Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 14 de maio de 2013 Páx. 15948

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 10 de maio de 2013, da Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes, pola que se anuncia a convocatoria dos concursos correspondentes á XXV Cata dos Viños de Galicia, á XV Cata das Augardentes de Galicia e á II Cata dos licores de herbas e de café de Galicia e das augardentes de Galicia envellecidas, e se dá publicidade das súas respectivas bases.

A Consellería do Medio Rural e do Mar ten encomendadas, entre outras funcións, actuacións relacionadas coa política alimentaria, dentro das cales se enmarcan as de defensa e promoción dos produtos agroalimentarios con distintivo de calidade.

Nos últimos anos, os concursos para premiar a calidade dos produtos agroalimentarios experimentaron un importante auxe na súa realización e difusión, o que sen dúbida contribúe á promoción e ao aumento do prestixio destes produtos entre os consumidores. Ademais, a realización deste tipo de certames tamén ten efectos positivos en relación coa mellora das condicións de produción e elaboración polo interese dos participantes en acadar un recoñecemento público, e mais no caso de determinados premios que xa están moi consolidados no calendario anual de celebracións.

Consciente desta importancia, a Xunta de Galicia leva anos organizando este tipo de certames, de xeito que, dentro do sector dos viños e das bebidas espirituosas, xa se levan realizado vinte e catro edicións da Cata dos Viños de Galicia e catorce da das Augardentes de Galicia. Máis recente é a Cata dos licores de herbas e de café de Galicia e das augardentes de Galicia envellecidas, concurso que tivo a súa estrea no pasado ano.

Para a organización deste evento, a Consellería do Medio Rural e do Mar conta coa colaboración do Instituto Galego da Calidade Alimentaria, así como coa dos cinco consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas galegas e coa do Consello Regulador das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. Esta colaboración concrétase, entre outras cuestións, na elaboración das bases destes concursos, que garanten unha participación non discriminatoria e en pé de igualdade dos interesados, así como o anonimato das mostras e un sistema de cualificación obxectivo baseado no criterio imparcial de expertos de recoñecido prestixio que forman parte dos xurados de cata.

Por outra parte, para o caso concreto dos viños, o Real decreto 1679/1999, do 29 de outubro, establece as normas básicas reguladoras dos concursos de viños oficiais e oficialmente recoñecidos que teñen lugar no territorio do Estado español, así como as distincións outorgadas ás partidas ou lotes de viños que resulten premiados en tales concursos e a súa posterior utilización. A Resolución do 18 de febreiro de 2013, da Dirección Xeral da Industria Alimentaria (BOE nº 54, do 4 de marzo), pertencente ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, publicou o calendario de concursos de viños que terán lugar durante o ano 2013 no territorio nacional, que inclúe os recoñecidos para a Comunidade Autónoma de Galicia, entre os cales se encontra a XXV Cata dos Viños de Galicia. De acordo co establecido no artigo 5.1 do citado real decreto, procede dar publicidade á convocatoria deste concurso no Diario Oficial de Galicia.

Aproximándose ás datas en que tradicionalmente se vén desenvolvendo este evento, é preciso realizar a convocatoria destes concursos e dar publicidade ás súas correspondentes bases.

Por iso, de conformidade coas competencias que teño atribuídas de acordo co Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, e do Fondo Galego de Garantía Agraria,

RESOLVO:

Anunciar a convocatoria dos concursos correspondentes á XXV Cata dos Viños de Galicia, á XV Cata das Augardentes de Galicia e á II Cata dos licores de herbas e de café de Galicia e das augardentes de Galicia envellecidas, que se desenvolverán na Comunidade Autónoma de Galicia no vindeiro mes de xuño e dar publicidade das súas bases, que se encontran, xunto cos correspondentes boletíns de inscrición, na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar, no seguinte enderezo electrónico:

http://www.medioruralemar.xunta.es/areas/alimentacion/cata_de_vinos_e_de_augardentes/

De acordo coas citadas bases, as solicitudes relativas aos viños con denominación de orixe e ás augardentes e licores presentaranse na sede do consello regulador correspondente. Para o caso dos viños da terra enviaranse á Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria da Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes, sita na avenida do Camiño Francés, 10, Santiago de Compostela. O prazo de presentación das solicitudes de participación será de sete días contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2013

Tomás Fernández-Couto Juanas
Secretario xeral do Medio Rural e Montes