Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Luns, 12 de novembro de 2012 Páx. 42379

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 11 de outubro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación de execución correspondente á ampliación da capacidade de almacenamento da planta satélite de gas natural licuado que subministra o gas natural aos termos municipais de Cee e Corcubión (A Coruña), promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2012/15-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, e no artigo 1 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP), sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionario: Gas Galicia SDG, S.A, con CIF A15383284 e con domicilio para os efectos de notificacións na rúa de Lisboa, s/n, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Antecedentes:

O 13.8.2004 esta dirección xeral resolveu outorgar a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa previa da rede de distribución para a subministración de gas natural nos termos municipais de Cee e Corcubión (A Coruña) e, o 16.5.2006 resolveu aprobar o proxecto de execución desta rede. As características básicas desta instalación, recollidas no proxecto, son as seguintes:

• A distribución efectúase no rango de media presión B (MPB: máximo 4 bar e mínimo 0,4 bar).

• A tubaxe é de polietileno de alta densidade (PE 100 SDR 17,6) e con diámetros de 200, 160, 110 e 90 mm.

• A lonxitude da rede é de 14.446 m.

O 3.2.2006 esta dirección xeral resolveu outorgar a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a instalación dunha planta satélite de recepción, almacenamento e regasificación de gas natural licuado no termo municipal de Cee, e aprobar o seu proxecto de execución. As características básicas desta instalación, recollidas no proxecto, son as seguintes:

• A planta satélite de gas natural licuado (planta satélite de GNL) ten unha capacidade de almacenamento de 60 m3.

• A súa capacidade de gasificación de deseño é de 1.200 Nm3/h e a súa capacidade de emisión máxima horaria é de 1.000 Nm3/h.

• A presión máxima de almacenamento é de 5 bar.

• Á saída da planta disponse dunha presión de 2,5 bar, que queda dentro do rango de presión MPB.

• A planta está composta basicamente polas seguintes unidades: unidade de descarga de camións cisterna; unidade de almacenaxe; unidade de regasificación forzada; unidade de regasificación atmosférica; sistema de seguridade, instalación de corte por baixa temperatura; unidade de regulación e medida; unidade de odorización; e sistema de produción de auga quente.

• A planta está situada na paraxe de Chafarís, no termo municipal de Cee (A Coruña).

Obxecto da petición: autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución correspondente á ampliación da capacidade de almacenamento da planta satélite de GNL instalada para a subministración de gas natural aos termos municipais de Cee e Corcubión.

Descrición das instalacións:

Esta ampliación da planta de GNL consiste na instalación dun segundo depósito de 30 m3 de capacidade xeométrica ao lado do depósito existente de 60 m3. Con esta ampliación, as características principais de funcionamento da planta de GNL serán os seguintes:

Características da planta de GNL

Capacidade de almacenamento xeométrica

90.000 l

Capacidade de almacenamento útil

85.500 l

Capacidade de gasificación de deseño

1.200 Nm3/h

Capacidade de gasificación máxima horaria

1.000 Nm3/h

Presión de deseño dos depósitos

5 bar

Presión de traballo dos depósitos

5 bar

Área de autorización: a solicitude de autorización administrativa afecta os termos municipais de Cee e Corcubión, na provincia da Coruña.

Orzamento: corenta e cinco mil setecentos cincuenta euros (45.750 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas naturais ou xurídicas que se consideren prexudicadas nos seus dereitos poidan presentar as súas alegacións no prazo de 20 días a partir da data de publicación desta resolución; poden tamén examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, Edificio Administrativo San Caetano, en Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria, praza de Luís Seoane, s/n.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas