Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Venres, 31 de maio de 2013 Páx. 19590

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución denominado Planta compacta de almacenamento e regasificación de gas natural líquido (GNL) para subministración en Xove (Lugo), promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2012/19-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, e no artigo 1 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP), sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionario: Gas Galicia SDG, S.A., con CIF A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Antecedentes:

O 12.4.2012 esta dirección xeral ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Xove, na provincia de Lugo (expediente IN627A 2011/4-0), que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 24.8.2012 e no Boletín Oficial da provincia do 27.8.2012.

Segundo esta autorización, a subministración de gas natural á localidade de Xove realizarase desde unha posición do futuro gasoduto de transporte básico da Mariña Lucense (Ribadeo-Lugo), e a rede de distribución estará formada por unha rede básica en rango de presión 2 < MOP (presión máxima de operación) ≤ 5 bar, que parte dunha posición deste gasoduto e chega ás inmediacións do núcleo urbano de Xove, do polígono industrial e da urbanización Palmeiro, e por unha rede secundaria, no mesmo rango de presión, que parte desta rede básica cara aos distintos puntos de consumo.

Obxecto da petición:

O obxecto da petición é a autorización administrativa é a aprobación do proxecto de execución denominado Planta compacta de almacenamento e regasificación de gas natural líquido (GNL) para subministración en Xove (Lugo).

Segundo consta no proxecto, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. pretende realizar a gasificación desta poboación subministrando gas natural nunha primeira fase por medio desta planta de GNL, adiantando na medida do posible este proceso. Nunha segunda fase, esta planta substituirase por un punto de entrega de gas natural conectado ao gasoduto de transporte básico da Mariña-Lucense (Ribadeo-Lugo).

Descrición das instalacións:

A planta de GNL situarase na parcela de referencia catastral nº 27025A035000670000JE (polígono 35, parcela 67) no lugar da Telleira, ao leste do núcleo urbano de Xove. Co propietario desta parcela a empresa Gas Galicia SDG, S.A. acordou asinar un contrato de arrendamento para a instalación da planta.

Esta planta estará conformada por tanque de almacenamento de GNL, unidade para descarga de cisternas, módulos de regasificación, regulación, medida, odorización e sistemas auxiliares para saída do gas natural, instalación contraincendios e instalación de control. As súas características xerais son as seguintes:

– Depósito de tipo vertical.

– Capacidade xeométrica de almacenamento: 20 m3.

– Capacidade de gasificación: 200 m3(N)/h.

– Capacidade de emisión horaria máxima: 200 m3(N)/h.

– Presión de saída: 2,5 bar.

Termo municipal: a solicitude afecta o termo municipal de Xove, na provincia de Lugo.

Orzamento: cento oitenta e dous mil oitocentos noventa euros con oitenta e catro céntimos (182.890,84 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, poidan presentar as súas alegacións, no prazo de 20 días a partir da data de publicación deste anuncio, podendo examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, planta 4ª, en Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria, na rolda da Muralla, 70.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas