Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Mércores, 17 de outubro de 2012 Páx. 39442

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 4 de outubro de 2012 pola que se lle concede ao Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, Cesuga, S.L.-University College Dublin, adscrito á Universidade de Dublín, autorización para a efectiva impartición do terceiro curso correspondente aos títulos de Bachelor of Architectural Science and Master of Architecture e de Bachelor of Commerce, conforme o sistema vixente en Irlanda e conducentes á obtención de titulacións non homologadas coas do sistema educativo español.

Polo Decreto 205/2011, do 27 de outubro (DOG do 8 de novembro), concedéuselle ao Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, Cesuga, S.L.-University College Dublin, autorización para implantar os estudos correspondentes aos títulos de Bachelor of Architectural Science & Master of Architecture e de Bachelor of Commerce, conforme o sistema vixente en Irlanda e conducentes á obtención de titulacións non homologadas coas do sistema educativo español.

No artigo 3 do devandito decreto indícase que a efectiva impartición dos cursos de que constan os estudos a que se refire o artigo 1 do citado decreto se fará mediante orde anual da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Pola Orde do 18 de novembro de 2011 concedéuselle autorización ao Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, Cesuga, S.L.-University College Dublin para a efectiva impartición do primeiro e segundo curso correspondente aos títulos de Bachelor of Architectural Science & Master of Architecture e de Bachelor of Commerce, conforme o sistema vixente en Irlanda e conducentes á obtención de titulacións non homologadas coas do sistema educativo español.

Para este fin, e logo da inspección realizada por membros da Secretaría Xeral de Universidades, na data do 19 de setembro de 2012, o centro xustificou ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a contratación de profesorado mantendo as ratios de calidade de profesor/alumno a que se comprometeu no expediente, así como os requisitos relativos aos espazos.

Por todo iso, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1

Conceder ao Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, Cesuga, S.L.-University College Dublin, domiciliado na rúa Feáns nº 152 da Coruña, adscrito á Universidade de Dublín, autorización para a efectiva impartición do terceiro curso, correspondente aos títulos de Bachelor of Architectural Science & Master of Architecture e de Bachelor of Commerce, conforme o sistema vixente en Irlanda e conducentes á obtención de títulos superiores non homologados academicamente cos títulos universitarios do sistema educativo español.

Artigo 2

Aos estudantes que na data de entrada en vigor desta disposición se encontren cursando estudos conducentes aos títulos de Bachelor of Commerce e de Bachelor of Architecture, autorizados polos decretos 241/1995, do 28 de xullo, e 74/2004, do 25 de marzo, seranlles de aplicación as disposicións reguladoras polas cales iniciaron os seus estudos, no que se refire á garantía dos seus dereitos académicos.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2012

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria