Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Martes, 30 de outubro de 2012 Páx. 40844

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2012, da Secretaría Xeral para o Turismo, pola que se modifica a do 22 de maio de 2012, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a actuacións de mellora dos campamentos de turismo en Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, con código de procedemento TU985A (Diario Oficial de Galicia número 102, do 30 de maio).

A Secretaría Xeral para o Turismo ditou a Resolución do 22 de maio de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a actuacións de mellora dos campamentos de turismo en Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, con código de procedemento TU985A (DOG nº 102, do 30 de maio).

No artigo 17.1 da dita resolución establécese como prazo máximo de xustificación da subvención ata o 30 de novembro de 2012.

Non obstante, debido ao número de solicitudes presentadas e ás dificultades de valoración destas, produciuse un atraso na resolución da convocatoria, polo que é procedente ampliar o devandito prazo para a xustificación da subvención.

De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Proceder á modificación do seguinte artigo:

«Artigo 17. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario terá de prazo ata o 30 de decembro de 2012 para presentar nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria a documentación xustificativa, tanto administrativa como técnica, segundo a modalidade de conta xustificativa conforme o artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Documentación administrativa:

a) Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo VI.

b) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

c) Memoria económica do custo das actividades realizadas que conterá:

1. Relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con indicación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento. Se for o caso, indicaranse as desviacións producidas no orzamento que serviu de base ao seu outorgamento.

2. Facturas orixinais ou copias cotexadas que deberán especificar a que concepto corresponden segundo o investimento que serviu de base para a concesión da subvención, xunto coas certificacións bancarias ou, na falta destas, copias das ordes de transferencia, que xustifiquen o seu pagamento.

En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data posterior á establecida para presentar a xustificación.

De acordo co establecido no artigo 42.3º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de subvencións da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se o gasto é inferior a 1.000 euros poderá aceptarse xustificación do pagamento mediante a presentación da factura co recibo do provedor.

d) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estar ao día nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da Comunidade Autónoma, así como nas obrigas coa Seguridade Social e de non ter ningunha débeda pendente por ningún concepto con ningunha Administración pública. Non obstante, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

e) Declaración actualizada de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. Pode utilizarse actualizado o anexo III (modelo de declaracións).

f) Declaración responsable onde se recollan expresamente os compromisos a que se fai referencia no artigo 15 das bases reguladoras.

g) De ser necesaria, licenza urbanística que posibilitase a execución do investimento subvencionado. O dito documento é preceptivo e non se procederá ao pagamento de ningunha anualidade mentres non se presente.

Documentación técnica:

a) Obras de edificación:

1. Proxecto de execución definitivo da acción subvencionada, que deberá axustarse á oferta máis vantaxosa das inicialmente presentadas. O dito proxecto de execución incluirá o programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, conforme a resolución de concesión, e deberá ser avaliado polo Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Secretaría Xeral para o Turismo.

2. Documento acreditativo ou contrato do nomeamento do director da obra e director da execución material da obra (orixinal ou copia compulsada).

3. Certificación de obra por conceptos, en modelo normalizado que se compón de portada, certificación en orixe, por partidas e capítulos, segundo medicións e prezos recollidos no proxecto de execución, elaborada pola dirección facultativa da obra, relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, certificado de fin de obra.

b) Outras obras: no caso de obras menores os beneficiarios presentarán certificado de fin de obra en consonancia co proxecto de execución asinado por persoal técnico competente.

2. O investimento xustificado ten que coincidir coa resolución de concesión da subvención ou as modificacións autorizadas. De non xustificarse o investimento executado, quedará anulada toda a subvención; non obstante, se a xustificación for inferior ao investimento previsto, sempre que se manteña a finalidade da subvención, minorarase a concesión proporcionalmente ao investimento non xustificado e, para o caso de que o executado non cumpra o fin para o cal se concedeu a subvención, quedará anulada na súa totalidade.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso a secretaria xeral ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común».

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2012

Por suplencia (Orde 14.9.2012, DOG do 17 de setembro)
Secretario xeral de Presidencia
Por delegación de sinatura (Resolución 17.9.2012)
Mª Elena Barca Ramos
Subdirectora xeral de Xestión, Fomento e Cooperación