Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Venres, 31 de maio de 2013 Páx. 19378

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

ORDE do 28 de maio de 2013 pola que se regulan os cartóns de bingo autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia, a súa subministración electrónica e a presentación e o pagamento electrónico dos tributos sobre o xogo do bingo.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, o xogo do bingo é un dos xogos regulados pola Lei 14/1985, do 23 de outubro, do xogo de Galicia, aprobada polo Parlamento de Galicia en virtude das competencias establecidas no artigo 27.27 do Estatuto de autonomía de Galicia, e está incluído no Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia aprobado polo Decreto 116/1986, do 4 de xuño. No exercicio da potestade regulamentaria prevista no artigo 22.c) da Lei 14/1985, a Xunta, por Decreto 181/2002, do 10 de maio, aprobou o Regulamento do xogo do bingo, modificado parcialmente polos decretos 9/2007, do 25 de xaneiro e 113/2010, do 1 de xullo.

O Regulamento establece como un dos elementos fundamentais para o desenvolvemento do xogo do bingo, os cartóns do bingo, cuxa regulación vén especificada no propio regulamento, en concreto na letra a) do seu artigo 4. A determinación das características dos cartóns para o xogo do bingo foi modificada recentemente polo Decreto 113/2010, do 1 de xullo, polo que se modifica o Decreto 181/2002, do 10 de maio, polo que se aproba o Regulamento do xogo do bingo, e o Decreto 116/1986, do 4 de xuño, polo que se aproba o Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos de adaptar as súas características e configuración ás novidades introducidas no regulamento como consecuencia dos avances tecnolóxicos, de forma que se posibilitara o desenvolvemento das novas modalidades do xogo do bingo, co obxecto de introducir elementos de modernización do xogo, tentando dotalo de novos alicientes para o xogador. A disposición adicional primeira do citado Decreto 113/2010, dispón que as características que deben reunir os soportes técnicos sobre os que se practique e xestione o xogo do bingo nas súas diferentes modalidades «serán especificadas por normas que, para tal efecto, dite a consellería competente en materia de xogo, conxuntamente coa consellería competente en materia de tributos cando os devanditos soportes afecten o control tributario das operacións, en que se regulará o réxime de homologacións e autorizacións previas á súa posta en funcionamento».

Ademais, no Regulamento galego do bingo prevese, desde o ano 2010, no que fora modificado polo Decreto 113/2010, que os cartóns para o xogo do bingo, que serán subministrados pola consellería competente en materia de facenda, poderán ser subministrados por medios electrónicos e incluso, establece o regulamento que a dita consellería poderá establecer a obrigatoriedade de que os cartóns sexan subministrados electronicamente.

Por outra parte, cómpre sinalar que o xogo do bingo vén gravado pola taxa fiscal sobre o xogo do bingo creada polo Real decreto lei 16/1977, do 25 de febreiro, polo que se regulan os aspectos penais, administrativos e fiscais dos xogos de sorte, envite ou azar e apostas, e polo imposto sobre o xogo do bingo creado pola Lei galega 7/1991, do 19 de xuño, de tributación sobre o xogo, que grava a participación no xogo do bingo nos locais autorizados.

Polo que respecta á taxa fiscal, cómpre sinalar que é un tributo estatal, cuxo rendemento está cedido ás comunidades autónomas desde a Lei 30/1983, do 28 de decembro, de cesión de tributos do Estado ás comunidades autónomas. Actualmente a norma que rexe a cesión dos tributos estatais ás comunidades autónomas é a Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias. En virtude das competencias normativas recoñecidas nesta lei, a Comunidade Autónoma de Galicia aprobou, mediante o Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado (TRTC), modificado posteriormente polas leis 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia e 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013. Así, en relación á taxa fiscal sobre o xogo realizado en bingos, as normas legais aplicables na Comunidade Autónoma de Galicia veñen recollidas no Real decreto lei 16/1977 (respecto ao feito impoñible e o suxeito pasivo) e no TRTC, no que se regulan as exencións, a base impoñible, os tipos de gravame, a deivindicación e o período impositivo e mais os aspectos de liquidación e pagamento da taxa fiscal sobre xogos de sorte, envite ou azar.

Polo que respecta ao imposto sobre o xogo do bingo este tributo foi creado polo Parlamento de Galicia mediante a Lei 7/1991, do 19 de xuño, de tributación sobre o xogo, que grava a participación no xogo do bingo nos locais autorizados.

Tanto o TRTC como o Decreto 247/1991, do 4 de xullo, polo que se aproban as normas de xestión dos tributos creados pola Lei 7/1991, establecen que a consellería competente en materia de Facenda poderá dispoñer mediante orde que os obrigados tributarios efectúen as declaracións e autoliquidacións destes tributos mediante os programas informáticos de axuda que, de ser o caso, se aproben. Así mesmo, poderá dispoñer a obrigatoriedade da presentación delas e os pagamentos correspondentes mediante medios electrónicos.

Estes tributos, consonte coas súas normas regulamentarias, deivindícanse a medida que os titulares das autorizacións para o desenvolvemento do xogo do bingo fan uso delas mediante a adquisición dos cartóns de xogo do bingo, de xeito que deben autoliquidar os referidos tributos con carácter previo á subministración dos cartóns. O pagamento pode facerse materialmente diante das entidades financeiras colaboradoras na recadación de tributos cedidos autorizadas pola Comunidade Autónoma de Galicia ou ben de xeito electrónico a través da Oficina Virtual Tributaria (OVT), opción exercida de xeito maioritario polas salas de bingo radicadas nesta Comunidade Autónoma.

Os cartóns de bingo, polo tanto, ademais de ser un elemento do xogo, constitúen un elemento clave para a satisfacción dos tributos asociados ao desenvolvemento deste xogo e para o control tanto da actividade do xogo como para o control tributario.

Neste contexto, xorde a necesidade de acometer a reforma do sistema actualmente existente da subministración dos cartóns, desenvolvendo o disposto no Regulamento galego do xogo do bingo. Deste xeito, procede desenvolver, por unha banda, os aspectos e características que deben reunir os cartóns para seren autorizados e homologados pola consellería competente en materia de xogo e, pola outra, a forma da subministración deles pola consellería competente en materia de facenda e, consecuentemente, o ingreso e as presentacións das autoliquidacións dos tributos deivindicados, facultades que residen nas consellerías competentes en materia de xogo, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e en materia de facenda, a Consellería de Facenda.

A orde estrutúrase en tres títulos e ten 17 artigos, catro disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria, unha disposición derradeira e dez anexos. O título I recolle as disposicións xerais da orde, en concreto, o seu obxecto, o concepto de cartón autorizado para o xogo do bingo e a forma na que os suxeitos pasivos satisfarán os tributos que gravan o xogo do bingo e na que realizarán a solicitude dos cartóns para o desenvolvemento do xogo do bingo en cada unha das salas de bingo situadas en Galicia, así como a forma na que a consellería competente en materia de facenda realizará a subministración deles. O título II contén as normas correspondentes ás obrigas tributarias e á subministración de cartóns de bingo e o título III contén as especificacións que deben reunir os cartóns de bingo autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo isto, consonte co exposto, de acordo co establecido no artigo 38.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e en virtude das competencias normativas que o artigo 50 da Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias, outorga sobre os aspectos de aplicación da taxa fiscal sobre o xogo do bingo e de acordo co establecido no artigo 2 da Lei 17/2010, do 16 de xullo, de réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e condicións de dita cesión, e consonte coas disposicións contidas no artigo 31 do TRTC aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, e no artigo 1 do Decreto 247/1991 e coas habilitacións establecidas na disposición adicional do dito Decreto 247/1991 e no artigo 4 e disposición adicional primeira do Decreto 113/2010,

DISPOÑO:

Título I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto, por unha banda, establecer as características, formato e contido dos cartóns de bingo autorizados pola consellería competente en materia de xogo para o seu uso nas salas de bingo situadas en Galicia e, por outro, establecer as condicións xerais e o procedemento para a expedición e distribución destes, así como os aspectos relativos ao pagamento da taxa fiscal sobre xogos de sorte, envite ou azar que grava o xogo do bingo e do imposto sobre o xogo do bingo e á presentación das autoliquidacións correspondentes aos devanditos tributos e mais a creación do censo electrónico de salas de bingo de Galicia.

Artigo 2. Cartóns autorizados

O xogo do bingo na Comunidade Autónoma de Galicia só poderá practicarse cos cartóns autorizados pola dirección xeral competente en materia de xogo. Enténdese por cartóns autorizados aqueles que se axusten ás características establecidas no título III desta orde.

Artigo 3. Solicitude e subministración de cartóns autorizados para o xogo do bingo

1. As empresas autorizadas pola consellería competente en materia de xogo para o desenvolvemento do xogo do bingo, deberán solicitar electronicamente ante a Axencia Tributaria de Galicia, os cartóns para o xogo do bingo, a través da aplicación que esta poña a disposición dos usuarios na Oficina Virtual Tributaria (OVT) nas condicións e de acordo co procedemento previsto no título II desta orde, ou mediante calquera outro programa que xere un ficheiro que se axuste ás características que determine e aprobe a dirección da Axencia Tributaria de Galicia.

2. Os cartóns autorizados pola consellería competente en materia de xogo para o desenvolvemento do xogo do bingo, serán subministrados de forma electrónica pola Axencia Tributaria de Galicia, a través da aplicación que esta poña á disposición dos usuarios na OVT nas condicións e de acordo co procedemento previsto nesta orde, ou mediante calquera outro programa que xere un ficheiro que se axuste ás características que determine e aprobe a dirección da Axencia Tributaria de Galicia.

Artigo 4. Satisfacción dos tributos que gravan o xogo do bingo

Os suxeitos pasivos satisfarán os tributos que gravan o xogo do bingo, mentres estea vixente a autorización que determina a súa deivindicación, a medida que fagan uso dela coa adquisición dos cartóns necesarios para o desenvolvemento do xogo subministrados pola Axencia Tributaria de Galicia, de acordo co establecido no título II desta orde.

Título II
Obrigas tributarias e subministración de cartóns de bingo

Artigo 5. Presentación e pagamento electrónicos do imposto do bingo e da taxa fiscal sobre o xogo do bingo

O pagamento e a presentación das autoliquidacións do imposto sobre o xogo do bingo e da taxa fiscal sobre o xogo do bingo que corresponda polos cartóns solicitados para o desenvolvemento do xogo do bingo en salas situadas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá realizarse por medios electrónicos, a través da aplicación que a Axencia Tributaria de Galicia poña á disposición dos usuarios na OVT, nas condicións e de acordo co procedemento previsto nesta orde.

Artigo 6. Usuarios autorizados

1. Para os efectos do disposto nos artigos 3 e 5 desta orde, as aplicacións informáticas para a subministración de cartóns de bingo e o cumprimento das correspondentes obrigas tributarias poderán ser empregadas polos usuarios que se relacionan de seguido, que deberán ser previamente autorizados pola dirección da Axencia Tributaria de Galicia:

a) Os suxeitos pasivos que dispoñan do correspondente certificado de usuario outorgado pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda (FNMT-RCM) para a presentación e pagamento dos seus propios impostos, ou doutras autoridades certificadoras admitidas pola consellería competente en materia de facenda e que previamente fosen autorizados pola dirección da Axencia Tributaria de Galicia para a presentación e pagamento electrónico destes ingresos.

b) Os membros dos colexios profesionais, as entidades privadas, así como as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais, que subscribisen coa Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia o correspondente convenio de colaboración, nos termos acordados neste.

2. Os usuarios anteriores, para poder empregar as aplicacións informáticas sinaladas, deberán presentar ante a Dirección da Axencia Tributaria de Galicia, no prazo máximo dun mes desde o momento en que teña eficacia a autorización de instalación da sala de bingo pola obtención do permiso de apertura e inscrición da autorización de instalación na Sección de Salas do Rexistro do Xogo do Bingo, unha solicitude de autorización xunto cunha ficha de usuario, axustadas aos modelos que contén o anexo I, mediante as que se procederá a declarar a alta no Censo. No caso de que un suxeito pasivo teña en explotación máis dunha sala de bingo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá presentar unha solicitude de autorización por cada unha das salas de bingo situadas en Galicia. Outorgarase a autorización a todos aqueles que reúnan as condicións establecidas no punto anterior.

Artigo 7. Censo electrónico de salas de bingo de Galicia

1. Créase o Censo electrónico de salas de bingo de Galicia, instrumento que será empregado pola Axencia Tributaria de Galicia para os efectos da aplicación dos tributos a que se refire esta orde.

2. O Censo electrónico de salas de bingo de Galicia conterá, ademais dos datos sinalados na normativa xeral tributaria, os datos declarados mediante a solicitude de autorización a que se refire o artigo 6 desta orde.

3. Quedarán inscritas no censo cada unha das salas de bingo situadas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Para estes efectos, e sen prexuízo das consecuencias que deriven do incumprimento das obrigas sinaladas no artigo anterior, a Axencia Tributaria de Galicia poderá incorporar de oficio os datos que deban figurar nel, de acordo co disposto no artigo 144 do Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de actuación e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos aprobado mediante Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, e mediante as actuacións ás que se refire o artigo 12 desta orde.

Artigo 8. Aprobación de modelos en formato electrónico

Apróbanse os modelos en formato electrónico que figuran, respectivamente, nos anexos II, III, IV e V desta orde e que se relacionan a seguir, para os efectos da solicitude de subministración de cartóns de bingo e do cumprimento das obrigas tributarias a que se refire esta orde:

Modelo S: Solicitude de subministración de cartóns de bingo. O contido deste modelo incorporarase á representación gráfica dos modelos 043 e 001, na forma que figura nos anexos IV e V.

Modelo 006: Comunicación de modificación dos datos do Censo Electrónico de salas de bingo de Galicia.

Modelo 043: Modelo 043. Taxa fiscal sobre o xogo. Bingo. Solicitude-autoliquidación.

Modelo 001: Modelo 001. Imposto sobre o xogo do bingo. Solicitude-autoliquidación.

Artigo 9. Procedemento para a modificación dos datos contidos no Censo electrónico de salas de bingo de Galicia

1. Cando se produza algunha variación nos datos inscritos no censo, referentes á sala de bingo, os suxeitos pasivos deberán, con carácter xeral, presentar comunicación electrónica daquela ante a Axencia Tributaria de Galicia a través do modelo 006, no prazo de vinte días naturais contados desde o momento no que se produza a dita modificación. Para iso empregarán a aplicación informática que a Axencia Tributaria de Galicia poña á súa disposición na OVT.

2. Unha vez consignados os datos que se van modificar, o suxeito pasivo deberá proceder á presentación electrónica, de forma que transmitirá os datos da declaración coa sinatura electrónica, xerada ao seleccionar o certificado previamente instalado para estes efectos no navegador. Se o presentador é unha persoa ou entidade autorizada para presentar declaracións en representación de terceiras persoas, requirirase unha única sinatura, a correspondente ao seu certificado.

3. Se a declaración é aceptada, a aplicación devolveralle ao usuario en pantalla o modelo 006 debidamente cuberto cos datos declarados e co seu código de identificación, código que se corresponde co número de autorización de sala da consellería competente en materia de xogo, e con indicación da data de presentación. O modelo 006 virá validado cun código seguro de verificación (CSV) formado por dezaseis caracteres. Este modelo serviralle de xustificante da presentación da declaración de modificación dos datos do Censo na data sinalada no propio modelo.

No caso de que a presentación fose rexeitada, mostrarase en pantalla a descrición dos erros detectados. Neste caso, o usuario deberá proceder a emendalos mediante a aplicación informática. Se o rexeitamento da presentación fose orixinado por un motivo non emendable, o usuario deberá repetir a presentación.

4. O usuario deberá conservar a declaración aceptada e validada co correspondente código seguro de verificación.

Artigo 10. Procedemento para a modificación do suxeito pasivo

1. Cando, por calquera operación ou título xurídico se produza a modificación do suxeito pasivo dos tributos que gravan o xogo do bingo, quen fose o suxeito pasivo con anterioridade á modificación deberá comunicar electronicamente á Axencia Tributaria de Galicia, mediante o modelo 006, unha baixa por modificación do suxeito pasivo, identificando ao novo suxeito pasivo e este último, deberá presentar electronicamente unha declaración de alta por modificación do suxeito pasivo. Para iso empregarán a aplicación informática a que fai referencia o artigo anterior, debendo proceder do xeito que se sinala a seguir.

2. Quen fose o suxeito pasivo con anterioridade á modificación deberá comunicar a baixa por cambio de suxeito pasivo de forma electrónica no prazo máximo de dez días naturais desde a data na que se realizase aquela. A comunicación referida determinará no mesmo momento da aceptación pola aplicación da súa presentación, a baixa provisional do suxeito pasivo inicial respecto da sala de bingo censada.

O suxeito pasivo inicial deberá xustificar documentalmente ante a Axencia Tributaria de Galicia o cambio no prazo máximo de 5 días. Verificada pola Administración a documentación achegada, procederase á baixa definitiva do suxeito pasivo inicial respecto da sala de bingo censada.

3. Realizada a baixa provisional, e, sen prexuízo do disposto no artigo 2 desta orde e no mesmo prazo regulado nela, o novo suxeito pasivo deberá comunicar electronicamente á Axencia Tributaria de Galicia a alta por cambio de suxeito pasivo. A referida comunicación determinará no mesmo momento da aceptación pola aplicación da súa presentación a alta do novo suxeito pasivo respecto á sala de bingo censada, momento a partir do que poderá realizar calquera operación con respecto a esa sala de bingo a través das aplicacións informáticas da OVT.

4. Virá obrigado ao cumprimento das obrigas tributarias asociadas ao xogo do bingo, quen, por calquera operación ou título xurídico, realice a explotación da sala de bingo, no momento en que faga uso da correspondente autorización que determina a deivindicación dos tributos a que se refire esta orde, coa adquisición dos cartóns necesarios para o desenvolvemento do xogo, de acordo co establecido nesta.

5. Sen prexuízo das consecuencias que deriven do incumprimento das obrigas neste artigo sinaladas, a Axencia Tributaria de Galicia poderá de oficio dar de baixa a quen fose suxeito pasivo con anterioridade á operación que determine o cambio de suxeito pasivo, ou a solicitude do novo suxeito pasivo, logo de xustificación documental.

Artigo 11. Peche definitivo da sala de bingo ou extinción da autorización

1. Nos vinte primeiros días naturais seguintes á data de peche definitivo da sala de bingo ou á extinción da autorización, o suxeito pasivo deberá presentar electronicamente o modelo 006 para comunicar a dita circunstancia. A comunicación referida determinará no mesmo momento da súa aceptación, a baixa provisional da sala de bingo do censo. Para iso empregará a aplicación informática a que fai referencia o artigo 9 anterior e seguirá o procedemento regulado nel. Comunicada a suspensión ou peche da autorización da sala, o suxeito pasivo deberá xustificala documentalmente ante a Axencia Tributaria de Galicia no prazo máximo de 5 días. Verificada pola Administración a documentación achegada, procederase á baixa definitiva da sala de bingo do censo.

2. Sen prexuízo das consecuencias que deriven do incumprimento das obrigas neste artigo sinaladas, a Axencia Tributaria de Galicia poderá, de oficio, dar de baixa as salas de bingo que cesasen na súa actividade.

Artigo 12. Actuacións de comprobación censual

1. A Axencia Tributaria de Galicia comprobará a veracidade dos datos comunicados mediante o modelo 006 de acordo co disposto no artigo 144 do Regulamento xeral das actuacións e dos procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos aprobado mediante Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo.

2. A Axencia Tributaria de Galicia poderá modificar de oficio a situación censual das salas de bingo inscritas de acordo co establecido nos artigos 145 e 146 do Regulamento xeral das actuacións e dos procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos aprobado mediante Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, segundo proceda en cada caso.

Artigo 13. Procedemento electrónico para a solicitude de cartóns de bingo, a realización das autoliquidacións, o pagamento das débedas tributarias e a súa presentación e para a subministración dos cartóns de bingo

1. A subministración de cartóns de bingo, nas súas distintas series e valores faciais, solicitarase a través da OVT, mediante solicitude que se axustará ao modelo aprobado no anexo II, indicando por medio da aplicación informática a matriz ou serie e o número de series de cada valor facial que desexen adquirir. Para iso, deberán estar previamente identificados co código de sala de bingo no Censo electrónico de salas de bingo da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Para proceder á subministración dos cartóns é necesario realizar o pagamento dos tributos asociados con carácter previo.

3. A aplicación calculará o imposto sobre o bingo e a taxa fiscal sobre o xogo do bingo de acordo coa normativa vixente no momento da solicitude.

4. O pagamento dos dous conceptos realizarase nun único acto e o importe total deberá ser ingresado de calquera das seguintes formas:

a) Mediante ingreso presencial da cantidade correspondente en calquera das entidades colaboradoras autorizadas por esta consellería para o cobramento de autoliquidacións presentadas electronicamente. O ingreso formalizarase mediante a carta de pagamento que para estes efectos xerará a aplicación informática e que previamente deberá imprimir o usuario. Unha vez realizado o pagamento, a entidade colaboradora facilitará un número de referencia completo (NRC) identificativo do ingreso realizado que será requirido posteriormente pola aplicación informática para completar a presentación.

b) Mediante pagamento electrónico. O usuario accederá ás aplicacións específicas a través da páxina web da Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia e efectuará o pagamento das correspondentes autoliquidacións amparadas pola carta de pagamento xerada pola aplicación informática, a través das entidades colaboradoras autorizadas pola consellería competente en materia de facenda para o pagamento electrónico. A entidade efectuará as comprobacións oportunas e aceptará ou rexeitará o cargo. No caso de ser aceptado o cargo, efectuará o aboamento na correspondente conta restrinxida de recadación de tributos e xerará o correspondente NRC.

5. O número de referencia completo (NRC) a que se refire o punto anterior, é un código xerado informaticamente pola entidade de depósito mediante un sistema criptográfico que permitirá asociar a autoliquidación presentada ao pagamento derivado dela. O NRC está composto por 22 posicións co seguinte contido: posicións 01-13: alfanuméricas, corresponden ao número de xustificante asignado pola OVT. Posición 14: alfanumérica, corresponde a un carácter de control adicional. Posicións 15-22: caracteres de control. As normas técnicas de xeración do NRC figuran no anexo VI desta orde.

6. A xeración do NRC pola entidade de depósito implicará:

a) Que o recibo no que figura responde a un ingreso realizado na entidade de depósito que o expide.

b) Que o devandito recibo corresponde ás autoliquidacións da operación incorporada na carta de pagamento a que fai referencia e non a outra.

c) Que a partir do momento de xeración deste, a entidade de depósito queda obrigada fronte á Facenda da Comunidade Autónoma polo importe que figura na devandita carta de pagamento, quedando o contribuínte liberado da súa obriga de pagamento fronte á citada Facenda.

7. Unha vez xerado o correspondente NRC, salvo que fose anulado de acordo coa normativa tributaria en materia de recadación, non se admitirá a retrocesión do pagamento por parte da entidade de depósito, debendo presentar o suxeito pasivo, de ser o caso, ante a Axencia Tributaria de Galicia, as correspondentes solicitudes de devolución de ingresos indebidos axeitadamente fundamentadas. Pola súa parte, a entidade de depósito deberá realizar o pagamento na conta restrinxida de recadación con carácter previo á xeración do citado NRC.

8. Unha vez realizado o pagamento da débeda, para concluír co proceso, o usuario deberá proceder á presentación da solicitude de subministración de cartóns de bingo e das autoliquidacións electronicamente, de xeito que transmitirá os datos da solicitude e das autoliquidacións coa sinatura electrónica, xerada ao seleccionar o certificado previamente instalado para estes efectos no navegador. Se o presentador é unha persoa ou entidade autorizada para presentar declaracións en representación de terceiras persoas, requirirase unha única sinatura, a correspondente ao seu certificado.

9. Se a presentación electrónica é aceptada, a aplicación devolveralle ao usuario en pantalla os modelos 001 e 043 debidamente cubertos, cos seus números de identificación, cos datos declarados, coa solicitude de cartóns de bingo formulada, coas autoliquidacións das débedas tributarias, cos datos correspondentes ao ingreso realizado e validados cun código seguro de verificación (CSV) formado por dezaseis caracteres e con indicación da data de presentación. Estes modelos serviranlle de xustificante da presentación da solicitude de cartóns e do número das autoliquidacións impresos neles na data sinalada no propio modelo e do seu pagamento.

No suposto de que a presentación fose rexeitada, mostrarase en pantalla a descrición dos erros detectados. Neste caso, o usuario deberá proceder a emendalos mediante a aplicación informática. Se o rexeitamento da presentación fose orixinado por un motivo non emendable, o usuario deberá repetir a presentación.

10. O usuario deberá conservar as autoliquidacións aceptadas e validadas co seu correspondente código seguro de verificación (CSV).

11. Unha vez realizado o pagamento electrónico e a presentación da solicitude e das autoliquidacións e obtidos os correspondentes xustificantes de pagamento e de presentación, a Axencia Tributaria de Galicia procederá a xerar os cartóns electrónicos e enviará automaticamente unha mensaxe de aviso para que se proceda a recoller electronicamente a dilixencia de entrega de cartóns de bingo e o ficheiro cos cartóns solicitados. As características deste ficheiro son as detalladas no anexo VII desta orde. A descarga dos cartóns de bingo e a dilixencia recolleranse, unha vez avisado o suxeito pasivo, na OVT.

Os cartóns obteranse mediante a descarga dun ficheiro que contén os seguintes datos: valor facial, serie, número do cartón dentro da serie e código de seguridade de cada cartón (CSC). O código de seguridade (CSC) é un algoritmo que combina diferentes datos e establece unha correspondencia unívoca entre o identificador del e o CSC, polo que permite verificar polos órganos competentes en materia de tributos e de xogo, a autenticidade de calquera cartón utilizado no desenvolvemento do bingo electrónico.

Os cartóns ordénanse polos seguintes valores: valor facial, número de serie e número de cartón. A xeración dos cartóns físicos deberá axustarse á matriz autorizada a cada sala e a cada valor facial e a súa impresión ten que ser conforme os requisitos sinalados no anexo IX.

12. As remesas de cartóns irán amparadas por un documento, denominado guía de circulación de cartóns de bingo autorizados, que terá o contido que se detalla no anexo VIII, que se mostrará no terminal do presentador, de acordo co sinalado no punto anterior, e que servirá de xustificante da tenza e destino dos cartóns adquiridos. Os cartóns amparados por cada guía de circulación serán soamente válidos para a sala que os solicitase, estando terminantemente prohibido o seu uso noutra diferente a aquela para a que foron adquiridos, mesmo no caso de que fose xestionada pola mesma empresa.

Artigo 14. Xustificantes de pagamento e de presentación de solicitudes, declaracións e autoliquidacións presentadas de forma electrónica

1. Unha vez que o usuario opte polo pagamento de forma presencial na entidade colaboradora, a aplicación informática xerará dúas copias da carta de pagamento á que se refire o artigo 13.4.a) desta orde debidamente cubertas cos datos que o suxeito pasivo facilitara na aplicación informática. Co devandito documento acudirase á entidade colaboradora para a realización do pagamento, a cal se quedará co exemplar para a entidade colaboradora e devolverá ao contribuínte o exemplar para o interesado co selo da entidade, data do ingreso, número e importe, así como co NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento do número da operación impreso nel.

2. Se o usuario optase polo pagamento electrónico, a aplicación informática, unha vez realizado o pagamento, xerará o «Recibo de cargo en conta» que o contribuínte deberá conservar, no que se identificará o número da conta que realiza o pagamento, data do ingreso, importe, NIF e nome do contribuínte así como o NRC. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento da carta de pagamento asociada ao NRC impreso nel.

3. A presentación das autoliquidacións dos tributos sobre o xogo e a súa data acreditaranse mediante a impresión dos documentos (modelos 001 e 043) xerados pola aplicación informática nos que constarán os datos identificativos do suxeito pasivo, da liquidación e do ingreso. Ademais xerarase un código interno que permitirá asociar de forma inequívoca as autoliquidacións presentadas electronicamente coas impresas polo contribuínte.

4. Os xustificantes de pagamento e presentación sinalados nos parágrafos anteriores producirán os efectos liberatorios para coa Facenda da Comunidade Autónoma sinalados no Regulamento xeral de recadación. Os suxeitos pasivos deberán conservar os xustificantes de pagamento e presentación.

5. Unha vez que a aplicación informática acepte a presentación de calquera declaración realizada polo suxeito pasivo mediante o modelo 006, xerarase o modelo 006 debidamente cuberto cos datos declarados e validado cun código seguro de verificación formado por dezaseis caracteres, con indicación da data de presentación. Este modelo serviralle de xustificante da presentación da declaración de modificación na data sinalada no propio modelo. O usuario deberá conservar a declaración afectada e validada co correspondente código seguro de verificación.

Título III
Cartóns de bingo autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 15. Series de cartóns autorizados

1. Os cartóns de bingo autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia deberán conformarse en series de número axeitado á natureza de cada modalidade do xogo do bingo.

2. Para o desenvolvemento da modalidade de bingo tradicional, os cartóns de bingo físicos, en soporte material, confeccionaranse a partir da matriz determinada, de ser o caso, de entre as que foran aprobadas mediante resolución do centro directivo competente en materia de xogo, na que figurará o número de cartóns que a compoñen.

Artigo 16. Modelo de cartón físico en soporte material para a modalidade de bingo tradicional

1. Apróbase o modelo de cartón de bingo a que deberán axustarse os cartóns físicos en soporte material para a modalidade de bingo tradicional. Os cartóns deberán ter no anverso e no reverso o contido que se sinala nos puntos 2 e 3 deste artigo conforme o formato gráfico que se recolle no anexo IX desta orde.

2. O anverso do cartón configurarase tendo en conta as seguintes normas:

a) Os cartóns estarán integrados por quince números distintos entre si, comprendidos entre o 1 e o 90, ambos os dous incluídos. Os devanditos números estarán distribuídos en tres liñas horizontais de cinco números cada unha e en nove columnas verticais, en calquera das cales pode haber tres, dous ou un número, pero sen que nunca haxa unha columna sen número.

Os 15 números do cartón distribuiranse entre as 9 columnas de forma que, a primeira columna comprenda do un ao nove, a segunda do dez ao dezanove, a terceira do vinte ao vinte e nove, e así sucesivamente ata a columna novena, que comprenderá do oitenta ao noventa. Ao mesmo tempo as combinacións numéricas que formen tanto as liñas, como a totalidade do cartón, non deberán repetirse dentro da mesma serie.

b) Figurará a seguinte lenda identificadora do cartón:

1º. Na parte superior esquerda: número de orde do cartón «Cartón nº 0000», denominación da matriz ou serie á que pertence e número de cartóns que a integran «Serie: XXX-0000000».

2º. Na parte superior dereita: valor facial do cartón «000 euros».

3º. Na parte inferior esquerda: código de seguridade, que será único para cada cartón.

4º. Na parte inferior dereita: código de barras; utilízase o formato EAN 128.

3. O reverso dos cartóns en soporte material conterá a lenda que se recolle no anexo X desta orde aínda que esta poderá figurar no reverso dos cartóns ou ben permanecer visible, exposta mediante un cartel tamaño A3 por cada 30 prazas de aforo, á vista do público na área de recepción ou vestíbulo ou ben na propia sala de bingo.

Artigo 17. Características dos cartóns de bingo físicos en soporte material

1. Os cartóns de bingo físicos deberán estar impresos en pregos de papel que terán as seguintes dimensións: 210 mm × 356 mm. A gramaxe non poderá ser inferior a 100 gr/m2, e o papel será tipo offset ou similar.

Cada prego comporase de 12 cartóns onde se plasmará o contido fixado no artigo anterior e a combinación numérica proporcionada pola consellería competente en materia de facenda.

2. As dimensións dos cartóns serán como mínimo de 105 mm × 58,50 mm e para facilitar o seu corte ou individualización, os pregos de papel inseriranse nas impresoras previamente trepados ou acuñados de forma tal que se poidan separar para a súa venda en unidades independentes.

3. No caso de que os cartóns se impriman fóra da sala na que se van utilizar, o titular desta deberá comunicalo previamente á dirección xeral competente en materia de xogo facendo constar os datos identificativos do local no que se vai realizar a impresión.

Disposición adicional primeira. Excepcionalidade ao cumprimento das obrigas tributarias de forma electrónica

De xeito excepcional e cando circunstancias extraordinarias así o aconsellen, logo de petición do interesado debidamente xustificada, a dirección da Axencia Tributaria de Galicia, valoradas as razóns aducidas polo interesado e a documentación e as probas achegadas por el para xustificar a súa demanda, poderá excepcionar a aquel da obrigatoriedade de empregar os medios electrónicos para o cumprimento das obrigas tributarias reguladas nesta orde. A resolución fixará o alcance temporal da excepcionalidade e a forma e as condicións nas que deberá facer efectivas as obrigas tributarias, sen prexuízo das consecuencias que derivasen de acordo coa normativa tributaria no caso de incumprimentos das normas.

Disposición adicional segunda. Salas de bingo autorizadas na Comunidade Autónoma de Galicia

1. Os titulares de autorizacións de instalación de salas de bingo vixentes á entrada en vigor desta orde, deberán cumprir a obriga establecida no artigo 6.2 no prazo de 10 días naturais contados desde a data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Quedan excepcionados da obriga anterior, os usuarios que xa estiveran autorizados para o acceso á OVT na data da entrada en vigor desta orde, por aquelas salas de bingo para as que xa viñeran empregando a OVT para o efecto de cumprir as obrigas tributarias asociadas ao desenvolvemento do xogo do bingo nesta Comunidade Autónoma.

3. O Censo Electrónico de salas de bingo de Galicia quedará constituído á entrada en vigor desta orde, cos seguintes datos:

a) Os datos previamente declarados polos usuarios a que se refire o punto anterior, a través da solicitude de autorización que tivesen presentado no seu momento, así como cos datos que consten no Rexistro do Xogo do Bingo da dirección xeral competente en materia de xogo, que non fosen comunicados no seu momento consonte o modelo de solicitude e ficha de usuario que contén o anexo I, por cada unha das salas de bingo.

b) Os datos que consten no Rexistro do Xogo do Bingo da dirección xeral competente en materia de xogo do resto de salas de bingo con autorización de instalación vixente á entrada en vigor desta orde.

Disposición adicional terceira. Conservación de soportes informáticos

No suposto de pagamento electrónico das autoliquidacións referidas aos tributos sobre o xogo realizado en bingos, a entidade de depósito autorizada, colaboradora na xestión recadatoria, que xerase o correspondente NRC xustificante deste, conservará durante un período de seis anos os soportes informáticos que motivaron o devandito NRC.

Disposición adicional cuarta. Confidencialidade e representación

Os profesionais colexiados, así como as entidades, institucións ou organizacións representativas de sectores sociais, laborais, empresariais ou profesionais, no exercicio das súas funcións e nas actuacións previstas nos convenios correspondentes respectarán as normas establecidas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria e na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Os membros dos colexios profesionais, as entidades privadas, así como as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais aos que o suxeito pasivo solicitase a colaboración para a presentación electrónica destes ingresos, deberán posuír a representación nos termos establecidos no artigo 46 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria. A Administración poderá requirir destes, en calquera momento, a acreditación da devandita representación.

A falta de representación suficiente das persoas no nome das cales se presentase a documentación dará lugar á exixencia das responsabilidades que fosen procedentes.

Disposición adicional quinta. Modificación dos anexos desta orde

1. No ámbito das súas competencias, autorízase a dirección da Axencia Tributaria de Galicia a modificar ou actualizar mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia os anexos I ao VIII desta orde, cando for preciso como consecuencia da modificación das normas legais ou regulamentarias ou como consecuencia dos avances tecnolóxicos, os cambios de sistemas ou calquera outra circunstancia que precisase a correspondente plasmación nos modelos aprobados ou nas normas ou especificacións técnicas aprobadas polos ditos anexos.

2. No ámbito das súas competencias, autorízase a dirección xeral competente en materia de xogo a modificar ou actualizar mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia os anexos IX e X desta orde, cando fose preciso como consecuencia da modificación das normas legais ou regulamentarias ou como consecuencia dos avances tecnolóxicos, os cambios de sistema ou calquera outra circunstancia que precisase a correspondente plasmación nos modelos aprobados ou no contido, normas ou especificacións técnicas aprobadas polos ditos anexos.

Disposición transitoria única. Cartóns de bingo da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda

1. A dirección da Axencia Tributaria de Galicia determinará mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia a data a partir da cal non se subministrarán cartóns de bingo da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda a través das delegacións da Axencia Tributaria de Galicia.

2. A dirección da Axencia Tributaria de Galicia determinará mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia a data a partir da cal comezará a subministración electrónica dos cartóns regulados nesta orde.

3. A dirección xeral competente en materia de xogo determinará mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia a data a partir da que poderán ser postos á venda nas salas de bingo de Galicia os cartóns regulados na presente orde, momento que determinará a extinción da posibilidade do uso dos cartóns expedidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda.

4. Entre as datas sinaladas nos parágrafos 1 e 3 desta disposición, os cartóns expedidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda que fosen subministrados e que non fosen empregados polas salas de bingo seguirán sendo utilizados no desenvolvemento do xogo do bingo.

Disposición derrogatoria única

1. Quedan derrogadas as normas seguintes:

a) A Orde do 9 de xullo de 1991, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se aproban os modelos de declaración-liquidación correspondentes ao imposto sobre o xogo do bingo.

b) A Orde do 27 de febreiro de 2009, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se regula a presentación e o pagamento electrónico dos tributos sobre o xogo realizado en bingos.

c) Cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

2. A partir da entrada en vigor desta orde deixa de ter efectos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia a Orde do 13 de novembro de 1981, do Ministerio de Facenda, pola que se dan normas para a exacción da taxa que grava os xogos de sorte, envite ou azar, así coma o resto de disposicións estatais na materia de igual ou inferior rango, en todo o que se opuxesen ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2013

 Elena Muñoz Fonteriz      Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleira de Facenda      Conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I
Solicitude de autorización para a utilización das aplicacións informáticas
da Oficina Virtual Tributaria para a solicitude e subministración electrónicos
dos cartóns para o xogo do bingo e para o pagamento electrónico e a presentación electrónica das autoliquidacións dos tributos sobre o xogo realizado en bingos

NIF

Apelidos e nome ou razón social

S.G.

VÍA PÚBLICA

NÚM.

ESC.

PISO

PTA.

TLFNO.

CONCELLO

PROVINCIA

CP

En calidade de

Titular Representante de:

NIF

Apelidos e nome ou razón social

Suxeito pasivo do Imposto sobre o Bingo e da Taxa Fiscal sobre o Xogo realizado en Bingos, pola sala de bingo:

Nº de autorización sala

Data de autorización

Lugar de instalación da sala

Nome da sala

Categoría da sala

SOLICITO:

autorización para a utilización das aplicacións informáticas da Oficina Virtual Tributaria para o pagamento electrónico e a presentación electrónica das autoliquidacións dos tributos sobre o xogo realizado en bingos, con suxeición ao establecido na normativa vixente.

............................., ........ de............................... de.......

Asdo.:

Identificación de usuarios para a utilización das aplicacións informáticas
da Oficina Virtual Tributaria para o pagamento electrónico e a presentación electrónica das autoliquidacións dos tributos sobre o xogo realizado en bingos

IDENTIFICACIÓN DO SUXEITO PASIVO

Denominación social

NIF

Enderezo

Concello

Provincia

Teléfono

Correo electrónico

IDENTIFICACIÓN DO/S USUARIO/S DA APLICACIÓN

Nome e apelidos

NIF

Teléfono

Correo electrónico

Idioma1

Sistema operativo

Nome e apelidos

NIF

Teléfono

Correo electrónico

Idioma1

Sistema operativo

Nome e apelidos

NIF

Teléfono

Correo electrónico

Idioma1

Sistema operativo

RESPONSABLE DE INFORMÁTICA

Nome e apelidos

NIF

Teléfono

Correo electrónico

1 El idioma poderá ser «galego» ou «castelán» segundo se desexe.

missing image file

INSTRUCIÓNS:

Período.

Neste bloque cargarase a data da solicitude, o mes e o exercicio no que se realiza a dita solicitude.

Suxeito pasivo.

Neste bloque cargaranse os datos identificativos do suxeito pasivo: NIF, apelidos e nome ou razón social, enderezo fiscal ou enderezo para efectos de notificacións. O enderezo que será cargado informaticamente é o enderezo fiscal do seu certificado dixital. Se quere consignar un enderezo diferente para os efectos de notificación, deberá comunicalo con carácter previo na Oficina Virtual Tributaria. Para isto deberá acceder ao módulo de «Xestión de Datos Persoais» no submenú «Catálogo de servizos».

Datos da sala.

Neste bloque cargaranse o nº de autorización da sala, o lugar de instalación da sala e o nome co que se coñece a sala de bingo.

Solicitude de subministración.

Neste bloque cargarase o resultado da solicitude feita polo suxeito pasivo, de xeito que virá especificado o número de series de cartóns por cada valor facial e matriz ou tipo de serie, así como o número de cartóns solicitados. Na casiña T totalizarase o número de cartóns solicitado por matriz ou tipo de serie. No caso de que o suxeito pasivo pretenda solicitar cartóns de diferentes matrices ou tipos de series deberá confeccionar un modelo por cada matriz ou tipo de serie diferenciado.

missing image file

INSTRUCIÓNS:

Carácter da declaración.

Neste bloque deberase sinalar o carácter ao que corresponda a declaración, consonte a seguinte nomenclatura, e na data consignarase en cada caso:

Modificación: cando se trate dunha modificación dos datos declarados con anterioridade correspondentes á sala de bingo. Neste caso a data que se vai consignar é a data da autorización da modificación; no caso de que sexa unha modificación que non precisase autorización, porase a data da modificación.

Baixa por cambio de suxeito pasivo: consignarase cando se produza a transmisión por calquera título da condición de suxeito pasivo. A data será a da transmisión. Neste caso haberá que especificar o NIF do novo suxeito pasivo.

Alta por cambio de suxeito pasivo: consignarase no caso de adquisición da condición de suxeito pasivo por unha sala de bingo. A data será aquela en que se produciu o cambio do suxeito pasivo.

Peche definitivo ou extinción da autorización: a data será aquela en que teña lugar o peche definitivo ou a extinción da autorización.

Suxeito pasivo.

Neste bloque deberanse consignar os datos identificativos do suxeito pasivo: NIF, apelidos e nome ou razón social, enderezo fiscal ou enderezo para efectos de notificacións. O enderezo que será cargado informaticamente é o enderezo fiscal do seu certificado dixital. Se quere consignar un enderezo diferente para os efectos de notificación, deberá comunicalo con carácter previo na Oficina Virtual Tributaria. Para isto deberá acceder ao módulo de «Xestión de Datos Persoais» no submenú «Catálogo de servizos».

Deberá especificar o nº do Rexistro do xogo do bingo, sección primeira.

Representante.

No caso de actuar mediante representante, deberá consignar os datos deste: NIF, apelidos e nome e enderezo.

Datos da sala.

Deberá consignar:

Nº de autorización: deberá consignar o número de autorización da sala. Este será o número que terá que empregar no seus accesos na OVT.

Data de autorización: a data na que se expedira a autorización de sala de bingo.

Lugar de instalación da sala: deberá sinalarse o concello no que está situada a sala de bingo.

Nome da sala: deberá sinalarse o nome co que se coñece a sala de bingo.

Categoría da sala: deberá sinalarse a categoría da sala consonte co Regulamento do bingo.

Modalidade/s do xogo: deberá especificar a modalidade ou modalidades para as que está autorizado pola consellería competente en materia de xogo.

Serie/s autorizada/s: deberá especificar para cada modalidade de xogo para a que estea autorizado, a matriz ou serie ou matrices ou series que ten autorizadas para o desenvolvemento do xogo.

missing image file

INSTRUCIÓNS:

Período.

Neste bloque cargarase a data de solicitude, o mes e o exercicio no que se realiza a dita solicitude.

Suxeito pasivo.

Neste bloque cargaranse os datos identificativos do suxeito pasivo: NIF, apelidos e nome ou razón social, enderezo fiscal ou enderezo para efectos de notificacións. O enderezo que será cargado informaticamente é o enderezo fiscal do seu certificado dixital. Se quere consignar un enderezo diferente para os efectos de notificación, deberá comunicalo con carácter previo na Oficina Virtual Tributaria. Para isto deberá acceder ao módulo de «Xestión de Datos Persoais» no submenú «Catálogo de servizos».

Datos da sala.

Neste bloque cargaranse o nº de autorización da sala, o lugar de instalación da sala e o nome co que se coñece a sala de bingo.

Solicitude de subministración.

Neste bloque cargarase o resultado da solicitude feita pola sala de bingo, de xeito que virá especificado o número de series de cartóns por cada valor facial e matriz ou tipo de serie, así como o número de cartóns solicitados. No caso de que o suxeito pasivo pretenda solicitar cartóns de diferentes matrices ou tipos de series deberá confeccionar un modelo por cada matriz ou tipo de serie diferenciado.

Autoliquidación.

Neste bloque deberá proceder á autoliquidación do importe consonte os datos, de xeito que, por cada valor facial, se consignará o número de cartóns solicitados e a base impoñible correspondente, que virá determinada consonte as normas vixentes tributarias.

No recadro 05 consignarase a suma das bases impoñibles totais.

No recadro 06 consignarase a base impoñible correspondente.

No recadro 07 consignarase o tipo de gravame vixente no momento da solicitude.

No recadro 08 consignarase a cota tributaria, que virá determinada polo resultado de aplicar o tipo de gravame (recadro 07) pola base impoñible (recadro 06).

No recadro 09 consignarase o importe total que hai que ingresar, que coincidirá coa cota tributaria.

No recadro I consignarase o importe ingresado.

missing image file

INSTRUCIÓNS:

Período.

Neste bloque cargarase a data de solicitude, o mes e o exercicio no que se realiza a dita solicitude.

Suxeito pasivo.

Neste bloque cargaranse os datos identificativos do suxeito pasivo: NIF, apelidos e nome ou razón social, enderezo fiscal ou enderezo para efectos de notificacións. O enderezo que será cargado informaticamente é o enderezo fiscal do seu certificado dixital. Se quere consignar un enderezo diferente para os efectos de notificación, deberá comunicalo con carácter previo na Oficina Virtual Tributaria. Para isto deberá acceder ao módulo de «Xestión de Datos Persoais» no submenú «Catálogo de servizos».

Datos da sala.

Neste bloque cargaranse o nº de autorización da sala, o lugar de instalación da sala e o nome co que se coñece a sala de bingo.

Solicitude de subministración.

Neste bloque cargarase o resultado da solicitude feita pola sala de bingo, de xeito que virá especificado o número de series de cartóns por cada valor facial e matriz ou tipo de serie, así como o número de cartóns solicitados. No caso de que o suxeito pasivo pretenda solicitar cartóns de diferentes matrices ou tipos de series deberá confeccionar un modelo por cada matriz ou tipo de serie diferenciado.

Autoliquidación.

Neste bloque deberá proceder á autoliquidación do importe consonte os datos, de xeito que, por cada valor facial, se consignará o número de cartóns solicitados e a base impoñible correspondente, que virá determinada consonte coas normas vixentes tributarias.

No recadro 05 consignarase a suma das bases impoñibles totais.

No recadro 06 consignarase a base impoñible correspondente.

No recadro 07 consignarase o importe da base liquidable que corresponda consonte coa normativa vixente no momento da solicitude.

No recadro 08 consignarase o tipo de gravame vixente no momento da solicitude.

No recadro 09 consignarase a cota tributaria, que virá determinada polo resultado de aplicar o tipo de gravame (recadro 08) pola base liquidable (recadro 07).

No recadro 10 consignarase o importe total que hai que ingresar, que coincidirá coa cota tributaria.

No recadro I consignarase o importe ingresado.

ANEXO VI
Normas técnicas para a xeración do Número de Referencia Completo (NRC)

A entidade financeira xerará o NRC (Número de Referencia Completo) consonte a segunda Norma Técnica do anexo 1 da Orde do Ministerio de Facenda, do 28 de decembro de 2000 (BOE do 3 de xaneiro de 2001), correspondente á xeración de NRC para documentos de ingreso expedidos polas oficinas tributarias. O NRC xerarase a partir dun rexistro de 48 carácteres codificados en EBCDIC:

• MMMNNNNNNNNNDC (14): número de xustificante, sendo:

– MMMNNNNNNNNND (13): número de xustificante asignado pola Oficina Virtual Tributaria.

– C (1): carácter de control calculado polo banco, utilizando o mesmo algoritmo especificado na citada orde. A Oficina Tributaria facilitará á Entidade Colaboradora o algoritmo para o cálculo deste carácter de control.

• XXXXXXXXX (9): NIF do debedor.

• NNNNNNNNNNNNN (13): importe de cargo.

• AAAAMMDD (8): data de cargo.

• XXXX (4): Código de Banco de España da entidade.

O Número de Referencia Completo (NRC) resultante terá 22 posicións:

• MMMNNNNNNNNNDC (14): número de xustificante (o mesmo que o especificado arriba).

• XXXXXXXX (8): caracteres de control resultantes de aplicar unha función MAC 4 do algoritmo DES (segundo norma X9.9-1) aos datos anteriores (48 carácteres) utilizando a clave privada do banco. Esta función xerará 8 caracteres de control; é dicir, a «sinatura».

ANEXO VII
Especificacións técnicas do ficheiro de cartóns solicitados. Especificación
técnica do contido do ficheiro

O ficheiro contendo os cartóns solicitados será de formato texto plano.

Extensión: .txt

Rexistros no arquivo: un por cartón solicitado.

Estrutura:

Valor facial, serie, nº cartón dentro da serie, CSC (Código Seguro do Cartón).

Valor facial: 5 numéricos+ 2 decimais.

Serie: 11 alfanuméricos (Serie: 3 + Nº serie: 8).

Nº cartón: 12 numéricos.

CSC: 16 alfanuméricos.

Exemplo: 00001.50,BTF00276208,000000000001,F1CB3D89A5C74EB6.

ANEXO VIII
Dilixencia de entrega e guía de circulación de cartóns de bingo

SERIE

Valor facial

1’5

2

3

6

BTF

Nº de series/Nº de cartóns

Do … ao …

Suma de cartóns

Base impoñible

Taxa fiscal

Imposto

TOTAL

Faise constar que, con do data dd/mm/aaaa (data de confirmación da recepción), foron entregados para a sala de bingo denominada BBBBBBB, con nº de autorización bbbb, situada en CIDADE, ENDEREZO, os cartóns indicados nesta guía, remitidos electronicamente/postos á disposición na OVT, a través do ficheiro nº nnn.for, tendo aboado e presentado electronicamente as correspondentes autoliquidacións da taxa fiscal sobre o xogo de bingo e do imposto sobre o xogo do bingo, nº 043nnnnnnn y 001nnnnnnnnn, D. CCCC, con NIF XXXXXX, na súa calidade de TITULAR/REPRESENTANTE da empresa autorizada.

CSV: afjhadfjkdjkldfasjilawe

Nota: queda terminantemente prohibido o uso dos cartóns correspondentes a esta guía nunha sala de bingo diferente a aquela para a que foron subministrados.

missing image file

ANEXO X
Contido do reverso cartóns físicos en soporte material

De acordo co disposto no artigo 4 do Regulamento do xogo do bingo da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 181/2002, do 10 de maio, o xogo do bingo poderá practicarse con cartóns impresos nas propias salas de bingo mediante soporte informático.

Os números dos cartóns serán marcados polas persoas participantes no xogo de forma indeleble a medida que as correspondentes bólas aparezan e sexan cantadas.

A parte da recadación por venda de cartóns en cada partida destinada ao pagamento de premios consistirá na porcentaxe do valor facial dos cartóns vendidos establecido na normativa correspondente ás diferentes modalidades de xogo do bingo.

En todas as salas de bingo existirán, á disposición do público, un exemplar da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas de Galicia, do Regulamento do Xogo do Bingo e das ordes reguladoras das distintas modalidades do xogo do bingo.