Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Martes, 15 de xaneiro de 2013 Páx. 1194

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

ANUNCIO do 16 de novembro de 2012 de alleamento polo procedemento de poxa pública dun ben inmoble situado na rúa Gabriel Lobo, nº 7, 3º dereita, de Madrid.

Ás 12.30 horas do día 27 de febreiro de 2013 realizarase nas dependencias da Casa de Galicia en Madrid situada na rúa Casado del Alisal, nº 8, desta cidade, perante a mesa presidida polo subdirector xeral do Patrimonio, coa asistencia dun letrado da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, un representante da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e un funcionario da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio que actuará como secretario, poxa pública do seguinte ben inmoble patrimonial da Comunidade Autónoma de Galicia, cuxo alleamento foi acordado pola Orde da Consellería de Facenda do 10 de setembro de 2012.

Predio urbano. Piso terceiro dereita da ala dereita da casa número sete provisional da rúa Gabriel Lobo desta capital. O dito piso linda: á dereita entrando, en liña de dous metros con caixa de escaleiras e formando ángulos rectos con fachada a patio mancomunado en liñas de dous metros e sete metros vinte centímetros, ao fondo, con medianeira da casa número nove, en liña de oito metros oitenta centímetros e fachada á rúa articular en liñas de seis metros, un metro, corenta centímetros e dous metros vinte e cinco centímetros; á esquerda, divisoria con piso centro dereita, en liña de dez metros pechando o perímetro, en linde con caixa de escaleiras de cincuenta centímetros e un metro noventa e cinco centímetros. Consta de vestíbulo, catro habitacións, cociña, despensa, armario e corredor de distribución, e así mesmo dunha terraza de cociña. Ocupa unha superficie total edificada de oitenta e nove metros con sete decímetros cadrados. Cota: catro enteiros dezanove centésimas por cento.

Inscrita no Rexistro da Propiedade nº 14 de Madrid como predio nº 17.904, tomo 1008, libro 470 e folio 101.

Referencia catastral: 2273512VK4727C0015GM.

Tipo de licitación primeira poxa: 265.260,49 euros.

Se a primeira poxa queda deserta, o inmoble ofertarase a continuación en segunda e terceira poxa.

Tipo de licitación segunda poxa: 225.471,42 euros.

Tipo de licitación terceira poxa: 185.682,34 euros.

Para participar na poxa será requisito indispensable consignar o 20 % da cantidade sinalada como tipo de licitación do inmoble ante a mesa.

Serán por conta do adxudicatario os custos do anuncio así como os orixinados pola adxudicación e formalización da escritura pública de venda; os demais custos e impostos derivados da transmisión serán de aplicación conforme o disposto na lei.

O prego de condicións que rexe este alleamento está á disposición dos interesados na páxina web da Consellería de Facenda (http://www.conselleriadefacenda.es).

Para poder visitar o inmoble será preciso concertar cita previa. Teléfonos de información: 881 99 90 55/981 54 41 51.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2012

María del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda