Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Venres, 21 de xuño de 2013 Páx. 24211

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 13 de xuño de 2013 pola que se modifica a Orde do 16 de decembro de 2011 pola que se autoriza a posta en marcha, con carácter experimental, dun proxecto para a incorporación de alumnado con necesidades educativas especiais ás ensinanzas elementais de Música no Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

O 26 de decembro de 2011 a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou no Diario Oficial de Galicia a Orde do 16 de decembro de 2011 pola que se autoriza a posta en marcha, con carácter experimental, dun proxecto para a incorporación de alumnado con necesidades educativas especiais ás ensinanzas elementais de música no Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

O obxecto da dita orde foi a incorporación de alumnado con necesidades educativas especiais aos estudos elementais de música no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, a partir do curso académico 2012/13.

A experiencia educativa autorizada na referida orde está encadrada dentro das ensinanzas dispostas no Decreto 198/2007, do 27 de setembro, polo que se establece o currículo das ensinanzas elementais de Música e se regula o acceso a estas ensinanzas, e réxese pola normativa vixente en referencia ás ditas ensinanzas, agás naquelas particularidades descritas na propia orde. Igualmente, este proxecto educativo ten un marcado carácter innovador, xa que supón un avance na igualdade de oportunidades, ao achegar as ensinanzas de música ao colectivo de alumnado con necesidades educativas especiais.

Transcorrido un ano desde a aplicación da citada normativa, constatouse a existencia de alumnado comprendido na franxa de idade entre 8 e 12 anos que, cumprindo os requisitos xerais para acceder a esta formación, establecidos no artigo 7 do Decreto 198/2007, do 27 de setembro, non puido optar a unha praza por non ter a idade mínima de 12 anos establecida no artigo 6 da citada orde. Por outra parte, constatouse que, para unha adecuada asignación das distintas especialidades instrumentais cumpriría ter en conta as capacidades e discapacidades do/a aspirante, o informe psicopedagóxico presentado, así como a valoración do tribunal avaliador das probas de acceso.

En consecuencia, procede modificar o tramo de idade dos/as posibles candidatos/as para posibilitar o acceso a estas ensinanzas do alumnado con necesidades educativas especiais, así como establecer os criterios para unha máis adecuada asignación das distintas especialidades instrumentais.

Así pois, en virtude do exposto e no uso das funcións que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo único

Modifícase o artigo 6 da Orde do 16 de decembro de 2011 pola que se autoriza a posta en marcha, con carácter experimental, dun proxecto para a incorporación de alumnado con necesidades educativas especiais ás ensinanzas elementais de música no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, que queda redactado como segue:

«Artigo 6. Probas de acceso

Dadas as características do alumnado con necesidades educativas especiais, só poderá inscribirse no proxecto alumnado con idades comprendidas entre os 8 e 18 anos, e a súa participación deberá ser autorizada polos seus pais, nais ou titores/as legais.

O procedemento de admisión será o establecido con carácter xeral para o resto do alumnado no artigo 7 do Decreto 198/2007, do 27 de setembro, e na normativa que o desenvolve. En calquera caso, a proba de aptitude para o acceso ao grao elemental de música adaptarase ás circunstancias persoais que concorran en cada alumno/a que desexe acceder a estes estudos por esta vía.

As especialidades instrumentais que se oferten serán de entre as que o centro teña autorizadas, e serán asignadas polo tribunal avaliador das probas de acceso aos/ás candidatos/as que superen a proba, tendo en conta o seguinte:

– A preferencia dos/as aspirantes polas distintas especialidades instrumentais.

– A valoración do tribunal sobre a adecuación das capacidades e discapacidades específicas de cada aspirante en relación coas distintas especialidades instrumentais.

– O informe psicopedagóxico individualizado».

Disposición derradeira primeira. Autorización para o desenvolvemento do establecido nesta orde

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar as medidas necesarias para a aplicación e o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor desta orde

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria