Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 19 de outubro de 2012 Páx. 39690

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 201/2012, do 4 de outubro, polo que se aproba a agrupación voluntaria dos concellos de Esgos e Xunqueira de Espadanedo, da provincia de Ourense, para o sostemento en común da praza de secretaría-intervención.

Os concellos de Esgos e Xunqueira de Espadanedo, nas respectivas sesións plenarias realizadas o día 23 de xullo de 2012, acordaron aprobar definitivamente a agrupación dos ditos concellos para o sostemento en común da praza de secretaría-intervención e, en consecuencia, elevar o expediente á Xunta de Galicia para a súa aprobación.

Os concellos de Esgos e Xunqueira de Espadanedo atópanse na situación de crise económica que afecta actualmente o noso país; isto, unido a unha situación de constante e permanente perda de habitantes que provoca, ademais dunha regresión demográfica de graves consecuencias, unha diminución da súa capacidade financeira, ao ser a poboación un elemento básico para participar nos ingresos procedentes das administracións públicas, produce como resultado un déficit de financiamento nestes concellos.

Do mesmo xeito, ao lograr unha maior eficiencia e racionalidade dos recursos humanos, a agrupación constitúe unha medida de aforro económico sen a mínima perda de capacidade na xestión administrativa.

No expediente seguíronse os trámites previstos na normativa de aplicación: artigos 2 e 3 e disposición adicional segunda do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo; 165 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e 13 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

Constan os informes favorables da Deputación Provincial de Ourense e da Subdelegación do Goberno de Ourense en Galicia, segundo o disposto no artigo 167.c) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e no artigo 13 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

A competencia para a aprobación da agrupación corresponde á Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de réxime local, segundo dispoñen o artigo 3.b) do Real decreto 1732/1994; o artigo 167 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e o artigo 13 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do catro de outubro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Aprobar a agrupación dos concellos de Esgos e Xunqueira de Espadanedo para o sostemento en común dun posto único de secretaría-intervención, así como os estatutos por que se rexerá a dita agrupación, que forman parte integrante do expediente.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de outubro de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza