Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 26 de novembro de 2012 Páx. 44420

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 14 de novembro de 2012 de aprobación definitiva da modificación puntual nº 2 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Oroso, no lugar de Porto Avieira.

O Concello de Oroso solicita a aprobación definitiva da modificación puntual referida, ao abeiro do establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Antecedentes.

1. O Concello de Oroso dispón, na actualidade vixente, dun Plan xeral de ordenación municipal que foi aprobado definitivamente por Orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 16 de febreiro de 2005.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu non someter este proxecto a avaliación ambiental estratéxica, por resolución do día 27 de agosto de 2010.

3. Os servizos técnicos e xurídicos municipais emitiron os seus respectivos informes (artigo 85.1 da LOUG) o 21 de setembro de 2010. Posteriormente, emitiron novos informes os servizos técnicos o 20 de marzo de 2012; e os servizos xurídicos o 22 de marzo de 2012.

4. A modificación non precisou ter o informe previo á aprobación inicial correspondente ao artigo 85.1 da LOUG, ao abeiro do disposto no segundo parágrafo do artigo 93.4 da LOUG.

5. A modificación proposta foi aprobada inicialmente polo Concello en pleno do 30 de setembro de 2010; e foi sometida a información pública polo prazo dun mes (DOG do 21 de outubro de 2010, El Correo Gallego e La Voz de Galicia do 20 de outubro de 2010) e comunicada aos concellos lindeiros de Santiago de Compostela, Ordes, Trazo, Frades, O Pino e Tordoia. Foi presentada unha alegación, segundo consta no certificado do secretario xeral municipal do 9 de xuño de 2011.

6. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (Consellería de Cultura e Turismo) emite informe favorable condicionado o 6 de xuño de 2011.

7. O proxecto foi aprobado provisionalmente polo pleno municipal do 30 de marzo de 2012.

Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación remitida polo Concello de Oroso, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

1. O obxecto da modificación é cambiar parte da ordenación da denominada «Urbanización Porto Avieira» de xeito que un ámbito pase de uso residencial (vivendas unifamiliares acaroadas) a dotacional de titularidade pública, como parque arqueolóxico para a protección dos elementos dese carácter alí atopados, e que se traslade a edificabilidade dese ámbito a outro que pasa a cualificarse parcialmente con uso residencial de vivenda en bloque (B+2). Este obxectivo considérase como razón de interese público para a modificación (artigo 94.1 da LOUG).

2. A ordenación que se propón é substancialmente diferente da existente e precísase unha nova distribución de beneficios e cargas, polo que o réxime do solo pasa de urbano consolidado a urbano non consolidado.

3. Cúmprense as disposicións do artigo 46.3 da LOUG en cánto á edificabilidade 0,56 m2/m2 < 0,85 m2/m2); as do artigo 47.1 sobre dotacións públicas (sistemas locais de espazos e equipamentos públicos, así como prazas de aparcamento); e as disposicións do artigo 47.2 sobre reservas de solo para vivenda protexida (o 30 % da edificabilidade).

4. No rueiro M-1, atinxido polo xacigo arqueolóxico, 11.628 m2 de uso residencial en vivenda unifamiliar acaroada (6.720 m2 edificables, dos que 2.520 m2 están asignados ao concello en concepto do 10 % de aproveitamento de cesión obrigatoria) pasan a se cualificar como dotación local de espazos libres públicos.

No rueiro Z-4, 2.400 m2 de superficie de cesión ao concello para dotación escolar (2.400 m2 edificables) e 6.154 m2 de dotacións privadas (6.154 m2 edificables) pasan a cualificarse como: 1.290 m2 de dotación pública (3.870 m2 edificables), 3.832 m2 de uso residencial en bloque de B+3 (11.496 m2 edificables), 2.260 m2 de espazo libre privado e 1.172 m2 de vía pública.

De conformidade cos artigos 89 e 93.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións puntuais dos PXOMs correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. De acordo co punto 7.a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aprobar definitivamente a modificación puntual nº 2 do PXOM do concello de Oroso, no lugar de Porto Avieira.

2. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no DOG.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2012

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas