Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Luns, 11 de marzo de 2013 Páx. 7178

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 5 de marzo de 2013 pola que se regula o procedemento de adxudicación de estadías nas residencias de tempo libre adscritas a esta consellería para o ano 2013.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

Por outra banda, o Real decreto 4123/1982, do 29 de decembro, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tempo libre, dispón que terán dereito a ser persoas usuarias das residencias traspasadas todos/as os/as traballadores/as de nacionalidade española e os/as familiares deles/as, calquera que sexa o lugar do seu domicilio.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no seu artigo 2, define os servizos sociais como o conxunto coordinado de prestacións, programas e equipamentos destinados a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación galega, competencias atribuídas neste sector á Consellería de Traballo e Benestar a través do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro.

A Consellería de Traballo e Benestar dispón de dous centros destinados ao gozo do lecer das familias, as residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, ás cales se lles quere dar un fondo contido social, posibilitando o acceso de familias a un período vacacional nas residencias de tempo libre de Galicia.

Mediante a presente orde ofértanse quendas de estadías nas ditas residencias, co fin de favorecer a comunicación e participación persoal e sociofamiliar, cumprindo unha importante función social.

Neste sentido, esta orde recolle aspectos tales como a determinación das persoas destinatarias, distribución de prazas, servizos ofertados, solicitudes e tramitación, adxudicacións, prezos e pagamento, contribuíndo con isto a reforzar a confianza da cidadanía no funcionamento do sistema.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular o procedemento de adxudicación de estadías e servizos das residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño para o ano 2013, sitas nas localidades de Panxón-Nigrán (Pontevedra) e O Carballiño (Ourense), respectivamente, e adscritas á Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 2. Persoas destinatarias

Poderán ser destinatarias todas as persoas maiores de idade, ou menores sempre que vaian acompañadas dos/as seus/súas proxenitores/as ou titores/as legais, que teñan a súa residencia en territorio español. Igualmente, poderán acollerse a esta orde os/as galegos/as residentes no exterior.

Artigo 3. Distribución das prazas

A distribución das prazas será compartida nun 50 % entre a Consellería de Traballo e Benestar e as centrais sindicais en razón da súa representatividade na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos resultados obtidos nas últimas eleccións sindicais.

Artigo 4. Tipos de servizo

1. Servizo de residencia.

O servizo de residencia consistirá no aloxamento e mantenza en réxime de pensión completa durante a quenda adxudicada ás persoas beneficiarias.

As quendas e tempadas ofertadas detállanse no anexo II da presente orde.

2. Servizos para non residentes.

Poderán gozar do servizo de comedor os/as familiares e persoas con relación de amizade cos/coas residentes que veñan visitar a instalación, segundo as normas para a provisión de prazas que determine o/a director/a de cada residencia, e sen prexuízo da prioridade que se outorgue e se garanta ás persoas aloxadas.

Artigo 5. Os prezos

Os prezos, tanto para os servizos de residencia como para os/as non residentes, establécense no Decreto 84/2012, do 16 de febreiro, polo que se establecen os prezos públicos polas prestacións das residencias de tempo libre.

Artigo 6. Solicitudes e documentación

Polo que respecta ás prazas adxudicadas pola Consellería de Traballo e Benestar, farase unha única solicitude por unidade familiar para as quendas solicitadas.

Non se admitirán as solicitudes que inclúan persoas que gozaron dalgunha quenda na mesma residencia nalgún dos dous anos anteriores.

1. Os/as solicitantes da quenda de familias numerosas deberán presentar:

Solicitude segundo modelo oficial (anexo I).

Copia do título de familia numerosa, no caso de non ser expedido ou renovado pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Resto de familias:

Solicitude segundo modelo oficial (anexo I).

Acreditación da discapacidade, de ser o caso, só cando non sexa expedida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

A persoa solicitante dará o seu consentimento expreso á Consellería de Traballo e Benestar para a comprobación telemática do seu DNI ante o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (anexo I). No caso de que non queira autorizar a dita obtención dos datos do seu DNI, terá que achegar a copia deste xunto co resto da documentación.

Artigo 7. Presentación de solicitudes: lugar e prazo

1. As solicitudes de estadías na residencia de tempo libre de Panxón presentaranse no Rexistro da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Vigo (rúa Concepción Arenal, nº 8, 36201 Vigo) e as solicitudes de estadías na residencia de tempo libre do Carballiño presentaranse no Rexistro da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Ourense (avda. da Habana, nº 79, 32004 Ourense), sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes tamén poderán presentarse vía electrónica. O formulario da solicitude, correspondente co modelo normalizado, que se publica como anexo I a esta orde, estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, para a súa tramitación electrónica completa.

Para a presentación na sede electrónica do dito formulario admitirase o DNI electrónico ou calquera outro sistema de sinatura electrónica aceptado pola sede da persoa solicitante ou representante legal. O dito formulario deberá ser cuberto en todos os seus campos sen engadir novos datos, emendar, variar ou riscar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non se admitirán a trámite.

No suposto de que a persoa solicitante non dispoña de sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, admítese igualmente a presentación da solicitude en formato papel unha vez cuberto o formulario en formato PDF dispoñible na sede, que se presentará asinado nos enderezos sinalados no punto 1 deste artigo.

3. O prazo de presentación de solicitudes abrirase ao día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 1 de abril de 2013.

Artigo 8. Requirimento de emenda

Os/as directores/as das respectivas residencias comprobarán que os expedientes reúnen todos os requisitos exixidos na presente orde; en caso contrario procederán a reclamarlles por escrito ás persoas interesadas os documentos preceptivos para poder resolver o expediente, co apercibimento de que, se así non se fixese nun prazo de 10 días, se lles terá por desistidas da súa petición de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo da resolución do/a xefe/a territorial competente, que se deberá ditar nos termos previstos no artigo 42 da dita lei.

Artigo 9. Adxudicación de estadías

A adxudicación das prazas correspondentes á Consellería de Traballo e Benestar efectuarase por sorteo de datas, que será público e terá lugar ante o/a xefe/a territorial da Consellería de Traballo e Benestar correspondente á localidade en que están situadas as residencias. Da data e do lugar en que se realice o sorteo darase publicidade mediante anuncio nas páxinas web http://traballoebenestar.xunta.es/ e www.familiasgalegas.org. No antedito sorteo teranse en conta todas aquelas solicitudes presentadas dentro do prazo establecido. Todas as datas do prazo establecido no artigo 7.3º entran en sorteo e delas sairá unha que será pola que se iniciará a adxudicación das prazas, ata cubrir o total de cuartos dispoñibles. As prazas que queden vacantes por renuncias posteriores á súa adxudicación ofertaranse ás persoas solicitantes que non obtivesen praza, e para estes efectos seguirase a orde de adxudicación establecida no sorteo.

A primeira quenda do mes de agosto en ambas as dúas residencias queda reservada ás familias que acrediten a súa condición de numerosas; non obstante, estas poderán solicitar calquera outra das datas que se recollen no anexo II. A adxudicación desta quenda farase igualmente por sorteo de datas e as sobrantes serán incluídas, de ser o caso, no procedemento xeral de adxudicación. As familias numerosas que se presenten ao resto das quendas entrarán no sorteo xeral e non terán preferencia ningunha.

Non se adxudicarán prazas por máis dunha quenda durante a tempada de verán.

Artigo 10. Resolución

1. Correspóndelle ao/á xefe/a territorial competente por razón de territorio, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, a resolución das adxudicacións das estadías, levantará acta do dito sorteo e remitirá o resultado aos/ás respectivos/as directores/as das residencias. As ditas resolucións deberán facer constar expresamente que se adoptan por delegación e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

A persoa que exerza a dirección da respectiva residencia notificaralles ás persoas interesadas a quenda e tempada concedida ou a non adxudicación, de ser o caso.

2. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interporse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de 6 meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interporse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da dita resolución expresa. Se a resolución é presunta o prazo será de 3 meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Transcorridos os ditos prazos, unicamente se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión.

Artigo 11. Pagamento do prezo da estadía

As persoas beneficiarias realizarán, no prazo de dez días desde a recepción da confirmación da reserva por parte da residencia, un depósito de 30 € por cuarto en concepto da dita reserva, e outro depósito, 30 días antes do inicio da quenda adxudicada, pola cantidade restante ata completar a totalidade do prezo da estadía.

Artigo 12. Anulación de estadías e reintegro de pagamentos

Se a persoa adxudicataria anula as estadías, perderá a cantidade depositada en concepto de reserva, agás causas de forza maior debidamente acreditadas. A dita anulación efectuarase por calquera medio en que quede constancia da data de entrada da anulación, e remitirase ao enderezo da residencia de tempo libre que corresponda.

Terá dereito a que se lle devolvan as cantidades que depositase con posterioridade, para o cal terá que facer a reclamación correspondente. A continuación, instruirase e resolverase un expediente, e farase o reintegro de acordo coas porcentaxes que se detallan a continuación:

– Anulación ata 20 días antes da data do comezo do gozo das estadías: 100 %.

– Anulación entre 19 e 10 días antes da data de comezo do gozo das estadías: 75 %.

– Anulación entre 9 e 3 días antes da data de comezo do gozo das estadías: 50 %.

– Anulación con menos de 3 días ou unha vez comezado o gozo das estadías: 25 %.

Para calcular a porcentaxe da devolución, tomarase como data de referencia a de rexistro de entrada na residencia, e que en ningún caso se fará responsable a residencia dos eventuais atrasos que se poidan producir no envío da dita documentación.

Disposición adicional

Apróbase a delegación de competencias para resolver a adxudicación das estadías á persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar de Ourense (para as que correspondan á Residencia de Tempo Libre do Carballiño) e de Vigo (para as que correspondan á Residencia de Tempo Libre de Panxón).

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO II
Estadías dos/as residentes

Residencia

Mes

Quenda

Tempada

Panxón

Xullo

Do 1 ao 10

Do 12 ao 20

Do 22 ao 30

Alta

Agosto

Do 1 ao 10

Do 12 ao 20

Do 22 ao 30

Alta

Setembro

Do 1 ao 10

Alta

O Carballiño

Xullo

Do 1 ao 10

Do 12 ao 20

Do 22 ao 30

Alta

Agosto

Do 1 ao 10

Do 12 ao 20

Do 22 ao 30

Alta

Setembro

Do 1 ao 10

Alta

missing image file