Elixido e investido polo Parlamento de Galicia dos poderes propios do presidente da Xunta de Galicia, segundo o Estatuto de autonomía, conforme o disposto nos artigos 15 e 18 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, en virtude das atribucións que me confire o artigo 26, número 1º, do mesmo texto legal, e para establecer a nova estrutura orgánica do Goberno de Galicia, con adecuación ás competencias que ten asumidas e son propias da Comunidade Autónoma, e tendo en conta os criterios de eficacia, austeridade e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativa,
DISPOÑO:
Artigo 1.
A Xunta de Galicia estará integrada polos departamentos que a seguir se relacionan:
– Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
– Consellería de Facenda.
– Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
– Consellería de Economía e Industria.
– Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
– Consellería de Sanidade.
– Consellería de Traballo e Benestar.
– Consellería do Medio Rural e do Mar.
Artigo 2.
A orde de prelación das consellerías é a que se establece no artigo anterior.
Disposición derrogatoria
Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.
Disposición derradeira primeira.
O Consello da Xunta de Galicia adoptará as medidas necesarias para adecuar a estrutura dos distintos organismos obxecto de regulación deste decreto, dentro da política de austeridade, racionalización e redución do gasto público.
Disposición derradeira segunda.
A Consellería de Facenda realizará as modificacións e habilitacións orzamentarias precisas para o cumprimento do previsto neste decreto, sen que en ningún caso poidan orixinar incremento de gasto.
Disposición derradeira terceira.
Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, dous de decembro de dous mil doce.
Alberto Núñez Feijóo
Presidente