Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Xoves, 6 de xuño de 2013 Páx. 20626

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 21 de maio de 2013 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Titulares Mercantís de Pontevedra.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e foi asumido no Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, correspondendo á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza as competencias nesta materia, en virtude do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da dita Vicepresidencia.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Titulares Mercantís de Pontevedra acordou, en Asemblea xeral do 7 de marzo de 2013, a aprobación dos seus estatutos, que foron presentados ante a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para os efectos da súa aprobación definitiva, despois da calificación de legalidade, en cumprimento do establecido no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Titulares Mercantís de Pontevedra, que figuran como anexo á presente orde.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións
Públicas e Xustiza

ANEXO
Estatutos do Ilustre Colexio Oficial de Titulares Mercantís de Pontevedra

CAPÍTULO I
Natureza xurídica e ámbito territorial

Artigo 1. Natureza xurídica

O Ilustre Colexio Oficial de Titulares Mercantís de Pontevedra é unha corporación de dereito público, recoñecida e amparada pola Constitución española e o Estatuto de autonomía para Galicia, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

Réxese, no marco da lexislación básica do Estado, polo disposto na Lei 11/2001, do 18 de setembro, reguladora dos colexios profesionais de Galicia, e as súas normas de desenvolvemento, e polas súas normas de creación e reguladoras da profesión, pola Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, pola Lei 2/1974, do 13 de febreiro, sobre colexios profesionais, polos presentes estatutos e, se é o caso, polas súas normas de funcionamento interno, e polos acordos aprobados polos diferentes órganos corporativos no ámbito das súas respectivas competencias, así como polas demais disposicións legais que o afecten.

O acceso e o exercicio da profesión colexiada rexerase polo principio de igualdade de trato e non-discriminación, en particular por razón de orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, nos termos establecidos na lexislación vixente.

O exercicio da profesión realizarase en réxime de libre competencia e estará suxeito, canto á oferta de servizos e fixación da súa remuneración, á Lei sobre defensa da competencia e á Lei sobre competencia desleal.

Artigo 2. Ámbito persoal

O Ilustre Colexio Oficial de Titulares Mercantís de Pontevedra exerce as súas funcións sobre os titulares mercantís colexiados que realicen as actividades propias da súa titulación dentro da súa demarcación.

Artigo 3. Ámbito territorial

O ámbito territorial do Colexio correspóndese co municipio de Pontevedra.

O domicilio do Colexio está situado en Pontevedra, rúa da Peregrina, 33-35, 2º A (CP 36003). O cambio de domicilio requirirá os mesmos trámites que unha modificación estatutaria.

CAPÍTULO II

Artigo 4. Fins e funcións do Colexio

Nos termos establecidos na lexislación vixente, son fins do Colexio, sen prexuízo dos que correspondan, respectivamente, ao Consello Superior de Colexios Oficiais de Titulados Mercantís de España e ao consello galego de colexios oficiais de titulares mercantís que se constitúa, os seguintes:

Acadar a adecuada satisfacción dos intereses xerais en relación co exercicio da profesión.

Ordenar o exercicio da profesión, velando pola ética e a dignidade profesional, dentro do marco legal respectivo e no ámbito das súas competencias.

Representar e defender os intereses xerais da profesión, así como os intereses profesionais dos colexiados.

Velar polo adecuado nivel de calidade das prestacións profesionais dos colexiados.

Velar pola formación profesional permanente nas diferentes actividades profesionais dos colexiados.

Controlar que a actividade dos colexiados se someta ás normas deontolóxicas da profesión.

A defensa dos intereses profesionais dos colexiados e a protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos dos colexios e a protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos dos seus colexiados, todo isto sen prexuízo das competencias da Administración pública por razón da relación funcionarial.

Para o cumprimento destes fins terá atribuídas as funcións previstas na Lei de colexios profesionais de Galicia e cantas outras funcións redunden no beneficio dos intereses xerais da profesión e dos colexiados.

Son funcións do Colexio:

1. Aprobar os seus estatutos e normas de funcionamento interno, así como as súas modificacións.

2. Exercer no seu ámbito a representación e defensa da profesión ante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, estando lexitimado para ser parte en cantos litixios afecten os intereses profesionais, así como exercer o dereito de petición e designar os seus representantes nos consellos e órganos consultivos da Comunidade Autónoma.

3. Elaborar e aprobar os seus orzamentos, así como fixar e exixir os recursos económicos e, se é o caso, as cotas aos seus colexiados.

4. Intervir como mediador e en procedementos de arbitraxe en equidade naqueles conflitos profesionais que se susciten entre os colexiados.

5. De conformidade co establecido no artigo 5.I) da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, exercer, na orde profesional e colexial, a potestade disciplinaria sobre os colexiados, nos termos previstos na Lei 11/2001, de colexios profesionais de Galicia, e de acordo no disposto nos presentes estatutos.

6. Exercer cantas competencias lle sexan atribuídas pola lexislación vixente.

7. Ordenar no seu ámbito territorial o exercicio profesional dos titulares mercantís, mesmo se se realiza de forma asociativa entre si ou con outros profesionais, asegurar o cumprimento da normativa establecida sobre actuación profesional e responsabilidade dos colexiados e velar polo prestixio, a ética profesional e a proxección da profesión.

8. Procurar a harmonía e a colaboración, impedindo a competencia desleal entre os colexiados, así como adoptar as medidas necesarias para evitar e perseguir a intrusión profesional, a través dos órganos xudiciais competentes para isto.

9. Velar polo cumprimento das leis, estatutos e demais normas e decisións acordadas polos órganos colexiais.

10. Encargarse do cobramento das percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais cando o colexiado o solicite libre e expresamente.

11. Establecer acordos e constituír órganos de coordinación con outras entidades profesionais para aquelas cuestións de interese común para as profesións respectivas.

12. Organizar actividades e servizos comúns de carácter profesional, cultural, asistencial, de previsión e análogos, de interese para os colexiados.

13. Constituír os órganos necesarios para o seu propio funcionamento e delegar as facultades necesarias para fins específicos.

14. Convocar congresos, xornadas, simposios e actos similares dentro do seu ámbito territorial, sobre calquera tema relacionado coa profesión e as ciencias económicas e empresariais en calquera das distintas especialidades, sempre dirixidos a mellorar a formación profesional dos seus colexiados.

15. Arbitrar os instrumentos necesarios para conseguir o perfeccionamento técnico e profesional dos titulares mercantís e a difusión das ciencias económicas e empresariais, facilitando os servizos necesarios, directamente ou mediante convenios ou concertos con outras entidades públicas ou privadas.

16. Determinar o seu réxime económico segundo o disposto nos estatutos, con aprobación dos seus orzamentos.

17. Fomentar, coordinar ou crear servizos ou actividades de interese común a outros colexios ou entidades.

18. Levar o censo dos titulares mercantís do seu ámbito territorial e levar un rexistro das sancións que os afecten.

19. Realizar respecto ao patrimonio propio do Colexio toda clase de actos de disposición ao gravame.

20. Calquera outra función que lle sexa transferida ou delegada polos consellos xerais de España e de Galicia, cando sexa creado.

21. Coordinar as actuacións con outros colexios a fin de garantir a uniformidade da actuación dos colexiados, mediante a emisión das normas e recomendacións que considere oportunas.

22. Confeccionar listas de quenda de oficio de colexiados que desexen ser inscritos e que cumpran as normas para a súa inclusión e envialas aos distintos organismos como xulgados, rexistros mercantís etc., que requiran a prestación dos seus servizos para exercer as funcións determinadas nos estatutos profesionais dos consellos Xeral de Colexios de España e de Galicia desde o momento da súa creación.

23. Cantas outras funcións establecidas pola lei tendan á defensa dos intereses profesionais, dos colexiados e dos fins do Colexio.

24. Colaborar coa universidade na elaboración dos seus plans de estudos e ofrecer información necesaria ao alumno para facilitarlle o acceso á vida profesional.

25. Cantas funcións redunden no beneficio da protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos dos seus colexiados.

26. Atender as solicitudes de información sobre os seus colexiados e sobre as sancións firmes a eles impostas, así como as peticións de inspección ou investigación que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, en particular, no que se refire a que as solicitudes de información e de realización de controis, inspeccións e investigacións estean debidamente motivadas e que a información obtida se empregue unicamente para a finalidade para que se solicitou.

27. En xeral, cantas se encamiñen ao cumprimento dos fins asignados aos colexios profesionais, así como ao resto de funcións determinadas no artigo 9 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, reguladora dos colexios profesionais de Galicia.

Artigo 5. Portelo único

1. O Colexio disporá dunha páxina web para que, a través do portelo único previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, os profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para o colexiamento, o seu exercicio e a súa baixa no Colexio, a través dun único punto, pola vía electrónica e a distancia. Concretamente, o Colexio fará o preciso para que, a través deste portelo único, os profesionais poidan de forma gratuíta:

a) Obter toda a información e formularios necesarios para o acceso á actividade profesional e o seu exercicio.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias, incluíndo a do colexiamento.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teña consideración de interesado e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e da súa resolución polo Colexio, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non fose posible por outros medios.

d) Convocar os colexiados ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias e poñer no seu coñecemento a actividade pública e privada do colexio profesional.

2. A través do referido portelo único, para a mellor defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios, o Colexio ofrecerá a seguinte información, que deberá ser clara, inequívoca e gratuíta:

a) O acceso ao rexistro de colexiados, que estará permanentemente actualizado e no cal constarán, polo menos, os seguintes datos: nome e apelidos dos profesionais colexiados, número de colexiamento, títulos oficiais dos cales estean en posesión, domicilio profesional e situación de habilitación profesional.

b) O acceso ao rexistro de sociedades profesionais, que terá o contido descrito no artigo 8 da Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

c) As vías de reclamación e os recursos que poderán interpoñerse en caso de conflito entre o consumidor ou usuario e un colexiado ou o Colexio.

d) Os datos das asociacións ou organizacións de consumidores e usuarios a que os destinatarios dos servizos profesionais poden dirixirse para obter asistencia.

e) O contido dos códigos deontolóxicos.

3. O Colexio adoptará as medidas precisas para o cumprimento do previsto neste artigo e incorporará para isto as tecnoloxías precisas para crear e manter as plataformas tecnolóxicas que garantan a interoperabilidade entre os distintos sistemas e a accesibilidade das persoas con discapacidade. Para isto, o Colexio poderá poñer en marcha os mecanismos de coordinación e colaboración necesarios, mesmo coas corporacións doutras profesións.

4. O Colexio facilitará ao Consello Xeral Superior a información concernente ás altas, baixas e calquera outra modificación que afecte os rexistros de colexiados e de sociedades profesionais, para o seu coñecemento e anotación nos rexistros centrais de colexiados e de sociedades profesionais daqueles.

Artigo 6. Servizo de atención aos colexiados e aos consumidores ou usuarios

1. O Colexio deberá atender as queixas ou reclamacións presentadas polos colexiados.

2. Así mesmo, o Colexio disporá dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios que, necesariamente, tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos colexiados presente calquera consumidor ou usuario que contrate os servizos profesionais, así como asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses.

3. O Colexio Profesional, a través deste servizo de atención aos consumidores ou usuarios, resolverá sobre a queixa ou reclamación segundo proceda, ben informando sobre o sistema extraxudicial de resolución de conflitos ben remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruír os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, ben arquivando ou ben adoptando calquera outra decisión conforme dereito.

4. A regulación deste servizo deberá prever a presentación de queixas e reclamacións por vía electrónica e a distancia.

CAPÍTULO III
Dos colexiados

Artigo 7. Ingreso

Para ingresar no Colexio será preciso, ademais de realizar a solicitude, reunir as seguintes condicións:

a) Estar en posesión dalgún dos seguintes títulos: intendente mercantil, profesor mercantil, perito mercantil, diplomado en ciencias empresariais ou calquera outra titulación ou acreditación oficial que, recoñecida ou emitida pola autoridade competente da Administración española, en virtude da aplicación do sistema xeral de recoñecemento de título, habilite para o exercicio da profesión.

b) Non estar incapacitado ou inhabilitado legalmente para o exercicio da profesión.

c) Non atoparse suspendido por sanción disciplinaria colexial firme no exercicio profesional.

d) Aboar os custos asociados á tramitación da incorporación e demais cotas que teña establecidas o Colexio, tendo en conta que a cota de ingreso non poderá superar en ningún caso os custos asociados á tramitación da inscrición, de conformidade co disposto na normativa legal vixente.

Artigo 8. Solicitude

O colexiamento solicitarase mediante a formalización dun formulario dirixido á Presidencia do Colexio en que se detallará toda a información académica e profesional do solicitante, acompañado dos documentos que acrediten reunir as condicións establecidas no artigo 7.

Tamén se poderá tramitar o colexiamento por vía telemática, de acordo co previsto no artigo 10 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais.

Artigo 9. Toma de posesión

Os solicitantes admitidos deberán tomar posesión ante a Xunta de Goberno do Colexio.

Artigo 10. Colexiados honorarios

O Colexio poderá acordar o colexiamento como colexiados honorarios de todas aquelas persoas que, aínda sen seren titulares mercantís, en atención a circunstancias especiais e méritos, merezan tal distinción.

Artígo 11. Perda da condición de colexiado

A condición de colexiado e os seus dereitos inherentes pérdense por:

• Falecemento.

• Baixa voluntaria comunicada por escrito.

• Morosidade no pagamento da cota colexial de máis de seis meses.

• Expulsión acordada pola Xunta de Goberno precedendo expediente disciplinario que incorpore un trámite de audiencia ao interesado.

• Condena xudicial firme que leve unida a inhabilitación para o exercicio da profesión e ata a súa extinción.

• Perda ou inexactitude comprobada dalgunha das condicións exixibles para o exercicio da profesión.

Artigo 12. Baixa e reingreso

O colexiado que cause baixa perderá todos os dereitos inherentes ao colexiamento. Se se admitir o seu reingreso, ademais dos custos asociados á tramitación da incorporación ao Colexio, terá que satisfacer, en caso de existir, a débeda anterior que tivese.

Artigo 13. Participación

Todos os colexiados terán voz e voto nos asuntos que na Xunta Xeral se debatan e poderán formar parte da Xunta de Goberno se neste último caso contan con, polo menos, doce meses de antigüidade e están ao día en todas as súas obrigas co Colexio.

Artigo 14. Nomeamento para un asunto profesional

O colexiado elixido para un asunto profesional por mediación do Colexio, asinará a aceptación do cargo e obrigarase a entregar na caixa da corporación o tanto por cento sobre os honorarios que perciba, aprobado pola Xunta de Goberno.

A secretaría do Colexio formará a lista dos colexiados que estean en condicións de actuar profesionalmente, e comunicará as designacións de acordo coas normas que sobre a quenda aprobase a Xunta de Goberno.

Artigo 15. Actuación en asuntos remunerados

O colexiado a quen correspondese actuar nun asunto remunerado non poderá intervir noutro en que se perciban honorarios, ata que todos os demais colexiados incluídos na lista participen en traballos análogos.

Artigo 16. Nomeamento para unha actuación de oficio. Igualdade entre os colexiados

O colexiado nomeado para unha actuación de oficio non poderá ser designado para asunto de oficio ata que os demais colexiados realizasen unha actuación profesional pola dita quenda.

CAPÍTULO IV
Dos dereitos e obrigas dos colexiados

Artigo 17. Dereitos dos colexiados

Son dereitos dos colexiados:

a) Asistir aos actos e actividades que organice o Colexio.

b) Utilizar os servizos ofrecidos polo Colexio na forma que determine a Xunta de Goberno e a Xunta Xeral.

c) Elixir e ser elixido en todo tipo de eleccións celebradas no seo do Colexio.

d) Recibir todo tipo de comunicacións informativas que o Colexio divulgue.

e) Recibir do Colexio apoio institucional naqueles casos que a Xunta de Goberno considere necesario para salvagardar os seus intereses e que poida constituír un dano para el ou para o colectivo.

f) Ademais, terán o resto de dereitos determinados na Lei 11/2001, do 18 de setembro, reguladora dos colexios profesionais de Galicia.

Artigo 18. Obrigas do colexiado

a) Estar ao día no pagamento de calquera tipo de cota colexial.

b) Exercer a profesión coa maior dilixencia profesional, respectando as normas de ética e deontoloxía.

c) Colaborar coa Xunta de Goberno naquelas tarefas que se lle encomenden, dentro das súas posibilidades. Todo colexiado debe colaborar para que o Colexio poida alcanzar os seus fins.

d) Acatar os acordos que se tomen na Xunta Xeral e na Xunta de Goberno, así como o establecido nestes estatutos, sen prexuízo de utilizar os medios legais ao seu alcance en caso de desconformidade.

e) Comunicar os datos persoais de interese profesional e corporativo, así como os cambios de domicilio para os efectos de control e rexistro.

f) Gardar o segredo profesional.

g) Estar en posesión dun seguro de responsabilidade civil que cubra a responsabilidade por danos en que poida incorrer por unha actuación profesional neglixente.

CAPÍTULO V
Das sociedades profesionais

Artigo 19. Sociedades profesionais

As sociedades profesionais constituídas en escritura pública e debidamente inscritas no Rexistro Mercantil deberán inscribirse no correspondente Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio e estarán sometidas, tanto elas como os seus membros, ao mesmo réxime disciplinario e deontolóxico que os demais colexiados.

Os requisitos para a inscrición e o funcionamento destas sociedades profesionais deberán cumprir a normativa vixente sobre este tipo de entidades.

CAPÍTULO VI
Dos honorarios profesionais

Artigo 20. Criterios de aplicación

O colexiado ten dereito a unha retribución económica xusta e adecuada aos servizos prestados, así como ao reintegro dos gastos ocasionados.

Os colexiados son libres para pactaren cos seus clientes a contía dos seus honorarios.

Artigo 21. Xestións do Colexio no cobramento de honorarios

As minutas de honorarios profesionais acreditados, como consecuencia dun traballo efectuado por unha encarga recibida a través do Colexio, xerarán a favor deste unha contía ou porcentaxe sobre o seu importe. Esta porcentaxe será aprobada pola Xunta de Goberno.

Naqueles supostos de intervención do Colexio en asuntos litixiosos aplicarase tamén unha porcentaxe aprobada pola Xunta de Goberno.

CAPÍTULO VII
Da Xunta de Goberno

Artigo 22. Órganos colexiais

Os órganos da estrutura colexial son os seguintes:

a) A Xunta Xeral de Colexiados como órgano plenario.

b) A Xunta de Goberno como órgano de goberno.

c) O presidente como órgano presidencial.

Artigo 23. Composición da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno do Colexio estará formada por:

a) Un presidente.

b) De un a tres vicepresidentes.

c) Un secretario.

d) Un vicesecretario.

e) Un tesoureiro.

f) Un contador interventor.

g) Un número de vogais en función do de colexiados adscritos ao colexio, sen que exceda de 12.

As persoas que integren a Xunta de Goberno terán o carácter de colexiados exercentes, excepto os vogais, que tamén poderán ser non exercentes.

A duración do cargo será de catro anos e os membros poden ser reelixidos.

Artigo 24. Elección da Xunta de Goberno

Os membros da Xunta de Goberno, incluído o seu presidente, serán elixidos pola Xunta Xeral.

Artigo 25. Toma de posesión

Feita a designación da nova Xunta de Goberno, darase posesión dos cargos ao membro dela en acto público segundo o disposto no artigo 47 destes estatutos. Se algún membro non se atopar presente, tomará posesión na reunión seguinte, salvo renuncia do cargo xustificada por escrito.

Artigo 26. Renovación

Os cargos da Xunta de Goberno renovaranse por completo cada catro anos e serán reelixibles na Xunta Xeral.

Se por calquera motivo quedaren vacantes polo menos a metade dos cargos da Xunta, esta convocará eleccións para a provisión deses cargos nun prazo máximo de 30 días. Os colexiados elixidos desempeñarán o mandato polo tempo que lles restaba a aqueles que substitúen.

Se quedaren vacantes a totalidade dos cargos da Xunta, e non se poden convocar eleccións por non existir o órgano competente para isto, o Consello Superior de Colexios Oficiais de Titulados Mercantís de España constituirá unha xunta electoral integrada por membros do Colexio, que convocará eleccións dentro dos 30 días seguintes á súa designación, para cubrir os cargos vacantes.

As vacantes que se produzan na Xunta de Goberno durante o mandato dos seus membros, sempre que o seu número sexa inferior á metade destes, serán provistos pola propia Xunta de Goberno, e tales nomeamentos deberán ser ratificados na Xunta Xeral.

Artigo 27. Competencias da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno asumirá a dirección e administración do Colexio.

Corresponderanlle as seguintes funcións:

a) Con relación aos colexiados:

1. Impulsar o procedemento de aprobación e reforma dos estatutos.

2. Propoñer á Xunta Xeral os asuntos que lle competan.

3. Proporcionar o asesoramento e apoio técnico á Xunta Xeral.

4. Resolver sobre a admisión dos que desexen incorporarse ao Colexio.

5. Fixar as cotas e dereitos colexiais que procedan.

6. Facilitar aos tribunais e demais organismos ou entidades públicas ou privadas, conforme as leis, a relación de colexiados que sexan requiridos para intervir como peritos en asuntos xudiciais.

7. Encargarse do cobramento de honorarios profesionais por solicitude dos colexiados, nos casos en que o Colexio teña organizado o servizo correspondente e nas condicións polas cales se regula o dito servizo.

8. Exercer a potestade disciplinaria sobre os colexiados.

9. Comunicar aos colexiados as normas legais, científicas, técnicas e deontolóxicas que deberán observar no exercicio da profesión e velar polo seu cumprimento.

10. Velar pola independencia e a liberdade necesaria para que os colexiados poidan cumprir fielmente os seus deberes profesionais exixindo que se lles garde toda a consideración debida ao prestixio da profesión.

11. Velar pola observancia do debido respecto entre compañeiros colexiados.

12. Ditar, nos supostos de urxencia, as normas de orde interna que considere oportunas, que se someterán á ratificación da Xunta Xeral.

13. Designar representantes do Colexio nas comisións que se creen para os efectos oportunos.

b) Con relación aos recursos do Colexio:

1. Recadar, distribuír e administrar os fondos colexiais e financiar axeitadamente as necesidades futuras do Colexio, someténdoo á aprobación da Xunta Xeral.

2. Elaborar os orzamentos e as contas anuais do Colexio.

3. Propoñer á Xunta Xeral a aplicación dos fondos sociais.

c) Como norma xeral:

As relativas á aprobación da carta de servizos ao cidadán e, en xeral, todas aquelas que deben, conforme a lexislación aplicable, ser obxecto de infrome do Consello Superior de Colexios Oficiais de Titulados Mercantís de España ou Consello Galego de Colexios Oficiais de Titulares Mercantís desde o momento da súa creación.

d) Honras e distincións:

É competencia da Xunta de Goberno a concesión de honras e distincións honoríficas segundo o teor do establecido nas normas de funcionamento interno.

e) Todas aquelas funcións que, aínda que expresamente non se citen deriven da aplicación dos presentes estatutos.

Artigo 28. Reunión

A Xunta de Goberno será convocada polo presidente con carácter ordinario, como mínimo, unha vez cada dous meses. Nalgunha das reunións celebradas nos últimos tres meses do ano deberán elaborarse os orzamentos do ano seguinte e, dentro dos tres meses primeiros do ano, deberán formularse as contas de exercicios anteriores.

Con independencia do anterior, a Xunta de Goberno reunirase en sesión sempre que o presidente considere oportuno convocala, así como cando o solicite, polo menos, un 20 por cento dos membros da Xunta, e os acordos que adopte serán válidos calquera que sexa o número de membros asistentes.

Na convocatoria detallarase a orde do día e será cursada cunha anticipación mínima de tres días.

Artigo 29. Asistencia dos seus membros

A Xunta de Goberno considerarase validamente constituída e poderá adoptar acordos cando asista, polo menos, a metade máis un dos seus membros.

Os acordos da Xunta de Goberno adoptaranse por maioría simple de votos, salvo nos casos en que os presentes estatutos establezan outra cousa, ou cando se trate de aprobar a reforma destes estatutos, caso en que o acordo requirirá unha maioría de tres cuartas partes dos votos dos seus membros. Os empates serán dirimidos polo presidente.

Cada membro da Xunta de Goberno terá un voto.

Os membros da Xunta de Goberno que deixen de asistir a tres sesións consecutivas sen causa debidamente xustificada poderán ser relevados do cargo para o cal foron designados, podendo a Xunta de Goberno prover con carácter interino a vacante producida, se fora elixido pola Xunta Xeral.

No expediente persoal do colexiado relevado do seu cargo por esta causa quedará constancia disto.

CAPÍTULO VIII
Dos cargos da Xunta de Goberno

Artigo 30

O presidente será elixido en votación nominal secreta por todos os colexiados con dereito a voto.

O presidente deberá reunir os seguintes requisitos:

a) Estar en activo no exercicio da profesión na súa condición de colexiado exercente.

b) Ter unha antigüidade mínima de cinco anos de colexiamento.

Será proclamado presidente o candidato que obtivese a maioría simple dos votos. En caso de empate será proclamado presidente o candidato que acredite máis antigüidade.

Artigo 31. Funcións do presidente

Corresponden ao presidente as seguintes funcións:

a) Convocar e presidir as sesións de Xunta Xeral e de Goberno, ordenando os debates e o proceso de adopción de acordos. Terá voto de calidade para dirimir os empates que se produzan.

b) Representar o Colexio en todos os actos que este organice, nos actos a que asista oficialmente e ante todo tipo de autoridades, organismos, tribunais de xustiza e persoas físicas e xurídicas, ben por si mesmo ou por medio do vicepresidente, doutro membro da Xunta de Goberno ou dos colexiados que designe.

c) Exercer as accións que lle corresponda levar a cabo ao Colexio e representar este e os seus órganos en xuízo e fóra del, e outorgar e revogar poderes xerais para preitos en nome do Colexio.

d) Coordinar e impulsar a actividade do Colexio e cumprir e facer cumprir os acordos adoptados polos órganos do Consello dentro da súa competencia.

e) Adoptar as resolucións que procedan por razóns de urxencia, logo de convocatoria da Xunta de Goberno e dando conta ao Pleno das decisións adoptadas.

f) Autorizar co seu visto e prace, as sinaturas nas comunicacións e informes que teñan que cursarse e visar as liberacións e certificacións do Colexio.

g) Presidir calquera reunión das delegacións, grupos ou comisións que puideren existir dentro do Colexio.

h) Exercer as accións que correspondan en defensa de todos os colexiados ante os tribunais de xustiza e autoridades de toda clase cando se trate de normas, programas ou resolucións de índole xeral.

i) Despois de acordo da Xunta de Goberno, poderá, no seu nome, a título oneroso ou lucrativo, allear, vender, gravar, posuír e reivindicar toda clase de bens e dereitos; contraer obrigas e, en xeral, ser titular de toda clase de dereitos, exercer ou soportar calquera acción, reclamación ou recurso en todas as vías e xurisdicións, incluída a constitucional, sempre no ámbito da súa competencia, así como abrir, dispoñer e cancelar contas bancarias, coa sinatura doutro membro da Xunta de Goberno debidamente autorizado por esta.

j) Calquera outra xestión encomendada pola Xunta de Goberno.

Dos demais cargos da xunta de goberno:

Artigo 32. Funcións do secretario

Corresponden ao secretario as seguintes funcións:

a) Manter baixo a súa responsabilidade os libros de actas e custodiar os selos e documentos oficiais do Colexio, así como os rexistros de colexiados e demais material do Colexio. O secretario elaborará e asinará as actas das reunións da Xunta de Goberno, que contarán co visto e prace do presidente e poden aprobarse no mesmo acto ou na seguinte reunión.

b) Expedir as certificacións que procedan, así como as comunicacións, ordes e circulares aprobadas polos órganos do Colexio.

c) Elaborar a acta das reunións das xuntas, nas cales se expresará a data e hora da reunión, os asistentes e acordos adoptados que recollerán, cando se solicite, as opinións contrarias ao acordo adoptado. As propostas respecto das cales ningún asistente á reunión formule obxeccións entenderanse aprobadas por asentimento. A acta recollerá se se adoptou o acordo por asentimento ou por votación e, neste caso, se foi por maioría ou por unanimidade.

d) Dirixir os servizos administrativos e o persoal do Consello.

e) Coñecer e contestar co visto e prace do presidente a correspondencia ordinaria do Colexio, así como redactar e asinar, por orde do presidente, as convocatorias a xuntas xerais e de goberno.

Artigo 33. Substitucións

O vicepresidente e o vicesecretario do Colexio asumirán as funcións do presidente e do secretario, respectivamente, no caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal. Tamén asumirán aquelas outras funcións delegadas polo presidente e o secretario, respectivamente. Na falta dalgún deles, o presidente designa a persoa que poida substituílos.

Artigo 34. Funcións do tesoureiro

As funcións do tesoureiro son:

a) Expedir e asinar os recibos dos colexiados, en unión do contador interventor.

b) Satisfacer as cantidades que acorde a Xunta de Goberno co visto e prace do presidente e a toma de razón do contador interventor.

c) Conservar no seu poder as cantidades que lle autorice a Xunta de Goberno precisas para cubrir as atencións ordinarias do Colexio.

d) Levar un libro de caixa en que conste a entrada e saída de fondos, xustificando debidamente os ingresos e gastos cos correspondentes documentos.

e) Presentar en cada sesión da Xunta de Goberno un estado de cotas do mes anterior, a relación dos recibos pendentes de cobramento, e a proposta dos colexiados a quen regulamentariamente proceda dar de baixa por falta de pagamento, así como un avance do estado económico xeral do colexio.

f) Cobrar todas as cantidades que por calquera concepto deban ingresarse no Colexio autorizando coa súa sinatura os recibos correspondentes, e pagar todas as liberacións co visto e prace do presidente.

Artigo 35. Funcións do contador interventor

Son competencias do contador interventor, quen poderá delegar funcións noutro membro da Xunta de Goberno, proecedendo acordo desta, as seguintes:

a) Propoñer o necesario para a boa administración dos recursos do Colexio e a súa contabilidade, subscribindo os documentos de disposición de fondos, contas correntes e depósitos en unión do presidente ou vicepresidente.

b) Levar os libros necesarios para o rexistro dos ingresos e gastos, elaborar a contabilidade e os proxectos de orzamentos para a súa aprobación pola Xunta e someter a esta a liquidación (ingresos e gastos) do exercicio.

CAPÍTULO IX
Das eleccións

Artigo 36. Electores

Todos os colexiados poderán exercer o dereito de sufraxio desde a data da súa incorporación ao Colexio.

A convocatoria para a elección de cargos da Xunta de Goberno corresponde a esta ou á Xunta Electoral, conforme o disposto nestes estatutos, a cal deberá ser convocada, neste caso, pola Asemblea extraordinaria de colexiados, de acordo co que se establece neles.

Artigo 37. Publicidade

A Secretaría, dentro dos cinco primeiros días naturais seguintes ao da data do anuncio da convocatoria, deberá inserir no taboleiro de anuncios o número de rexistro do último colexiado con dereito a voto, xunto cunha copia do texto da convocatoria, con especial mención dos cargos obxecto da elección, requirimentos para acceder a eles, a data, o lugar, e o horario de votación e, concretamente, o de inicio do escrutinio.

Os colexiados que queiran presentar reclamacións contra a súa exclusión deberán facelo dentro do prazo dos cinco días naturais seguintes á data de expiración da presentación das candidaturas.

A Xunta Electoral, no caso de haber reclamacións por exclusión, resolverá no prazo dos tres días naturais seguintes e notificará a súa resolución a cada reclamante, nos días seguintes.

Artigo 38. Convocatoria

A convocatoria de eleccións será efectuada pola Xunta de Goberno, ou, se é o caso, pola Xunta Electoral, cunha anticipación mínima de trinta e cinco días á data de celebración do acto electoral.

Artigo 39. Elixibles

Para ser proclamado candidato a calquera cargo da Xunta de Goberno será indispensable residir na demarcación do Colexio e ter unha antigüidade de, polo menos, doce meses como colexiado, estar ao día de todas as súas obrigas co Colexio e ter o carácter de colexiado exercente, salvo os vogais, que poderán ser non exercentes.

Artigo 40. Presentación de candidaturas

As candidaturas deberán presentarse na sede do Colexio con, polo menos, vinte e cinco días naturais de anticipación á data sinalada para o acto electoral.

As candidaturas poderán ser individuais para un cargo ou conxuntas para varios cargos e deberán estar asinadas, como mínimo, por vinte colexiados con dereito a ser electores, e serán válidas tamén as sinaturas dos candidatos, os cales, se é o caso, deberán asinar a súa conformidade.

Ningún colexiado poderá presentar a súa candidatura para máis dun cargo.

As candidaturas individuais terán que ter necesariamente a condición de colexiado exercente.

Artigo 41. Proclamación de candidatos

Ao día seguinte de acabar o prazo de presentación das candidaturas, a Xunta de Goberno proclamará candidatos aqueles que reúnan os requisitos exixidos nestes estatutos.

Seguidamente publicarase o acordo no taboleiro de anuncios do Colexio e comunicarao ao día seguinte aos interesados, sen prexuízo de que se poida enviar ao resto dos colexiados.

No caso de existir unha soa candidatura, será proclamada sen necesidade de celebrar elección ningunha.

Artigo 42. Exclusión e recursos

A resolución conforme a cal a Xunta Electoral acorde a exclusión dun candidato deberá estar motivada e notificarase ao interesado ao día seguinte da súa adopción, e este poderá presentar recurso ante a citada Xunta, dentro dos tres días naturais seguintes á notificación.

A Xunta deberá resolver en igual prazo.

Os candidatos proclamados que non teñan opositores quedarán elixidos para exerceren o cargo.

Artigo 43. Mesa electoral

Para a celebración de eleccións constituirase a mesa electoral integrada pola Xunta de Goberno en funcións presidida polo presidente do Colexio.

A Xunta Electoral estará composta polo presidente do Colexio, o secretario e o membro de maior idade da Xunta de Goberno que non sexa nin o presidente nin o secretario.

No caso de presentar candidatura algún membro da Xunta de Goberno, este non formará parte da mesa electoral, e serán substituídos o presidente ou secretario polo vicepresidente ou vicesecretario; así mesmo, o vogal será substituído pola seguinte persoa de maior idade.

No suposto de que se presentasen á reelección todos os membros da Xunta de Goberno, a mesa electoral estará formada por un presidente, un secretario e un vogal, nomeados pola Xunta de Goberno de entre os membros do Colexio que non se presenten como candidatos á elección, e que terán designados os seus respectivos suplentes.

Cada candidato poderá designar, de entre os colexiados, un interventor que o represente nas operacións electorais.

Na mesa electoral haberá a urna ou urnas que se deberán cerrar e precintar co selo do colexio, deixando só unha abertura para a introdución da papeleta.

Constituída a mesa electoral, o presidente sinalará o inicio da votación e, na hora prevista para a súa finalización, serán pechadas as portas da dependencia e só poderán votar os colexiados que se atopen dentro.

A seguir, precedendo comprobación, introduciranse na urna electoral os votos que chegasen ata aquel momento por correo certificado que cumpran cos requirimentos establecidos.

A Xunta de Goberno determinará o horario da elección, que terá unha duración mínima de 8 horas.

As papeletas da votación deberán ser do mesmo tamaño e da mesma cor. O colexio será o encargado de confeccionar as papeletas e enviará unha de cada candidatura aos colexiados, sen excluír que os candidatos poidan tamén facelas coas características exactas ás confeccionadas pola Xunta de Goberno.

No lugar da votación facilitaranse en cantidade suficiente papeletas co nome de cada candidatura presentada.

Artigo 44 Votación

A elección dos membros da Xunta de Goberno farase por votación directa e secreta dos colexiados ou por correo certificado.

No caso de voto directo, os votantes deberán acreditar a súa personalidade ante a mesa electoral, a cal comprobará que está incluído no censo. O presidente dirá en voz alta o nome e apelidos do votante e, no momento de introducir a papeleta na urna, farase mención de que votou.

No caso de voto por correo certificado, realizarase da seguinte forma:

a) Introducirase a papeleta nun sobre que levará escritas as palabras «papeleta de votación».

b) Introducirase este sobre noutro de maior tamaño, xunto coa fotocopia do carné de colexiado e a do DNI, que se remitirá por correo certificado á atención do presidente da mesa electoral coa indicación: «Para as eleccións do Ilustre Colexio Oficial de Titulares Mercantís de Pontevedra, que se celebrarán o día ….».

Artigo 45. Escrutinio

Unha vez finalizada a votación e introducidas as papeletas recibidas por correo certificado, iniciarase, sen interrupción, o escrutinio, no transcurso do cal se lerán en voz alta todas as papeletas.

Para o acto do escrutinio poderanse nomear dous escrutadores, entre os asistentes á asemblea, que axudarán á mesa electoral.

Finalizado o escrutinio, o presidente da mesa anunciará o resultado e quedarán proclamados electos a candidatura ou, se é o caso, os candidatos que obtivesen o maior número de votos. No caso de empate, entenderase elixido o colexiado máis antigo. Este resultado farase constar, no momento do escrutinio, xunto con calquera observación que crean oportuna en relación co desenvolvemento das eleccións e poderán interpoñer recurso ante a propia mesa en contra do resultado electoral, nun prazo de cinco días naturais posteriores ao da elección; a mesa resolverá no prazo dos tres días naturais seguintes.

Dentro dos dez días seguintes, a mesa electoral deberá comunicar ao Consello Superior de Colexios Oficiais de Titulados Mercantís de España os resultados, a composición da Xunta electa, e cantos aspectos sexan legalmente exixidos.

Artigo 46. Votos nulos

Será declarado nulo o voto que teña sido manipulado.

As papeletas que fosen cubertas parcialmente serán válidas para os cargos correctamente expresados, sempre que estes reúnan os requirimentos exixidos.

Artigo 47. Proclamación dos membros electos e toma de posesión

A Xunta de Goberno tomará posesión nun acto público e no prazo máximo de dez días hábiles posteriores ao da celebración das eleccións ou, se é o caso, desde o día en que se consideren desestimados os posibles recursos en contra do resultado da elección.

Artigo 48. Compromisarios

Para asistir ás asembleas e reunións que convoque o Consello Superior de Colexios Oficiais de Titulados Mercantís de España, o Colexio nomeará os colexiados que coa condición de compromisarios deban acudir ás citadas asembleas ou reunións.

Os ditos nomeamentos realizaranse cada catro anos, mediante elección suxeita ás normas establecidas para as eleccións dos membros da Xunta de Goberno, facendo coincidir ambas as eleccións.

O número de compromisarios será o de 1 por cada 100 colexiados e, para ser nomeado candidato é necesario, ademais de ser colexiado, ter exercido cargos na Xunta de Goberno do Colexio ou na doutro da mesma profesión.

CAPÍTULO X
Da Xunta Xeral

Artigo 49. Xunta Xeral

A Xunta Xeral estará integrada por todos os colexiados, é o órgano supremo da corporación e poderá convocarse con carácter extraordinario, segundo proceda.

Artigo 50. Xunta Xeral ordinaria

A Xunta Xeral ordinaria terá lugar antes de finalizar o mes de marzo de cada ano con suxeición á seguinte orde do día:

1. Lectura e aprobación da acta da Xunta anterior.

2. Discusión e aprobación da memoria corporativa.

3. Discusión e aprobación da liquidación do orzamento e das contas anuais do exercicio anterior.

4. Discusión e aprobación do orzamento provisional de ingresos e gastos do exercicio actual.

5. Exposición pola Xunta de Goberno da súa actuación, do desenvolvemento do Colexio durante o ano anterior e do estado en que se atopen as xestións realizadas na defensa dos intereses dos colexiados.

6. Ratificación dos nomeamentos efectuados pola Xunta de Goberno para a provisión de cargos vacantes nela conforme o establecido nestes estatutos.

7. Proposicións da Xunta de Goberno.

8. Proposicións, rogos e preguntas dos colexiados.

Artigo 51. Proposicións

As proposicións dos colexiados ante a Xunta Xeral ordinaria deberán ser entregadas á Xunta de Goberno para que esta as examine e forme criterio sobre elas, cinco días antes, polo menos, daquel en que se deba celebrar a reunión, e levará como mínimo cinco sinaturas de colexiados. Destes requisitos exceptúanse as proposicións incidentais e de orde que presenten durante a celebración da Xunta un ou varios colexiados.

Artigo 52. Xunta Xeral extraordinaria

Celebraranse xuntas xerais extraordinarias sempre que o considere necesario a Xunta de Goberno ou cando llo solicite por escrito, expresando o asunto ou asuntos que nelas deban tratarse, polo menos un 5 % dos colexiados. Se non se cumprir este último requisito, a Xunta de Goberno poderá non convocar a Xunta Xeral extraordinaria. Nelas só poderán tratarse as cuestións expresamente sinaladas na convocatoria.

Artigo 53. Convocatoria da Xunta Xeral ordinaria e extraordinaria

As convocatorias da Xunta Xeral ordinaria e extraordinaria faranse sempre por escrito, en papeleta de citación nominativa, que se enviará ao domicilio de todos os colexiados ou por correo electrónico. A convocatoria deberá facerse polo menos con oito días de anticipación. No caso de urxencia, a xuízo da Xunta de Goberno, poderá reducirse o prazo a 48 horas.

Artigo 54. Celebración

As xuntas xerais ordinarias e extraordinarias celebraranse sempre no día e hora sinalados, sexa na primeira sexa na segunda convocatoria. Na primeira convocatoria exixirase un quórum de asistencia, de presentes ou representados, da maioría dos colexiados. Na segunda convocatoria, que terá lugar 30 minutos máis tarde que a primeira, non se exixirá quórum ningún para a súa celebración.

Artigo 55. Finalización

A Xunta Xeral, unha vez reunida, non se dará por rematada mentres non se teña discutido e non se chegue a acordo sobre todos os puntos da orde do día e, con tal obxecto, celebraranse o número de sesións que sexan necesarias.

Artigo 56. Desenvolvemento das sesións

Como regra de carácter xeral, e salvo as determinacións que en asuntos de excepcional interese adopte a Xunta Xeral sobre os temas que sexan obxecto deste debate, só se permitirán, como máximo, dúas quendas a favor e dúas en contra, de cinco minutos de duración cada unha, concedéndose a cada disertador o dereito a ratificar ou aclarar as súas alegacións durante dous minutos.

As votacións serán de catro clases: por unanimidade, ordinarias, nominais e por papeleta.

Entenderase que existe unanimidade nunha votación cando, ao preguntar o presidente se se aproba o asunto sometido a debate, ningún colexiado pida que se celebre votación.

A votación ordinaria, que se verificará erguéndose primeiro os que aproben a cuestión sometida a debate e despois os que a desaproben, deberá celebrarse sempre que a pida un colexiado.

A votación nominal, que se verificará dicindo cada colexiado presente os seus apelidos seguidos da palabra «si» ou «non», deberá celebrarse cando o soliciten cinco colexiados.

Os nomeamentos para cargos vacantes de Xunta de Goberno faranse sempre por papeleta e non serán válidas as designacións feitas por aclamación.

Artigo 57. Escrutinio

O secretario da corporación será o encargado de escrutar os votos emitidos pero, a petición de cinco colexiados, poderán auxilialos, intervindo na dita función, dous colexiados designados pola Xunta Xeral.

Artigo 58. Quenda por alusións

O presidente concederá a palabra por alusións e o aludido limitarase a contestar a alusión de que fose obxecto, sen entrar no fondo do debate suscitado.

Artigo 59. Suspensión do uso da palabra

O presidente poderá suspender no uso da palabra a todo colexiado a quen chamase á orde por dúas veces. Tamén poderá exixir que se expliquen ou retiren as palabras que considere molestas ou ofensivas para algún dos presentes ou ausentes.

Artigo 60. Emendas e adicións

As emendas ou adicións ás propostas da Xunta de Goberno ou dos colexiados deberán presentarse por escrito, asinadas por un ou máis colexiados, antes do debate ou durante o seu curso. Se o número de emendas presentado a unha proposición for considerado excesivo polo presidente, este poderá propoñer á Xunta que só se discutan as que se aparten máis do criterio sustentado polos autores da proposición.

Este punto deberá ser discutido e resolto no sentido favorable ou desfavorable, con prioridade a calquera outra discusión.

Artigo 61. Mocións de censura

Os colexiados poden exercer o dereito de elevar mocións de censura contra o presidente ou algúns dos membros da Xunta de Goberno ou en contra desta en pleno, e debe ser subscrita polo 10 % de colexiados como mínimo.

Para ser admitida a trámite, a moción de censura deberá formularse por escrito e ser subscrita por polo menos un 10 % dos colexiados integrantes do censo no momento de formalizarse a solicitude, facéndose constar con claridade e precisión os motivos en que se fundamenta e os colexiados elixibles que se propoñen para a totalidade dos cargos censurados.

Presentada unha moción de censura, convocarase para o efecto a Xunta Xeral con carácter extraordinario para tratar como único punto da orde do día sobre a moción de censura formulada. Para que prospere a moción de censura deberá ser aprobada pola metade máis un dos colexiados asistentes á Xunta Xeral onde se resolva sobre ela.

A aprobación da moción implicará o cesamento no cargo do censurado ou censurados e o acceso dos propostos polos censurantes de acordo co previsto no número 1 deste artigo.

Non poderán presentarse mocións de censura sucesivas se non media entre elas un prazo de, polo menos, un ano.

Artigo 62. Actas

As actas das sesións de xuntas xerais, ordinarias ou extraordinarias, unha vez aprobadas, terán o carácter de documentos fidedignos das discusións e acordos adoptados e non se admitirá en contra dos feitos consignados nelas ningunha rectificación.

CAPÍTULO XI
Das seccións

Artigo 63. Seccións

A Xunta de Goberno poderá crear, con carácter accidental ou de permanencia, as seccións colexiais necesarias para satisfacer os fins da corporación que se consideren necesarios.

Estas seccións ou comisións serán presididas sempre por un membro da Xunta de Goberno ou colexiado designado para isto.

Os acordos que adopten as seccións ou comisións terán o carácter de proposta, que elevarán á Xunta de Goberno do Colexio para a súa aprobación ou desestimación.

CAPÍTULO XII
Réxime disciplinario

Artigo 64. Responsabilidade

Sen prexuízo da responsabilidade civil ou penal en que poidan incorrer os colexiados, estarán igualmente suxeitos a responsabilidade disciplinaria por infracción dos seus deberes profesionais ou colexiais, na forma e co alcance que dispoñen estes estatutos.

Artigo 65. Competencia sancionadora

A competencia para o exercicio da potestade sancionadora corresponde á Xunta de Goberno. No caso de que o expediente disciplinario se siga contra algún membro de dita Xunta de Goberno, a competencia seguirá correspondendo ao Consello Superior de Colexios de Titulados Mercantís de España ou Consello Galego de Colexios de Titulares Mercantís no momento en que este se constitúa.

Artigo 66. Tipificación das infraccións

As infraccións que poidan levar unida sanción disciplinaria clasifícanse en leves, graves e moi graves.

Artigo 67. Faltas moi graves

Son faltas moi graves:

a) As infraccións das prohibicións, no exercicio profesional, en materia de incompatibilidades legais.

b) O incumprimento dos deberes profesionais cando resulte prexuízo grave para as persoas que solicitasen ou concertasen a actuación profesional.

c) A vulneración do segredo profesional.

d) O exercicio da profesión en situación de inhabilitación profesional ou estando incurso na causa de incompatibilidade ou prohibición.

e) A comisión de, polo menos, dúas infraccións graves no prazo de dous anos.

f) A comisión de delitos dolosos, en calquera grao de participación, con ocasión do exercicio da profesión.

Artigo 68. Faltas graves

Son faltas graves:

a) O incumprimento ou desatención dos acordos ou requirimentos adoptados polos órganos colexiais e, se é o caso, das obrigas establecidas nestes estatutos.

b) O encubrimento de actos de intrusión profesional ou de actuacións profesionais que vulneren as normas deontolóxicas da profesión, que causen prexuízo ás persoas que solicitasen ou concertasen os servizos profesionais ou que incorran en competencia desleal.

c) O incumprimento dos deberes profesionais cando causen prexuízo a quen solicitase ou concertase a actuación profesional.

d) A ofensa grave á dignidade doutros profesionais, das persoas que formen parte da Xunta de Goberno do Colexio, así como das institucións con que se relacione como consecuencia do seu exercicio profesional.

e) Os actos ilícitos que impidan ou alteren o normal funcionamento do Colexio Profesional ou da súa Xunta de Goberno.

f) A comisión de, polo menos, cinco infraccións leves no prazo de dous anos.

Artigo 69. Faltas leves

Son faltas leves:

a) As infraccións aos deberes que impón a profesión que non estean considerados como infraccións graves ou moi graves.

b) A neglixencia no cumprimento das normas estatutarias.

Artigo 70. Sancións

As sancións que cabe impoñer pola comisión de faltas poden ser:

a) Amoestación privada.

b) Advertencia por escrito.

c) Suspensión no exercicio profesional por un prazo non superior a 3 meses.

d) Suspensión no exercicio profesional polo prazo de 3 meses e inferior a 2 anos.

e) Expulsión do Colexio.

Artigo 71. Correspondencia entre infraccións e sancións

As infraccións moi graves serán castigadas coa sanción da alínea d) do artigo anterior. A sanción prevista na alínea e) queda reservada para os supostos das alíneas a) e d) do artigo que regula as faltas moi graves.

As infraccións graves serán castigadas coa sanción prevista na alínea c) do anterior artigo.

As infraccións leves serán castigadas coas sancións previstas nas alíneas a) ou b) do artigo anterior.

Para a debida ponderación das sancións que se impoñan teranse en conta os seguintes criterios: intencionalidade, importancia do dano causado, ánimo de emendar a falta ou remediar os seus efectos e proveito económico obtido.

Artigo 72. Procedemento sancionador

1. O procedemento disciplinario iniciarase de oficio, tendo como referencia o Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora. Non se admitirán a trámite denuncias anónimas.

2. Con anterioridade ao acordo de iniciación do procedemento disciplinario, a Xunta de Goberno poderá abrir un período de información previa para coñecer as circunstancias do caso concreto e determinar a conveniencia ou non de abrir expediente disciplinario. Esta información terá carácter reservado e a duración estritamente necesaria para alcanzar os obxectivos sinalados. Do mesmo xeito, e como medida preventiva, poderá acordar cantas medidas provisorias considere oportunas para asegurar a eficacia das resolucións que puideren ditarse, sempre que conte con elementos de xuízo suficientes e non cause con elas danos irreparables aos interesados ou a violación dos dereitos amparados polas leis. O nomeamento do instrutor non poderá recaer sobre persoas que formen parte do órgano de goberno que iniciase o procedemento.

3. A Xunta de Goberno, á vista dos antecedentes dispoñibles, poderá acordar o arquivamentoo das actuacións ou dispoñer da apertura de expediente e, neste caso, designará instrutor e secretario. O acordo de apertura de expediente notificarase ao colexiado ou colexiados expedientados.

Despois das dilixencias indagatorias oportunas, o instrutor proporá o sobresemento do expediente ou ben formulará prego de cargos en que se concreten de forma clara os feitos imputados, a infracción presuntamente cometida e as sancións que poidan serlle de aplicación, e concederá ao expedientado un prazo non inferior a dez días hábiles para contestar por escrito.

4. No expediente son utilizables todos os medios de proba admisibles en dereito, e correspode ao instrutor a práctica dos que se propoñan e consideren pertinentes ou el mesmo acorde de oficio, deixando constancia na acta das audiencias e das probas practicadas. Concluída a instrución do expediente, o instrutor elevarao, xunto coa correspondente proposta de resolución, á Xunta de Goberno. A proposta de resolución notificarase ao inculpado para que no prazo de quince días hábiles, despois de estudar o expediente, poida alegar canto considere conveniente á súa defensa. Nin o instrutor nin o secretario poderán intervir nas deliberacións nin na toma de decisión do órgano disciplinario.

5. As resolucións acordaranse por maioría de dous terzos do número legal de membros, en votación secreta, e serán motivadas, apreciando a proba segundo as regras da crítica sa, relacionando os feitos probados en congruencia co prego de cargos, dilucidando as cuestións esenciais alegadas ou resultantes do expediente e determinando, se é o caso, as infraccións e a súa fundamentación, con cualificación da súa gravidade. A decisión final poderá ser de sanción, de absolución por falta de probas ou por inexistencia de conduta sancionable, ou de sobresemento por prescrición das faltas.

As resolucións serán notificadas integramente aos interesados con indicación dos recursos que procedan consonte o previsto no capítulo seguinte do estatuto, e prazos para impoñelos.

Artigo 73. Execución das sancións

As sancións non se executarán mentres non se esgoten todos os recursos en vía administrativa. Non obstante, a Xunta de Goberno poderá acordar a suspensión da execución cando se acredite a interposición en prazo de recurso en vía contencioso-administrativa con petición de medida cautelar, estando suxeita ao que cautelarmente se acorde en vía xurisdicional.

Se a sanción consiste na expulsión do Colexio, a execución quedará en suspenso ata que a sanción resulte definitivamente firme.

Artigo 74. Comunicación

A Xunta de Goberno enviará ao Consello Superior de Colexios Oficiais de Titulados Mercantís de España testemuño dos seus acordos de sanción nos expedientes disciplinarios dos colexiados, por faltas graves e moi graves.

Artigo 75. Prescrición e cancelación

1. As infraccións e as sancións prescriben:

a) As leves, aos seis meses.

b) As graves, aos dous anos.

c) As moi graves, aos tres anos.

2. Os prazos de prescrición das infraccións cóntanse desde o día en que a infracción se cometese. Prescribirán as leves en seis meses, as graves en dous anos e as moi graves en tres anos. Os prazos de prescrición das sancións cóntanse desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción, sendo para as leves nun ano, as graves en dous e as moi graves en tres.

No que respecta a infraccións, interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento sancionador, e continuará transcorrendo o prazo de prescrición se o expediente estiver paralizado durante máis de seis meses por causa non imputable ao presunto infractor.

Canto ás sancións, interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento, do interesado, do procedemento de execución, e volverá a transcorrer o prazo se aquel está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao infractor.

3. Os sancionados serán rehabilitados automaticamente nos seguintes prazos que se contarán desde a data en que se tome a resolución.

a) Se foren por infracción leve, aos seis meses.

b) Se foren por infracción grave, aos dous anos.

c) Se foren por infracción moi grave, aos catro anos.

d) As de expulsión, aos seis anos.

Os prazos anteriores contaranse desde o día seguinte a aquel en que a sanción se executase ou se terminase de cumprir ou prescribise.

4. A rehabilitación supón a anulación de antecedentes para todos os efectos e, no caso das sancións de expulsión, permite ao interesado solicitar a reincorporación ao Colexio.

5. A Xunta de Goberno enviará ao Consello Superior de Colexios Oficiais de Titulados Mercantís de España testemuño das rehabilitacións acordadas.

CAPÍTULO XIII
Réxime xurídico dos actos colexiais e a súa impugnación

Artigo 76. Réxime xurídico

1. O Colexio de Titulares Mercantís de Pontevedra réxese polas normas seguintes:

a) A lexislación autonómica e estatal en materia de colexios profesionais.

b) O seu estatuto e, con respecto a el, polos regulamentos e demais acordos de alcance xeral que se adopten para o seu desenvolvemento e aplicación.

c) O estatuto xeral dos Colexios Oficiais de Titulares Mercantís e do seu Consello Superior.

d) O resto do ordenamento xurídico en canto resulte aplicable.

2. En materia de procedemento administrativo, serán supletorias as disposicións da lexislación básica estatal sobre réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 77. Actos nulos e anulables

1. Son nulos de pleno dereito os actos dos órganos colexiados en que se dea algún dos seguintes supostos:

a) Os que lesionen dereitos e liberdades susceptibles de amparo constitucional.

b) Os ditados por órgano manifestamente incompetente por razón da materia ou do territorio.

c) Os de contido imposible.

d) Os que sexan constitutivos de infracción penal ou se diten como consecuencia desta.

e) Os ditados prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiados.

f) Os actos expresos ou presuntos contrarios ao ordenamento xurídico polos cales se adquiran facultades ou dereitos cando se careza dos requisitos esenciais para a súa adquisición.

g) Calquera outro que se estableza expresamente nunha disposición de rango legal.

2. Son anulables os restantes actos que incorran en calquera infracción do ordenamento xurídico, incluso a desviación de poder.

Artigo 78. Execución dos actos

Os acordos dos órganos colexiais serán executivos desde a súa adopción, coas condicións e límites sinalados na vixente lexislación sobre procedemento administrativo. Desta regra exceptúanse só as resolucións sancionadoras acordadas pola Xunta de Goberno no exercicio da potestade disciplinaria.

Artigo 79. Recursos contra os acordos dos órganos colexiados

Ao non existir consello autonómico, créase a Comisión de Recursos que será un órgano colexiado competente para a resolución dos recursos que se interpoñan contra os actos dos órganos colexiados.

A Comisión de Recursos estará formada polos seguintes membros da Xunta de Goberno:

• Presidente.

• Vicepresidente 1º.

• Secretario.

• Vicesecretario.

• Vogal.

a) Con excepción dos recursos específicos previstos nos presentes estatutos, os acordos e resolucións dos órganos colexiais, mesmo os actos de trámite se impiden a continuación do procedemento, producen indefensión ou prexuízo irreparable a dereitos e intereses lexítimos, son susceptibles de recurso na alzada ante a Comisión de Recursos do Colexio.

b) A interposición, prazos e resolución dos recursos na vía administrativa rexeranse polo disposto na lexislación sobre procedemento administrativo común.

c) Os acordos ditados no uso de facultades ou competencias delegadas da Comunidade Autónoma de Galicia estarán sometidos ao réxime de impugnación xeral dos actos desta.

d) A resolución do recurso da alzada pon fin á vía administrativa e deixa expedita a vía xurisdicional contencioso-administrativa.

Artigo 80. Modificación dos estatutos do Colexio

Os presentes estatutos poderán modificarse por proposta da Xunta de Goberno, convocada con carácter extraordinario nos termos previstos neles, ou cando así o soliciten de forma fidedigna un número de colexiados equivalente a un terzo do censo colexial no momento en que se formula a solicitude.

O procedemento de modificación de estatutos requirirá a elaboración dunha proposta redactada por unha comisión de traballo designada para o efecto que, logo de aprobación por maioría absoluta da Xunta de Goberno, se someterá á aprobación da Xunta Xeral.

A Xunta Xeral, que deberá dispoñer como documento incorporado á convocatoria os artigos que se van modificar, tanto na súa redacción primitiva como na proposta pola Xunta de Goberno do Colexio, aprobará a modificación de estatutos, en primeira convocatoria cun quórum de asistencia mínimo do 50 % dos colexiados e do voto a favor da modificación da metade máis un dos asistentes e en segunda convocatoria non se exixirá quórum de asistencia pero si requirirá o voto a favor da modificación da metade máis un dos asistentes.

CAPÍTULO XIV
Réxime económico

Artigo 81. Ingresos

O Colexio ten autonomía financeira e patrimonial respecto do Consello Superior de Colexios Oficiais de Titulados Mercantís de España e Galicia, cando se constitúa (no momento da súa constitución) ben que, despois de acordo do pleno dos ditos consellos, deberá atender as cotas que neste se orixinen para o mantemento do colexio, despois de acordo da Xunta de Goberno.

A vida económica do Colexio desenvolverase a base de:

a) As cotas dos colexiados, que se devindicarán segundo acorde a Xunta de Goberno.

b) As achegas dos colexiados sobre os honorarios que estes perciban polos seus traballos nos asuntos que lles proporcionase o Colexio, así como o arancel establecido polo visado e recoñecemento de sinatura en traballos escritos.

c) As subvencións oficiais que poidan serlle outorgadas.

d) Os donativos e asignacións que poida recibir de entidades privadas ou de particulares.

e) Os ingresos e dereitos sobre as publicacións en que colabore ou edite o Colexio.

f) O cobramento dos custos asociados á tramitación da incorporación ao Colexio.

g) Os bens que forman parte do Colexio e aquilo que poida derivar da súa explotación.

h) Os ingresos procedentes por cotas de inscrición a xornadas, seminarios ou outras actividades que impliquen a formación profesional tanto dos colexiados como de terceiros.

i) Calquera outro ingreso que legalmente proceda.

Os orzamentos anuais ordinarios e extraordinarios do Colexio detallarán os ingresos e gastos previstos para o exercicio correspondente, integrando todas as súas actividades. Se se iniciar un novo exercicio económico sen que se teña aprobado o orzamento correspondente, quedará prorrogado o do exercicio anterior ata a aprobación do novo orzamento, salvo aquelas partidas que resulten da aplicación de disposicións vixentes en materia laboral ou outras.

Artigo 82. Destino

Os fondos do Colexio investiranse nas atencións inherentes á súa existencia social.

Os orzamentos de ingresos e gastos de cada exercicio económico terán que ser forzosamente aprobados ao seu comezo pola Xunta Xeral de colexiados, así como a liquidación do exercicio anterior.

Artigo 83. Responsabilidade

A Xunta de Goberno será responsable do investimento dos fondos do Colexio, así como dos prexuízos que a este lle poidan sobrevir por incumprimentos das leis e dos acordos da Xunta Xeral.

Artigo 84. Memoria anual

1. O Colexio estará suxeito ao principio de transparencia na súa xestión. Para isto deberá elaborar unha memoria anual que conteña, polo menos, a información seguinte:

a) Informe anual de xestión económica, incluíndo os gastos de persoal suficientemente desagregados e especificando as retribucións dos membros da Xunta de Goberno en razón do seu cargo.

b) Importe das cotas aplicables desagregadas por concepto e polo tipo de servizos prestados, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística relativa aos procedementos informativos e sancionadores en fase de instrución ou que alcanzasen firmeza, con indicación da infracción a que se refiren, da súa tramitación e da sanción imposta, se é o caso, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

d) Información agregada e estatística relativa a queixas e reclamacións presentadas polos consumidores ou usuarios ou as súas organizacións representativas, así como sobre a súa tramitación e, se é o caso, dos motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

e) Os cambios no contido dos seus códigos deontolóxicos, se dispuxer deles.

f) As normas sobre incompatibilidades e as situacións de conflito de intereses en que se atopen os membros das xuntas de goberno.

g) Información estatística sobre a actividade de visado.

2. A memoria anual deberá facerse pública a través da páxina web no primeiro semestre de cada ano.

CAPÍTULO XV
Fusión, segregación e disolución do colexio

Artigo 85. Fusión, segregación e disolución do Colexio

O Colexio só poderá disolverse por decisión tomada en Xunta Xeral extraordinaria convocada para o efecto, e para a súa aprobación require as maiorías previstas no número 2 deste artigo.

O destino do patrimonio resultante da liquidación será fixado pola propia Xunta Xeral que tome a decisión da disolución e destinarase a fundacións ou asociacións benéficas ou asistenciais.

A disolución do Colexio requirirá, se é o caso, a proposta inicial da Xunta de Goberno, adoptada por acordo de dous terzos dos seus membros.

1. O Colexio poderá ser disolto:

a) En virtude dunha disposición legal de rango bastante para anular as disposicións ditadas para a súa creación.

b) Cando se produzan as circunstancias previstas no estatuto orgánico da profesión de titulado mercantil.

2. Para resolver sobre esta proposta, ou cando se presente a disolución por imperativo legal, convocarase unha Xunta Xeral con carácter extraordinario especialmente con este obxecto. A disolución requirirá o acordo favorable de dous terzos dos colexiados asistentes, os cales deberán representar, como mínimo, un terzo dos colexiados integrantes do censo colexial no momento da celebración da reunión.

Na liquidación do Colexio deberanse observar estritamente as disposicións contidas na lexislación vixente sobre colexios profesionais de Galicia e as previsións do estatuto orgánico da profesión de titulado mercantil, e darase ao seu patrimonio o destino máis adecuado para os fins e competencias do Colexio, segundo se acorde na Xunta Xeral de colexiados reunida con carácter extraordinario expresamente para isto.

Fusión con colexios da mesma profesión:

A fusión con outros colexios da mesma profesión realizarase conforme o previsto na Lei de colexios profesionais de Galicia, logo de acordo da Xunta Xeral extraordinaria de colexiados convocada, por proposta da Xunta de Goberno por acordo de dous terzos dos seus membros ou a pedimento do corenta por cento dos colexiados integrantes do censo colexial, computados no momento en que se formule a solicitude. O acordo de segregación deberá ser adoptado pola maioría dos dous terzos dos asistentes á convocatoria.

Disolución e liquidación do Colexio:

1. A disolución do Colexio requirirá, se é o caso, a proposta inicial da Xunta de Goberno, adoptada por acordo de dous terzos dos seus membros.

2. O Colexio poderá ser disolto cando se produzan as circunstancias previstas no estatuto orgánico da profesión do titulado mercantil.

3.- Para resolver sobre esta proposta, ou cando se presente a disolución por imperativo legal, convocarase unha Xunta Xeral con carácter extraordinario especialmente con este obxecto. A disolución requirirá o acordo favorable de dous terzos dos colexiados asistentes, os cales deberán representar, como mínimo, un terzo dos colexiados integrantes do censo colexial no momento da celebración da reunión.

Na liquidación do Colexio observaranse as previsións establecidas no estatuto orgánico da profesión de titulado mercantil e na lexislación sobre colexios profesionais de Galicia, e daráselle ao seu patrimonio o destino máis adecuado aos fins e competencias do Colexio, determinado por acordo da Xunta Xeral de colexiados reunida con carácter extraordinario expresamente para isto.

Disposición adicional primeira

En todo aquilo non previsto nestes estatutos, serán de aplicación as normas reguladoras dos colexios profesionais.

O disposto nos presentes estatutos non afectará aqueles dereitos que puideren ter sido adquiridos polos colexios ata a data da súa entrada en vigor.

Disposición transitoria única

Non obstante a próxima renovación da Xunta de Goberno, acórdase que, por unha soa vez, os seus membros sexan prorrogados nos seus cargos por un período de catro anos. Con isto producirase o cesamento simultáneo de todos os membros da Xunta de Goberno e unha renovación completa da dita Xunta, que se levará a cabo de acordo co previsto nos presentes estatutos.

Disposición derrogatoria única

Os presentes estatutos foron aprobados na Xunta de Goberno do 8 de xaneiro de 2013 e na Asemblea Xeral extraordinaria do 7 de marzo de 2013 e substituirán toda norma colexial existente ata a data que poida representar unha contradición ou incumprimento deles ou de calquera norma que, tendo rango legal, produza os mesmos efectos.