Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Xoves, 11 de outubro de 2012 Páx. 39127

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 3 de outubro de 2012 pola que se convoca un curso sobre coordinación de emerxencias municipais e intervención en sinistros, nivel básico.

Dentro das actividades programadas para o ano 2012, en virtude do convenio de formación asinado entre a Academia Galega de Seguridade Pública e a Deputación Provincial de Ourense, anúnciase a convocatoria dun curso sobre coordinación de emerxencias municipais e intervención en sinistros, nivel básico:

1. Datos da actividade.

Denominación: coordinación de emerxencias municipais e intervención en sinistros, nivel básico.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 16.

Modalidade: presencial.

Obxectivos:

– Dotar os participantes duns coñecementos xerais de procedemento, uso e manexo do material básico vinculado á coordinación en emerxencias municipais.

– Adestrar os profesionais do sector nun método de traballo básico para desenvolver as técnicas e procedementos que os leven á correcta xestión dunha emerxencia. Tendo en conta que unha das facetas máis complicadas se centra no control, xestión e dirección dos medios dispoñibles, a primeira parte do curso desenvolve exercicios para identificar calidades de liderado e mando.

– Formar os participantes nas tarefas propias de dirección e control que un mando debe asumir nunha emerxencia, como son as de coñecer e aplicar de forma unificada os plans de actuación e as tácticas de control. Aprender a avaliar riscos e desenvolver un pre-planning de intervención, así como a tomar decisións estratéxicas e tácticas a curto prazo.

– Explicar aos alumnos os procedementos de coordinación en emerxencias, así como os niveis de responsabilidade e modos de operación descritos pola normativa vixente actualmente, tanto de ámbito estatal como autonómico (Lei de emerxencias de Galicia, Pladiga, plans especiais e específicos, etc.).

Contido.

1. Módulo teórico.

1.1. Resumo específico da normativa relativa aos procedementos de coordinación en emerxencias, descrición de niveis de responsabilidade. Modos de operación da Axega (112 Galicia).

1.1.1. Resumo da Lei de emerxencias de Galicia.

1.1.2. Pladiga e plans especiais e específicos.

1.1.3. Pautas básicas dun plan de autoprotección.

1.2. Pautas básicas que é preciso desenvolver na xestión e coordinación de emerxencias.

1.2.1. Calidades de mando e liderado.

1.2.2. Preparación e avaliación en sinistros.

1.2.3. Plan de acción e desenvolvemento destes.

1.2.4. Asignación de tarefas.

1.3. Exercicio de liderado e toma de decisións.

2. Módulo práctico.

2.1. Exercicios de comunicacións e transmisión de información.

2.2. Exercicios de coordinación de medios.

2.3. Desenvolvemento de suposto práctico en formato simulacro de intervención real relacionada con lume en edificación: coordinación de medios e comunicacións e avaliación da toma de decisións.

2.4. Desenvolvemento de supostos prácticos en formato simulacro de intervención real relacionada con sinistro en industria química con lume: coordinación de medios e comunicacións e avaliación da toma de decisións.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as:

– Persoal da Administración local de Ourense que desenvolva a súa actividade profesional nos corpos de bombeiros das entidades locais da provincia.

– Traballadores dos equipos ou grupos municipais de intervención rápida dos concellos que requiran cualificación para realizar este tipo de tarefas desde os seus servizos.

– Técnicos das entidades locais da provincia que polo seu posto de traballo estean vencellados coa materia obxecto de estudo no curso.

Prazas ofertadas.

15 prazas.

Reservarase o 50% das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

Publicación.

Esta actividade formativa, e tamén todas aquelas que se desenvolvan en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP de Ourense

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación.

O prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 17 de outubro de 2012.

As solicitudes de participación e documentación complemetaria que se exixa deberán remitirse por escrito ao Negociado de Formación da Deputación Provincial:

– Por correo electrónico: formacion@depourense.es

– Por correo: Deputación Ourense, Negociado de Formación.

Rúa do Progreso, 30, 2º, 32003 Ourense.

– Ou presentando a documentación no Rexistro Xeral da Deputación Provincial.

Listaxe de solicitudes seleccionadas.

A lista de seleccionados en cada curso exporase oficialmente no taboleiro de anuncios do Negociado de Formación da Deputación de Ourense, unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes; e ao mesmo tempo, os peticionarios poderán obter información sobre a súa admisión chamando ao teléfono 988 38 51 42 ou consultando na páxina web www.depourense.es

Criterios de selección.

a) Menor número de cursos realizados polo/a alumno/a solicitante nos últimos cinco anos, segundo consten nas bases de datos da academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nasactividades da academia.

c) Antigüidade.

Obrigas das persoas seleccionadas.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comuniquen a súa imposibilidade de asistencia con, cando menos, 48 horas de antelación ao comezo desta.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: o curso impartirase no parque de bombeiros de Verín (Polígono industrial de Pazos B7-B8). Verín.

Horario: de 9.30 a 13.30 e de 15.30 a 19.30 horas.

Data de comezo: 24.10.2012.

Data de remate: 25.10.2012.

Certificado de asistencia: ao remate da actividade entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nela.

5. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG nº 30, do 12 de febreiro).

6. Modificacións e incidencias.

Tanto a Academia Galega de Seguridade Pública como a Deputación Provincial de Ourense poderán modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 3 de outubro de 2012

José Carlos García Bouzas
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública