Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Xoves, 25 de outubro de 2012 Páx. 40187

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2012, do tribunal designado para cualificar as probas dirixidas á obtención e renovación do certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril, pola que se anuncia a exposición pública da relación definitiva de admitidos e excluídos e se determinan as datas, o lugar e os horarios de realización dos correspondentes exercicios.

En sesión do tribunal designado para cualificar as probas dirixidas á obtención e renovación do certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril, convocadas mediante a Resolución do 18 de xuño de 2012, da Dirección Xeral de Mobilidade (Diario Oficial de Galicia nº 135, do 16 de xullo), acordouse, de conformidade co disposto nas bases sexta punto 5 e oitava punto 1 da mencionada resolución:

Primeiro. Facer pública a relación definitiva de admitidos e excluídos para a realización das mencionadas probas e proceder á exposición pública da referida lista definitiva na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e nos taboleiros de anuncios dos servizos centrais da dita consellería, da Dirección Xeral de Mobilidade e dos servizos de mobilidade.

Segundo. As correspondentes probas terán lugar no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa de Madrid, 2-4, As Fontiñas, Santiago de Compostela.

Os ditos exercicios realizaranse nas datas e nos horarios que a seguir se indican:

– Mércores 21 de novembro.

Modalidade por estrada: certificado de conselleiro de seguridade ADR.

Obtención todas as clases: 9.00 horas.

Renovación todas as clases: 10.30 horas.

Modalidade por ferrocarril: certificado de conselleiro de seguridade RID.

Obtención todas as clases: 11.45 horas.

Renovación todas as clases: 13.00 horas.

– Xoves 22 de novembro.

Modalidade por estrada: certificado de conselleiro de seguridade ADR.

Obtención clase 3 e máis: 8.15 horas.

Renovación clase 3 e máis: 9.30 horas.

Obtención clase 1: 8.15 horas.

Obtención clase 2: 10.45 horas.

Renovación clase 2: 12.00 horas.

Obtención materias líquidas: 13.15 horas.

Renovación materias líquidas: 14.30 horas.

Terceiro. Para os efectos de proceder á realización dos correspondentes chamamentos, os aspirantes deberán presentarse ás probas 15 minutos antes do comezo de cada exercicio.

Cuarto. Os interesados serán convocados para cada exercicio en chamamento único, e resultará excluído da súa realización quen non compareza no dito momento.

Quinto. Os aspirantes excluídos por non compareceren no momento do chamamento non terán dereito a que se lles devolvan os importes aboados en concepto de dereitos de exame.

Sexto. Os aspirantes terán que se presentar ás probas provistos do orixinal do seu documento nacional de identidade. En caso contrario, non se permitirá o acceso ao recinto onde se realicen os exercicios a aqueles candidatos que carezan da referida documentación. Tales aspirantes excluídos non terán dereito a que se lles devolvan os importes aboados en concepto de dereitos de exame.

Sétimo. Os interesados deberán levar bolígrafo e, para a realización do suposto práctico, o ADR ou RID e máquina calculadora sen memoria RAM.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2012

Xosé Lluís Fernández Suárez
Presidente do tribunal