Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Luns, 22 de outubro de 2012 Páx. 39860

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 10 de outubro de 2012 pola que se convoca un curso para bombeiros e protección civil sobre prácticas de laboratorio en intervención con mercadorías perigosas.

Dentro das actividades programadas para o ano 2012, en virtude do convenio de formación asinado entre a Academia Galega de Seguridade Pública e a Deputación Provincial de Ourense, anúnciase a convocatoria dun curso para bombeiros e protección civil sobre prácticas de laboratorio en intervención con mercadorías perigosas.

1. Datos da actividade.

Denominación: prácticas de laboratorio en intervención con mercadorías perigosas.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 4.

Modalidade: presencial.

Obxectivos:

– Dotar o persoal dos corpos de bombeiros e protección civil vinculados a plans de autoprotección dos coñecementos elementais de procedemento, uso e manexo do material básico vinculado ás emerxencias químicas.

– Darlles a coñecer aos participantes as técnicas e os procedementos básicos para calquera intervención en sinistros onde estea presente un risco químico, tentar concienciar os alumnos do gran nivel de coñecementos necesarios para prever e atallar as consecuencias máis inmediatas derivadas deste tipo de sinistros.

– Axudar os profesionais do sector a adquirir habilidades que lles dean a serenidade propia do coñecemento previo no caso de ter que intervir de forma real.

Contido:

1. Módulo teórico.

1.1. Equipamentos de protección persoal:

1.1.1. Traxes, cascos, botas, luvas.

1.1.2. Equipamento de respiración autónoma.

1.1.3. Agresións ao organismo humano producidas polas materias perigosas.

1.1.4. Niveis de protección.

1.2. Protocolos de intervención:

1.2.1. Principais riscos que presentan as materias perigosas.

1.2.2. Identificación de materias perigosas. Código europeo.

1.2.3. Métodos de mitigación de incidentes con MMPP.

1.2.4. Manobras básicas de intervención.

2. Módulo práctico.

2.1. Exercicios para adquirir coñecementos sobre as características de todos os elementos e materiais involucrados:

2.1.1. Manexo de fichas de intervención.

2.1.2. Posta de traxes de protección química.

2.1.3. Práctica de laboratorio de control a través de neutralización de vertedura de produto corrosivo.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as:

– Persoal da Administración local de Ourense que desenvolva a súa actividade profesional nos corpos de bombeiros das entidades locais da provincia.

– Traballadores dos equipos ou grupos municipais de intervención rápida dos concellos que requiran cualificación para realizar este tipo de tarefas desde os seus servizos.

– Técnicos das entidades locais da provincia que polo seu posto de traballo estean vinculados coa materia obxecto de estudo no curso.

Prazas ofertadas: 20 prazas.

Reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 8 de novembro de 2012.

As solicitudes de participación e documentación complementaria que se exixa deberán remitirse por escrito ao Negociado de Formación da deputación provincial:

– Por correo electrónico: formacion@depourense.es

– Por correo: Deputación Provincial de Ourense-Negociado de Formación. Rúa do Progreso, 30-2º, 32003 Ourense.

– Ou presentando a documentación no Rexistro Xeral da deputación provincial.

Listaxe de solicitudes seleccionadas: a listaxe de persoas seleccionadas en cada curso exporase oficialmente no taboleiro de anuncios do Negociado de Formación da Deputación Provincial de Ourense, unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes e, asemade, os peticionarios poderán obter información sobre a súa admisión chamando ao teléfono 988 38 51 42 ou consultando na páxina web: www.depourense.es

Criterios de selección:

a) Menor número de cursos realizados polo/a alumno/a solicitante nos últimos cinco anos, segundo conste nas bases de datos da academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos, terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da academia.

c) Antigüidade.

Obrigas das persoas seleccionadas: as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta.

Noutro caso, serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as cales reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: o curso impartirase na Aula Progreso do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación Provincial de Ourense (rúa Progreso, 30-2º, Ourense).

Horario: das 16.30 ás 20.30 h.

Data: 15 de novembro de 2012.

Certificado de asistencia: ao remate da actividade entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nela.

5. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

6. Modificacións e incidencias.

Tanto a Academia Galega de Seguridade Pública como a Deputación Provincial de Ourense poderán modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 10 de outubro de 2012

José Carlos García Bouzas
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública