máis dunha actuación: 30 puntos.

b) Participación en feiras e outros eventos expositivos de carácter internacional que terán lugar no ámbito estatal (segundo o calendario de feiras internacionais publicado anualmente pola Secretaría de Estado de Comercio do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio): 10 puntos.

c) Ter asistido anualmente a algunha feira, desfile, certame ou outro evento expositivo internacional, excluídas as actuacións indicadas no punto anterior, durante os últimos 3 anos (2010, 2011 e 2012):10 puntos.

d) Esforzo de promoción realizado segundo o tamaño da empresa solicitante: de 5 a 20 puntos.

• Grandes empresas, 5 puntos.

• Medianas empresas, 10 puntos.

• Pequenas empresas, 15 puntos.

• Microempresas, 20 puntos.

Para a clasificación das empresas, segundo o seu tamaño, actuarase de acordo coa definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do devandito Regulamento 800/2008 (DOUE L 214, do 9 de agosto).

e) Unha certificación de calidade, excelencia ou ambiental, 2 puntos; máis dunha certificación, 5 puntos.

f) Acreditación dunha ou máis actuacións de responsabilidade social da empresa (RSE), 2 puntos.

h) Pertenza ao Clúster Galego Téxtil Moda, directamente ou a través dalgunha das asociacións integradas neste: 15 puntos.

i) Investimento subvencionable solicitado igual ou inferior a 80.000,00 €: 7 puntos.

j) A utilización da lingua galega nas relacións coa Administración: 1 punto.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

7.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

7.2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar, e á propia imaxe.

7.3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

A devandita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais á entidade colaboradora do Igape, á entidade financeira na que se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e ás demais cesións previstas na lei.

O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición respecto do contido dos rexistros antes citados, ante a Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, sito no complexo administrativo de San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, en aplicación do disposto no Decreto 132/2006.

7.4. A presentación da solicitude polo interesado comportaralle a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización, deberá, obrigatoriamente, presentar as certificacións coa solicitude.

7.5. No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de emisión do certificado telemático, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

7.6. A presentación da solicitude tamén autoriza o órgano xestor para acceder ao Sistema de verificación de datos de identidade, co fin de evitar a achega do DNI do solicitante ou do seu representante legal. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o DNI coa solicitude.

Artigo 8. Solicitudes

8.1. Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

8.2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade, de luns a venres, das 8.00 ás 15.00 horas. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo a internet.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

8.3. As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. Na instancia será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, concedéndolles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal se lles terá por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivo.

8.4. A instancia de solicitude deberá vir acompañada da seguinte documentación:

– No caso de que o solicitante sexa unha persoa xurídica: escritura ou documento xuridicamente válido de constitución e de nomeamento do representante legal e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.

– No caso que se solicite subvención para actuacións da letra c) do artigo 1: acreditación do rexistro da marca da empresa galega.

– Memoria de cada unha das actividades para as cales se solicita subvención, que incluirá, polo menos, a súa descrición e obxectivos.

– As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3º da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.4 das bases reguladoras. Calquera cambio na oferta seleccionada deberá contar coa autorización do Igape, segundo o disposto no citado artigo.

– Ademais disto e, se é o caso, para os efectos sinalados no artigo 6.2 destas bases, achegarase a seguinte documentación:

a) Copia compulsada das facturas e xustificantes de pagamento acreditativas de que a empresa solicitante asistiu anualmente a algunha feira, desfile, certame ou outro evento expositivo internacional, durante os últimos 3 anos (2010, 2011 e 2012).

b) Certificado expedido polo órgano competente de pertenza ao Clúster Galego Téxtil Moda ou a algunha asociación integrada nel.

c) Certificación que acredite a existencia na empresa de sistemas de calidade, excelencia ou ambientais, así como actuacións de responsabilidade social da empresa (RSE).

De acordo co disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b) e 60 da Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda realizaranse preferentemente mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase indicar que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado enderezo. Excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

A súa presentación seguirá o procedemento establecido no punto 8.5.

8.5. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través da instancia de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño de acceso dos cidadáns ao servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando a instancia de solicitude normalizada (anexo I) co IDE, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, acompañada da documentación establecida no artigo 8.5, en orixinal ou copia cotexada.

Para achegar, xunto coa instancia de solicitude, os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais e obter arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha soa persoa física. No caso de que deba ser asinada por máis dunha persoa (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada etc), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinada a instancia de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior, tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño).

8.6. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico: informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante. As modificacións da solicitude inicial deberán ser presentadas utilizando a aplicación informática para xerar un formulario modificado cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas aclaracións.

Artigo 9. Órganos competentes

A Área de Internacionalización «Galicia@World» será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica a competencia para ditar a resolución sobre o fondo da solicitude, que poña fin ao procedemento na vía administrativa.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

10.1. As solicitudes de axuda serán avaliadas polos servizos dos órganos instrutores, en función dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario e a documentación presentada e elaborará unha relación delas coa puntuación que lle corresponde a cada unha, en aplicación dos criterios de avaliación establecidos no artigo 6 destas bases.

10.2. No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

10.3. A proposta de resolución provisional das solicitudes puntuadas que cuantificará, se é o caso, as subvencións propostas e conterá unha lista de reserva, vixente ata a emisión da resolución definitiva, para cubrir posibles revogacións ou desistencias, publicarase na páxina web do Igape no enderezo: www.tramita.igape.es e no taboleiro de anuncios do Igape, no prazo máximo de 4 meses desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes.

10.4. A proposta seralles notificada individualmente a todos os interesados.

10.5. Os interesados poderán formular alegacións no prazo de dez días contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da devandita proposta de resolución provisional.

10.6. Unha vez analizadas as ditas alegacións, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, na que se reflectirá a contía da axuda concedida a cada solicitude.

10.7. A resolución definitiva será publicada na páxina web do Igape no enderezo: www.tramita.igape.es, e nos taboleiros de anuncios do Igape. Os interesados poderán descargar a súa notificación individual da parte da resolución que lles afecta no enderezo citado, introducindo o código indicado na notificación da proposta de resolución provisional.

Na resolución de concesión de axuda, farase constar o importe do concepto subvencionable que hai que xustificar, a contía e a porcentaxe da axuda concedida, o prazo máximo para executar o proxecto e o prazo máximo para presentar a xustificación ao Igape. Así mesmo, constará a obriga por parte do beneficiario de indicar en todo o labor de difusión, publicidade ou análogo da actividade subvencionada, a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape e pola Consellería de Economía e Industria. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

10.8. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da publicación da resolución definitiva sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nas bases reguladoras da axuda e nas demais disposicións legais e regulamentarias que sexan de aplicación. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992. No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

10.9. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses contados desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes, e nunca posterior ao 31 de decembro de 2013. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución

Unha vez recaída a resolución de concesión haberá que aterse ao establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións, admitíndose, dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, modificacións relativas ás datas de execución do proxecto, ás localizacións e variacións entre partidas de gasto.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

1. Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión.

No caso de subvención a investimentos, o beneficiario terá que mantelos na súa propiedade durante polo menos 5 anos desde finalización do prazo de execución do proxecto, ou 3 anos no caso de que o beneficiario sexa unha peme, agás que se trate de bens inmobles. Na súa virtude, a axuda concedida só será definitiva se a situación inicial tida en conta para a concesión non sofre unha modificación substancial que afecte a natureza do investimento, o cesamento da actividade ou aos postos de traballo. A axuda está condicionada ao respecto desas condicións e poderá ser obxecto dun procedemento de reintegro noutro caso.

2. Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

5. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

6. Darlle publicidade ao financiamento dos gastos que sexan obxecto de subvención, consistente na inclusión da imaxe institucional do Igape, a Consellería de Economía e Industria, así como lendas relativas ao financiamento público nas casetas, carteis, placas conmemorativas, materiais impresos que vaian ser obxecto de difusión alén do uso exclusivo do solicitante, medios electrónicos audiovisuais, convocatorias e difusión de eventos ou ben en mencións realizadas nos medios de comunicación, que teñan relación co proxecto subvencionado, sen prexuízo das normas sobre publicidade establecidas na normativa comunitaria que, de ser o caso, sexan de aplicación, así como as normas e instrucións contidas no manual de imaxe corporativa da Xunta de Galicia. Os logotipos poderanse descargar no enderezo da internet: http://www.igape.es

Para dar publicidade do financiamento atenderase ao establecido no Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia (DOG núm. 227, do 19 de novembro). Estas medidas están recollidas na Guía de Publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013, que pode consultarse na páxina web www.conselleriadefacenda.es.

a) No caso de que o evento xa tivese lugar cando se solicitou ou concedeu a axuda ou por non ser posible por outros motivos, a publicidade do financiamento deberase facer mediante constancia na páxina web do solicitante da existencia da subvención, consistente na mención expresa na web da acción obxecto da subvención.

b) No caso de campañas de publicidade, o solicitante poderá substituír a inserción dos logotipos anteriores nos anuncios pola constancia na web do solicitante da axuda da existencia da subvención, consistente na mención expresa na web da acción obxecto da subvención.

7. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

9. Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 14. Xustificación da subvención

14.1. O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento da subvención no prazo improrrogable dun mes desde a fin do prazo de execución establecido na resolución de concesión e nunca posteriormente ao 30 de novembro do exercicio correspondente á anualidade establecida na resolución de concesión (no caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo finalizará o día hábil seguinte), excepto no caso de presentación de recurso administrativo, en que a data límite se establecerá na resolución que o resolva.

14.2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet: http://tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa.

14.3. A solicitude de cobramento presentarase mediante a instancia normalizada que a título informativo figura como anexo II a estas bases, na cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

14.4. As solicitudes de cobramento deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través da instancia de solicitude de cobramento normalizada co IDEL (anexo II), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño,de acceso dos cidadáns ao servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes de cobramento en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando a instancia de solicitude de cobramento normalizada (anexo II) co IDEL, accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, acompañada da documentación establecida no artigo 15.6, en orixinal ou copia cotexada.

Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, o beneficiario deberá achegar coa solicitude de cobramento as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 15.6, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao beneficiario a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

14.5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase ao beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

14.6. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do gasto da actividade.

b) A documentación acreditativa do pagamento, por algún dos seguintes medios:

i) Xustificante de transferencia bancaria ou documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de execución do proxecto, así como o seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Os extractos bancarios a través da internet deberán ter estampado o selo orixinal da entidade financeira ou dispoñer dun código para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade financeira.

ii) Certificación bancaria orixinal conforme o pagamento ten sido realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como a data efectiva desta.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, selada e asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas no proxecto e, ademais algún dos seguintes documentos: relación emitida e selada polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibín orixinal asinado e selado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ao proxecto.

c) A copia en formato dixital -que permita a súa lectura-, de material onde se aprecien os contidos das actuacións realizadas e o cumprimento da obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 14.f) destas bases: insercións, folletos, catálogos, fotografías, proxectos, acordos e demais documentación.

14.7. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e no seu regulamento, para ser beneficiario da axuda.

14.8. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 15. Aboamento das axudas

15.1. O aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización total do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

15.2. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

Artigo 16. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

16.1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

16.2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

16.3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, polo que deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, de ser o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, de ser o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida.

Artigo 17. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 19. Comprobación de subvencións

19.1. O órgano concedente comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gasto será de 4 anos desde a súa presentación.

19.2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

19.3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Publicidade

20.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

20.2. De acordo co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarse no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións; non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

Artigo 21. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases, aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28 de decembro) e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, haberá que aterse ao disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

missing image file
missing image file
missing image file