Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Martes, 2 de abril de 2013 Páx. 9730

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

EDICTO do 15 de marzo de 2013, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se resolve o expediente de clasificación do monte San Mamede a favor dos veciños de San Mamede, pertencente á parroquia de Sobreganade, no concello de Porqueira (Ourense).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, en sesión que tivo lugar o 6 de febreiro de 2013, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado San Mamede, solicitada polos veciños de San Mamede, pertencente á parroquia de Sobreganade, no concello de Porqueira (Ourense), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. O 5 de xuño de 2007 tivo entrada no Rexistro da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural escrito dirixido ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común dos veciños de San Mamede, parroquia de Sobreganade, no concello de Porqueira (Ourense), no cal solicitan ao seu favor a clasificación como veciñal en man común do devandito monte.

Segundo. O 14 de marzo de 2012, o xurado provincial acorda iniciar o expediente de clasificación do referido monte, designa instrutor e realiza as comunicacións e publicacións a que fan referencia os artigos 20, 21 e 23 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e abre un período dun mes para a práctica de alegacións.

Terceiro. No prazo concedido para a práctica de alegacións, Manuel Pérez Rodríguez, en representación dos veciños de San Mamede, solicitou algunhas correccións sobre as parcelas e a súa denominación, que foron tidas en conta e corrixidas no acordo de clasificación.

Cuarto. O monte obxecto de clasificación, de acordo coa documentación que figura no expediente, descríbese así:

Concello: Porqueira.

Denominación do monte: San Mamede.

Comunidade veciñal solicitante: Veciños de San Mamede, pertencente á parroquia de Sobreganade.

Superficie total: 108,6238 ha, aproximadamente.

A superficie que se vai clasificar, segundo informe técnico previo do Servizo de Montes, atópase distribuída nos seguintes predios:

Predio 1. Superficie: 2,22 ha. Coñecido o sitio como Vivián. Sito ao norte do lugar de San Mamede, formado pola parcela catastral 1022 e, seguindo o sentido das agullas do reloxo, cos seguintes lindes:

Intégranse no polígono 503, con número e propietarios que a seguir se relacionan: parcela 1027, comunal do concello, lugar de Sabucedo; parcela 1026, de Agripina Rodríguez Rodríguez; parcela 1025, de Hortensia Martínez Rodríguez; parcela 1024, de Antonio Vázquez Martínez; parcela 1023, da Comunidade Autónoma de Galicia; parcela 1021, de titular descoñecido; parcela 1020, de Manuel Rodríguez Rodríguez.

Predio 2. Superficie: 0,84 ha. Integrado por dúas parcelas illadas do polígono 503: A Barxela (parcela 930) e O Cubelo (parcela 294).

Lindes da parcela 930 (A Barxela):

Intégranse no polígono 503, con número e propietarios que a seguir se relacionan: parcela 929, de Concepción Lorenzo Peaguada; parcela 926, de María Vicenta Andrade Conde; linda tamén con camiño.

Lindes da parcela 294 (O Cubelo).

Intégranse no polígono 503, con número e propietarios que a seguir se relacionan: parcela 296, de Aurelio López Pena; parcela 295, de Blasinda López Fernández; linda tamén con camiño e estrada de Ganade a Calvos de Randín.

Predio 3. Superficie: 105,56 ha.

No cal se integran as parcelas 880 (O Couto), 1470 (A Seara),1479 (O Pisco),1360 (A Recosta), 1461 (A Virxe), 1467 (As Lamas), 1468 (O Viso),1469 (O Viso) e 1473 (Riazos) e comezando polo extremo sito máis ao norte e seguindo as agullas do reloxo, cos seguintes lindes:

Intégranse no polígono 503, con número e propietarios que a seguir se relacionan: parcelas 890, 889, 888, 887, 886, 885, 884, 883 de titular descoñecido; parcela 882, de Basilia Loureiro Fernández; parcela 881, de Fernando Javier Loureiro Antañón e outra; parcela 879, de María Rosa Rodríguez Rodríguez; parcela 878, de José Loureiro Salgado; parcela 1475, de Jaime Andrade Loureiro e outro; parcela 1476, de Juan Andrade Campos e outro; parcela 1477, de María Dafonte Galante; parcela 1478, de Concepción Andrade Gándara; parcela 1471, de Manuel Andrade Rodríguez; parcela 1472, de Edesio Andrade Salgado; parcelas 1474 e 1359, da Comunidade Autónoma de Galicia; parcela 1358, de Edesio Méndez Fernández e outro; parcela 1357, de María José Loureiro Ballarín; parcela 1356, de Jaime Penín Andrade e outros; parcela 1354, de Manuel Rodríguez Gómez e outro; parcela 1353, de Pedro Peaguda Penín; parcela 1350, de Nelson Pérez Rodríguez; parcela 1466, da comunidade veciñal de Nocelo, e por último, con límite do concello dos Blancos.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co disposto no artigo 1 da devandita lei «son montes veciñais en man común... os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Terceiro. É reiterada doutrina da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo que son dúas as notas características dos montes veciñais en man común: unha, o aproveitamento consuetudinario en man común, e outra, a atribución da titularidade dese aproveitamento aos veciños integrantes dun grupo social determinado, independentemente da súa cualificación ou non como entidade administrativa; correspondendo constatar o aproveitamento e atribuír a titularidade a favor do grupo social que o veña disfrutando ao Xurado Provincial de Clasificación.

Cuarto. O carácter de monte veciñal en man común acreditouse mediante as testemuñas dos veciños solicitantes, as actuacións realizadas polo Servizo de Montes e a documentación que consta no expediente.

En consecuencia co que antecede, examinada a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, o Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, e demais normativa legal e regulamentaria, o xurado provincial, por unanimidade dos seus membros,

Resolve:

Clasificar como monte veciñal en man común a favor dos veciños de San Mamede, pertencente á parroquia de Sobreganade, no concello de Porqueira (Ourense), o monte denominado San Mamede, coa descrición reflectida no feito cuarto.

Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben, directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 15 de marzo de 2013

P.V. (Resolución do 26.6.2012)
José Antonio García Rodríguez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense