Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Luns, 13 de maio de 2013 Páx. 15622

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 30 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos para o apoio, promoción e difusión ás festas declaradas de interese turístico de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

A Axencia Turismo de Galicia créase en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia (DOG nº 216, do 11 de novembro), polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro, como unha axencia pública autonómica, que terá como finalidade impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade.

Entre os obxectivos básicos da Axencia están o desenvolvemento do turismo na comunidade autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade; a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico, a valorización dos recursos turísticos; o fomento do turismo como un instrumento de requilibrio territorial.

O Plan de Acción de Turismo de Galicia 2010-2013 prevé actuacións para levar a cabo unha xestión integral durante o seu período de vixencia e converterse así nunha ferramenta de traballo ao servizo do sector. De cada política nacen unha serie de estratexias e, pola súa vez, de cada unha delas despréndense as liñas de actuación que hai que implementar.

Galicia ten unha cultura propia arraigada que se amosa ao visitante foráneo a través das diferentes manifestacións festivas, entre as que destacan as de índole gastronómica, relixiosa, cultural ou histórica, que teñen lugar ao longo do ano por toda a xeografía galega.

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, regula no seu artigo 93 as festas de interese turístico de Galicia que define como aquelas manifestacións que supoñan unha valorización da cultura e das tradicións populares e que teñan unha especial importancia como atractivo turístico.

A Axencia Turismo de Galicia considera que as festas que polas súas características e singularidades teñen un recoñecemento e prestixio a nivel autonómico son un recurso que hai que manter e potenciar, xa que a súa celebración supón un importante reclamo de atracción turística. Ademais engaden importantes accións de difusión turística que constitúen un extraordinario incentivo para as economías locais.

A través desta resolución publícase a convocatoria das ditas axudas que se tramitarán baixo o réxime de concorrencia non competitiva de xeito que as solicitudes recibidas no prazo establecido serán atendidas respectando a súa orde de incoación, sen que se produza comparación entre elas, e ata o esgotamento do crédito dispoñible, a elección deste procedemento vén motivada pola propia natureza das axudas xa que a súa concesión unicamente a determina o cumprimento por parte das entidades solicitantes dos requisitos establecidos na propia resolución.

En consecuencia e con cargo aos créditos da Axencia Turismo de Galicia asignados para esta finalidade, e todo isto consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, dispoño convocar axudas destinadas aos concellos para o apoio ás festas declaradas de interese turístico de Galicia:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas aos concellos galegos para o apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2013.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse no Rexistro Único da Xunta de Galicia ou por calquera outro dos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén poderán presentarse en sede electrónica no enderezo da internet https//sede.xunta.es,
conforme o disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de outubro de 2013, salvo que se produza o suposto de esgotamento de crédito previsto no artigo 9 das
bases reguladoras. Neste caso, informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través das páxinas web da Axencia Turismo de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Artigo 5. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: http://turismo.xunta.es

b) Os teléfonos 981 54 74 04 e 981 54 63 64 e o fax 981 54 63 71 da devandita axencia.

c) Presencialmente.

Artigo 6. Réxime de recursos

A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Disposicións derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2013

Mª Nava Castro Domínguez
Directora de Axencia Turismo de Galicia

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións destinadas aos concellos galegos para o apoio, promoción
e difusión de festas declaradas de interese turístico de Galicia

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto sufragar parcialmente os investimentos directamente vinculados ao apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia.

Será requisito indispensable que a festa conte coa declaración de interese turístico de Galicia regulada no Decreto 39/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de Consello Galego de Turismo, declaración de municipio turístico galego e declaración de festas de Galicia de interese turístico (DOG nº 36, do 20 de febreiro).

Non serán obxecto de subvención as festas que ademais da declaración de interese turístico de Galicia conten coa declaración de festa de interese turístico nacional e/ou internacional, segundo establece a Orde ITC/1763/2006, do 3 de maio, pola que se regula a declaración de festas de interese turístico nacional e internacional (BOE nº 135, do 7 de xuño).

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva de acordo co artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles gastos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados no ano 2013.

Só será subvencionable un evento por solicitante agás que a solicitude afecte máis dunha festa declarada de interese turístico.

4. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

5. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. Ás subvencións relativas ao apoio, promoción e difusión de festas, declaradas de interese turístico de Galicia obxecto desta resolución, dedícase un orzamento total de 300.000 euros que se financiará con cargo á aplicación orzamentaria 04 A2 761A 760.1 e do orzamento de gastos da Axencia Turismo de Galicia.

A concesión destas axudas estará en todo caso condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do dito crédito a Administración publicará no Diario Oficial de Galicia esta circunstancia o que suporá a non admisión das solicitudes posteriores, todo iso sen prexuízo de que a Administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario como consecuencia da existencia de fondos procedentes de renuncias expresas, de remanentes de subvencións inicialmente concedidas ou ben por ampliación da partida orzamentaria destinada a esta finalidade.

2. Os proxectos que se recollen nesta resolución como actuacións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de 3.500 euros sempre que os gastos subvencionables sexan iguais ou superiores a este importe. No caso de que os citados gastos non acaden os 3.500 euros a contía da axuda será como máximo o importe destes. Considéranse gastos subvencionables aqueles relacionados coa promoción e difusión turística da festa como publicidade, cartelaría, anuncios nos diferentes medios de comunicación, actuacións artísticas, material gravado referido á festa etc.

No caso de celebración de festas gastronómicas serán subvencionables os gastos de adquisición do produto obxecto da festa.

3. Nestas axudas é posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, superen o investimento total da festa.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os requisitos establecidos nestas bases, os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que sexan as únicas entidades organizadoras das festas declaradas de interese turístico de Galicia incluídas no obxecto desta convocatoria que se celebren durante o ano 2013.

Os requisitos para ser beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.

Artigo 4. Solicitudes

1. De acordo co establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes, e unha vez aprobada pola Orde do 15 de setembro de 2011 a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, os interesados poderán presentar electronicamente as solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico: https://sede.xunta.es. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante.

A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos. As mencionadas imaxes electrónicas carecerán de carácter de copia auténtica.

Así mesmo, os interesados poderán tamén presentar as solicitudes de forma presencial por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os interesados achegarán a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo II subscrita polo órgano competente do concello solicitante.

b) Acreditación de que a entidade local cumpriu co seu deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, de acordo co estipulado no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas (DOG nº 201, do 20 de outubro). No caso dos agrupamentos deberán probar a realización deste requisito todos os concellos que os forman.

c) Certificación do secretario da entidade sobre o acordo de solicitar a subvención e de financiar o importe do orzamento do evento que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

d) Memoria explicativa das actividades que se vaian desenvolver na correspondente edición da festa.

e) Orzamento desagregado por conceptos do investimento que se vai realizar. De ser o caso, o interesado achegará tres orzamentos de diferentes provedores, segundo dispón o artigo 1.6 destas bases reguladoras.

f) No caso de que a entidade necesite concertar cun terceiro a execución da actividade obxecto de subvención, ten que achegar os documentos e cumprir os requisitos de acordo co establecido no artigo 14 destas bases.

g) Anexo III: modelo de declaracións.

h) Todo isto sen prexuízo de que se solicite documentación complementaria aclaratoria dos datos que figuren na solicitude.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 6. Órganos competentes

A Dirección de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, correspondendo á directora da Axencia ditar a resolución de concesión.

Artigo 7. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.

Artigo 8. Audiencia

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor formulará proposta de resolución provisional debidamente motivada que será notificada ao interesado para que, nun prazo de dez días, poida formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coide pertinentes de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia no artigo 21.4.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 9. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor con periodicidade quincenal, elaborará a proposta de resolución que elevará á directora da Axencia Turismo de Galicia para a súa resolución. A dita proposta conterá a relación de expedientes instruídos ata ese momento, establecida por rigoroso orde de incoación, e nela indicarase o número de expediente, denominación e CIF da entidade solicitante, data de presentación da solicitude, obxecto da subvención, importe do investimento subvencionable, contía da subvención proposta, ou ben a causa da proposta de denegación ou inadmisión, segundo corresponda.

2. A directora, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, o solicitante ao que se lle concede a subvención, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de inadmisión ou denegación da solicitude.

Unha vez esgotado o crédito destinado a estas subvencións, publicarase no Diario Oficial de Galicia a dita circunstancia que levará consigo a inadmisión dos expedientes instruídos con posterioridade ao esgotamento do orzamento previsto para esta convocatoria.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 10. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 11. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, o beneficiario poderá solicitar a modificación das características do proxecto ou actividade subvencionada, cunha antelación mínima dun mes á data de remate do prazo de realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiros. En todo caso a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.

3. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, a entidade deberá presentar: memoria xustificativa, orzamento ou proxecto modificado e relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 10.

Artigo 12. Aceptación e renuncia

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa en contra, se entenderá tacitamente aceptada.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a directora da Axencia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto de conformidade co presentado ao concurso de subvencións ou, se é o caso, o modificado coa autorización da Administración turística galega.

b) O beneficiario da subvención deberá destinar os bens ao fin concreto para o que se concedeu a subvención durante un período de cinco anos no caso de bens inscritibles nun rexistro público ou de dous para o resto dos bens.

c) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o gozo da subvención.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) O beneficiario deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos na lexislación mercantíl e sectorial aplicable coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, así mesmo deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

g) Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

En concreto, as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar na súa publicidade ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o financiamento dos seus proxectos pola Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia.

Cando se materialice nunha aplicación informática deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación (axuda, acerca de ou similares).

Cando o proxecto dea lugar a documentación (manuais, cadernos, folletos, notas informativas, CD-Rom) deberán constar na contraportada das ditas publicacións as citadas referencias.

h) Igualmente o beneficiario deberá incluír, nas súas accións promocionais, a marca turística de Galicia. De ser o caso, na páxina web deberá inserir un banner cunha ligazón á páxina de promoción turística de Galicia. Nos folletos e outras publicacións deberá incluír na contraportada a marca turística, seguindo as indicacións do manual de uso. Para a aplicación correcta da marca deberán descargar de www.turgalicia.es/marca01 os arquivos informáticos cos elementos gráficos en calidade e formatos axeitados así como as indicacións do uso.

i) Os proxectos que se subvencionen terán que cumprir o disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, e as normas regulamentarias de desenvolvemento.

j) Os beneficiarios quedan obrigados a reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.

– Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

– Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Artigo 14. Subcontratación

Poderán ser obxecto de subcontratación, total ou parcial, por unha soa vez, as actividades subvencionadas a través desta convocatoria, tendo en conta o disposto neste artigo e de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007. En todo caso quedan fóra da subcontratación aqueles gastos nos que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesmo da actividade subvencionada.

a) A necesidade da subcontratación estará debidamente motivada pola entidade beneficiaria da subvención e as actividades que se pretendan subcontratar realizaranse necesariamente con posterioridade á súa autorización e, en ningún caso, suporá un aumento do custo da actividade subvencionada.

b) A subcontratación para as actividades obxecto desta convocatoria exixe autorización previa, que se notificará só nos casos en que esta sexa favorable xunto coa resolución de concesión da subvención. O contrato celebrarase por escrito.

c) Os subcontratistas quedarán obrigados soamente ante o beneficiario, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Administración. As entidades beneficiarias das subvencións serán as responsables de que na execución da actividade subvencionada concertada con terceiros se respecten os límites establecidos nestas bases reguladoras en canto á natureza e contía dos gastos subvencionables e exixiranlles ás/aos subcontratistas os documentos acreditativos dos pagamentos correspondentes.

d) Os subcontratistas están obrigadas/os a lles facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios ou asesores cuxos pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas co beneficiario, agás que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e que se obteña a previa autorización do órgano concedente nos termos que se fixen nestas bases reguladoras.

Artigo 15. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario terá de prazo ata o 30 de outubro de 2013 para presentar, nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria, orixinais ou copias cotexadas da documentación sinalada no punto 2. Cando o evento subvencionado se celebre con posterioridade a esta data a xustificación presentarase en todo caso antes do 31 de decembro de 2013.

2. Documentación xustificativa:

a) Solicitude de cobramento asinada segundo o modelo do anexo V.

b) Certificación da Intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade dos gastos totais que se lle imputan á subvención e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida, de acordo co previsto no artigo 28.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como nos artigos 8 e 9 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

c) Conta xustificativa conforme ao artigo 8 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. A conta deberá conter:

c.1) Certificación expedida pola Secretaría da entidade local, co visto e prace do/a alcalde/alcaldesa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

1º. O cumprimento da finalidade da subvención.

2º. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/a acredor/a, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Non se exixe a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c.2) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

c.3) De ser o caso, os tres orzamentos que se requiren en aplicación do artigo 29.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c.4). Unha memoria descritiva das accións realizadas para as que foi concedida a axuda á que se xuntarán os carteis, folletos, fotografías ou calquera outra documentación que xustifique o cumprimento da actividade subvencionada.

d) Anexo III: modelo de declaracións actualizado.

3. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución da concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ao importe xustificado.

4. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso ditarase a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da axencia, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, e sempre que esta minoración, debidamente xustificada pola entidade beneficiaria, non supoña unha realización deficiente da actuación subvencionada.

Artigo 17. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 18. Control

1. A Axencia Turismo de Galicia poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 19. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario o programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 euros), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

Artigo 20. Remisión normativa

Aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file