Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Venres, 28 de decembro de 2012 Páx. 48116

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

DECRETO 263/2012, do 27 de decembro, polo que se regulan as condicións da prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

Co mesmo criterio que o número 4 do artigo 134 da Constitución española, o número 2 do artigo 21 da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, establece que se os orzamentos xerais das comunidades autónomas non foron aprobados antes do primeiro día do exercicio económico correspondente, a vixencia dos anteriores prorrogarase automaticamente.

O Decreto 174/2012, do 27 de agosto, de disolución do Parlamento de Galicia, acordaba a súa disolución e convocaba eleccións o pasado 21 de outubro. Como consecuencia disto, non se presentou o proxecto de Lei dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2013 o pasado 20 de outubro e, polo tanto, non haberá uns novos orzamentos aprobados o 1 de xaneiro de 2013.

O artigo 54 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia indica que se a Lei de orzamentos xerais non fose aprobada polo Parlamento de Galicia antes do primeiro día do exercicio económico en que deba aplicarse, consideraranse automaticamente prorrogados os do exercicio inmediato anterior.

A Consellería de Facenda poderá elaborar, se é o caso, os correspondentes estados de gastos nos cales se detallarán os importes dos créditos prorrogados. Os ditos importes serán o resultado de realizar nos créditos iniciais do orzamento prorrogado as operacións seguintes:

a) Excluiranse aqueles gastos que correspondan a actuacións que deban quedar ultimadas ao finalizar o exercicio cuxos orzamentos se prorrogan, así como aqueles que non se consideren necesarios para o exercicio que se inicia.

b) Nos indicados estados de gastos incluiranse aqueles créditos que correspondan a actuacións de urxente iniciación ou cobertura, sempre que teñan cabida dentro das baixas motivadas polo indicado na alínea a) anterior.

c) A conselleira de Facenda determinará qué modificacións orzamentarias das realizadas durante o exercicio cuxos orzamentos se prorrogan se consolidarán nos estados de gastos a que fai referencia a alínea a).

A Consellería de Facenda confeccionará, así mesmo, os estados de ingresos que terán vixencia durante o período de prórroga e que se elaborarán en función das previsións que poidan derivar, ben da liquidación dos orzamentos de ingresos do exercicio prorrogado, ou ben de calquera outro dato válido para sustentar as ditas previsións, sempre que non supoña a introdución de ningún cambio na normativa legal vixente durante o exercicio do cal se prorroga o orzamento.

Polo tanto, o principio do que se parte é o de que se produce a prórroga xeral da Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, a partir do 1 de xaneiro de 2013.

Do mesmo xeito e malia que a Lei de orzamentos xerais ten vixencia anual, a prórroga non afectará aquelas normas de vixencia indefinida que esta pode recoller, que seguen estando vixentes.

A estrutura orgánica do orzamento prorrogado adaptarase, sen alteración da súa contía total, á organización administrativa en vigor no exercicio en que a prórroga deberá executarse.

A pura e simple prórroga dos créditos do orzamento inicial coas modificacións consolidadas que determine a Consellería de Facenda ocasionaría disfuncións que é preciso prever. Por iso, realizaranse os axustes precisos para os casos que requiran unha adaptación anual e para garantir os compromisos coa estabilidade orzamentaria que ten asumida a Comunidade Autónoma de Galicia no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira.

De acordo con todo o anterior, prorróganse, a partir do 1 de xaneiro de 2013 e ata a entrada en vigor do novo orzamento, os créditos iniciais aprobados para o ano 2012, salvo cando correspondan a actuacións que concluirán no exercicio prorrogado ou sexan financiadas con fondos finalistas non prorrogables.

Autorízase a conselleira de Facenda a establecer as retencións de non dispoñibilidade precisas para garantir o obxectivo de estabilidade orzamentaria no 2013.

Na súa virtude, en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de decembro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Prórroga dos orzamentos da Comunidade Autónoma para 2012

A partir do 1 de xaneiro de 2013 prorróganse os créditos iniciais para gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2012, aprobados pola Lei 11/2011, do 26 de decembro, ao abeiro dos seguintes criterios e excepcións:

1. A estrutura orgánica do orzamento adaptarase á organización administrativa vixente no 1 de xaneiro de 2013.

2. As modificacións consolidables e os aforros dimanantes da aplicación da Lei de medidas no emprego público quedan consolidados no capítulo I e non se dotarán no orzamento prorrogado.

3. Non se prorrogan créditos para gastos destinados a programas e actuacións que finalizan no 2012.

4. Os créditos precisos para facer fronte ás obrigas do endebedamento que sexa preceptivo recoñecer prorrogaranse segundo os compromisos adquiridos.

5. Os créditos financiados ou cofinanciados con recursos procedentes doutras administracións prorrogaranse polo importe aprobado na Lei de orzamentos para 2012, axustados no importe das baixas consolidables tramitadas durante 2012 e sempre que exista constancia da súa continuidade.

Artigo 2. Orzamentos das entidades públicas instrumentais

Os orzamentos das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico durante o período de prórroga axustaranse e executaranse segundo os mesmos requirimentos que os establecidos para a Administración xeral da Comunidade Autónoma.

Artigo 3. Fondo de Compensación Interterritorial

Os créditos orzamentarios relativos ao Fondo de Compensación Interterritorial serán os correspondentes á Comunidade Autónoma de Galicia e recollidos na sección 33 dos orzamentos xerais do Estado para 2013.

Artigo 4. Dotacións con financiamento regulado

As dotacións referidas a módulos da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma respectarán as disposicións básicas contidas na Lei de orzamentos xerais do Estado para 2013.

As dotacións con financiamento regulado en normas estatais ou autonómicas evolucionarán consonte a súa normativa reguladora.

Artigo 5. Estado de ingresos

A Consellería de Facenda confeccionará os estados de ingresos que terán vixencia durante o período de prórroga. Estes elaboraranse en función das previsións que poidan derivar da liquidación dos orzamentos de ingresos do exercicio prorrogado e da programación dos fondos europeos e finalistas para o exercicio 2013.

Artigo 6. Dispoñibilidade dos créditos no orzamento prorrogado

A dispoñibilidade dos créditos a que se fai referencia neste decreto supeditarase na súa contía ao cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria para o exercicio 2013, consonte o establecido na Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, e aos compromisos contraídos pola Comunidade Autónoma de Galicia no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira.

Autorízase a consellería competente en materia de facenda para realizar as retencións de crédito precisas para garantir o dito obxectivo.

Artigo 7. Tramitación de expedientes de gasto durante o período de prórroga

1. Durante o período de vixencia da prórroga do orzamento, a tramitación de expedientes de gasto axustarase aos seguintes criterios:

a) Os gastos de persoal, con cargo ao capítulo I, realizaranse con base nas remuneracións previstas individualmente para a categoría respectiva na Lei de orzamentos xerais da Comunidade para 2012 e nas disposicións que a desenvolven, incluída a paga extra de decembro.

b) Os gastos correntes en bens e servizos, con cargo ao capítulo II, e ata o límite do crédito inicial, a nivel de vinculación, aprobado no orzamento para 2012:

1º Polos gastos ordinarios de funcionamento precisos para a prestación dos servizos públicos imputados ao capítulo II do orzamento de gastos.

2º Polos compromisos plurianuais contraídos en exercicios anteriores.

3º Polas obrigas xeradas en exercicios anteriores derivadas de compromisos de gasto debidamente adquiridos no ano 2012.

4º Polos compromisos, aprobacións e retencións de crédito correspondentes a expedientes de tramitación anticipada.

5º Os expedientes de gasto que resulten de acordos de validación aprobados polo Consello da Xunta derivados de obrigas xeradas en exercicios anteriores.

c) Os gastos financeiros, con cargo ao capítulo III, e os pasivos financeiros, con cargo ao capítulo IX, e ata o límite do crédito inicial, a nivel de vinculación, aprobado no orzamento para 2012, derivados da cobertura do custo das operacións de crédito e demais da mesma natureza.

d) O resto dos gastos, é dicir, as transferencias correntes e de capital, os investimentos reais e os activos financeiros, con cargo aos capítulos IV, VII, VI e VIII, respectivamente, e ata o límite do crédito inicial, a nivel de vinculación, aprobado no orzamento para 2012:

1º Polos compromisos plurianuais contraídos en exercicios anteriores.

2º Polas obrigas xeradas en exercicios anteriores derivadas de compromisos de gasto debidamente adquiridos no ano 2012.

3º Polos compromisos, aprobacións e retencións de crédito correspondentes a expedientes de tramitación anticipada.

4º Os expedientes de gasto que resulten de acordos de validación aprobados polo Consello da Xunta derivados de obrigas xeradas en exercicios anteriores.

5º Polos compromisos derivados de disposicións, convenios e contratos programa que estiveran en vigor o 31 de decembro de 2012 e que supoñan obrigas no 2013, así como aqueles compromisos debidamente adquiridos que se destinen a pensións, prestacións económicas, subvencións e axudas a que o beneficiario tiver dereito o 1 de xaneiro de 2013. Estes compromisos imputaranse trimestralmente.

6º Polos gastos financiados con recursos finalistas sempre que se acredite a existencia do compromiso de financiamento da Administración ou entidade cofinanciadora.

7º O libramento das transferencias correntes de financiamento ás entidades instrumentais do sector público autonómico realizarase por doceavas partes do crédito dispoñible.

2. Fóra dos supostos recollidos no número 1 anterior, non procederá a tramitación de ningún expediente agás nos supostos de expedientes de gasto de urxente e inaprazable necesidade e no suposto de expedientes que acadaran a fase de aprobación de gasto no ano 2012, nos cales o órgano xestor declare vixentes as actuacións xa realizadas.

Nestes supostos deberase engadir nos expedientes a certificación do órgano xestor acreditativa da existencia de crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos para o exercicio 2013, concretando o proxecto a que se imputará, que financie tanto os expedientes incluídos neste número como os previstos no número 1 deste artigo.

Disposición adicional primeira. Anticipo

O persoal funcionario, laboral e estatutario da Administración xeral da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e dos entes instrumentais recollidos na disposición transitoria terceira, punto 5, da Lei 16/2010, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico, que así o solicite, antes do 11 de xaneiro de 2013, percibirán, xunto coa nómina correspondente ao mes de xaneiro de 2013, un anticipo igual á metade da cantidade que lles corresponda na paga extra de xuño de 2013 polos conceptos de soldo base, trienios e complemento de destino ou concepto ou contía equivalente.

Disposición adicional segunda. Normativa aplicable

Durante o período de prórroga continuará en vigor, coas excepcións da súa adaptación ao establecido neste decreto, o texto articulado da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2012.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de facenda para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor e vixencia

Este decreto entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2013 e permanecerá vixente ata a entrada en vigor da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

Santiago de Compostela, vinte e sete de decembro de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda