Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que a continuación se describe:
Solicitante: Hidroeléctrica de Silleda, S.L.
Domicilio social: avenida do Parque, 11, apdo. 6, 36540 Silleda.
Denominación: reforma CT Xestoso e RBT.
Situación: Silleda.
Características técnicas: reforma do centro de transformación (75 kVA) situado en Xestoso, Silleda, e rede de baixa tensión aérea de 400 metros de lonxitude con condutor RZ e orixe no citado CT Xestoso.
Cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no capítulo II, título VII, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, esta xefatura territorial resolve:
Autorizar e aprobar o proxecto de execución das ditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran nel e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.
Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, será de 12 meses a partir da recepción da presente resolución. Para os efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.
Contra a presente resolución poderá interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir de día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpor calquera outro recurso que considere pertinente ao seu dereito.
Pontevedra, 31 de xaneiro de 2013
Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra