Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Mércores, 13 de febreiro de 2013 Páx. 4275

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 25 de xaneiro de 2013, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para a declaración de ben de interese cultural, coa categoría de monumento, a favor da Fábrica de Cerámica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas, no termo municipal de Cervo (Lugo).

O conxunto de edificios que conforman a Fábrica de Cerámica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas é a materialización do singular proxecto industrial, cultural, social e de identidade galega ideado por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, froito das reflexións, investigacións e propostas xurdidas no Laboratorio de Formas. Son reflexo directo da vontade de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane de crear un lugar emblemático e pioneiro da creación artística e do rexurdir cultural de Galicia, preto do que foi o antigo complexo das fábricas de siderurxia e cerámica dos séculos XVIII e XIX de Sargadelos, creado por Antonio Raimundo Ibáñez, cuxo pensamento ilustrado inspirou a Isaac.

O conxunto de edificios, construído entre 1968 e a década dos anos setenta do século XX, sitúase no lugar chamado O Rato, na parroquia de Sargadelos, no concello de Cervo, provincia de Lugo. Disponse a media encosta no val do río Xunco lonxitudinalmente, seguindo as curvas de nivel e incrustándose na rocha, conseguindo deste xeito unha maior integración na paisaxe.

Dentro de todo o complexo actual de Sargadelos podemos distinguir unha serie de edificios e construcións como de alto interese pola súa singular concepción industrial, arquitectónica, artística, cultural e a súa vinculación co Laboratorio de Formas e as actividades nel desenvolvidas: o edificio circular de Andrés Fernández-Albalat Lois, a vivenda de Isaac Díaz Pardo, o Auditorio e Departamento de Arte e Comunicación, a Escola de Tecnoloxía e Laboratorios, a marquesiña ondulada de formigón do aparcadoiro, torres e pasarelas metálicas que comunican os edificios, o zócolo de pedra da ampliación da fábrica cos seus murais e esculturas de Isaac, o depósito de auga-miradoiro, o pequeno edificio de tratamento de minerais, dous fornos experimentais e a Pía do Xunco, co mosaico de Luís Seoane.

Todos eles, a excepción do circular, foron concibidos e deseñados por Isaac Díaz Pardo. No anexo I incorporado a esta resolución recóllese unha descrición de cada un deles, así como dos demais elementos de interese arquitectónico e cultural, e unha relación das pertenzas, accesorios e bens mobles a eles vinculados que pasarían a integrar o ben de interese cultural. Exclúense especificamente da declaración os edificios de ampliación da fábrica que albergan hoxe en día o proceso de produción, por considerárense de menor valor arquitectónico-cultural e pola súa menor relación co Laboratorio de Formas.

A Fábrica de Cerámica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas, cos seus bens accesorios, conforman un conxunto sobranceiro dentro da arquitectura industrial galega do século XX polo seu valor como industria cerámica punteira enmarcada nun proxecto ambicioso, cultural, social e de identidade galega, así como pola singular configuración arquitectónica e o valor dos bens mobles e artísticos neles contidos.

Os deseños de Isaac e Luís Seoane son funcionais, de aspecto industrial, de extraordinaria lóxica construtiva e racionais. Neles podemos recoñecer o movemento moderno, pero, ao mesmo tempo, incorporan aspectos da cultura tradicional galega, nun traballo de integración entre a propia tradición e as vangardas europeas do século XX.

A arquitectura, os bens mobles e artísticos e a produción cerámica da nova fábrica de Sargadelos son froito do estudo da arte e cultura galegas ao longo da súa historia, buscando nas formas castrexas, medievais ou barrocas, populares, rurais ou urbanas aquilo que puidera identificar a arte galega como un feito diferencial. Este feito diferencial era cotexado e reinterpretado aos ollos da arte do século XX, modernismo, construtivismo ruso, racionalismo da Bauhaus e todas as últimas achegas artísticas e intelectuais da época no ámbito internacional.

A Fábrica de Cerámica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas constitúe, pois, un exemplo singular e único de industria, na cal o proceso industrial era parte dun proxecto cultural moito mais ambicioso de rexeneración cultural e social de Galicia e no cal o Laboratorio de Formas e as actividades culturais e de investigación derivadas del e da fábrica conformaron unha realidade sobranceira de vangarda diferencialista galega.

O estado de conservación do conxunto é bo, ben que, debido ao cesamento das actividades do Laboratorio de Formas dos últimos anos, se entende que para a súa mellor integridade cara ao futuro deberían recuperarse usos e actividades relacionadas coa súa propia historia, coa investigación a arte e a cultura.

O conxunto de edificios, construcións e bens asociados a eles conforman unha unidade coherente, polo que pode entenderse como un ben industrial de especial interese. Por todo o anterior, dada a significación arquitectónica, artística, científica, técnica e cultural deste ben industrial, sobranceiro e único en Galicia, merece o seu recoñecemento de ben de interese cultural (BIC) coa categoría de monumento.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural é o órgano competente para incoar os procedementos de declaración de ben de interese cultural segundo o disposto polo título I da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e polo Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Incoar o procedemento para a declaración de ben de interese cultural coa categoría de monumento a favor da Fábrica de Cerámica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas, no termo municipal de Cervo (provincia de Lugo).

Para os efectos previstos no artigo 11 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, a delimitación da zona afectada pola declaración figura como anexo II á presente resolución.

Segundo. Comunicar esta resolución ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural para a súa anotación preventiva, así como ao concello de Cervo, segundo dispón o artigo 10 da devandita Lei de patrimonio cultural de Galicia.

Terceiro. Dispoñer a apertura dun período de información pública polo prazo de dous meses, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, a fin de que cantos teñan interese poidan examinar o expediente e alegar o que xulguen conveniente nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, situadas no Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 3º, 2.º andar, en Santiago de Compostela, con petición de cita previa.

Cuarto. Consonte o disposto polo artigo 35 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, a presente resolución determina a aplicación inmediata e provisoria do réxime de protección previsto para os bens xa declarados e, en concreto, a suspensión das correspondentes licenzas municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas pola declaración, así como dos efectos das xa outorgadas. A suspensión dependerá da resolución ou caducidade do expediente incoado.

As obras que, por causa de forza maior, interese xeral ou urxencia, teñan que se realizar con carácter inaprazable precisarán, en todo caso, de autorización dos organismos competentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Quinto. En aplicación do disposto polo artigo 12 da Lei de patrimonio cultural de Galicia, o expediente terá que resolverse no prazo máximo de 20 meses contados a partir da data en que se incoou. Transcorrido o prazo, producirase a caducidade do expediente se se solicitar o arquivo das actuacións ou se dentro dos sesenta días seguintes non se ditar resolución.

Sexto. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2013

José Manuel Rey Pichel
Director xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I
Descrición do ben

A. Edificio circular de Andrés Fernández-Albalat Lois (UTM X: 628.877 Y: 4.836.288). O edificio circular de Andrés Fernández-Albalat Lois, membro do Laboratorio de Formas, foi o primeiro do complexo, iniciándose as súas obras en 1968. Trátase dun edificio industrial singular con forma de coroa circular, que responde ao requirimento funcional dun proceso produtivo linear no cal debían confluír o inicio e o final. Ao mesmo tempo, debía converterse en espazo de relación entre as persoas e cultural como sede do Laboratorio de Formas, así como símbolo da propia fábrica. Nel Fernández-Albalat consegue unha superación do funcionalismo estrito, pois, dotándoo dunha forma envolvente arredor do patio, consegue unha imaxe representativa mais próxima ao cultural que ao industrial. A súa linguaxe arquitectónica conxuga tradición e modernidade, non só nas formas senón tamén nos materiais, nos cales destaca o expresionismo da estrutura de formigón, radialmente concibida, presente en todo o edificio.

B. Vivenda de Isaac Díaz Pardo (UTM X: 628.809 Y: 4.836.408). Responde á necesidade de Isaac Díaz Pardo de controlar todo o proceso produtivo e creativo do novo Sargadelos, para o cal constrúe a mediados de 1970 a súa vivenda nas inmediacións da fábrica como parte integrante do conxunto. Cun programa de mínimos, Isaac deseña un pequeno edificio de grande austeridade en dúas plantas. Utiliza unha linguaxe tradicional con incorporacións de elementos de modernidade, como as escaleiras interiores, a gran fiestra inclinada do seu estudio ou a pasarela de formigón que comunica co edificio do Auditorio e Departamento de Arte e Comunicación. O espírito artístico de Isaac emana nos pequenos detalles, o que lle confire unha especial singularidade.

C. Auditorio e departamento de arte e comunicación (UTM X: 628.833 Y: 4.836.391). Constrúese a principios dos anos setenta do século XX, inmediatamente despois da primeira fase da vivenda. Tamén albergaría a biblioteca, salas de reunión e unha pequena cafetaría, dando así resposta ás inquietudes de Isaac e Luís Seoane de converteren o novo Sargadelos nun foco de actividade cultural libre, artística, de experimentación formal e investigación arredor do deseño industrial, que axudara á recuperación cultural e social de Galicia.

O edificio concíbese como os clásicos teatros gregos e romanos coas bancadas escavadas e apoiadas na aba do monte e a típica forma de sector circular en planta. A ambos os lados, de forma simétrica, sitúanse á esquerda a entrada, oficinas, salas de reunión e Departamento de Deseño. A dereita, aseos, cafetaría e apartamentos para profesores dos talleres e convidados, destacando na última planta un apartamento estudio cunha gran fiestra aberta para o norte onde acostumaba residir Luís Seoane. As fachadas de cachotaría incorporan pedras de forma irregular que sobresaen daquelas e outorgan unha especie de ritmo escultórico á arquitectura.

A linguaxe arquitectónica segue a ser de integración da arquitectura tradicional galega coa nova arquitectura do século XX, e entronca coa idea de Isaac para a produción de cerámica de superar o racionalismo uniformizante das vangardas a través do diferencialismo baseado na tradición galega.

D. Escola de Tecnoloxía e laboratorios (UTM X: 628.858 Y: 4.836.370). Construído tamén na década dos setenta do século pasado, é un gran edificio con dous corpos diferenciados seguindo os desniveis do terreo. Foi o corazón das innovacións tecnolóxicas e de experimentación formal a través do Seminario de Sargadelos e dos innumerables cursos que ano tras ano se celebraron, dirixidos por artistas e especialistas da máxima categoría profesional no ámbito galego, nacional e internacional.

O primeiro corpo, a unha auga, sitúase elevado sobre o muro de pedra do aparcadoiro. A fachada principal, marcadamente triangular, posúe un soportal resolto mediante unha arcada de formigón con arcos de medio punto que protexe a entrada na planta baixa. Sobre ela, elévase o resto da fachada recebada e pintada de branco, marcando a estrutura de piares de formigón, placas e arcos cunha cor marrón violácea, que lembra, en certo modo, arquitecturas tradicionais. As carpintarías son de madeira pintadas de cor branca, combinando grandes superficies envidradas tipo galería con ocos pequenos de aspecto máis tradicional.

A cuberta cobre o diáfano e grande espazo dos talleres mediante unhas singulares e grandes vigas metálicas alveolares tipo void, nas cales Isaac verteu a súa creatividade artística deseñando uns alvéolos ondulantes en lugar dos típicos hexagonais e conseguindo, así, un elemento estrutural orixinal de gran beleza.

O segundo volume, a dúas augas, sitúase acaroado ao anterior, monte arriba no seguinte socalco. Posúe catro plantas contra a rocha existente que acompañan a pendente natural do terreo, de maneira que a cuarta se converte en baixa na parte superior. As fachadas deste corpo son tamén recebadas e pintadas de cor branca con xogos xeométricos marcados pola estrutura de formigón pintada en marrón violáceo e triangulacións en vermello. Ao norte resólvese cunha vidreira tipo galería rematada no pincho.

O aspecto de todo este conxunto é unha mestura de tradición e modernidade matizada pola especial man de Isaac, que lle conferiu unha plasticidade pictórica no tratamento das fachadas e da estrutura metálica da cuberta.

E. Pasarela metálica de comunicación co edificio circular (UTM X: 628.858 Y: 4.836.333). A pasarela metálica de comunicación co edificio circular é un elemento moi importante na configuración do conxunto. En primeiro lugar permite que os novos volumes da Escola de Tecnoloxía se afastasen o suficiente do Edificio Circular como para manter a visión completa e illada deste, axudando á percepción da súa monumentalidade. Ao mesmo tempo, permitía a comunicación a salvo das inclemencias do tempo entre a fábrica orixinal e as actividades do Auditorio, Laboratorio de Formas, Seminario e talleres de experimentación creativa. En segundo lugar, é un elemento marcadamente industrial, funcional e dunha dimensión que lle outorga unha certa categoría escultórica na paisaxe, resolto con estrutura metálica a base de apoios puntuais e vigas celosía de perfís normalizados pintados en cor vermella.

F. Marquesiña de formigón ondulada e muro de pedra (UTM X: 628.844 Y: 4.836.349). A marquesiña de formigón do aparcadoiro desenvólvese linearmente apoiada no muro de pedra que salva o desnivel coa plataforma onde se constrúe a Escola de Tecnoloxía. O muro tamén debemos consideralo elemento de interese, ao ser apoio da marquesiña e ter, ademais, incorporadas unha serie de rodas de muíño de maneira escultórica acompañando as ondas. A marquesiña supón un exemplo virtuoso do emprego do formigón levado ao límite dimensional mínimo desde o punto de vista estrutural, e ao tempo, un exemplo plástico, escultórico e intencionado para resolver a necesidade de protección dos vehículos. Está pintada en cor levemente violácea dentro da gama da Escola de Tecnoloxía.

G. Pía do Xunco (UTM X: 628.805 Y: 4.836.337). É unha piscina descuberta situada no socalco inferior baixo a cota da estrada de acceso a todo o complexo e fronte á Escola de Tecnoloxía. Tiña como obxectivo inicial completar as actividades do persoal traballador da fábrica e das súas familias mellorando a súa calidade de vida e oportunidades de lecer. A súa singularidade radica na superficie do seu fondo, decorado cun mosaico mural de Luís Seoane que representa dous polbos cos seus múltiples brazos entrelazados.

Outros elementos de interese.

Ademais dos enumerados anteriormente, índicanse outros elementos do conxunto con interese arquitectónico e cultural (identificado no anexo II coa letra H seguida dos números seguintes):

1. Torres metálicas (UTM X: 628.891 Y: 4.836.306 e X: 628.871 Y: 4.836.263) e pequenas pasarelas (UTM X: 628.864 Y: 4.836.345 e X: 628.893 Y: 4.836.313). Responden ás necesidades de comunicación ou tecnolóxicas dentro da fábrica. Construídas con estrutura metálica e cores de maneira similar á longa pasarela entre o edificio circular e a Escola de Tecnoloxía.

2. Muro de pedra escultórico e mural de Isaac Díaz Pardo (UTM X: 628.914 Y: 4.836.300). Sitúase no zócolo do edificio da ampliación da fábrica conformando unha pasaxe baixo ela pola que circulan camións de carga. O muro combina a cachotaría con pezas ciclópeas que sobresaen aparentemente de forma aleatoria e conseguen un efecto de gran mural escultórico en pedra. Na parte dereita apóiase sobre un muro de formigón profusamente decorado por Isaac con grosos trazos negros e manchas ovaladas na mesma cor, do que resulta un mural de aspecto abstracto con certo aire africano. Na parte superior do mural pódese ler unha inscrición do propio Isaac que di: Formas resistentes ao que virá.

3. Escultura policromada de Isaac na esquina circular de acceso á ampliación da fábrica (UTM X: 628.895 Y: 4.836.317). Conxunto de formas xeométricas e rostros policromados en cores negra, vermella, ocre e branca, incrustados no muro cilíndrico de pedra e sobresaíndo del.

4. Depósito de auga-miradoiro (UTM X: 628.945 Y: 4.836.391). Situado na parte alta do monte sobre o cal se asenta a fábrica. Cilindro de formigón con pequenas fiestras na súa parte superior e escaleira helicoidal que o circunda, e dá acceso á terraza superior, convertida nun miradoiro sobre a paisaxe. A súa forma pura e o ritmo de ocos fai deste depósito un elemento escultórico co selo creativo de Isaac

5. Pequeno edificio de tratamento de minerais (UTM X: 628.968 Y: 4.836.308). Trátase dun pequeno edificio seguindo o desnivel da aba para moer o mineral, que vai pasando por gravidade aos niveis inferiores. Acabado en recebo pintado de branco con xogos xeométricos a base de bandas en cor vermella.

6. Fornos de ladrillo experimentais (UTM X: 628.890 Y: 4.836.353). Situados no exterior por riba da Escola de Tecnoloxía, son dous exemplos interesantes de arquitectura industrial en ladrillo.

Pertenzas, accesorios e bens mobles e documentais vinculados especialmente.

Bens artísticos e mobles ligados ao edificio circular.

1. Mosaico mural de Luís Seoane Sobre a figura de Ibáñez. Situado nun lateral da pasaxe de entrada á praza circular. É unha homenaxe a Antonio Raimundo Ibáñez, fundador do Sargadelos da Ilustración. Mosaico realizado con pezas de cerámica, branca e amarela, combinadas con anacos de lousa gris. Material natural, a lousa, a dialogar cun material artificial, a cerámica.

2. Escultura de tres caras de Isaac Díaz Pardo. Incrustada no muro de pedra da planta baixa da praza circular, preto da entrada ás oficinas e zona de exposición. Realizada en granito coloreada con trazos azuis e recheos en branco, amarelo, azul cián e vermello. Unha cara frontal no centro é flanqueada á esquerda por unha cara a tres cuartos e outra á dereita de perfil.

3. Mosaicos de Luís seoane no comedor. Estampa popular galega. Son catro murais realizados con anacos de porcelana branca combinados con lousa negra. Tres desenvolven motivos populares e campesiños como unha homenaxe ás xentes do rural e outro é un tema mariño: Xentes do pobo bailando a Muiñeira, Xentes falando, Mulleres traballando o campo e Gaivotas e ondas do mar (rodea unha porta central).

4. Táboa dos Irmandiños. Trátase dunha serie de portas de madeira de dúas follas con debuxos xeométricos inspirados no mundo celta, deseñadas por Luís Seoane.

5. Esculturas redondas incrustadas no muro de pedra do patio. Son dúas esculturas de Arcadio Blasco con forma de rodas de muíño decoradas, Para moer conciencias.

6. Esculturas e pezas de cerámica do espazo do museo. Na primeira planta do edificio circular, nas salas dedicadas a museo de cerámica, sitúanse pezas provenientes unhas do resto de España, como mostra de cerámica popular, e outras dos talleres dos seminarios que ano tras ano foron experimentando novas formas. É un conxunto de centos de pezas de grande interese entre as cales atopamos exemplos de Antonio Oteiza, Silverio Rivas, ou o deseño da vaixela Camilo José Cela deseñada por Alberto Isern Castro, José M. Mir Borrut e o propio Cela.

7. Mobles deseñados por Isaac Díaz Pardo ligados ao edificio circular. É obrigado salientar a faceta de deseñador industrial de Isaac, que dotou o edificio circular de Albalat dunha serie de mobles que podemos considerar ligados ao inmoble:

a) Cadeira de brazos da serie antropomorfa.

b) Cadeira de madeira. Estrutura de táboas de piñeiro aparafusadas. Asento e respaldo acolchados. As patas triangulares danlle un aspecto propio que se repite noutros mobles de Isaac.

c) Mesas do comedor. A súa estrutura é metálica a base de dúas patas cilíndricas con pés de cartelas trianguladas e apoios circulares roscados para asegurar en todo momento o correcto apoio. O taboleiro, rectangular de madeira acabado en formica cun debuxo xeométrico monférico de dous cadrados con diagonais e mosaico azul e branco, as cores da típica cerámica de Sargadelos.

d) Barra-mostrador da cafetaría do comedor. Realizada con taboleiros de madeira industriais de forma rectilínea rematada en semicírculo. Posúe un zócolo decorado de forma similar ás mesas do comedor, pero con cores vermello, branco e gris.

e) Mesa para varios comensais. Situada na zona da exposición e venda, consiste nunha coroa circular a que lle falta un sector cunha bandexa xiratoria para a comida. Estrutura metálica e taboleiro industrial de madeira.

f) Mesas circulares de traballo. Mesa circular de grandes dimensións xiratoria para ir retocando as pezas antes de pasar ao seguinte proceso. Estrutura metálica con patas en forma de cruz con apoios roscados e taboleiro de madeira maciza colada. Actualmente estas mesas sitúanse no novo edificio da ampliación da fábrica.

g) Mesas rectangulares de traballo. Estrutura metálica con patas e pés con apoios roscados similares aos das mesas do comedor. O taboleiro de traballo é unha placa de formigón armado, rematada superiormente con azulexos.

8. Sistema de sinalización. A creatividade de Isaac chegou tamén a toda a cartelaría e sinalética necesaria para o correcto funcionamento da fábrica. Abranguía tanto sinais direccionais ou identificativos de zonas ou actividades, como pictogramas dos aseos ou carteis didácticos dirixidos ao persoal da fábrica indicando a forma correcta de desenvolver o traballo. Isaac deseñou o tipo de letra que se empregaría, que lembra a empregada por Castelao, e a forma, cor e dimensión dos carteis levan a pegada persoal de Isaac.

O sistema de sinalización esténdese a todos os edificios e espazos exteriores.

Bens artísticos e mobles deseñados por Isaac ligados á vivenda.

O interior da vivenda está repleto de detalles creativos e enxeñosos de Isaac, cunha linguaxe moderna, funcional, industrial ás veces, convivindo con outros que recollen a parte máis racional da arquitectura popular, como a porta de madeira de castiñeiro de grandes táboas na entrada:

1. No salón, dous sofás e unha mesa rectangular de centro.

2. No comedor, unha gran mesa rectangular apoiada no muro da fiestra e nunha única pata centrada e dous bancos ao xeito tradicional, todo construído con grandes táboas de castiñeiro, resolven de maneira austera e elegante as necesidades de xantar.

3. No seu estudio, diván a modo de chaise-longe con estrutura de madeira pintada de azul violáceo e tapizría gris levemente azulada.

4. As escaleiras de dous tramos son un elemento destacable pola súa relación co movemento moderno, con chanzos de madeira pintados en gris, varanda de taboleiro pintada en cor branca e tubo circular vertical de cor vermella.

5. Outro detalle de deseño interesante é o conxunto das instalacións á vista, colocadas cun coidado criterio compositivo propio da arquitectura industrial. As tuberías de auga pintadas, a fría de azul e a quente en cor vermella, danlle un aspecto pictórico.

6. Na fachada principal á esquerda, no corpo inicial sitúase incrustada e resaltada unha escultura de Isaac consistente nun gran perpiaño cunha espiral gravada.

Bens artísticos e mobles deseñados por Isaac ligados ao Auditorio e Departamento de Arte e Comunicación.

1. Escultura de Isaac incrustada na fachada principal dos apartamentos consistente nunha cara con resaltes pintados con grosos trazos negros.

2. Asentos do Auditorio resoltos coa cadeira de madeira e tapizaría en branco, similar á do comedor do edificio circular, que se repite polas bancadas, como un produto tipicamente industrial seriado.

3. A mesa ensamblable Onda de estrutura metálica e taboleiro curvo que, ao ensamblarse unha con outra, conforma unha curva e contracurva.

4. Mesa, cadeiras e panel-expositor do apartamento de Luís Soane. As cadeiras son iguais ás do auditorio. A mesa é un taboleiro apoiado nunha estrutura de madeira tipo cabalete, habitual nos estudios. O panel-expositor é un gran taboleiro con volume, cun oco rectangular nun extremo que serve como estante, de composición minimalista.

5. Vitrinas na zona de entrada cos seus contidos, pezas de artesanía galega, libros de Castelao e outros autores.

6. Gran mesa rectangular de reunións de estrutura metálica e taboleiro de táboas macizas de castiñeiro e as súas cadeiras.

7. Mesa de reunións redonda con oco central de estrutura metálica e taboleiro industrial de madeira.

8. Lámpada pendurada dun guindastre. Estrutura metálica e seis focos radiais para iluminar a mesa circular.

9. Sofá apoiado na parede. Estrutura de madeira con taboleiros e tapizaría cor gris.

10. Mesa de apoio con bandexa inferior. Estrutura metálica e pés regulables. Taboleiro industrial.

11. Existen tamén unha roda de afiador e unha peza de cestaría tradicional, elementos etnográficos incorporados a este edificio.

Bens mobles deseñados por Isaac ligados á Escola de Tecnoloxía e laboratorios.

Neste edificio de experimentación formal e tecnolóxica debemos destacar as máquinas de facer cerámica nel contidas, todas elas deseñadas por Isaac e o seu equipo. Rodas de oleiro, fornos e algún aparello de laboratorio que son exemplo da evolución científica e tecnolóxica da fábrica:

1. Mesa de grandes dimensións de taboleiro de madeira maciza de castiñeiro e estrutura de táboas do mesmo material.

2. Cadeiras de madeira tapizadas en vermello, do mesmo modelo que as do Auditorio e comedor.

3. Mobles de andeis de madeira e tubos metálicos pintadas en cor amarela para pousar as pezas saídas dos talleres.

4. Cadeiras de brazos de estrutura de madeira de deseño similar á cadeira do comedor pero con brazos e inclinación do respaldo para unha maior comodidade, tapizada en tecido azul claro.

5. Mesas de traballo de estrutura de táboas de madeira e taboleiros acabados en branco.

6. Diversas máquinas de elaboración de cerámica.

Bens documentais ligados ao conxunto.

Supoñen un extenso patrimonio reflexo da actividade tecnolóxica e produtiva da fábrica, pero sobre todo son o testemuño de toda a actividade cultural, artística e intelectual que se desenvolveu nos seminarios, talleres e conferencias arredor do Laboratorio de Formas. Distribúense en diversos departamentos do edificio do Auditorio, vivenda, Escola de Tecnoloxía e edificio circular.

Centos de fotografías das obras, dos actos celebrados, das reunións cos persoeiros mais salientables da cultura galega e internacional, debuxos de Isaac Díaz Pardo, cartas e outros documentos de interese que sería necesario rexistrar, dixitalizar e ordenar para o seu correcto arquivamento.

Moi interesantes son tamén os planos e debuxos das distintas máquinas de fabricación da cerámica ideadas e deseñadas por Isaac sobre a base de modelar pasta de caolín mediante rolos xiratorios e distintos aparellos complementarios tamén deseñados por el, que foron un avance tecnolóxico no seu campo e que mesmo foron copiadas posteriomente noutros países europeos.

Segundo a información que consta na Consellería, ligados ao conxunto, a Fábrica de Sargadelos conta cun arquivo fotográfico aproximado ás 3.000 unidades, e o Seminario e o Laboratorio de Formas con unidades de documentación variada de cerca de 1.000 folios.

ANEXO II
Delimitación literal do ben inmoble e o seu contorno de protección

A delimitación do conxunto de construcións que forman parte da Fábrica de Cerámica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas identifícase coa superficie dos seguintes edificios:

A. Edificio circular de Andrés Fernández-Albalat Lois.

B. Vivenda de Isaac Díaz Pardo e ponte de comunicación co Auditorio.

C. Auditorio e Departamento de Arte e Comunicación.

D. Escola de Tecnoloxía e laboratorios.

E. Pasarela metálica de comunicación co edificio circular.

F. Marquesiña de formigón do aparcadoiro e muro de pedra.

G. Pía do Xunco.

H. Outros elementos: H1 Torres metálicas e pequenas pasarelas; H2 Muro de pedra con pintura mural de Isaac; H3 Escultura policromada de Isaac; H4 Depósito de auga miradoiro; H5 Pequeno edificio de tratamento de minerais; H6 Forno de ladrillo.

En relación co contorno de protección, defínese un polígono irregular cuxos puntos principais van desde o 1 na estrada CP 15-5 Vilaestrofe-Burela ata o 12 e desde este, péchase cara ao punto inicial 1, xirando en sentido horario, segundo o plano adxunto.

Punto 1: sitúase no encontro do lindeiro SE da parcela número 04 do polígono 90620 do Catastro coa estrada CP 15-5 Vilaestrofe-Burela. Desde aquí discorre perpendicular á estrada ata o punto 2 no límite da parcela 06 do polígono 89630. Desde o punto B segue pola beira da estrada ata o punto 3, vértice NO da parcela 34 do polígono 91640. Desde aquí ata o punto 4 discorre polos lindeiros norte das parcelas 34 e 09 do polígono 91640. O tramo 4-5 é o linde entre as parcelas 09 e 32 do polígono 91640. A seguir continúa polos lindeiros entre as parcelas 09 e 08 e entre a 50 e a 08 do polígono 91640, ata o punto 6, no cal conflúe co camiño. Desde o punto 6 defínese unha liña recta ata o punto 7, intersección do lindeiro sur da parcela 08 coa parcela 09, ambas do polígono 89600 e desde este punto discorre polo lindeiro sur da parcela 08 do polígono 89600 ata o punto 8 atravesando a estrada CP 15-5. Continúa pola beira da estrada e bordea polo sur a parcela 03 do polígono 88600, continuando polo lindeiro sur da parcela 14 do mesmo polígono, cuxa prolongación en liña recta nos achega atravesando o río Xunco, ata o punto 9, no encontro coa estrada CP 15-4 Riocovo-San Cibrao Discorre a seguir polo borde desa estrada ata o punto 10, vértice oeste da parcela 11 do polígono 87610. Desde este punto, segue polo límite oeste das parcelas 11, 20 e 05 do polígono 87610 ata o punto 11, en contacto co río Xunco. Discorre río arriba polo límite da parcela 06 do polígono 87610 ata o punto 12, intersección coa prolongación do lindeiro sur da parcela 04 do polígono 90620. Desde aquí atravesa o río Xunco e discorre polo límite sueste da parcela 04 do polígono 90620 ata o punto 1 do inicio.

missing image file