Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 1 de xullo de 2013 Páx. 25751

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

ANUNCIO do 7 de xuño de 2013, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, polo que se acorda deixar aberta, por un prazo de tres meses, a poxa pública para a venda dun inmoble situado no concello de Cerdido.

Mediante a Orde da Consellería de Facenda do 6 de xuño de 2013 acordouse, de conformidade co artigo 72 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de patrimonio, deixar aberta por un prazo de tres meses a poxa pública para a venda do seguinte inmoble:

Parcela Soocano, situada no lugar da Felgosa de Arriba, parroquia da Barqueira (Cerdido), cunha superficie aproximada de 635 m2, que segundo o Rexistro da Propiedade linda: ao norte, con Filomena Prieto Díaz; ao sur, con ribado en labradío de Perfecta Villarnovo; ao leste, coa estrada de Viveiro a Liñares; e ao oeste, con ribado en terra labradía de Andrés Romero Coba, antes Concepción Luaces. Referencia catastral: 15025A065002100000BJ. Inscrita no Rexistro da Propiedade de Ortigueira como predio nº 3242, tomo 315, libro 23 e folio 136.

Prezo límite: 222,25 euros.

Durante o prazo de tres meses, contados a partir deste anuncio, calquera interesado poderá presentar unha proposta de compra por escrito, polo prezo que o interesado determine, sempre e cando iguale ou supere o mínimo fixado. A proposta de compra deberá recoller o nome, DNI, domicilio e teléfono de contacto, e deberá ir acompañada do xustificante acreditativo do depósito na Tesouraría Xeral da Xunta de Galicia do 25 % do prezo ofrecido.

Poderán presentar proposicións todas as persoas que teñan capacidade para contratar e, en particular, para subscribir o contrato de compravenda segundo as normas contidas no Código civil. Non poderán participar as persoas que solicitasen ou estean declaradas en concurso, fosen declaradas insolventes en calquera procedemento, estean suxeitas á intervención xudicial ou fosen inhabilitadas conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, así como as que incorresen nos supostos previstos na normativa sobre incompatibilidades.

Se o ofertante é unha persoa xurídica deberá achegar, para acreditar a representación da persoa asinante, a escritura notarial de constitución da sociedade e de poder específico ou xeral, este último debidamente inscrito no Rexistro Mercantil.

A documentación poderá presentarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, dirixido á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, Consellería de Facenda, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 3, 15781 Santiago de Compostela.

Serán rexeitadas as propostas presentadas fóra de prazo, as que non alcancen o prezo mínimo fixado, as que non veñan acompañadas do xustificante da Caixa Xeral de Depósitos e aquelas con condicións ou que de forma clara non permitan determinar a oferta de compra.

Unha vez transcorrido o prazo, procederase a anunciar unha nova poxa pública e establecerase como tipo de licitación a mellor oferta presentada. Con anterioridade á poxa, procederase á devolución dos depósitos constituídos para garantir as ofertas de cantidades inferiores á que sirva de tipo para a nova poxa.

As condicións da adquisición que rexerán na cuarta poxa pública que teña lugar, de ser o caso, na cal poderá tomar parte calquera interesado aínda que non presentase ningunha solicitude dentro deste período de tres meses, serán as recollidas no prego de condicións correspondente ás poxas públicas anteriores, que estarán á disposición dos interesados na Subdirección Xeral do Patrimonio, rúa Pastoriza, 8-2º andar, Santiago de Compostela.

A proposición que sirva de tipo para a poxa producirá plenos efectos, aínda que o ofertante non compareza no acto da súa realización, polo que, se o ben lle fose adxudicado, perderá o depósito no caso de que non efectuase o pagamento do prezo total dentro do prazo de 15 días a partir da notificación da adxudicación.

No caso de que durante este prazo de tres meses se presenten ofertas económicas de igual contía e non concorra ningún propoñente nin interesado ao acto de poxa pública, a adxudicación recaerá sobre o que primeiro presentou a súa oferta, para o cal se atenderá á data de entrada no rexistro sinalado na convocatoria.

Se durante este prazo de tres meses non se presenta ningunha proposta por escrito sobre o inmoble, desistirase definitivamente deste procedemento de venda e continuará o inmoble no patrimonio autonómico, agás que se presenten ofertas de compra por importe igual ou superior ao prezo de licitación da terceira poxa pública.

Para máis información poderán dirixirse á Subdirección Xeral do Patrimonio, teléfonos: 981 54 41 51 e 881 99 90 55.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2013

Mª del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda