Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 14 de novembro de 2012 Páx. 42770

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 5 de outubro de 2012, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se somete a información pública a solicitude de renovación da autorización ambiental integrada solicitada por Arteixo Química, S.L.U. para a planta de fabricación de tensioactivos e química fina localizada no polígono de Sabón, termo municipal de Arteixo (A Coruña). Clave do expediente de renovación 2012-IPPC-M-97.

Con data do 16 de abril de 2008 outorgouse a Arteixo Química, S.L.U. a autorización ambiental integrada nº 2006/0343_NAA/IPPC_123 para a planta de fabricación de tensioactivos e química fina localizada no polígono de Sabón, da cal é titular. Nesta autorización estableceuse unha vixencia de cinco anos contados a partir do día seguinte ao da súa notificación ao titular, que se efectuou o 25 de abril de 2008.

O artigo 25 da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, estipula que, transcorrido o prazo de vixencia da autorización, esta debe ser renovada e, se for o caso, actualizada. Atendendo ao indicado, e para os efectos previstos no artigo 7.2 do Real decreto 509/2007, do 20 de abril, polo que se aproba o regulamento para o desenvolvemento e execución da Lei 16/2002, faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a documentación presentada pola solicitante para a renovación da autorización ambiental integrada, constituída polo documento titulado:

– Documentación para a renovación da autorización ambiental integrada de Arteixo Química, S.L.U. Clave 2006/0343_NAA/IPPC. Clave exp. renovación 2012-IPPC-M-97, co fin de que calquera interesado poida consultala e, se for o caso, formular no dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que ache convenientes. O antedito documento estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

• Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

• Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas-Xefatura Territorial da Coruña (rúa Vicente Ferrer, 2, 15008 A Coruña).

• Concello de Arteixo (praza Alcalde Ramón Dopico, 1, 15142 Arteixo (A Coruña).

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2012

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental