Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Venres, 19 de xullo de 2013 Páx. 28865

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

ANUNCIO do 5 de xullo de 2013, da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, de venda ou alugamento dos locais de negocio propiedade deste instituto mediante poxa pública (expediente IGVS02-13).

O acto público da celebración da poxa pública terá lugar perante a Mesa de Contratación constituída en cada área provincial do IGVS, ás dez (10.00) horas da data que será anunciada, con sete días hábiles de antelación ao da súa realización, no perfil do contratante.

1. Entidade adxudicadora.

Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

2. Obxecto da poxa.

Descrición do obxecto: licitación, mediante poxa pública, para a venda ou alugamento dos locais de negocio propiedade do IGVS que figuran no anexo IV do prego de cláusulas administrativas.

3. Orzamento base de poxa.

O prezo fixado, excluído o IVE, que como mínimo terán que propoñer os interesados na venda ou no alugamento para cada local de negocio é o determinado na relación que figura no anexo IV do prego de cláusulas administrativas.

4. Garantías.

Provisional: 3 % do tipo de licitación fixado para o local de negocio que soliciten.

Definitiva: 5 % do importe de adxudicación, excluído o IVE.

5. Obtención de documentación.

Os pregos de condicións que rexen esta poxa poderán recollerse durante o prazo de presentación de proposicións no Servizo de Contratación na sede central do Instituto Galego da Vivenda e Solo (polígono das Fontiñas, Área Central, s/n, Santiago de Compostela), e consultarse na páxina da internet:

http://www.contratosdegalicia.es/resultado.jsp?N=19222

Tamén no perfil do contratante:

http://igvs.xunta.es/web/igvs/329

6. Presentación das ofertas.

As proposicións, que se axustarán ao modelo que se inclúe no correspondente prego de cláusulas administrativas particulares, presentaranse no Rexistro Xeral da Xefatura Provincial do IGVS en que estean radicados os locais de negocio ou no Rexistro Xeral da sede central do IGVS (polígono das Fontiñas, Área Central, s/n, Santiago de Compostela). O prazo será de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio da poxa pública dos locais de negocio no Diario Oficial de Galicia.

De coincidir o referido día en sábado ou festivo, o prazo para a presentación de proposicións rematará o primeiro día hábil seguinte.

Cando a proposición se envíe por correo, o licitador deberá xustificar a data de imposición do envío na oficina de Correos e anunciarlle ao órgano de contratación a remisión da dita oferta mediante telegrama, fax ou burofax (981 54 16 00) no mesmo día.

7. Gasto do anuncio.

O importe do anuncio será por conta dos adxudicatarios proporcionalmente.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2013

Teresa María Gutiérrez López
Directora xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo