Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Xoves, 18 de outubro de 2012 Páx. 39575

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 3 de outubro de 2012, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento de delimitación do Camiño de Santiago Inglés.

O parlamento galego, en exercicio da competencia asumida ao abeiro da Constitución española e do Estatuto de autonomía, aproba a Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos Camiños de Santiago, que, no seu artigo primeiro, dispón: «para os efectos da presente lei, enténdese como Camiño de Santiago todas as rutas históricas recoñecidas documentalmente». No punto terceiro dese mesmo artigo sinálase como ruta principal o denominado Camiño Francés, e no cuarto lese o seguinte: «as outras rutas que se enmarcan na denominación xeral de Camiño de Santiago correspóndense coas actualmente coñecidas como Camiño portugués, Ruta da prata, Camiño do norte, Camiño de Fisterra, Camiño inglés e Ruta do mar de Arousa e Ulla».

O artigo 5 da devandita lei establece o procedemento para a delimitación dos Camiños, que se levarán a cabo mediante expediente incoado para o efecto. En virtude disto, por Acordo do 16 de decembro de 1997, publicado no DOG nº 3, do 7 de xaneiro de 1998, o secretario xeral da Consellería de Cultura e Comunicación Social e Turismo acordou someter a información pública o expediente de delimitación do Camiño Inglés, que percorre os concellos de Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago de Compostela. Con data do 9 de febreiro de 1998, o DOG publica unha corrección de erros en que se matiza que o sometido a información pública é unicamente o trazado. Ese procedemento non foi resolto.

Mediante estudos posteriores revisouse o devandito trazado e procedeuse ao estudo do territorio histórico a el asociado, para efectos da súa delimitación e axeitada protección.

Á vista deses estudos e considerando o interese histórico-cultural do Camiño de Santiago Inglés e a necesidade de dar cumprimento ao establecido pola lei, atendendo ao parecer do Comité Asesor do Camiño de Santiago e a proposta de resolución presentada pola Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, en virtude das competencias atribuídas no Decreto 337/2009, do 11 de xuño, modificado polo Decreto 110/2010, do 1 de xullo,

RESOLVO:

Primeiro. Incoar o procedemento de delimitación do Camiño de Santiago Inglés, segundo a proposta que se concreta no anexo que se xunta a esta resolución.

Segundo. Acordar a apertura do trámite de información pública por un período de dous meses, contados desde o día seguinte á publicación desta resolución no DOG, durante o cal se poderá examinar o expediente nas dependencias do Servizo de Planeamento e Inventario da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (Edificio Administrativo San Caetano, bloque 3-2º, Santiago de Compostela), no Servizo de Patrimonio Cultural da Xefatura Territorial da Consellería na Coruña (rúa Durán Loriga, 3-7º, 15003 A Coruña) e nas oficinas municipais que en cada concello haxa dispostas para estes efectos.

O expediente estará integrado pola seguinte documentación: o informe-proposta da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, no cal se dá conta dos antecedentes, do marco legal e das consideracións técnicas que xustifican a delimitación do trazado e do territorio asociado, a presente resolución de incoación do procedemento de delimitación co seu anexo gráfico (planos a escala 1:20.000), e unha separata por concello (en total 18), coa seguinte información sobre a ruta dentro de cada termo municipal: antecedentes históricos, breve xustificación do trazado do Camiño e do ámbito de protección proposto, descrición pormenorizada do percorrido, descrición e gráficos sobre o estado de conservación do Camiño, descrición breve do ámbito do territorio histórico protexido, listaxe de elementos patrimoniais nel situados, un anexo fotográfico e planos a escala 1:10.000.

Terceiro. Notificar esta resolución aos concellos por cuxos termos discorra o Camiño e anunciala no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2012

José Manuel Rey Pichel
Director xeral do Patrimonio Cultural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file