Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Martes, 30 de xullo de 2013 Páx. 30295

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 11 de xullo de 2013, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada e o estudo de impacto ambiental para unha planta de produción de pezas por estampación mecánica e conxuntos metálicos por ensamblaxe, soldadura e pintado por electrodeposición, promovida por Gestamp Vigo, S.A., no concello do Porriño, Pontevedra (expediente 2013-IPPC-I-8).

Para os efectos previstos na Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE nº 157, do 2 de xullo) e no Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos (BOE nº 23, do 26 de xaneiro), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a seguinte documentación:

– «Proxecto básico e estudo de impacto ambiental para a solicitude da autorización ambiental integrada das instalacións de Gestamp Vigo, S.A. situadas no Porriño (Pontevedra).

– Anexo I: esbozo.

– Anexo II: mapas.

– Anexo III: fotografías.

– Anexo IV: estudio xeotécnico.

– Anexo V: informes mediciós ambientais.

– Anexo VI: proxectos.

– Anexo VII: instrucións ambientais Gestamp Vigo.

– Anexo VIII: informe de situación solo (IS) de Gestamp Vigo, S.A.

– Anexo IX: autorizacións Gestamp Vigo.

– Anexo X: documentos aceptación residuos.

– Anexo XI: certificados.

– Anexo XII: estudo de impacto e integración paisaxística de Gestamp Vigo, S.A.

– Anexo XIII: documentación entregada a EDAR Guillarei.

– Anexo XIV: habitats y humedales.

– Anexo XV: informe Red natura».

Co fin de que calquera interesado poida consultala e, de ser o caso, formular no dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes. Os citados documentos estarán á disposición dos administrados en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (r/ San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

– Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (r/ Fernández Ladreda, 43, 1º-4º, 36003 Pontevedra).

– Concello do Porriño (r/ Antonio Palacios, 1, 36400 O Porriño).

Ademais poderán consultalos na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2013

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I
Memoria resumo

Clave do expediente: 2013-IPPC-I-8.

Peticionario: Gestamp Vigo, SA.

Domicilio social: parcela 105-106 B do polígono industrial As Gándaras, no Porriño.

Localización da instalación: parcela 105-106 B do polígono industrial As Gándaras no Porriño.

Actividade: esta instalación dedícase desde hai anos á fabricación e mecanización de produtos siderometalúrxicos para a industria do automóbil, con especial dedicación á produción de pezas mediante estampación mecánica e conxuntos metálicos por ensamblaxe e soldadura. Con este proxecto preténdese incorporar o proceso de pintado por electrodeposición, actividade prevista no anexo I da Lei 16/2002, do 1 de xullo (categoría 10).

Descrición: para o desenvolvemento da súa actividade a planta conta coas seguintes liñas de proceso:

– Liñas láser: onde se soldan chapas de aceiro de diferentes espesores e/ou calidades.

– Liñas de estampación: onde se modifica a forma do aceiro. Realízase en frío.

– Células de ensamblaxe: onde se soldan entre si pezas obtidas en fases anteriores ou provenientes de provedores externos.

– Liña de pintura (cataforese) (nova): onde se realiza o tratamento das pezas que formarán parte da carrozaría do vehículo co obxecto de protexelas e facilitar o posterior pintado. Consta de túnel de tratamento (onde se realiza o predesengraxamento e desengraxamento das pezas, afinado, fosfatado e lavado con auga desmineralizada), cuba de cataforese (onde se realiza o pintado das pezas por electrodeposición catiónica) e forno de polimerización (forno de secado onde se produce a polimerización da pintura).

– Aplicación de másticos: para o selado dalgún dos compoñentes. Este proceso efectúase manualmente ou por medio de robots, en función da referencia coa que se está a traballar.

Verteduras: as augas sanitarias, xunto coas industriais, verteranse nun único punto de vertedura, o cal está canalizado ao colector do sistema de saneamento do río Louro (EDAR Guillarei). As augas pluviais recóllense nunha rede separativa e únense coas procedentes do separador de aceites nun único punto de vertedura final ao colector municipal do polígono. Actualmente a instalación posúe autorización para a vertedura das augas sanitarias.