Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Luns, 13 de maio de 2013 Páx. 15572

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 9 de abril de 2013, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se dá publicidade aos criterios de repartición do fondo de acción social do ano 2013 para o persoal ao servizo da Administración de xustiza con destino na Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta dirección xeral acorda darlles publicidade aos criterios de repartición do fondo de acción social do ano 2013 para o persoal ao servizo da Administración de xustiza con destino na Comunidade Autónoma de Galicia, os cales figuran no anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2013

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza

ANEXO
Convocatoria de acción social 2013

En aplicación do orzamento da Xunta de Galicia para o ano 2013 e do disposto na Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 44, do 2 de marzo), destínase na partida orzamentaria 05 22 131B 162.04 a cantidade de 21.479,00 euros á axuda do Programa de de atención de persoas discapacitadas do fondo de acción social para o persoal ao servizo da Administración de xustiza con destino na Comunidade Autónoma de Galicia,

Condicións xerais

1. Ámbito persoal e beneficiarios

a) Poderán solicitar as axudas os funcionarios titulares e interinos dos seguintes corpos ao servizo da Administración de xustiza: médicos forenses, xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial.

O persoal referido no parágrafo anterior deberá estar en situación de activo ou en excedencia por coidado de fillos e con destino nesta comunidade autónoma no prazo de presentación das solicitudes e reunir os requisitos exixidos polo programa.

b) Tamén poden solicitar a axuda os funcionarios interinos da Administración de xustiza sempre que prestasen servizos nalgún momento nesta comunidade autónoma no período comprendido entre o remate da acción social do ano anterior (31.7.2012) ata a finalización do prazo de presentación de instancias desta convocatoria.

c) Terán a condición de beneficiarios aqueles solicitantes que, reunindo os requisitos establecidos no punto anterior, teñan baixo a súa dependencia directa e legal e vivindo ás súas expensas cónxuxe, parella de feito, fillos, ascendentes de primeiro grao por consanguinidade ou afinidade ou tutelados por sentenza xudicial firme con discapacidade física, psíquica ou sensorial superior ao 33 %.

No caso de que o beneficiario teña baixo a súa dependencia directa e legal e vivindo ás súas expensas máis dunha persoa que cumpra os requisitos anteriores, percibirá a axuda para cada unha.

d) No suposto de que dous empregados tivesen a condición de beneficiarios en relación co mesmo causante, só un deles terá dereito á axuda.

e) A percepción das axudas desta acción social é incompatible coa percepción doutras axudas de natureza similar concedidas pola Xunta de Galicia ou calquera outra Administración ou organismo oficial ou empresa privada.

2. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3. Solicitudes e documentación complementaria

a) Os solicitantes que, atopándose incluídos no ámbito persoal desta axuda, desexen optar a ela, deberán cubrir obrigatoriamente en liña a súa solicitude a través da OPAX (oficina virtual do persoal da Administración de xustiza).

b) As solicitudes terán que rexistrarse na OPAX e deberán imprimirse e conservarse como xustificante da súa presentación telemática.

c) Esta solicitude impresa e debidamente asinada e rexistrada, xunto coa preceptiva documentación complementaria, deberá presentarse en prazo en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dirixida ao director xeral de Xustiza, Praza de Europa, 5A, 4º, polígono das Fontiñas, 15781 Santiago de Compostela.

d) Os solicitantes deben xuntar á solicitude os documentos que se relacionan a seguir, e xustificar os feitos que se aleguen mediante certificación ou copia cotexada:

1. Certificación do organismo competente que acredite a discapacidade do cónxuxe, parella de feito, fillos, ascendentes de primeiro grao por consanguinidade ou afinidade ou tutelados do solicitante, así como o grao de discapacidade. Non será necesario xuntar esta certificación no caso de tela presentado en convocatorias anteriores se ten carácter definitivo. No caso de que teña carácter provisional, non será necesaria a súa presentación se a data de valoración provisional está vixente no último día do prazo de presentación de solicitudes.

2. No caso de que a axuda fose para o cónxuxe, ascendente de primeiro grao por consanguinidade ou afinidade ou para un fillo, e sexa a primeira vez que solicitan esta axuda ou se se produciron cambios na súa situación familiar desde a pasada convocatoria, o solicitante deberá presentar fotocopia compulsada do libro de familia.

3. No caso de que a axuda fose para a parella de feito, e sexa a primeira vez que solicitan esta axuda ou se se produciron cambios na súa situación familiar desde a pasada convocatoria, o solicitante deberá presentar certificación positiva de estar inscrito como parella de feito no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.

4. Se a axuda fose para un tutelado, o solicitante deberá acreditar a súa tutela.

5. Se a axuda fose para o cónxuxe, parella de feito, ascendentes de primeiro grao por consanguinidade ou afinidade ou tutelados, copia do DNI da persoa discapacitada.

6. Se a axuda fose para o cónxuxe, parella de feito, ascendentes de primeiro grao por consanguinidade ou afinidade ou tutelados, certificado de convivencia e empadroamento conxunto do concello en que figure a persoa discapacitada e o solicitante.

e) Carecerán de validez os documentos achegados con emendas ou riscadas.

f) A ocultación de datos, a falsidade na documentación achegada ou a omisión da requirida, darán lugar á denegación da axuda solicitada ou á perda da concedida, coa devolución, neste último caso, das cantidades indebidamente percibidas, con independencia das responsabilidades a que tivese lugar. En calquera dos casos, non se poderá acceder a ningún tipo de axuda durante o tempo que determine a Comisión de Acción Social atendendo á gravidade dos feitos, cun mínimo de cinco anos e un máximo de dez.

4. Procedemento e resolución

1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, procederá ao seu estudo e cualificación a Comisión de Acción Social, que, unha vez ultimada a xestión, formulará a listaxe provisional de admitidos e excluídos, con indicación neste último caso da/s causa/s de exclusión.

Para comprobar a veracidade dos documentos achegados, a Comisión de Acción Social poderá requirir calquera solicitante para que presente as certificación que considere oportunas.

Os requisitos e condicións familiares e persoais entenderanse referidos ao prazo de presentación da solicitude.

A reunión de todos os requisitos exixidos, tanto de carácter persoal, como documental ou formal, permitirá a estimación da solicitude. Pola contra, a falta dalgún dos anteditos requisitos ou documentos que se deberán achegar coa solicitude inicial producirá a desestimación da solicitude.

2. A Comisión de Acción Social notificará a admisión ou exclusión provisional e definitiva aos solicitantes.

Os interesados poderán formular as reclamación que sexan procedentes no prazo de 15 días naturais desde a recepción da correspondente notificación. Admítese a vía de fax (981 54 62 22) nos casos en que non se teñan que achegar documentos orixinais ou cotexados.

Esgotado o prazo para formular reclamacións, as admisións e exclusións provisionais elevaranse a definitivas coas modificacións a que tiver lugar, e farase efectivo o importe da axuda solicitada.

A axuda pagarase na conta consignada para o ingreso da nómina.

3. O prazo máximo para resolver as solicitudes será de 6 meses que se contarán a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación das instancias. Se no prazo establecido para resolver así non se fixese, entenderase desestimada a solicitude.

5. Contía da axuda

A contía da axuda calcúlase do seguinte xeito, tendo en conta o grao de discapacidade:

– 33 % ata 64 %: 300 €.

– 65 % ata 74 %: 600 €.

– 75 % en adiante: 1.200 €.

A Comisión de Acción Social poderá modificar a anterior repartición cando, polo número de instancias presentadas o orzamento establecido para esta axuda non fose abondo para a aplicación dos importes sinalados no punto anterior, de xeito que estes importes serán minguados proporcionalmente ata que o importe global das solicitudes aprobadas non supere o importe de 21.479,00 euros establecidos para esta axuda.

Así mesmo, as cantidades asignadas poderanse ver incrementadas proporcionalmente, ata o límite de 21.479,00 euros se o número de solicitudes aprobadas así o permitise.