Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Xoves, 27 de xuño de 2013 Páx. 25060

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 18 de xuño de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia e se convocan para os anos 2013 e 2014.

O desenvolvemento das actuacións encamiñadas á prevención e á loita contra diversas enfermidades animais redunda nunha mellora cuantitativa e cualitativa das producións gandeiras e nunha maior rendibilidade aos titulares das explotacións.

Os programas de planificación zoosanitaria levados a cabo polas agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) están dirixidos a mellorar o estado sanitario das explotacións incluídas nelas e permiten incrementar paulatinamente a rendibilidade desas explotacións, diminuíndo as perdas ocasionadas por motivos sanitarios, ademais de que facilitan o cumprimento da normativa vixente referente á identificación, benestar e sanidade animal.

A Consellería do Medio Rural e do Mar, mediante a presente orde de axudas pretende estimular a integración de gandeiros nas ADSG establecendo axudas proporcionais ao sobre esforzo económico que realizan coa execución de programas facultativos para a prevención e control de enfermidades animais que melloran as condicións hixiénicas das explotacións e de benestar animal, elevan o nivel produtivo e sanitario das explotacións e contribúen a acadar un mellor status sanitario para o gando.

A convocatoria e as bases destas axudas fanse no marco da regulación estatal do Real decreto 784/2009, do 30 de abril, polo que se estableceu as bases reguladoras das subvencións estatais destinadas ás agrupacións de defensa sanitaria gandeiras.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confiren o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das subvencións para as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (no sucesivo ADSG) recoñecidas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, para a execución de programas de planificación sanitarios, en réxime de concorrencia competitiva e efectuar a convocatoria para os anos 2013 e 2014, de conformidade co establecido no Real decreto 784/2009.

Artigo 2. Finalidade das axudas

1. A finalidade destas axudas é a mellora do status sanitario das explotacións gandeiras galegas mediante a execución de programas zoosanitarios comúns e obrigatorios para a prevención e control de enfermidades dos animais.

2. Os programas de planificación zoosanitaria comezarán o 1 de marzo de 2013 e rematarán o 28 de febreiro de 2014, e deberán incluír, como mínimo, os programas sanitarios marco obrigatorios establecidos no anexo VI.

3. De conformidade coa normativa reguladora, as axudas que se establecen son compatibles co mercado común e están exentas da obriga de notificación.

Artigo 3. Gastos subvencionables

Subvenciónase a contratación de servizos técnicos veterinarios ou a remuneración dun veterinario responsable por ADSG. Poderá subvencionarse a contratación ou remuneración de máis dun veterinario responsable por ADSG.

Artigo 4. Ámbito de aplicación

O ámbito de aplicación da presente orde será o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas as entidades asociativas agrarias que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar oficialmente recoñecidas como ADSG e, por tanto, inscritas no rexistro de ADSG de Galicia antes da finalización do prazo de solicitude establecido na presente orde, e que manteñan as condicións do recoñecemento ao longo de todo o período de execución da axuda, coa excepción das ADSG formadas exclusivamente por cebadeiros de gando vacún, que non poderán ser beneficiarias destas axudas.

b) Comprometerse na execución dun programa sanitario común que incluirá, como mínimo, o programa sanitario marco obrigatorio establecido no anexo VI da presente orde.

c) Estar integradas por explotacións de produtores gandeiros en actividade, e que as ditas explotacións teñan a condición de pemes de acordo co establecido no anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado común na aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

d) Estar ao día das obrigas tributarias e da Seguridade Social, así como cumprir o resto dos requisitos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Procedemento de presentación de solicitudes e documentación

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. Ao formulario de solicitude soamente poderán acceder as ADSG recoñecidas na Comunidade Autónoma de Galicia mediante o uso dun nome de usuario e contrasinal previamente asignados. Para cubrir correctamente os formularios de solicitude no mencionado enderezo da internet, disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes.

O anexo I desta convocatoria publícase no Diario Oficial de Galicia exclusivamente para efectos informativos, sendo necesario empregar a antedita aplicación informática para cubrilos, validalos e presentalos telematicamente.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa da desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 e 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. As solicitudes deberán ser asinadas mediante sinatura electrónica do representante legal da entidade solicitante. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, emitirase un recibo, que poderá ser impreso e gardado polo interesado, mediante o cal quedará constancia do feito da súa presentación. A obtención deste recibo é o que garante ao solicitante que a presentación tivo lugar e acredita fronte á Administración e fronte a terceiros a presentación da solicitude.

Artigo 7. Solicitude

Os solicitantes deberán cubrir ou xuntar, segundo o caso, como documentos anexos á solicitude en soporte dixital, a seguinte documentación, empregando para isto a propia aplicación informática:

a) Acreditación da personalidade xurídica da entidade solicitante, se é o caso.

b) Acreditación da representatividade do solicitante mediante certificación do secretario. A representatividade deberá recaer sempre nun membro da xunta directiva da ADSG.

c) Relación informatizada actualizada de explotacións da ADSG e os seus censos, segundo o anexo II.

d) Copia da acta ou certificación do secretario da agrupación de defensa sanitaria gandeira, conforme se acordou en asemblea xeral solicitar a axuda e se asume o compromiso de execución do Programa sanitario marco que aproba a Consellería do Medio Rural e do Mar.

e) Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien o proxecto ou, se é o caso, cubrir, debidamente asinada, a declaración que figura no anexo III.

f) Acreditación segundo o anexo V, do cumprimento da condición de pemes da ADSG.

g) Cronograma e planificación do desenvolvemento do Programa sanitario marco obrigatorio, adaptado á realidade da propia ADSG, en que se inclúa unha estimación das mostras que se remitirán ao longo do ano ao Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia (Lasapaga) e, se é o caso, memoria do programa sanitario adicional de actuación que se pretende desenvolver, no cal se definirán obxectivos e o prazo de execución. A planificación presentada debe ser agrupada en prazos trimestrais. Os referidos documentos estarán asinados polo veterinario ou veterinarios responsables e polo presidente da entidade recoñecida como agrupación de defensa sanitaria gandeira.

h) Orzamento, detallando as distintas partidas que constitúen as actuacións do programa sanitario, diferenciando os conceptos de gasto segundo as liñas:

1) Gasto por remuneración de veterinario/s ou pola contratación de servizos técnicos veterinarios para a realización do programa sanitario da ADSG (punto 13.a). Se a ADSG contase con máis dun veterinario para a realización do programa sanitario, deberá especificarse o solicitado por cada un deles.

2) Gasto non subvencionable.

O orzamento deberá estar asinado electronicamente polo presidente da entidade, empregando para iso a sinatura dixital do DNI electrónico ou calquera sinatura electrónica avanzada.

A súa presentación deberá ser conforme o anexo IV.

i) Contrato dos técnicos responsables da súa execución e, se é o caso, con inclusión dunha cláusula no dito contrato que especifique a dedicación profesional exclusiva para o programa sanitario da agrupación de defensa sanitaria gandeira.

j) Copia do título dos técnicos responsables da súa execución.

k) Documento que indique para cada veterinario/a que participe no programa o nome e apelidos, NIF, número de colexiado, enderezo, teléfono e enderezo electrónico.

l) Factura pro forma da prestación de servizos veterinarios (cando a contratación destes sexa a través dunha empresa), ou facturas, se é o caso.

En relación cos documentos exixidos identificados na relación anterior coas letras a), i) e j), se foron presentados no trámite de recoñecemento ou validación anual da entidade, poderán ser substituídos por unha declaración do secretario da ADSG que indique que os ditos documentos xa se atopan en poder do órgano actuante e de que as condicións ao respecto deles non cambiaron, sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento en que se achegaron.

Artigo 8. Prazo de presentación

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o ultimo día do mes.

Poderanse cubrir e rexistrar os formularios a través da aplicación informática ata as 24.00 horas do día en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 9. Solicitude de ofertas para realizar o gasto subvencionable

De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor (18.000 euros), o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou a entrega de ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 10. Emenda ou corrección

1. Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados nos puntos anteriores, requirirase o interesado na forma establecida na Lei 30/1992, do 26 de novembro, para que nun prazo de dez días emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixer, se considerará que desistiu da súa petición, logo de resolución ditada para o efecto.

2. A emenda e mellora da solicitude farase igualmente en formato electrónico empregando a mesma aplicación informática de presentación da solicitude. O envío en soporte dixital da documentación requirida para a emenda quedará rexistrado automaticamente no rexistro telemático da Xunta de Galicia.

3. De acordo co artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de axuda comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellaría de Facenda da Xunta de Galicia.

4. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

5. De acordo co establecido no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, non será exixible a fotocopia do documento nacional de identidade nin do documento de identificación de estranxeiros/as sempre que o/a solicitante preste o seu consentimento para que o órgano xestor poida realizar a consulta por medio telemático ao servizo horizontal de acceso ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Administracións Públicas que, para tal fin, estableza o departamento competente en materia de xestión da Administración electrónica.

6. A Consellería do Medio Rural e do Mar poderá solicitar dos peticionarios toda a información e xustificacións técnicas e económicas que considere necesarias, co obxecto de comprobar a realización das actuacións subvencionables e os custos derivados.

Artigo 11. Tramitación e resolución

1. O órgano competente para a instrución e tramitación do procedemento é a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. Para eses efectos constituirase un órgano colexiado formado polo subdirector xeral de Gandaría como presidente, o xefe do Servizo de Sanidade Animal como vogal e o xefe do Servizo de Dotación de Medios como secretario, que elevarán un informe técnico á directora xeral de Produción Agropecuaria para que formule a proposta de resolución das axudas.

2. O expediente será resolto polo secretario xeral de Medio Rural e Montes, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar, por proposta da directora xeral de Produción Agropecuaria, e poderase prescindir do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados; neste caso, a proposta de resolución formulada terá carácter definitivo. A resolución de concesión da axuda notificarase nun prazo de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo, os interesados poderán entender desestimadas as peticións de axuda. Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá presentarse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou ben, alternativamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación.

Artigo 12. Concorrencia e acumulación de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas

Xunto coa solicitude inicial, os peticionarios das axudas presentarán unha declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións ou entes públicos, así como doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas ou o anexo III debidamente cuberto.

En calquera caso, coas xustificacións, e se houber modificación da declaración anterior, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

Artigo 13. Contía das axudas

Para a cuantificación da subvención para a contratación dos servizos técnicos veterinarios ou a remuneración do persoal facultativo veterinario responsable da supervisión e execución do programa sanitario, establécese:

a) As porcentaxes estipuladas serán de ata o 30 % da remuneración de persoal facultativo veterinario responsable do programa sanitario sen exclusividade, que poderá acadar o 80 % se acredita dedicación exclusiva ao programa e de ata o 30 % no caso da contratación dos servizos técnicos veterinarios (empresa). Esas porcentaxes máximas de axudas acadaranse no caso de non superar as limitacións establecidas nos números 13.b e 13.c e se hai dispoñibilidade orzamentaria.

b) En todo caso, establécese o límite máximo de 25.000,00 euros de gasto subvencionable por cada veterinario que traballe en programas sanitarios de ADSG.

Para que unha contratación de veterinarios en réxime de exclusividade poida ser subvencionada esta terá que ser, como mínimo, de 22.000,00 euros.

c) Ademais, o total do importe de subvención motivada por contratación de técnicos non poderá superar un importe máximo que resultará de multiplicar o número de unidade de gando maior (UGM) da ADSG polo seguinte valor en cada caso:

1º. ADSG de vacún, ovino e cabrún: 7,8.

2º. ADSG de porcino: 6,9.

3º. ADSG de avicultura, cunicultura e troitas: 0,9.

4º. ADSG de visóns e outras especies: 0,5.

Os valores de UGM de cada especie animal tidos en conta para os cálculos nestas axudas serán os establecidos regulamentariamente, publicados oficialmente (Decreto 91/2001, do 19 de abril, polo que se regulan as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras en Galicia publicado, no DOG do 8 de maio).

d) Nas ADSG de gando bovino que alcancen o ámbito territorial da comarca en que están recoñecidas, cumprindo os requisitos mínimos de censos e explotacións establecidas na normativa, o importe calculado conforme o establecido no número 13.a verase incrementado nun 20 % na axuda a gastos de contratación de veterinarios, sen que poida superarse o 100 % do gasto. Este incremento aplicarase só para aquelas ADSG que alcancen o ámbito territorial de comarca, no período comprendido desde a entrada en vigor da anterior orde de axudas ás ADSG, ata a entrada en vigor da presente orde.

e) Cando nunha comarca veterinaria se acade un proceso de fusión entre ADSG existentes da mesma especie, verase incrementado nun 10 % na axuda a gastos de contratación de veterinarios (número 13.a). Este incremento aplicarase só para aquelas ADSG que se fusionen no período comprendido desde a entrada en vigor da anterior orde de axudas ás ADSG ata a entrada en vigor da presente orde.

f) Para os efectos do cálculo das axudas, no caso de procesos de fusión, terase en conta que os compromisos e dereitos correspondentes ás ADSG que se fusionan serán adquiridos pola ADSG resultante da fusión; así, o importe inicial da subvención obtense sumando o importe calculado para cada unha delas conforme o establecido no número 13.a. Para que as agrupacións resultantes poidan ser beneficiarias do incremento nas axudas previsto nos puntos anteriores, deberán obter o recoñecemento antes da data de publicación desta orde.

No caso de que exista remanente orzamentario unha vez finalizada a repartición segundo os puntos anteriores, poderase incrementar a porcentaxe do 30 % estipulada para o persoal facultativo veterinario sen exclusividade nun 5 %. Unha vez rematado, se aínda queda remanente, aplicaríase o mesmo incremento á porcentaxe do 80 % estipulada para o persoal facultativo con dedicación exclusiva ata esgotar o dito remanente.

Artigo 14. Criterios de outorgamento da subvención

As solicitudes serán ordenadas en función da súa puntuación de acordo cos seguintes obxectivos e cun máximo de 100 puntos:

a) Terán prioridade as solicitudes daquelas ADSG que integren un maior número de explotacións e de gando. Obterase a puntuación unha vez baremadas as ADSG sumando os seguintes criterios:

1) Nº de explotacións

Nº de puntos

0-50

 0

51-100

 5

101-300

10

301-500

15

> 500

25

2) Censo (nº de UGM)

Nº de puntos

< 1.500

 0

1.501-3.000

 5

3.001-5.000

10

5.001-8.000

15

> 8.000

25

Ponderarase este criterio cunha valoración máxima de 50 puntos.

b) Número de técnicos veterinarios contratados pola ADSG con dedicación exclusiva para o desenvolvemento do programa sanitario. Aplicarase a seguinte puntuación:

Nº de veterinarios con exclusividade

Nº de puntos

1

10

2-3

15

> 3

20

Ponderarase este criterio cunha valoración máxima de 20 puntos.

c) Segundo a ADSG por especie:

Especie

Nº de puntos

Bovino e porcino

30

Ovino e cabrún

20

Aves

15

Coellos

10

Troitas e visóns

 5

Ponderarase este criterio cunha valoración máxima de 30 puntos.

En todo caso, o importe da axuda non superará nunca o 100 % da remuneración ao persoal veterinario; ademais, o total do importe de axuda pública non superará o 50 % do gasto total do programa da ADSG.

Artigo 15. Modificación das axudas

1. As subvencións a que se refire a presente orde consideraranse subvencións máximas e poderán ser reducidas, a proposta da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, cando exista concorrencia doutras axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

2. O pagamento da subvención realizarase con xustificación previa polo beneficiario da realización da actividade, proxecto, obxecto ou adopción do comportamento para o cal se concedeu, nos termos establecidos na presente orde.

3. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, no suposto de falla de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Xustificacións

1. As xustificacións económicas (facturas e xustificantes bancarios do pagamento) da realización do programa deberán presentarse na oficina agraria comarcal correspondente. Antes do 1 de decembro de 2013 presentaranse as xustificacións económicas do traballo realizado no período transcorrido desde o inicio do período ata o 30 de novembro. Antes do 1 de marzo de 2014 presentaranse as xustificacións económicas do traballo realizado desde o 1 de decembro de 2013 ata o 28 de febreiro de 2014.

Achegaranse os xustificantes do investimento total en copias compulsadas, unha relación en papel e outra informatizada destes e unha memoria explicativa sobre a realización do programa auxiliado, que acredite a prestación efectiva dos servizos.

A relación informatizada debe incluír:

a) Todos os gastos subvencionables que teña a ADSG dos cales poida presentar xustificante de pagamento (movemento bancario) anterior ao 1 de decembro de 2013 para a anualidade 2013, e entre o 1 de decembro de 2013 e o 28 de febreiro de 2014 para a anualidade 2014, e constará dos seguintes campos: número de factura ou nómina, emisor ou beneficiario, data de emisión e data de pagamento.

b) Os gastos da ADSG non subvencionables, onde se relacionen os seguintes campos: número de factura ou nómina, emisor ou beneficiario e data de emisión.

Para os efectos do establecido no artigo 49 parágrafo segundo do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o selaxe dos xustificantes orixinais de gasto para o control da concorrencia de subvencións farase cun selo que indique «subvencionado».

Consideraranse gastos subvencionables, para os efectos previstos na presente orde, aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido entre o 1 de marzo de 2013 e o 28 de febreiro de 2014.

Para subvencionar considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado.

Os gastos realizados polo beneficiario final deberán xustificarse mediante facturas orixinais ou copias compulsadas. Nos casos en que isto non sexa posible e que non existan facturas, os gastos xustificaranse por medio de documentos contables de valor probatorio equivalente.

Por regra xeral, presentarase a factura definitiva e o xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria etc.), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e o destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura. No caso de que o xustificante bancario sexa transferencia bancaria, deberá ser orixinal ou copia cotexada, e estará selada pola entidade bancaria.

No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas no gasto, deberanse identificar no documento do pagamento as facturas obxecto do pagamento.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento, e acompañarase dunha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

2. Xustificacións técnicas: ademais das xustificacións económicas indicadas no parágrafo primeiro deste artigo, deberán presentar antes do 28 de febreiro de 2014 unha memoria do programa desenvolvido, asinada polo facultativo responsable da execución, que mostre a evolución das prevalencias recollidas no programa sanitario ao final do período subvencionable respecto aos anos anteriores.

Artigo 17. Prazos para xustificar

1. O prazo de presentación dos xustificantes de pagamento (documento bancario) rematará o 1 de decembro de 2013 para as actuacións realizadas antes desta data, e antes do 28 de febreiro de 2014, para as actuacións realizadas antes desta segunda data.

2. Poderá solicitarse antes do 1 de decembro de 2013 un anticipo do 40 % do total da subvención autorizada, suxeito ás dispoñibilidades orzamentarias vixentes. Para poder ser autorizado o dito anticipo, as entidades beneficiarias non poderán ter abertos expedientes de reintegro de axudas de anos anteriores.

En virtude do artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, os beneficiarios deste anticipo quedan exonerados da constitución das garantías establecidas no artigo 65 do mesmo decreto, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. De acordo co artigo 28.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando as actividades sexan financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas.

4. Conforme o disposto no artigo 18.1 do Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro (DO L 358, do 16 de decembro), sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 70/2001, non poderán subvencionarse actividades levadas a cabo con anterioridade á aceptación expresa e vinculante para a autoridade competente da solicitude de axuda presentada.

Artigo 18. Control de execución dos programas

1. Se como consecuencia dos controis se detectaren incumprimentos na execución do programa aprobado en aspectos relevantes para a efectividade deste, aplicaranse deducións sobre as axudas aprobadas ponderando a gravidade e frecuencia dos incumprimentos.

Para estes efectos, considéranse incumprimentos relevantes:

a) Non ter executado en 31 de decembro de 2013 a mostraxe obrigatoria recollida no programa sanitario marco no 80 % das explotacións da ADSG, e/ou non ter realizado a dita mostraxe no 100 % das explotacións en data do 28 de febreiro de 2014.

b) A incorporación de animais que resulten positivos a anticorpos nas análisis feitas previas á súa incorporación fronte ao IBRgE, BVDax e paratuberculose.

c) A permanencia prolongada nunha explotación dun animal confirmado como persistentemente infectado pola BVD sen tomar as medidas de bioseguridade axeitadas.

d) Non cumprir os programas vacinais cando estes sexan obrigatorios segundo a normativa vixente.

e) Utilizar vacinas fronte á IBR que non sexan marcadas, salvo nos casos de cebadeiros de gando vacún integrados en ADSG.

f) Permitir a saída de animais bovinos confirmados como persistentemente infectados á BVD ou confirmados como positivos á paratuberculose con destinos diferentes do matadoiro.

g) Permitir a saída de animais ovinos confirmados como positivos á paratuberculose con destinos diferentes do matadoiro.

h) Non entregar aos titulares das explotacións en documento escrito as recomendacións derivadas da enquisa de bioseguridade incluída no programa, ou non realizar a mencionada enquisa, cando proceda.

i) Non realizar a actuación de formación ou a reunión informativa previstas no programa.

j) Non realizar os controis previstos nas incorporacións de animais ás explotacións.

k) Non ter feita en prazo por parte dalgunha das explotacións integrantes da ADSG a declaración censual obrigatoria establecida pola normativa vixente conforme as obrigas exixidas no punto 1 do programa común do anexo desta orde. Non se aplicará este punto para o caso das ADSG de gando bovino e de gando ovino e cabrún.

l) No caso de explotacións avícolas, non realizar os correspondentes autocontrois de salmonela cando estes sexan preceptivos, ou non telos a disposición dos servizos veterinarios oficiais cando estes os requiran.

ll) Incumprir as instrucións de remisión de mostras ao Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia.

m) Non actualizar na aplicación informática as actuacións do programa sanitario realizadas no prazo de 15 días despois da súa execución.

n) A realización do programa sanitario por parte de veterinario/a/s non recoñecidos para a correspondente ADSG.

ñ) Non ter clasificadas as explotacións segundo se recolle no Programa sanitario marco para as ADSG de gando bovino, en 28 de febreiro de 2014.

2. As deducións aplicables no caso de detectarse estes incumprimentos serán as seguintes:

a) No caso de non ter executada en 31 de decembro de 2013 a mostraxe obrigatoria recollida no programa sanitario marco no 80 % das explotacións, reducirase o total da axuda na parte proporcional ás mostraxes non executadas respecto ao dito 80 % das explotacións.

b) No caso de non ter executada en 28 de febreiro de 2014 a mostraxe obrigatoria recollida no programa sanitario marco no 100 % das explotacións, reducirase o total da axuda na parte proporcional ás mostraxes non executadas.

c) No caso de non executar as mostraxes obrigatorias recollidas no programa sanitario marco en máis dun 35 % das explotacións da ADSG, perderase o dereito ao total da axuda.

d) No caso da incorporación de animais que resulten positivos a anticorpos nas análisis feitas previas a súa incorporación fronte ao IBRgE, BVDax e paratuberculose, deducirase 100 euros por animal do total da axuda.

e) No caso da permanencia prolongada nunha explotación dun animal confirmado como persistentemente infectado pola BVD sen tomar as medidas de bioseguridade axeitadas, deducirase 200 euros por animal do total da axuda.

f) Por cada explotación bovina en que se detecte a utilización fronte á IBR de vacinas que non sexan marcadas, deducirase un importe de 500 euros do total da axuda.

g) Por cada explotación en que se detecte a saída de animais bovinos confirmados como persistentemente infectados pola BVD ou confirmados como positivos á paratuberculose, ou de animais ovinos e cabrúns confirmados como positivos á paratuberculose, con destinos diferentes do matadoiro, deducirase un importe de 500 euros do total da axuda.

h) Por cada explotación en que se detecte que non foi realizada a enquisa de bioseguridade recollida no programa marco, cando proceda, deducirase un importe de 200 euros do total da axuda.

i) No caso de non realizarse a actividade formativa ou a reunión anual establecidas no programa marco, deducirase un 10 % do total da axuda.

j) Por cada explotación en que se detecte que non foron realizados os controis previstos nas incorporacións de animais, cando proceda, deducirase un importe de 200 euros do total da axuda.

k) Por cada explotación en que se detecte que non foi realizada en prazo a declaración censual obrigatoria establecida pola normativa vixente, deducirase un importe de 200 euros do total da axuda.

l) Por cada explotación avícola en que se detecte que non foron realizados os correspondentes autocontrois de salmonela (incluíndo os autocontrois de eficacia da limpeza e desinfección en baleiros en explotacións avícolas de carne), cando estes sexan preceptivos, ou non estean á disposición dos servizos veterinarios oficiais cando estes os requiran, deducirase un importe de 500 euros do total da axuda.

ll) Por cada explotación avícola en que se detecte que non foi realizada a correspondente vacinación fronte á salmonela, cando esta sexa preceptiva, deducirase un importe de 500 euros do total da axuda.

m) Por cada explotación avícola en que se detecten, dentro dos programas de salmonela, incumprimentos referidos á inexistencia na explotación da documentación acreditativa de orixe das aves, pensos ou auga, deducirase un importe de 100 euros do total da axuda.

n) Por cada explotación porcina en que se detecte que non foi realizada a correspondente vacinación fronte á enfermidade de Aujeszky, cando esta sexa preceptiva, ou os controis serolóxicos obrigatorios, deducirase un importe de 500 euros do total da axuda.

ñ) No caso de detectarse incumprimentos de calquera tipo dos sinalados en máis do 35 % das explotacións da ADSG, perderase o dereito ao 100 % da axuda.

o) No caso de que se supere o límite do número de mostras que se remiten ao laboratorio, enviándose durante un mes máis do 15 % do total de cada ADSG durante todo o ano, reducirase o importe da axuda nun 5 % por cada mes en que se superou o límite establecido.

p) No caso de que o Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia informe, ao final do período subvencionable, que unha ADSG non respectou os criterios de mostraxe e de envíos de mostras establecidos, reducirase nun 20 % a axuda.

q) Por cada actuación do programa sanitario detectada como non actualizada en prazo na aplicación informática, deducirase un importe de 100 euros na axuda.

r) Por non ter clasificadas as explotacións segundo se recolle no Programa sanitario marco para as ADSG de gando bovino en 28 de febreiro de 2014, aplicarase unha dedución de 200 euros da axuda.

s) No caso de detectarse a non actualización da aplicación informática nun 30 % das actuacións do programa sanitario realizadas, perderase o dereito ao 100 % da axuda.

t) No caso de detectarse que se realizou o programa sanitario en calquera explotación da entidade por parte dun veterinario non recoñecido na correspondente ADSG, perderase o dereito ao 100 % da axuda.

u) No caso das ADSG de gando porcino, establécese unha dedución parcial de 500 euros na axuda que lle correspondera cobrar á agrupación por cada unha das explotacións de produción pertencentes a ela que non estean cualificadas fronte á enfermidade de Aujeszky ao final do período subvencionable. Para estes efectos, non serán tidas en conta as explotacións que presentasen positividade ao longo do dito período, e que estean executando correctamente un programa de erradicación e control da enfermidade, para a súa posterior cualificación.

Artigo 19. Reintegro da axuda e obriga de facilitar información

O interesado ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e nos demais supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Se se detectan incumprimentos en controis posteriores ao pagamento da axuda, nos procedementos de reintegro aplicaranse as reducións de axuda establecidas no artigo 9.

Así mesmo, ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como as que lle solicite calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 20. Réxime de incompatibilidades

As axudas establecidas na presente orde son compatibles con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que se cumpran os límites establecidos na normativa aplicable e que, en ningún caso, se supere o custo total da actividade financiada.

Artigo 21. Financiamento

1. As axudas que deriven da aplicación da presente orde financiaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias do proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Para o ano 2013: 12.22.713E.470.0 dotada para esta finalidade con 800.000 euros.

b) Para o ano 2014: 12.22.713E.470.0 dotada para esta finalidade con 1.200.000 euros.

2. Así mesmo, os importes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia con que se financiarán estas axudas poderanse incrementar con fondos estatais ou autonómicos achegados para o efecto.

Disposición adicional primeira

En todas aquelas cuestións non previstas na presente orde será de aplicación o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos preceptos básicos da normativa estatal.

Disposición adicional segunda

As axudas reguladas pola presente orde rexeranse polas normas comunitarias aplicables e, concretamente, polo Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro, sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 70/2001.

Disposición derradeira

A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria poderá modificar e desenvolver as pautas de mostraxe e actuación establecidas, os criterios e as probas para a consecución e mantemento das clasificacións de explotacións, así como os programas de manexo en función da clasificación de risco das enfermidades.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VI
Programas sanitarios das ADSG

As ADSG deberán executar un programa sanitario cun contido mínimo obrigatorio e, se for o caso, poderán desenvolver un programa sanitario complementario voluntario que convirá a ADSG.

Programas sanitarios marco obrigatorios que desenvolverán as ADSG para todas as especies.

1. Obrigas. Todas as explotacións integradas nas ADSG deberán cumprir o exixido no Real decreto 784/2009, do 30 de abril, e na normativa vixente de identificación animal e rexistro de explotacións. Os veterinarios das ADSG serán responsables de levar a cabo todas as actuacións establecidas no punto 2 do artigo 6 do Decreto 91/2001, do 19 de abril, polo que se regulan as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras en Galicia. En especial, os veterinarios das ADSG colaborarán na Rede de epidemio-vixilancia de Galicia, tendo a obriga de comunicar aqueles acontecementos que poidan motivar sospeita de alerta sanitaria, e colaborarán, se for preciso, na toma de mostras para as análises oficiais e achegarán o seu coñecemento do estado sanitario da explotación.

2. Formación sanitaria. Os veterinarios das ADSG fomentarán entre os gandeiros das explotacións integradas que estes dispoñan dunha formación axeitada. Para estes efectos, as ADSG organizarán polo menos un curso de formación ao ano, dirixido aos titulares das explotacións.

O mencionado curso poderá ser substituído ou, se for o caso, facerse coincidir cunha reunión anual en que se convoque a todos os socios da ADSG, e na cal se expoñan polo miúdo as actuacións desenvolvidas no marco dos programas sanitarios executados e os resultados delas na última anualidade.

A data, o lugar, a hora e o contido do curso ou, se for o caso, da reunión convocada, comunicaranse polo menos con dez días de antelación, mediante escrito dirixido ao respectivo servizo provincial de Gandaría.

Cando se realicen, os cursos de formación deberán incluír no seu programa contidos relacionados polo menos cos seguintes temas, cando proceda e segundo a especie:

– Prevención e control das enfermidades incluídas no programa sanitario propio da ADSG.

– Formación en benestar animal.

– Plans de alerta sanitaria veterinaria, enfermidades de declaración obrigatoria en España e na Unión Europea ou incluídas no Código zoosanitario internacional da Organización Mundial de Sanidade Animal.

– Pautas de bioseguridade nas granxas e protocolos de desinfección, desinsectación e desratización (DDD).

– Guía das practicas correctas da hixiene.

– Xestión ambiental e sostibilidade.

– En ADSG de gando bovino, ovino e cabrún, programas de vixilancia pasiva das encefalopatías esponxiformes transmisibles (EET).

3. Fichas de actuación. Por cada explotación integrada nos programas sanitarios o veterinario responsable da ADSG cubrirá unha ficha en que se reflictan as actuacións realizadas. As fichas elaboradas identificarán a explotación e incluirán os seguintes campos:

– Data.

– Descrición detallada da actuación e, se é o caso, número de animais sobre os cales se actuou.

As fichas de actuación conservaranse na explotación xunto á restante documentación relativa ao programa sanitario da ADSG e deberán estar á disposición dos servizos veterinarios oficiais para a súa supervisión.

4. Enquisa de bioseguridade. Os veterinarios das ADSG realizarán en todas as explotacións unha enquisa de bioseguridade en que se recolla a infraestrutura sanitaria e as prácticas de manexo, de xeito que permita descubrir os puntos críticos en bioseguridade que poidan favorecer a entrada ou diseminación de enfermidades. Baseándose nos resultados das enquisas, os veterinarios establecerán as oportunas medidas correctoras para emendar as deficiencias detectadas e controlarán a súa aplicación por parte dos coidadores e responsables do gando afectado. Ao respecto, os veterinarios das ADSG entregarán ao gandeiro un documento co resultado da enquisa (favorable ou desfavorable), no cal se indiquen, se é o caso, as medidas correctoras que se recomendan.

Realizarase unha primeira enquisa en todas as explotacións da ADSG, así como en cada nova explotación que se incorpore a esta. Unicamente será necesario repetir a enquisa nunha explotación cando se produciren cambios substanciais nalgún dos aspectos nela recollidos (instalacións, condicións de manexo ...), ou cando se detecte a aparición de enfermidades que permitan facer sospeitar deficiencias na bioseguridade da explotación.

As enquisas realizaranse segundo o modelo facilitado polos servizos veterinarios oficiais. As enquisas realizadas, xunto a unha copia dos documentos en que se indiquen as medidas correctoras indicadas ao gandeiro, estarán á disposición dos servizos veterinarios oficiais.

• Gando bovino.

Os veterinarios das ADSG levarán a cabo as seguintes actuacións:

1. Colaboración coas actuacións que correspondan en relación cos programas de erradicación de enfermidades, segundo o Real decreto 2611/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación de enfermidades dos animais (medidas ou pautas de bioseguridade no caso de sospeita e confirmación da enfermidade, tratamento e manexo dos estercos, pautas de limpeza e desinfección despois da eliminación de animais positivos).

2. Os veterinarios das ADSG controlarán e fomentarán entre os gandeiros das explotacións integradas na ADSG as boas prácticas en materia de benestar animal.

3. Programa de vixilancia e control das encefalopatías esponxiformes transmisibles (pautas de vixilancia activa, información aos gandeiros, controis dos provedores de pensos, control e asesoramento sanitario na eliminación de cadáveres).

4. Programa de desinfección, desinsectación e desratización nas explotacións. O programa incluirá as seguintes actuacións do veterinario:

– A formación dos gandeiros integrados na ADSG nesta materia, tanto nas reunións mantidas con eles como a través do asesoramento persoal nas propias explotacións.

– Dar as pautas para realizar as operacións de DDD nas explotacións integradas na ADSG, e levar a supervisión delas nos casos en que se detectasen positividades a enfermidades obxecto de plans de erradicación, ou reaparicións das enfermidades suxeitas a control dentro dos programas de planificación sanitaria.

5. Programa de control da desinfección dos vehículos de transporte de gando das explotacións da agrupación:

– Os veterinarios das ADSG, a través das reunións que leven a cabo cos gandeiros das explotacións integradas na ADSG, e mediante o asesoramento persoal, fomentarán o uso de medios de limpeza e desinfección nos vehículos que visiten as explotacións (mochilas desinfectantes ...).

6. Programa de control de parasitos internos e externos.

O obxectivo do programa será a detección da carga parasitaria das explotacións e/ou a toma de medidas encamiñadas a diminuír ou erradicar a presenza de parasitos nas explotacións baixo control.

7. Programas específicos de prevención e control fronte ás enfermidades do gando bovino que a seguir se citan, encamiñados a diminuír a prevalencia e incidencia das distintas enfermidades:

7.1. Control da diarrea viral bovina (BVD).

7.1.1. Obxectivos das probas diagnósticas.

– Detección das explotacións con infección activa.

Son sospeitosas de padeceren unha infección activa aquelas explotacións que presentan animais novos con presenza de anticorpos anti-p80 e nas cales se produce unha seroconversión ou unha alta taxa de anticorpos anti-p80 en mostras de leite do tanque.

– Eliminación, se for o caso, de animais persistentemente infectados (PI).

Considérase animal PI aquel que sexa positivo a dúas probas diagnósticas de antíxeno cun intervalo de, polo menos, 21 días entre elas.

– Investigación epidemiolóxica da orixe de novas infeccións.

7.1.2. Pautas de actuación en explotacións de leite (BVD).

– Como mínimo, deberanse realizar dúas mostraxes anuais en tanque de leite, cun intervalo aproximado de 6 meses, para detección de anticorpos anti-p80.

– Realizarase unha mostraxe anual en soro dos animais maiores de 9 meses e menores de 36 meses nados na explotación, ata un máximo de 15 animais, para determinación de anticorpos anti-p80. No caso de non existiren animais deste grupo de idade, mostraxearanse animais reprodutores entre os que resultasen negativos a anticorpos en mostraxes anteriores, dando preferencia aos animais máis novos. No caso de explotacións con máis dunha unidade de produción, segundo o criterio do veterinario responsable, a mostraxe anterior poderá realizarse de xeito diferenciado en cada unha delas.

– No caso das explotacións en que os niveis de anticorpos en tanque de leite indiquen unha seroconversión ou unha positividade superior ao 25 % dos animais e a poboación de animais novos maiores de 9 meses e menores de 36 meses de idade nados na explotación resulte positiva, procederase da seguinte forma:

a) En rabaños en que a información epidemiolóxica de anos anteriores indique a presenza dun foco recente, deberase realizar unha investigación de anticorpos anti-p80, entre os animais incorporados recentemente á explotación e os animais nados desde a última mostraxe con resultados negativos, co fin de detectar a posible presenza dun animal PI.

Os animais que resulten negativos ás probas de anticorpos someteranse a probas de antíxeno. Non se realizarán mostraxes de anticorpos nin de antíxeno en animais xa existentes antes da sospeita do foco ou sobre animais previamente positivos a anticorpos.

b) Cando a información epidemiolóxica dos tres anos anteriores indique a circulación do virus (nacemento de animais PI, positividade a anticorpos nos animais menores de 24 meses e valores de prevalencia en leite de tanque por riba do 25 %), así como en rabaños de nova incorporación á ADSG e sen probas diagnósticas anteriores, realizarase a proba de detección de anticorpos anti-p80 no resto do rabaño descartando os positivos da primeira proba.

Os animais que resulten negativos ás probas de anticorpos someteranse a probas de antíxeno, co fin de detectar a posible presenza dun animal PI.

Neste caso poderase realizar unha proba complementaria previa: PCR sobre unha mostra de leite de tanque co fin de descartar, en caso de negatividade, a presenza dun PI no grupo de animais en produción, sen necesidade de realizar unha mostraxe de soro individual dese grupo de animais. Para admitir esta proba, o número de vacas en lactación deberá ser superior a 30 animais e o veterinario responsable deberá remitir ao laboratorio un informe detallado que xustifique o emprego desta técnica.

7.1.3. Pautas de actuación en explotacións de carne (BVD).

– Realizarase unha mostraxe anual en soro dos animais maiores de 9 meses e menores de 36 meses nados na explotación, ata un máximo de 15 animais. No caso de non existiren animais deste grupo de idade, mostraxearanse animais reprodutores entre os que resultasen negativos a anticorpos en mostraxes anteriores, dando preferencia aos animais máis novos.

– No caso de existir unha positividade maior do 25 % neste grupo de animais, realizarase a analítica en soro de anticorpos anti-p80, da seguinte forma:

a) En rabaños en que a información epidemiolóxica de anos anteriores indique a presenza dun foco recente, deberase realizar unha investigación de anticorpos anti-p80 entre os animais incorporados recentemente á explotación e os animais nados desde a última mostraxe con resultados negativos, co fin de detectar a posible presenza dun animal PI.

Os animais que resulten negativos ás probas de anticorpos someteranse a probas de antíxeno. Non se realizarán mostraxes de anticorpos nin de antíxeno en animais xa existentes antes da sospeita do foco ou sobre animais previamente positivos a anticorpos.

b) En rabaños de nova incorporación á ADSG, e sen probas diagnósticas anteriores, realizarase a proba de detección de anticorpos anti-p80 no resto do rabaño descartando os positivos da primeira proba.

Os animais que resulten negativos ás probas de anticorpos, someteranse a probas de antíxeno, co fin de detectar a posible presenza dun animal PI.

7.1.4. Pautas de actuación comúns a todas as explotacións (BVD).

– A periodicidade das analíticas poderase incrementar, en función dos riscos da explotación (movemento de animais, estado sanitario das explotacións estremeiras etc.).

– Os animais negativos a anticorpos anti-p80 someteranse á proba de antíxeno se as analíticas anteriores indican a posibilidade de presenza de animais PI.

– En calquera caso, os animais seropositivos á proba de detección de anticorpos non serán mostraxeados repetidamente, limitando as novas mostraxes aos animais seronegativos. En casos excepcionais, e logo de autorización do Lasapaga, poderanse repetir as probas de antíxeno en animais positivos a p80.

– A proba de detección de antíxeno nos animais menores de 4 meses realizarase preferentemente en mostra de orella ou en soro recollido antes da toma do primeiro costro, para minimizar a interferencia con anticorpos presentes nos costros.

– No caso dun foco recente, aínda que o resultado de antíxeno sexa negativo nunha primeira proba, en animais menores de 4 meses, é aconsellable realizar novas probas aos 4-5 meses de idade para detectar a posible presenza de falsos negativos, debidos á interferencia cos anticorpos costrais.

– En todo caso, un animal positivo a antíxeno non se poderá trasladar a outra explotación (exceptuando matadoiros) nin a pastos comunais, nin transitar por camiños comúns a outras explotacións non infectadas, ata que sexa sometido a unha segunda proba de antíxeno con resultado negativo.

– Os animais confirmados como PI pola BVD non poderán en ningún caso ser destinados a outras explotacións nin a pastos comunais, nin transitar por camiños comúns a outras explotacións non infectadas, sendo o único destino o seu traslado directo ao matadoiro. O veterinario da ADSG comunicará o diagnóstico de confirmación da positividade aos servizos veterinarios oficiais mediante un informe da posible orixe da infección, co fin de determinar as causas que permitan prever no futuro a presenza de novas infeccións, e informará o titular da explotación afectada das anteriores obrigas, establecendo un plan para a eliminación inmediata destes animais, considerándose como un incumprimento a súa permanencia prolongada na explotación sen tomar as medidas de bioseguridade axeitadas.

– O Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, ou o laboratorio autorizado que realice o diagnóstico, comunicará aos servizos veterinarios oficiais a identificación dos animais confirmados como persistentemente infectados. En todos os casos os servizos veterinarios oficiais comunicarán ao titular da explotación a restrición dos movementos e o posible destino dos animais sinalados e realizarán un control estrito sobre estes, rexistrando a inmobilización dos animais afectados na base de datos da Consellería do Medio Rural e do Mar.

– A realización dunha mostraxe diferente á indicada e a realización de probas de PCR en leite exixirá a autorización do Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, logo de informe razoado do veterinario da ADSG. O laboratorio poderá denegar a realización da mostraxe por considerala pouco útil ou por saturación de mostras no laboratorio.

7.1.5. Clasificación de explotacións (BVD).

Os veterinarios responsables da ADSG deberán clasificar as explotacións en función dos resultados das probas diagnósticas realizadas, antes do 28 de febreiro de 2014, nos niveis que se indican a seguir:

– Nivel 0. Explotacións con infección activa ou sospeitosas de manter unha infección activa. Con detección de animais PI nos últimos 12 meses ou analíticas que indican a posibilidade de presenza de animais PI, sen completar a realización das probas necesarias para descartalos.

– Nivel 1. Explotacións de leite: con tanque positivo (máis de 25 % de prevalencia) e/ou animais entre 9 e 36 meses positivos a anticorpos, pero sen detección de animais PI nos últimos 12 meses. Explotacións de carne: animais entre 9 e 36 meses positivos a anticorpos, pero sen detección de animais PI nos últimos 12 meses.

– Nivel 2. Explotacións de leite: tanque positivo (máis do 25 % de prevalencia) e animais de 9-36 meses negativos. Explotacións de carne: animais de 9-36 meses negativos durante o último ano.

– Nivel 3. Explotacións de leite: tanque negativo (menos do 25 % de prevalencia) e animais de entre 9 e 36 meses negativos. Explotacións de carne: animais de 9-36 meses negativos, desde hai 2 ou máis anos.

7.2. Control da rinotraqueíte bovina infecciosa (IBR).

7.2.1. Obxectivo do programa.

O obxectivo do programa será a diminución da prevalencia da enfermidade mediante a detección e eliminación progresiva de animais seropositivos.

7.2.2. Pautas de actuación en explotacións de leite (IBR).

As analíticas individuais ou en tanque de leite realizaranse preferentemente:

– Para detección de anticorpos totais ou anti-gB, se a explotación non vacina de IBR dada su maior sensibilidade.

– De anticorpos anti-gE, no caso de explotacións que utilicen vacina marcada de IBR.

Como mostraxe mínima, realizaranse:

– Analíticas de anticorpos en tanque de leite. Como mínimo, deberanse realizar dúas mostraxes anuais, cun intervalo mínimo de 6 meses.

– Unha mostraxe anual en soro dos animais maiores de 9 meses e menores de 36 meses nados na explotación, ata un máximo de 15 animais. No caso de non existiren animais deste grupo de idade, mostraxearanse animais reprodutores entre os que resultasen negativos a anticorpos en mostraxes anteriores, dando preferencia aos animais máis novos.

En función dos resultados das mostraxes anteriores, poderanse realizar as seguintes probas:

– Nas explotacións en que o resultado de anticorpos en leite de tanque indique a ausencia de animais reactivos e a mostraxe dos animais entre 9 e 36 meses de idade resulte negativa poderase realizar outra analítica en soro do resto dos animais para detectar a posible existencia de animais seropositivos. Esta analítica farase unha soa vez coa finalidade de clasificar a explotación como negativa.

– As explotacións que en anos anteriores realizasen a mostraxe do 100 % dos animais con resultado negativo, limitaranse a executar a mostraxe mínima sobre os animais menores de 36 meses e efectuarán, como mínimo, unha mostraxe cuadrimestral en leite de tanque (3 mostraxes repartidas ao longo do ano).

7.2.3. Pautas de actuación en explotacións de carne (IBR).

Como mostraxe mínima:

– Realizarase anualmente unha analítica en soro en animais maiores de 9 meses e menores de 36 meses, para comprobar a presenza de anticorpos gB ou totais, gE no caso de animais vacinados con vacina marcada.

En función da mostraxe anterior poderanse realizar as seguintes probas:

– As explotacións que manteñan a negatividade na mostraxe dos animais entre 9 e 36 meses de idade durante dous ou máis anos poderán realizar outra analítica en soro do resto dos animais para detectar a posible existencia de animais seropositivos. Esta analítica farase unha soa vez coa finalidade de clasificar a explotación como negativa.

– As explotacións que en anos anteriores realizasen a mostraxe do 100 % dos animais con resultado negativo, limitaranse a realizar a mostraxe mínima sobre os animais menores de 36 meses.

7.2.4. Pautas de actuación comúns a todas as explotacións (IBR).

– A periodicidade das analíticas poderase incrementar, en función dos riscos da explotación (movemento de animais, estado sanitario das explotacións estremeiras etc.).

– A analítica da IBR non se realizará nas explotacións vacinadas anteriormente con vacinas convencionais, agás naqueles animais que non estean vacinados.

– En calquera caso, e seguindo as indicacións do Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, as analíticas realizadas estarán destinadas a coñecer o estado sanitario das explotacións, definíndose as actuacións a realizar en cada unha delas en función dos resultados obtidos: non se poderá realizar unha mostraxe do 100 % dos animais da explotación mentres se obteñan resultados positivos en animais menores de 36 meses ou no tanque de leite.

– As únicas vacinas autorizadas dentro do programa oficial das ADSG de Galicia fronte á IBR en explotacións de reprodución serán vacinas marcadas. No caso dos cebadeiros de gando vacún integrados en ADSG, poderanse empregar vacinas non marcadas fronte ao IBR.

– As explotacións que en anos anteriores realizasen a mostraxe fronte a gE do 100 % dos animais con resultado negativo poderán, logo de autorización do Lasapaga, realizar outra mostraxe do 100 % dos animais fronte a gB, por unha soa vez, para poder cualificar a explotación co nivel 4.

7.2.5. Clasificación de explotacións (IBR).

Os veterinarios responsables da ADSG deberán clasificar as explotacións en función das probas diagnósticas realizadas, antes do 28 de febreiro de 2014, nos niveis que se indican a seguir:

– Nivel 0. Explotacións de leite: valores de anticorpos en mostra de tanque de leite que indiquen a presenza de animais positivos e que existan animais positivos a anticorpos no grupo de idade de 9 a 36 meses. Explotacións de carne: animais positivos a anticorpos no grupo de idade de 9 a 36 meses.

– Nivel 1. Explotacións de leite: con tanque positivo e animais entre 9 e 36 meses de idade negativos a anticorpos no último ano. Explotacións de carne: animais entre 9 e 36 meses de idade negativos a anticorpos no último ano.

– Nivel 2. Explotacións de leite: con tanque de leite positivo ou negativo e animais de 9 a 36 meses de idade negativos nos últimos 2 ou máis anos, pero nunca se realizou unha mostraxe do 100 % dos animais con resultados negativos. Explotacións de carne: animais de 9 a 36 meses de idade negativos a anticorpos nos últimos 2 ou máis anos, pero nunca se realizou unha mostraxe do 100 % dos animais con resultados negativos.

– Nivel 3. Explotacións cunha mostraxe do 100 % dos animais con resultado negativo a anticorpos anti-gE e, no caso de explotacións de leite, con tanque negativo.

– Nivel 4. Explotacións cunha mostraxe do 100 % dos animais con resultado negativo a anticorpos anti-gB ou totais e, no caso de explotacións de leite, con tanque negativo.

Unha vez acadados os dous últimos niveis, o mantemento destes conseguirase con resultados negativos nas mostraxes indicadas anteriormente (mostraxes en animais entre 9 e 36 meses de idade e, se for o caso, 3 mostraxes anuais negativas en tanque de leite).

7.3. Control da paratuberculose.

7.3.1. Obxectivos do programa.

– Divulgar o significado da enfermidade.

– Minimizar o risco de infección en explotacións non afectadas pola enfermidade.

– Detectar explotacións infectadas.

– Aplicar pautas de manexo nas explotacións segundo o nivel de risco.

– Minimizar os efectos da enfermidade en explotacións infectadas.

7.3.2. Definicións.

– Explotación infectada de paratuberculose: aquela con, polo menos, un animal confirmado como positivo nos últimos 2 anos.

– Animal bovino confirmado positivo á paratuberculose: aquel en que se dea calquera das seguintes situacións:

a) O animal presenta lesións patognomónicas nas que se visualiza a presenza de microorganismos ácido-alcol resistentes.

b) En feces do animal visualízase a presenza de niños de bacilos ácido-alcol resistentes e presenta síntomas clínicos compatibles coa enfermidade.

c) En calquera tipo de mostra procedente do animal obtívose un resultado positivo a cultivo e PCR.

d) Nas explotacións confirmadas como infectadas: calquera animal con síntomas clínicos compatibles coa enfermidade ou calquera animal positivo a ELISA.

7.3.3. Pautas de mostraxe en explotacións confirmadas como infectadas de paratuberculose.

– Realizarase unha analítica de detección de anticorpos mediante probas ELISA no 40 % ao 100 % dos animais maiores de 24 meses, con resultado negativo en analíticas anteriores, cunha periodicidade mínima anual. Terán preferencia na mostraxe os animais negativos non mostraxeados en anos anteriores.

Para realizar unha mostraxe maior do 40 %, deberase implantar na explotación un exhaustivo programa de manexo e eliminación de animais clínicos ou confirmados, establecido polo servizo competente en materia de sanidade animal e asinado polo veterinario da ADSG e o gandeiro. As explotacións afectadas que non realicen o dito programa manterán a clasificación de infectadas e non poderán facer a mostraxe do 100 % dos animais negativos.

– Ata que a seroprevalencia da explotación, considerando todos os animais presentes, descenda por debaixo do 8 % a ELISA:

a) Non se repetirá a analítica a animais previamente positivos a ELISA.

b) Non se realizarán outras probas de confirmación distintas do ELISA.

7.3.4. Pautas de mostraxe en explotacións non confirmadas como infectadas de paratuberculose.

– Realizarase unha analítica de detección de anticorpos mediante probas ELISA, cunha periodicidade anual dos seguintes animais:

a) Os animais de risco (con diarrea crónica, adelgazamento, descenso de produción inxustificada).

b) Os adquiridos nos últimos anos.

c) Os animais, non confirmados positivos, que deron positivo a ELISA en anos anteriores.

d) Outros animais negativos en anos anteriores ata completar o 40 % dos animais maiores de 36 meses, se esa porcentaxe non se acadou cos animais citados anteriormente, dando preferencia aos animais non mostrexados recentemente.

– Os animais positivos a ELISA deberán ser confirmados en feces por cultivo e PCR.

– Os animais positivos a ELISA cun resultado negativo en feces someteranse a unha nova proba de ELISA despois de coñecidos os resultados da proba de confirmación.

7.3.5. Outras pautas de actuación (paratuberculose).

– Nas explotacións non confirmadas como positivas a paratuberculose estableceranse pautas de manexo axeitadas para minimizar o risco de introdución da infección. Estas pautas serán determinadas polo veterinario da ADSG en función da clasificación da explotación.

– Os animais confirmados como positivos a paratuberculose non poderán en ningún caso ser trasladados a outras explotacións nin a pastos comunais, nin transitar por camiños comúns a outras explotacións non infectadas, sendo o único destino posible destes o seu traslado directo ao matadoiro.

– O veterinario da ADSG comunicará o diagnóstico de confirmación da positividade aos servizos veterinarios oficiais, informará o titular da explotación afectada das obrigas sinaladas no punto anterior e establecerá un plan de manexo, tendente a atenuar os efectos da enfermidade na explotación e minimizar o risco de infección doutras explotacións.

– Todo animal positivo a anticorpos de paratuberculose (ELISA) antes do seu movemento cara a outras explotacións deberá ser sometido ás probas de confirmación de laboratorio. De obter un resultado negativo ás ditas probas, antes do movemento deberá realizar unha nova analítica a anticorpos de ELISA con resultado negativo.

– O Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, ou o laboratorio autorizado que realice o diagnóstico, comunicará aos servizos veterinarios oficiais a identificación dos animais confirmados como positivos á paratuberculose detectados.

– Os servizos veterinarios oficiais comunicarán ao titular da explotación o posible destino dos animais sinalados e realizarán un control estrito sobre estes.

– En explotacións infectadas de paratuberculose onde convivan outros ruminantes, deberase investigar igualmente a presenza de anticorpos da enfermidade en todas as especies susceptibles.

7.3.6. Clasificación de explotacións (paratuberculose).

Os veterinarios responsables da ADSG deberán clasificar as explotacións, en función dos resultados das probas diagnósticas realizadas, antes do 28 de febreiro de 2014 nos grupos que se indican a seguir:

– Nivel 0. Explotación infectada. Explotación con algún animal confirmado para paratuberculose nos dous últimos anos.

– Nivel 1. Explotación con animais positivos a ELISA e probas de confirmación negativas.

– Nivel 2. Explotación con menos dun 8 % de animais positivos a ELISA e con probas de confirmación negativas durante 2 anos.

– Nivel 3. Explotación cun ano de mostraxe negativa a ELISA.

– Nivel 4. Explotación con dous anos de mostraxe negativa a ELISA.

– Nivel 5. Explotación con tres anos de mostraxe negativa a ELISA.

– Nivel 6. Explotación con catro anos de mostraxe negativa a ELISA.

7.4. Control de incorporacións.

– Os titulares das explotacións comunicarán con antelación todas as entradas de novos animais na súa explotación ao veterinario responsable da ADSG. Así mesmo, comunicarán o retorno de animais da súa explotación cando tivesen contacto con outros animais doutras explotacións (pastos comunais, concursos, feiras, centros de recría en común etc.).

– As explotacións integradas en ADSG, baixo a supervisión do veterinario responsable deberán realizar corentena e control serolóxico fronte á BVDac, BVDax, IBRgE e paratuberculose de todos os animais de nova incorporación. En animais menores de tres meses a proba da BVDax realizarase preferentemente en mostra de orella.

– O control serolóxico en soro non será necesario que se realice en animais incorporados menores de 5 meses e destinados a ceba, sendo necesario neste caso realizar unicamente o control de BVDax en mostra de orella. No caso de que estes animais finalmente se incorporen ao grupo de reprodución da explotación, será necesario realizar neles un control serolóxico unha vez superados os 6 meses de idade.

– Non se incorporarán ás explotacións da ADSG animais que resulten positivos a anticorpos ou cultivo de paratuberculose, a anticorpos gE de IBR e a antíxeno de BVD.

– Se as analíticas realizadas revelan positividade nos animais en corentena, procederase á súa devolución á explotación de orixe nun prazo máximo de 30 días, coa autorización dos servizos veterinarios oficiais, que controlarán o seu posterior destino, coa excepción dos animais positivos a antíxeno de BVD, que non poderán ser devoltos ata que sexan sometidos a unha segunda proba con resultado negativo.

Se durante a corentena algún dos animais resultar positivo a antíxeno de BVD, a explotación considerarase infectada ata a realización das probas que descarten o contaxio da infección.

No caso de animais seroloxicamente positivos a paratuberculose que se devolvan a orixe, non se permitirá a súa nova venda cara a explotacións de reprodución ata que a enfermidade sexa descartada mediante as probas correspondentes.

– Non serán necesarios estes controles cando os animais procedan de explotacións pertencentes a ADSG que cumpran co mesmo programa sanitario e veñan acompañados cunha acreditación sanitaria asinada polo veterinario da ADSG que deberá reflectir os controis aos que foron sometidos os animais implicados, que deberán ser, en todo caso, negativos. Nestes casos, as probas analíticas deberán estar realizadas nos tres meses anteriores ao traslado do animal.

– No caso de que se incorporen á explotación animais xestantes positivos a anticorpos de BVD, deberá realizarse a analítica de BVD antíxeno do tenreiro ao nacemento, ou do aborto, se for o caso.

– No caso de animais retornados coas orixes mencionadas no primeiro parágrafo, e coa finalidade de coñecer a situación sanitaria destes, realizaranse analíticas da BVDac e IBRgE.

Os centros de recría integrados nunha ADSG deberán incorporar animais procedentes de explotacións integradas en ADSG ou que cumpran co programa sanitario marco recollido na orde de axudas ás ADSG, o que acreditará documentalmente o veterinario da explotación de orixe. Estes animais someteranse ás analíticas contempladas para as novas incorporacións antes da súa chegada ao centro de recría, o que deberá reflectirse no documento de envio de mostras ao Lasapaga.

Coa presentación da solicitude de axuda por parte da ADSG, enténdese que os titulares das explotacións bovinas integradas nela prestan o seu consentimento para que a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria facilite aos veterinarios responsables da agrupación os datos dos animais pertencentes a aquelas, así como a información correspondente aos animais incorporados, para os efectos de proceder ao seu control sanitario, sen prexuízo da responsabilidade destes en relación co pleno cumprimento da normativa de protección de datos de carácter persoal.

• Gando ovino e cabrún.

Os veterinarios das ADSG levarán a cabo as seguintes actuacións:

1. Colaboración coas actuacións que correspondan en relación cos programas de erradicación de enfermidades, segundo o Real decreto 2611/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación de enfermidades dos animais (medidas ou pautas de bioseguridade no caso de sospeita e confirmación da enfermidade, tratamento e manexo dos estercos, pautas de limpeza e desinfección despois da eliminación de animais positivos).

2. Os veterinarios das ADSG controlarán e fomentarán entre os gandeiros das explotacións integradas na ADSG as boas prácticas en materia de benestar animal.

3. Programa de vixilancia e control das encefalopatías esponxiformes transmisibles (pautas de vixilancia activa, información aos gandeiros, controis dos provedores de pensos, control e asesoramento sanitario na eliminación de cadáveres).

4. Programa de desinfección, desinsectación e desratización nas explotacións. O programa incluirá as seguintes actuacións do veterinario:

– A formación aos gandeiros integrados na ADSG nesta materia, tanto nas reunións mantidas con eles como a través do asesoramento persoal nas propias explotacións.

– Dar as pautas para realizar as operacións de DDD nas explotacións integradas na ADSG, e levar a supervisión delas nos casos en que se detectasen positividades a enfermidades obxecto de plans de erradicación, ou novos focos das enfermidades suxeitas a control dentro dos programas de planificación sanitaria.

5. Programa de control da desinfección dos vehículos de transporte de gando das explotacións da agrupación:

– Os veterinarios das ADSG, a través das reunións que leven a cabo cos gandeiros das explotacións integradas na ADSG, e mediante o asesoramento persoal, fomentarán o uso de medios de limpeza e desinfección nos vehículos que visiten as explotacións (mochilas desinfectantes ...).

6. Control de parasitos internos e externos. Encamiñados a coñecer as posibles cargas parasitarias para tomar as medidas máis axeitadas de prevención.

7. Programas específicos de prevención e control fronte ás enfermidades do gando ovino e cabrún que a seguir se citan, encamiñados a coñecer o nivel de prevalencias das distintas enfermidades e, ademais, á súa diminución.

7.1. Control de paratuberculose.

As analíticas realizadas estarán destinadas a coñecer o estado sanitario das explotacións, identificándo os rabaños negativos e os que presentan baixa ou alta prevalencia e definindo as actuacións a realizar en cada un deles en función dos resultados obtidos.

Seguiranse as seguintes pautas xerais de actuación:

– Nas explotacións sen información epidemiolóxica da enfermidade realizarase unha mostraxe dun número de animais de acordo cun tamaño de mostra que asegure a detección dunha prevalencia do 5 % cunha fiabilidade do 95 %, segundo a táboa que se xunta.

Censo da explotación

Número de animais para mostraxe

1-30

Todos

31-40

31

41-50

35

51-70

40

71-100

45

101-200

51

201-300

54

Máis de 300

57

– As mostras tomadas serán sometidas a análise mediante a técnica ELISA de anticorpos.

– Os rabaños que resulten negativos ás probas serán sometidos a un control serolóxico anual, mediante mostraxe aleatoria.

– Naqueles rabaños en que a prevalencia da enfermidade sexa inferior ao 8 % realizarase unha estreita vixilancia clínica do efectivo para observar a evolución da enfermidade e, de ser o caso, detectar animais con sintomatoloxía clínica. Estes rabaños serán sometidos a unha mostraxe aleatoria anual para comprobar a evolución da enfermidade.

– Para abandonar a explotación para vida, os animais positivos a ELISA deberán realizar unha nova analítica separada como mínimo 60 días da primeira con resultado negativo.

– Nos rabaños en que se confirme a enfermidade, e co obxecto de identificar ao maior número posible de animais positivos, procederase á revisión da totalidade dos animais da explotación.

– Cos resultados obtidos, o veterinario da ADSG establecerá nas explotacións afectadas un plan específico de control e erradicación da enfermidade, baseado na aplicación de medidas hixiénico-sanitarias e de manexo, eliminación de animais positivos e control e corentena dos animais incorporados.

Considerase animal positivo á paratuberculose todo animal positivo a ELISA positivo procedente dun rabaño cunha prevalencia superior ao 8 % ou aquel animal con dúas probas ELISA positivas separadas como mínimo 60 días en rabaños con prevalencia menor ao 8 %; en rabaños xa confirmados como positivos, calquera animal que presente síntomas compatibles coa enfermidade, ou que, de ser o caso, o diagnóstico clínico e as probas de campo permitan asegurar que o animal padece a enfermidade.

Os animais confirmados como positivos á paratuberculose, así como a totalidade de animais de explotacións de prevalencia superior ao 8 %, non poderán en ningún caso ser destinados a outras explotacións de reprodución nin a pastos comunais, sendo o único destino posible destes o seu traslado directo ao matadoiro. O veterinario da ADSG comunicará aos servizos veterinarios oficiais a relación de animais confirmados como positivos e as medidas que se tomarán e informará o titular da explotación afectada desta obriga.

O Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, ou o laboratorio autorizado que realice o diagnóstico, comunicará aos servizos veterinarios oficiais a identificación dos animais confirmados como positivos á paratuberculose detectados. En todos os casos, os servizos veterinarios oficiais comunicarán ao titular da explotación o posible destino dos animais da explotación, e realizarán un control estrito sobre estes.

Os titulares das explotacións ovinas ou cabrúas en que se confirmase a presenza de paratuberculose nunha prevalencia superior ao 8 %, co informe favorable do veterinario da ADSG, poderán solicitar á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria autorización expresa para a utilización de vacina fronte á enfermidade.

Non se autorizará en ningún caso a vacinación fronte á paratuberculose de rabaños de gando cabrún que convivan ou teñan relación epidemiolóxica con gando bovino, nin tampouco de rabaños cabrúns que comercialicen leite, xa que estes deben ser sometidos ao programa de erradicación da tuberculose. Non obstante, excepcionalmente poderase autorizar a aplicación dun programa vacinal extraordinario fronte á paratuberculose no caso de rabaños con prevalencias superiores ao 8 %, co cumprimento das seguintes condicións:

– O rabaño deberá ter presentado resultados negativos á tuberculose en todos os animais antes do inicio do programa de vacinación.

– Os animais que se incorporen ao rabaño procederán doutros rabaños negativos á tuberculose, ou serán sometidos a probas de diagnóstico de tuberculose nos 30 días anteriores á súa incorporación, con resultados negativos.

– Os animais que resulten positivos ás probas anuais de diagnóstico da tuberculose ou, se é o caso, un número significativo deles, serán sacrificados para realizar o estudo microbiolóxico da enfermidade, co obxecto de determinar ou descartar a súa presenza no rabaño. No caso de confirmarse a existencia de tuberculose, serán sacrificados de xeito inmediato todos os animais reaccionantes que non fosen eliminados anteriormente.

– Despois do comezo do programa vacinal, a vacinación anual da recría realizarase despois da execución no rabaño das probas sanitarias anuais de tuberculose.

No caso de ser concedida a oportuna autorización, a vacinación realizarase coa supervisión dun veterinario oficial, permitíndose unicamente a saída de animais cara ao matadoiro a un cebadeiro para o seu traslado directo ao matadoiro, ou a outras explotacións cun programa vacinal fronte á paratuberculose aprobado nas cales os rabaños cumpran idénticas condicións ás establecidas.

Os veterinarios responsables da ADSG deberán clasificar as explotacións en función das probas diagnósticas realizadas, antes do 28 de febreiro de 2014, nos niveis que se indican a seguir:

– Explotación vacinada: explotación que empregou a vacinación para o control da enfermidade.

– Nivel 0: explotación con animais confirmados de paratuberculose ou cunha porcentaxe de animais positivos a ELISA igual ou superior ao 8 %.

– Nivel 1: explotación cunha porcentaxe de animais positivos a ELISA menor do 8 %.

– Nivel 2: explotación con 1 ano de mostraxe negativa a ELISA.

– Nivel 3: explotación con 2 anos de mostraxe negativa a ELISA.

– Nivel 4: explotación con 3 ou máis anos de mostraxe negativa a ELISA.

As probas diagnósticas necesarias para a consecución e mantemento da cualificación serán as que estableza a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

A comunicación da clasificación de cada tipo de explotación realizarase a través da aplicación informática das ADSG.

• Gando porcino.

1. Programa de control fronte á enfermidade de Aujeszky, seguindo as pautas establecidas na normativa legal vixente ao respecto e, concretamente, na aplicación da vacina fronte á dita enfermidade.

Os veterinarios das ADSG tomarán todas as medidas necesarias para conseguir no prazo máis breve posible a cualificación sanitaria fronte á enfermidade de Aujeszky da totalidade das granxas integradas.

Así mesmo, no caso de detectarse a presenza da enfermidade de Aujeszky nunha granxa, o veterinario da ADSG presentará un plan de erradicación da enfermidade. O veterinario será responsable da súa supervisión e correcta execución.

2. Controis serolóxicos nos reprodutores e na ceba, se for o caso, coa periodicidade e porcentaxe establecidas na normativa vixente ao respecto de PPC, PPA, EVP e enfermidade de Aujeszky.

3. Os veterinarios das ADSG controlarán e fomentarán entre os gandeiros das explotacións integradas na ADSG as boas prácticas en materia de benestar animal.

4. Control e asesoramento sanitario na eliminación de cadáveres.

5. Programa de desinfección, desinsectación e desratización nas explotacións. O programa incluirá as seguintes actuacións do veterinario:

– A formación aos gandeiros integrados na ADSG nesta materia, tanto nas reunións mantidas con eles como a través do asesoramento persoal nas propias explotacións.

– Dar as pautas para realizar as operacións de DDD nas explotacións integradas na ADSG e levar a supervisión delas nos casos en que se detectasen positividades a enfermidades obxecto de plans de erradicación, ou reaparicións das enfermidades suxeitas a control dentro dos programas de planificación sanitaria.

6. Programa de control da desinfección dos vehículos de transporte de gando das explotacións da agrupación:

– Os veterinarios das ADSG, a través das reunións que leven a cabo cos gandeiros das explotacións integradas na ADSG, e mediante o asesoramento persoal, fomentarán o uso de medios de limpeza e desinfección nos vehículos que visiten as explotacións (mochilas desinfectantes ...).

7. Programa de control de parasitos internos e externos.

• Aves.

1. Plans sanitarios de control, seguimento e loita (segundo corresponda) establecidos na normativa vixente e especificamente nos programas oficiais de salmonelose e influenza aviaria.

Dentro do programa sanitario de salmonela, especificamente a realización dos autocontrois establecidos e a existencia nas explotacións da documentación acreditativa referente á subministración de aves, alimentos e auga de uso na explotación.

2. Os veterinarios das ADSG controlarán e fomentarán entre os avicultores das explotacións integradas na ADSG as boas prácticas en materia de benestar animal.

3. Control e asesoramento sanitario na eliminación de cadáveres, plumas, ovos etc.

4. Programa de desinfección, desinsectación e desratización nas explotacións. O programa incluirá as seguintes actuacións do veterinario:

– A formación aos avicultores integrados na ADSG nesta materia, tanto nas reunións mantidas con eles como a través do asesoramento persoal nas propias explotacións.

– Dar as pautas para realizar as operacións de DDD nas explotacións integradas na ADSG e levar a supervisión delas nos casos en que se detectasen positividades a enfermidades obxecto de plans de erradicación, ou nos focos das enfermidades suxeitas a control dentro dos programas de planificación sanitaria.

5. Programa de control da desinfección dos vehículos de transporte de aves das explotacións da agrupación:

– Os veterinarios das ADSG, a través das reunións que leven a cabo cos avicultores das explotacións integradas na ADSG, e mediante o asesoramento persoal, fomentarán o uso de medios de limpeza e desinfección nos vehículos que visiten as explotacións (mochilas desinfectantes ...).

6. Programa de control de parasitos internos e externos.

• Coellos.

1. Cumprimento do establecido no Real decreto 1547/2004, do 25 de xuño, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións cunícolas. En concreto, levaranse a cabo programas de vixilancia e control específicos dos seguintes procesos infectocontaxiosos:

– Programa de vixilancia e control fronte á mixomatose.

– Programa de vixilancia e control fronte á enfermidade hemorráxica vírica.

2. Os veterinarios das ADSG controlarán e fomentarán entre os gandeiros das explotacións integradas na ADSG as boas prácticas en materia de benestar animal.

3. Control e asesoramento sanitario na eliminación de cadáveres.

4. Programa de desinfección, desinsectación e desratización nas explotacións. O programa incluirá as seguintes actuacións do veterinario:

– A formación aos gandeiros integrados na ADSG nesta materia, tanto nas reunións mantidas con eles como a través do asesoramento persoal nas propias explotacións.

– Dar as pautas para realizar as operacións de DDD nas explotacións integradas na ADSG, e levar a supervisión delas nos casos nos en que se detectasen positividades a enfermidades obxecto de plans de erradicación, ou reaparicións das enfermidades suxeitas a control dentro dos programas de planificación sanitaria.

5. Programa de control da desinfección dos vehículos de transporte de gando das explotacións da agrupación:

– Os veterinarios das ADSG, a través das reunións que leven a cabo cos gandeiros das explotacións integradas na ADSG, e mediante o asesoramento persoal, fomentarán o uso de medios de limpeza e desinfección nos vehículos que visiten as explotacións (mochilas desinfectantes ...).

6. Control de parasitos internos e externos.

7. Control da micose (tiña) (esta enfermidade non vén recollida na lista da OIE, nin na modificación da Decisión 90/424/CEE).

• Équidos.

1. Programa de vixilancia das enfermidades recollidas no anexo X do Decreto 268/2008, do 13 de novembro, polo que se establecen as normas que regulan o rexistro e identificación dos animais equinos, as medidas básicas para a ordenación zootécnica e sanitaria das explotacións equinas, as paradas de sementais equinos con servizo a terceiras persoas e se crea o Rexistro Galego de Explotacións Equinas.

2. Control da arterite viral equina e a metrite contaxiosa equina nos animais reprodutores con servizo a terceiros.

3. Colaboración nos programas de vixilancia e control da febre do Nilo Occidental.

4. Os veterinarios das ADSG controlarán e fomentarán entre os gandeiros das explotacións integradas na ADSG as boas prácticas en materia de benestar animal.

5. Control e asesoramento sanitario na eliminación de cadáveres.

6. Programa de desinfección, desinsectación e desratización nas explotacións. O programa incluirá as seguintes actuacións do veterinario:

– A formación aos gandeiros integrados na ADSG nesta materia, tanto nas reunións mantidas con eles como a través do asesoramento persoal nas propias explotacións.

– Dar as pautas para realizar as operacións de DDD nas explotacións integradas na ADSG, e levar a supervisión delas nos casos en que se detectasen positividades a enfermidades obxecto de plans de erradicación, ou novos focos das enfermidades suxeitas a control dentro dos programas de planificación sanitaria.

7. Programa de control da desinfección dos vehículos de transporte de gando das explotacións da agrupación:

– Os veterinarios das ADSG, a través das reunións que leven a cabo cos gandeiros das explotacións integradas na ADSG, e mediante o asesoramento persoal, fomentarán o uso de medios de limpeza e desinfección nos vehículos que visiten as explotacións (mochilas desinfectantes ...).

8. Control de parasitos internos e externos.

• Acuicultura continental.

1. Programa de vixilancia da septicemia hemorráxica viral (SHV) e a necrose hematopoética infecciosa (NHI), e da anemia infecciosa do salmón.

2. Programa de corentena e control sanitario das incorporacións de ovos e crías.

3. Programas de control, mediante profilaxe vacinal ou tratamentos preventivos, das principais enfermidades con transcendencia na acuicultura.

4. Formación e sensibilización dos piscicultores integrantes na ADSG en relación coas enfermidades dos animais acuáticos, especialmente na detección precoz.

5. Control e asesoramento sanitario na eliminación de cadáveres.

6. Programa de desinfección, desinsectación e desratización nas explotacións. O programa incluirá as seguintes actuacións do veterinario:

– A formación dos piscicultores integrados na ADSG nesta materia, tanto nas reunións mantidas con eles como a través do asesoramento persoal nas propias explotacións.

– Dar as pautas para realizar as operacións de DDD nas explotacións integradas na ADSG, e levar a súa supervisión nos casos en que se detectasen positividades a enfermidades obxecto de plans de erradicación, ou novos focos das enfermidades suxeitas a control dentro dos programas de planificación sanitaria.

7. Programa de control da desinfección dos vehículos de transporte de animais das explotacións da agrupación.

• Abellas.

1. Programa de vixilancia fronte á loque americana.

2. Programa de vixilancia fronte á loque europea.

3. Programa de control e loita fronte á varroose.

4. Control e asesoramento sanitario na eliminación de colmeas.

5. Programa de desinfección, desinsectación e desratización nos apiarios. O programa incluirá as seguintes actuacións do veterinario:

– A formación aos apicultores integrados na ADSG nesta materia, tanto nas reunións mantidas con eles como a través do asesoramento persoal nas propias explotacións.

– Dar as pautas para realizar as operacións de DDD nas explotacións integradas na ADSG, e levar a súa supervisión nos casos en que se detectasen positividades a enfermidades obxecto de plans de erradicación, ou novos focos das enfermidades suxeitas a control dentro dos programas de planificación sanitaria.

6. Programa de control da desinfección dos vehículos de transporte de colmeas das explotacións da agrupación.

• Visóns.

1. Programa de loita e control fronte á enfermidade aleutiana do visón ou plasmocitose.

2. Os veterinarios das ADSG controlarán e fomentarán entre os gandeiros das explotacións integradas na ADSG as boas prácticas en materia de benestar animal; especificamente farase fincapé no cumprimento dos aspectos de protección animal durante o sacrificio na explotación.

3. Control e asesoramento sanitario na eliminación de cadáveres e outros movementos de SANDACH (materia prima de alimentación, peles frescas etc.).

4. Programa de desinfección, desinsectación e desratización nas explotacións. O programa incluirá as seguintes actuacións do veterinario:

– A formación dos gandeiros integrados na ADSG nesta materia, tanto nas reunións mantidas con eles como a través do asesoramento persoal nas propias explotacións.

– Dar as pautas para realizar as operacións de DDD nas explotacións integradas na ADSG, e levar a súa supervisión nos casos en que se detectasen positividades a enfermidades obxecto de plans de erradicación, ou novos focos das enfermidades suxeitas a control dentro dos programas de planificación sanitaria.

5. Programa de control da desinfección dos vehículos de transporte de animais das explotacións da agrupación.

• Outras especies.

1. Deberá cumprirse coas actuacións que correspondan á ADSG en relación cos programas de erradicación de enfermidades, e realizar os programas de prevención e control que correspondan fronte ás enfermidades de maior transcendencia económica ou sanitaria na especie de que se trate.

2. Os veterinarios das ADSG controlarán e fomentarán entre os gandeiros das explotacións integradas na ADSG as boas prácticas en materia de benestar animal.

3. Control e asesoramento sanitario na eliminación de cadáveres.

4. Programa de desinfección, desinsectación e desratización nas explotacións.

5. Programa de control da desinfección dos vehículos de transporte de animais das explotacións da agrupación.

• Laboratorios de análise para os programas sanitarios.

As mostras obtidas na execución dos programas sanitarios obrigatorios remitiranse para a súa análise ao Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, ou a outros laboratorios que acrediten ter implantado un sistema de control de calidade. Neste caso, os kits de diagnóstico para estas enfermidades terán que ter igual ou superior sensibilidade e especificidade que os utilizados no Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia.

O envío de mostras ao Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia realizarase de xeito gradual e proporcionado durante todo o ano, en función do cronograma de actuacións elaborado e das instrucións que indique o propio laboratorio, non sendo posible superar no número de mostras remitidas durante un mes máis do 15 % do total de cada ADSG durante todo o ano. O laboratorio poderá en caso necesario rexeitar os envíos de mostras cando se supere o número de mostras permitido.

As ADSG que desexen realizar analíticas correspondentes aos programas sanitarios marco obrigatorios sinalados nesta orde en laboratorios distintos ao Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, deberán comunicar expresamente este feito á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

En todos os casos, os informes dos laboratorios cos resultados analíticos obtidos deberán conservarse á disposición dos servizos veterinarios oficiais da Consellaría do Medio Rural e do Mar durante un prazo mínimo de dous anos.

• Programas sanitarios complementarios.

As ADSG que o desexen poderán desenvolver un programa sanitario adicional, complementario do programa sanitario marco obrigatorio. Este programa sanitario adicional debe estar aprobado pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, logo de consulta co Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia. En calquera caso será o Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia o que delimitará o número e a frecuencia da mostraxe, logo de estudo da solicitude.

En todo caso, a aprobación de programas sanitarios complementarios estará suxeita á dispoñibilidade orzamentaria e de medios persoais e materiais do laboratorio, non realizándose nas analíticas correspondentes ao diagnóstico das enfermidades incluídas neles a redución de taxas establecida para os programas sanitarios obrigatorios.

• Presentación dos programas.

Os programas sanitarios presentados polas ADSG incluirán:

– No caso de programas de control de enfermidades, explicación detallada das pautas dos tratamentos ou vacinacións que se realicen, incluíndo a frecuencia das aplicacións, segundo os distintos tipos de animais da explotación e os produtos que se van utilizar.

– No caso dos programas de desinfección, desinsectación e desratización, explicación detallada dos produtos que se van utilizar e das súas pautas de aplicación.

En todos os casos se fará unha valoración económica detallada do custo deste programa, segundo as pautas establecidas.