Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 15 de xullo de 2013 Páx. 28055

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2013, da Dirección Xeral de Emprego e Formación, pola que se realiza a convocatoria pública do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia da familia profesional de fabricación mecánica do Catálogo nacional de cualificacións profesionais, no marco do proxecto para a industria auxiliar da construción naval en Galicia FEAG-Empreganav.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, establece que un dos fins do Sistema nacional de cualificacións e formación profesional é avaliar e acreditar oficialmente a cualificación profesional, calquera que for a forma da súa adquisición, e que o procedemento de avaliación e acreditación das competencias profesionais é un dos instrumentos e accións do Sistema nacional de cualificacións e formación profesional.

No Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro (modificado polo RD 189/2013, do 18 de xaneiro), polo que se regulan os certificados de profesionalidade, no artigo 15.2, establécese que as administracións públicas competentes en materia laboral lle garantirán á poboación activa a posibilidade de acceder ao recoñecemento das súas competencias profesionais.

O Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral, establece o procedemento e os requisitos para a avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación.

No seu artigo 10.5 establece que as organizacións sindicais e empresariais máis representativas, en cada ámbito territorial, poderán solicitarlle á Administración xeral do Estado, ou á Administración competente en cada comunidade autónoma, a realización de convocatorias específicas para dar resposta ás necesidades de determinadas empresas, sectores profesionais e produtivos, como as de colectivos con especiais dificultades de inserción e/ou integración laboral.

No marco do diálogo social en Galicia entre os axentes sociais e a Xunta de Galicia acordouse que o proxecto FEAG-Empreganav sexa xestionado de forma conxunta pola Xunta de Galicia en colaboración cos axentes sociais participantes na Mesa Sectorial do Sector Naval do Diálogo Social en Galicia: a Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia-Asime, a Federación de Industria de CC.OO. Galicia e a Federación de Industria, Metal, Construción e Afíns de UGT, MCA–UGT; e articulouse esta colaboración mediante un convenio de colaboración entre estas organizacións, a Fundación Galega do Metal-Formega e a Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Traballo e de Economía Social, á cal lle corresponde a dirección e coordinación das competencias da Comunidade Autónoma en materia laboral (como é o caso dos expedientes de regulación de emprego), e da Dirección Xeral de Emprego e Formación, á cal lle compete o desenvolvemento das funcións en materia de formación para o emprego, as cualificacións profesionais e a intermediación no mercado de traballo, a colocación e a orientación laboral.

O sector naval e a súa industria auxiliar é un dos sectores con maior importancia en Galicia, en termos de produción e emprego, pero, debido á globalización, a produción viuse desviada cara a outros países, o cal produciu un descenso notable no volume de traballo en Galicia, coa conseguinte perda dun gran número de empregos. Por iso se deseñou e impulsou o proxecto Emgreganav, co apoio financeiro da Xunta de Galicia e do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización-FEAG, do que serán beneficiarias as persoas desempregadas provenientes de empresas de Galicia do CNAE 25: fabricación de produtos metálicos, excepto maquinaria e equipamento, cuxo despedimento fose motivado por causas obxectivas entre o 23 de marzo e o 23 de decembro de 2011.

Este proxecto FEAG-Empreganav prevé a realización de distintas accións para a procura da inserción laboral das persoas beneficiarias del, entre as cales está o dispositivo de acreditación e certificación das competencias profesionais.

O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, atribúelle á Dirección Xeral de Emprego e Formación o desenvolvemento das funcións en materia de formación para o emprego, as cualificacións e a intermediación no mercado de traballo, a colocación e a orientación laboral. Dentro desta, atribúelle ao Instituto Galego de Cualificacións, creado polo Decreto 93/1999, do 8 de abril, entre outras, a seguinte función: coordinación, xestión e desenvolvemento do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais nas diferentes cualificacións profesionais que compoñen o Catálogo nacional das cualificacións profesionais.

Esta convocatoria terá en conta os principios que rexen o procedemento de avaliación e acreditación: o respecto dos dereitos individuais, a fiabilidade, a validez, a obxectividade, a participación, a calidade e a coordinación.

Así mesmo, terá en conta o principio de igualdade de trato entre mulleres e homes polo que se refire ao acceso ao emprego, de acordo co artigo 14 da Constitución española; a Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo; a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia; e a Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

Esta Dirección Xeral de Emprego e Formación

RESOLVE:

Convocar o procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia da familia profesional de fabricación mecánica do Catálogo nacional de cualificacións profesionais, no marco do proxecto da industria auxiliar da construción naval en Galicia FEAG-Empreganav.

Bases da convocatoria

Primeira. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta resolución ten por obxecto convocar, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o procedemento para a avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación para os profesionais da industria auxiliar do naval beneficiarios do proxecto FEAG-Empreganav, para un total de 212 prazas nas unidades de competencia das cualificacións profesionais de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial (FME351_2) e soldadura (FME035_2), segundo o disposto no Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral.

Segunda. Xestión do procedemento

Segundo o artigo 2 do Decreto 93/1999, do 8 de abril, polo que se crea e regula o Instituto Galego das Cualificacións, e o artigo 20 do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, e de conformidade cos acordos asinados na Mesa Xeral do Diálogo Social en Galicia o 30 de xuño de 2010, o Instituto Galego das Cualificacións será o órgano técnico encargado de levar a cabo a xestión e as accións adecuadas co fin de desenvolver e executar o procedemento obxecto desta convocatoria, con suxeición ao Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral.

Terceira. Convocatoria do procedemento de recoñecemento da competencia profesional

1. As unidades de competencia convocadas pola Consellería de Traballo e Benestar son as recollidas no anexo I desta resolución. Neste anexo recóllese a relación de unidades de competencia das cualificacións profesionais convocadas, con indicación dos títulos de formación profesional e/ou certificados de profesionalidade nos cales se inclúen e do número de persoas candidatas a avaliar nesta convocatoria para cada unha delas.

2. Os centros que serán sede do procedemento son os establecidos no anexo II. A fase de asesoramento, así como a fase de avaliación, poderanse desenvolver en centros de traballo ou noutras instalacións, o cal se lles comunicará ás persoas candidatas coa suficiente antelación.

Cuarta. Puntos de información

1. A Consellería de Traballo e Benestar garantirá un servizo aberto e permanente que lles facilite información e orientación a todas as persoas que o soliciten.

2. Nesta convocatoria, a información e orientación necesaria para aquelas persoas que queiran participar no procedemento será facilitada nos seguintes sitios:

• Nas oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia.

• Nas xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.

• Nos centros propios de formación profesional ocupacional e centros integrados da Consellería de Traballo e Benestar.

• Na Fundación Galega da Formación para o Traballo.

• No Instituto Galego das Cualificacións.

3. En cada punto de información existirá polo menos un/unha profesional (orientador/a ou técnico de formación/emprego) designado pola Consellería de Traballo e Benestar para o desenvolvemento destas funcións.

4. Todas as persoas interesadas na obtención de acreditacións de unidades de competencia poderanse dirixir aos servizos de información e orientación para solicitar información xeral. Ademais, daráselles información sobre a documentación que deberán presentar, os requisitos de acceso e as datas e os lugares onde presentala.

5. Esta información e orientación ten como finalidade facilitar que as persoas poidan tomar unha decisión fundamentada sobre a súa participación no procedemento.

Quinta. Requisitos de participación no procedemento

1. Os profesionais da industria auxiliar do naval beneficiarios do proxecto FEAG-Empreganav: as persoas desempregadas provenientes de empresas de Galicia do CNAE 25: fabricación de produtos metálicos, excepto maquinaria e equipamento, cuxo despedimento fose motivado por causas obxectivas entre o 23 de marzo e o 23 de decembro de 2011, que desexen participar no procedemento deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española; encontrarse incluído, como residente comunitario ou familiar deste, no ámbito de aplicación do Real decreto 240/2007, do 16 de febreiro, sobre entrada, libre circulación e residencia en España de cidadáns da UE; ou ser titular dunha autorización de residencia en España en vigor.

b) Ter 20 anos cumpridos no momento de realizar a inscrición.

c) Ter experiencia laboral e/ou formación non formal relacionada coas competencias profesionais que se queren acreditar:

c.1) No caso de experiencia laboral: para as unidades de competencia das cualificacións de nivel 2 e 3, xustificar polo menos 3 anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total nos últimos 10 anos, transcorridos antes de realizarse a convocatoria.

c.2) No caso de formación non formal: para as unidades de competencia das cualificacións de nivel 2 e 3, xustificar polo menos 300 horas nos últimos 10 anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria. Naqueles módulos formativos asociados á unidade de competencia que se pretende acreditar que consideren unha duración inferior, deberanse acreditar as horas establecidas nestes.

d) Non estar matriculados e/ou cursando simultaneamente un curso de formación profesional inicial (ordinario ou modular) ou para o emprego conducente á acreditación das unidades de competencia nas cales soliciten a súa inscrición ou non estar inscrito noutro procedemento de recoñecemento da experiencia profesional, levado a cabo por calquera outra Administración ou organismo público, conducente á acreditación das unidades de competencia nas cales soliciten a súa inscrición. Tampouco poderán ter completado un curso de formación profesional inicial ou de formación para o emprego polo que teñan dereito á acreditación directa das mesmas unidades de competencia ou equivalentes ás que agora se convocan.

2. As persoas candidatas, maiores de 25 anos, que reúnan os requisitos de experiencia laboral ou de formación indicados no punto anterior, e que non os poidan xustificar mediante os documentos sinalados na base 7 desta resolución, poderán solicitar a súa inscrición provisional no procedemento. Deberán presentar xustificación mediante algunha proba admitida en dereito da súa experiencia laboral ou aprendizaxes non formais de formación. O Instituto Galego das Cualificacións estudará estes casos e decidirán sobre a procedencia ou non da participación da persoa candidata no procedemento.

Sexta. Solicitude e documentación xustificativa dos requisitos exixidos

1. As persoas beneficiarias do proxecto FEAG-Empreganav interesadas en inscribirse nesta convocatoria deberán presentar solicitude no modelo que figura no anexo III desta resolución.

2. Na solicitude consignaranse as unidades de competencia para as cales se solicita a súa inscrición no procedemento.

3. Xunto coa solicitude deberá presentar a seguinte documentación:

• Fotocopia cotexada do DNI en vigor ou, de ser o caso, pasaporte ou NIE en vigor. Este documento non será preciso se o solicitante dá o seu consentimento para que se consulten os datos relativos aos citados documentos. Certificado de rexistro de cidadán comunitario, ou a tarxeta familiar de cidadán ou cidadá da Unión, e permiso de residencia ou de residencia e traballo.

• Historial persoal e/ou formativo de acordo co modelo de currículo vítae europeo, recollido no anexo IV desta resolución.

• Declaración responsable, segundo o modelo que figura como anexo V desta resolución.

A. Documentación xustificativa da experiencia laboral.

A.1) Para persoas traballadoras asalariadas:

• Vida laboral: certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, do Instituto Social da Mariña ou da mutualidade a que estivesen afiliados, onde conste a empresa, a categoría laboral (grupo de cotización) e o período de contratación.

• Fotocopia cotexada do contrato de traballo ou certificación da empresa onde adquirisen a experiencia laboral, en que conste especificamente a duración dos períodos de prestación do contrato, especificando claramente as actividades desenvolvidas e o intervalo de tempo en que se realizaron as ditas actividades. Para a certificación da empresa poderase utilizar o modelo de certificación de actividades que se inclúe como anexo VI desta resolución. No caso de que non se utilice o citado modelo, as certificacións presentadas deberán recoller todos os datos que figuran no citado anexo.

A.2) Para persoas traballadoras autónomas ou por conta propia:

• Vida laboral: certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou do Instituto Social da Mariña dos períodos de alta na Seguridade Social no réxime especial de traballadores autónomos.

• Descrición da actividade desenvolvida e intervalo de tempo en que se realizou, para o cal se poderá utilizar o modelo de certificación de actividades que se inclúe como anexo VI desta resolución. No caso de que non se utilice o citado modelo, as certificacións presentadas deberán recoller todos os datos que figuran no citado anexo.

B. Documentación xustificativa da formación non formal:

A xustificación realizarase mediante fotocopia cotexada do documento que acredite que a persoa candidata posúe formación relacionada coas unidades de competencia que se pretendan acreditar, en que consten os contidos formativos impartidos e as horas de duración da acción formativa, a entidade que expide o certificado e o título da actividade de formación.

4. As persoas candidatas poderán presentar calquera outra documentación de carácter laboral e/ou formativo que sirva como proba potencial da competencia que se pretende demostrar.

5. Todos os documentos presentados deberán ser orixinais ou fotocopias cotexadas.

6. Todos os documentos que non estean redactados en lingua galega ou castelán deberán ir acompañados necesariamente da correspondente tradución oficial.

7. A falsidade nos datos achegados ou declarados suporá a perda dos dereitos a participar no procedemento, sen prexuízo de calquera outro tipo de responsabilidade que puidese resultar exixible.

8. Deberán presentar certificado acreditativo de discapacidade en vigor as persoas aspirantes con algunha discapacidade que soliciten algún tipo de adaptación posible de tempo e medios para a realización dos diferentes métodos de avaliación. Non será necesario presentalo no suposto de discapacidades recoñecidas polo órgano competente desta comunidade autónoma.

9. No caso de ter realizados estudos parciais para a obtención dun título oficial ou dun certificado de profesionalidade pertencentes a plans de estudos extinguidos, débese presentar o correspondente certificado expedido polo centro oficial ou homologado responsable.

Sétima. Presentación de solicitudes e documentación: prazo e forma

1. O prazo de inscrición será de 10 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes. Para a presentación de solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

3. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes.

Oitava. Admisión de persoas candidatas

1. O Instituto Galego das Cualificacións supervisará toda a documentación das persoas candidatas e comprobará que cumpren os requisitos previstos na normativa vixente para a súa participación.

2. No caso de que algunha persoa candidata for excluída por algún motivo, poderá solicitárselle que achegue nova documentación para solucionar as causas polas que foi excluída, documentación que lle remitirá ao Instituto Galego das Cualificacións.

3. Poderase propor a substitución dunha persoa candidata excluída por outra persoa candidata que cumpra os requisitos, sempre que esta inclusión non implique a superación do número máximo de prazas establecidas no anexo I.

4. As persoas candidatas admitidas estarán en disposición de pasar ás fases de asesoramento e avaliación.

5. O lugar, a data e os horarios para o inicio da fase de asesoramento das persoas candidatas admitidas publicarase na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar: http://traballoebenestar.xunta.es/ e na páxina web do proxecto FEAG-Empreganav:
http://empreganav.com/

Novena. Taxas

Para ter dereito a participar nas fases de asesoramento e avaliación, a persoa candidata admitida ao procedemento terá que formalizar o pagamento das taxas correspondentes a cada unha das fases.

1º Pagamento da taxa da fase de asesoramento.

1. O/a candidato/a admitido/a para participar na fase de asesoramento deberá aboar a correspondente taxa.

2. A taxa de asesoramento será unha taxa única de 20 euros.

3. O pagamento da taxa poderase realizar de forma telemática ou a través do impreso de autoliquidación en calquera das entidades financeiras colaboradoras na recadación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para cubrir correctamente o referido impreso, débense consignar os seguintes datos:

Consellería de Traballo e Benestar: código 14.

Delegación de servizos centrais: código 13.

Servizo de Secretaría Xeral: código 01.

Taxa denominación: asesoramento do/da candidato/a para participar no procedemento para o recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación: código 304201.

4. O xustificante do seu pagamento deberáselle entregar ao asesor na primeira reunión de asesoramento que se realice. A non presentación deste no tempo e na forma procedentes suporá a exclusión do aspirante.

2º Pagamento de taxas de avaliación.

1. A persoa candidata poderá decidir pasar á fase de avaliación nas unidades de competencia que considere oportunas e presentará a correspondente solicitude de avaliación.

2. Xunto coa correspondente solicitude deberá aboar unha taxa de 10 euros por cada unha das unidades de competencia en que solicite a súa avaliación.

3. O pagamento da taxa de avaliación, igual que a de asesoramento, deberase realizar de forma telemática ou a través do impreso de autoliquidación en calquera das entidades financeiras colaboradoras na recadación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia. Para cubrir correctamente o referido impreso, débense consignar os seguintes datos:

Consellería de Traballo e Benestar: código 14.

Delegación de servizos centrais: código 13.

Servizo de Secretaría Xeral: código 01.

Taxa denominación: avaliación da unidade de competencia (por cada unidade de competencia para a que se solicite a avaliación): código 304202.

4. A copia do pagamento da taxa de avaliación entregaráselle á Comisión de Avaliación cando o candidato sexa citado para realizar esta fase. A non presentación desta no tempo e na forma procedentes suporá a exclusión do aspirante.

3º Exencións.

1. De acordo co artigo 23, punto 10, da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (modificada pola Lei 14/2006, do 28 de decembro), estarán exentas do pagamento das taxas de asesoramento e avaliación as persoas que, no momento de se iniciaren as sesións de asesoramento ou avaliación, figuren como desempregadas, así como aquelas persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

2. As persoas exentas do pagamento de taxas deberán presentar no momento do asesoramento e/ou da avaliación a documentación que acredite este dereito:

• No caso do/da traballador/a desempregado/a, esta situación acreditarase cunha certificación de situación laboral expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

• No caso de discapacidade, acreditarase co certificado ou resolución do órgano competente que acredite a dita discapacidade.

Décima. Realización do procedemento

1. As persoas admitidas a este procedemento terán cuberto o risco de accidente derivado da asistencia a éste.

2. O Instituto Galego das Cualificacións poderá nomear o persoal de apoio necesario para o desenvolvemento do procedemento.

Décimo primeira. Fases do procedemento

O procedemento, segundo o establecido no artigo 14 do Real decreto 1224/2009, consta de tres fases: fase de asesoramento, fase de avaliación e fase de acreditación da competencia profesional.

1ª fase: asesoramento.

1. Á fase de asesoramento terán acceso aquelas persoas que fosen admitidas para participar no procedemento.

2. O asesoramento será obrigatorio e para esta convocatoria realizarase de forma presencial, polo que a falta de asistencia inxustificada provocará a perda de condición da persoa candidata admitida no procedemento.

3. Realizaranse polo menos dúas reunións ou sesións de asesoramento, comunicándoselles as datas para a súa realización ás persoas candidatas admitidas.

4. A primeira sesión de asesoramento será unha reunión grupal onde se informa sobre o Sistema nacional de cualificacións, o procedemento, as fases deste, as obrigas e dereitos da persoa candidata e as funcións do asesor/a; nela tamén se ofrecerá a información e as directrices concretas sobre as probas aceptadas para xustificar a competencia profesional.

5. Nesta primeira reunión realizarase a entrega da documentación que debe completar a persoa candidata e daranse as indicacións específicas para cumprila.

6. Ao final desta primeira reunión grupal, o/a asesor/a e as persoas candidatas acordarán e asinarán a convocatoria para a segunda reunión.

7. A segunda reunión consistirá nunha entrevista persoal individual. O fin desta entrevista é axudar a persoa candidata a explicitar as competencias e aprendizaxes que adquiriu. Nesta entrevista persoal o asesor/a axudará a persoa candidata a responder o cuestionario de autoavaliación, así como a ampliar a documentación acreditativa co fin de mellorar o historial profesional e/ou formativo.

8. O asesor ou asesora, partindo do cuestionario de autoavaliación e do historial profesional e formativo das persoas candidatas, identificará e valorará a información profesional achegada e realizará un informe, destinado á Comisión de Avaliación, que terá carácter orientativo, no cal indicará de forma motivada se considera que hai ou non probas suficientemente xustificadas da competencia da persoa candidata en cada unha das unidades de competencia, considerando a conveniencia de pasar ou non á fase de avaliación.

9. A persoa asesora trasladaralle á Comisión de Avaliación o informe, xunto coa documentación xustificativa achegada pola persoa candidata. Non obstante, a decisión última de pasar ou non á fase de avaliación é da persoa candidata.

10. A decisión da persoa candidata de pasar á fase de avaliación ou de abandonar o procedemento deberá facela constar por escrito.

11. Cando a persoa candidata decidise non pasar á fase de avaliación, o asesor/a elaborará un informe sobre a formación necesaria para completar a/s unidade/s de competencia que se van avaliar, en función dos seus intereses e expectativas.

12. A directora xeral de Emprego e Formación nomeará os asesores e asesoras necesarios para o desenvolvemento desta fase do procedemento, que se seleccionarán entre o persoal técnico habilitado como asesor/a segundo o establecido no artigo 25 do Real decreto 1224/2009.

13. Os asesores/as seguirán o procedemento establecido na guía do asesor/a que se entregará previamente.

2ª fase: avaliación.

A. Desenvolvemento da fase de avaliación.

1. A avaliación, en cada unha das unidades de competencia en que a persoa candidata solicita a avaliación, terá por obxecto comprobar se demostra a competencia profesional requirida nas realizacións profesionais e nos niveis establecidos nos criterios de realización.

2. No proceso de avaliación teranse en conta tanto as probas indirectas obtidas a partir da información profesional achegada pola persoa candidata como as directas adicionais que se poderán xerar mediante algún dos métodos de avaliación que se consideren necesarios para comprobar a competencia profesional da persoa candidata.

3. Como norma xeral, a decisión da avaliación non poderá estar baseada exclusivamente no historial profesional e formativo, senón que se deberá complementar con probas de competencia recollidas polos distintos métodos de avaliación.

4. Os métodos de avaliación poden ser: observación no posto de traballo, simulacións, probas de competencia profesional e entrevistas profesionais, entre outras.

5. A selección dos métodos e a súa concreción en actividades de avaliación será realizada de forma individualizada para cada persoa candidata, por cada unha das unidades de competencia obxecto de avaliación, e de acordo cos criterios para a avaliación recollidos nas guías de proba.

B. Actuacións das comisións de avaliación.

1. A Dirección Xeral de Emprego e Formación nomeará unha comisión de avaliación. Todos os membros da Comisión de Avaliación terán que dispoñer da habilitación como avaliadores, segundo o establecido no artigo 25 do Real decreto 1224/2009.

2. A Comisión está formada por un mínimo de cinco persoas acreditadas para avaliar: unha que desempeñará a presidencia, outra a secretaría e tres, polo menos, que serán vogais.

3. A Comisión de Avaliación será o órgano decisorio no proceso de avaliación da competencia e xulgará a competencia das persoas candidatas tendo en conta as probas obtidas na fase de asesoramento e as obtidas na fase de avaliación. Ademais, é o órgano responsable de levar a cabo a preparación, o desenvolvemento, a toma de decisións e a comunicación dos resultados das actividades de avaliación.

4. O proceso de avaliación iníciase por parte da Comisión de Avaliación analizando o informe da asesora ou do asesor e a información profesional achegada pola persoa candidata, valorando as probas indirectas obtidas en cada unha das unidades de competencia.

5. Co fin de obter probas adicionais, cando a Comisión de Avaliación o considere necesario, poderalle requirir, en calquera momento, á persoa candidata información profesional adicional que considere necesaria ou solicitar novas probas directas adicionais que se puidesen xerar mediante algún dos métodos de avaliación que se consideren necesarios para comprobar a competencia profesional da persoa candidata.

6. A Comisión de Avaliación elaborará para cada persoa candidata un plan individualizado de avaliación para cada unha das unidades de competencia, sempre seguindo as directrices establecidas na guía de probas.

7. O plan individualizado de avaliación acordarase coa persoa candidata e nel constarán, polo menos, os métodos e as actividades de avaliación, así como os lugares e as datas previstos.

8. De cada actividade de avaliación realizada polas persoas candidatas quedará un documento asinado pola persoa candidata e os avaliadores.

9. A Comisión de Avaliación valorará os resultados do proceso de avaliación e emitirá o xuízo sobre a competencia da persoa candidata.

10. Durante o desenvolvemento do proceso de avaliación, o incumprimento grave por parte da persoa candidata das normas de prevención de riscos laborais que se deban aplicar nas actividades de avaliación poderá provocar a súa interrupción e a valoración negativa da competencia correspondente.

11. No desenvolvemento do proceso de avaliación da competencia profesional deberase preservar a autoestima das persoas.

C. Resultado do proceso de avaliación.

1. O resultado da avaliación da competencia profesional nunha determinada unidade de competencia expresarase en termos de demostrada ou non demostrada.

2. Os resultados da fase de avaliación faranse constar nunha acta, segundo o modelo normalizado, que deberán asinar todos os membros da Comisión de Avaliación e que lle deberán remitir ao Instituto Galego das Cualificacións tras a finalización da fase de avaliación.

3. A Comisión de Avaliación deberá elaborar un informe individualizado de cada persoa candidata, indicando os resultados da avaliación das competencias profesionais, así como a proposta de formación, de ser o caso.

4. O presidente ou presidenta da Comisión de Avaliación deberá informar por escrito a persoa candidata do resultado da súa avaliación no prazo máximo de 1 mes desde que finalizou a avaliación de todas as persoas candidatas. Así mesmo, informarao da forma e dos prazos para exercer o seu dereito de presentar as reclamacións e os recursos administrativos.

5. Das unidades de competencia en que a persoa candidata non obtivese unha avaliación positiva, proporcionaráselle un plan individualizado de formación, no cal se indicará a formación complementaria que debería realizar.

6. Así mesmo, tanto en caso de avaliación positiva como negativa, informaráselle sobre as oportunidades, os requisitos e os trámites para completar a súa formación e obter a acreditación completa a través de títulos de formación profesional ou certificados de profesionalidade.

7. O expediente de todo o proceso, no cal se recollerán todos os rexistros e resultados que se produzan ao longo do procedemento, será remitido pola Comisión de Avaliación ao Instituto Galego das Cualificacións.

8. As persoas candidatas poderán presentar reclamacións contra os resultados da avaliación, por escrito, ante a Comisión de Avaliación, no prazo máximo de 10 días desde a comunicación dos resultados. Fronte á decisión da Comisión de Avaliación, o interesado poderá presentar recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Emprego e Formación no prazo dun mes.

3ª fase: acreditación da competencia profesional

1. Ás persoas candidatas que, no proceso de avaliación das unidades de competencia en que se inscribiron, obtivesen a cualificación de demostrada, o titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación expediralles unha acreditación de cada unha das unidades de competencia en que demostraron a súa competencia profesional.

2. Esta acreditación terá carácter oficial e validez en todo o territorio do Estado e terá os efectos previstos, no tocante a exencións, correspondencias e validacións, no artigo 19 do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral.

3. Ás persoas candidatas que completen os requisitos para a obtención dun certificado de profesionalidade ou dun título de formación profesional indicaránselles os trámites necesarios para a súa obtención.

Décimo segunda. Rexistro das acreditacións

1. As acreditacións que se expidan incorporaranse ao Rexistro Autonómico de Unidades de Competencia. O Instituto Galego das Cualificacións será o responsable deste rexistro na Consellería de Traballo e Benestar.

2. O Instituto Galego das Cualificacións transferirá os resultados ao rexistro de carácter estatal, nominal e por unidades de competencia acreditadas.

Décimo terceira. Seguimento do procedemento

A Consellería de Traballo e Benestar, a través do Instituto Galego de Cualificacións, elaborará un informe sobre o desenvolvemento do procedemento, que presentará ao o Consello Galego de Formación Profesional.

Décimo cuarta. Publicación

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Décimo quinta. Normativa de aplicación

En todo o non previsto nesta resolución será de aplicación o Real decreto 1224/2009, polo que se establece o procedemento e os requisitos para a avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación.

Décimo sexta. Competencias de desenvolvemento

Facúltase a directora do Instituto Galego das Cualificacións para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento desta resolución.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2013

Ana María Díaz López
Directora xeral de Emprego e Formación

ANEXO I
Relación de unidades de competencia convocadas, títulos de formación profesional e certificados de profesionalidade dos que forman parte e prazas convocadas

Código

Unidades de competencia

Prazas convocadas

Certificado de profesionalidade

Titulo de FP

UC1142_2

Trazar e mecanizar tubaxes

32

FMEC0108

Fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial

Real decreto 1216/2009, do 17 de xullo)

CMFME02

Ciclo medio en soldadura e caldeiraría

(Decreto 46/2010, do 11 de marzo)

UC1143_2

Conformar e armar tubaxes

32

UC1144_2

Montar instalacións de tubaxe

32

UC0098_2

Realizar soldaduras e proxeccións térmicas por oxigás

42

FMEC0210

Soldadura oxigás e soldadura MIG/MAG.

Real decreto 1525/2011, do 31 de outubro

UC0101_2

Realizar soldaduras con arco baixo gas protector con eléctrodo consumible (MIG, MAG) e

proxeccións térmicas con arco

42

UC0099_2

Realizar soldaduras con arco eléctrico con eléctrodo revestido

16

FMEC0110

Soldadura con eléctrodo revestido e TIG

Real decreto 1525/2011, do 31 de outubro

UC0100_2

Realizar soldaduras con arco baixo gas protector con eléctrodo no consumible (TIG)

16

ANEXO II
Relación de sedes

Provincia

Centro

Enderezo

Teléfono

A Coruña

Formega-Ferrol

Polígono Industrial A Gándara, parcela 15-16, 15570 Ferrol

981 33 03 33

Pontevedra

Formega-Vigo

Avda. do Tranvía 2, Cabral, 36215 Vigo (Pontevedra)

986 42 29 41

986 42 05 41

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file