Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Martes, 9 de outubro de 2012 Páx. 38696

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía e Industria

DECRETO 197/2012, do 27 de setembro, polo que se regula a adscrición dos servizos tecnolóxicos da Consellería de Economía e Industria á Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia e se adapta a estrutura orgánica desta consellería.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na súa disposición adicional terceira, autorizou a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia, cando dispón:

«1. Mediante esta lei autorízase a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia, que terá como obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta no eido das tecnoloxías da información e comunicacións e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

2. Esta axencia, en concreto, asumirá os medios persoais e materiais e as competencias que na actualidade corresponden á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, que se suprimirá no momento da creación daquela, sen que supoña incremento ningún de gasto público».

En desenvolvemento da autorización antedita, con data do 21 de xullo de 2011 o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Plan para a posta en marcha da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e para a integración dos servizos tecnolóxicos da Xunta de Galicia, onde se dispón o seguinte: «No momento da súa constitución, á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia incorporaranse os medios persoais, materiais e as competencias que na actualidade corresponden á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, así como o persoal TIC da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Os servizos, recursos económicos e persoal de tecnoloxías da información e comunicacións das distintas consellerías e entidades públicas delas dependentes adscribiranse progresivamente á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia no prazo máximo de catro anos. Para estes efectos, os órganos competentes en cada caso ditarán as normas que resulten precisas para tal fin». Doutra banda, segundo establece o mencionado plan «A integración dos servizos tecnolóxicos de cada consellería implicará, necesariamente, a integración na Axencia de todo o persoal que na actualidade está a desenvolver as súas funcións nas unidades administrativas que se integren na Axencia. Sen prexuízo do disposto anteriormente, integrarase na Axencia todo aquel persoal da escala de tecnoloxías da información das distintas consellerías e entidades públicas delas dependentes. Así mesmo, a integración suporá a transferencia á Axencia dos orzamentos dedicados ás TIC por parte de cada departamento, en concreto, a totalidade do orzamento do capítulo I correspondente á estrutura obxecto de integración; a parte proporcional do gasto do capítulo II imputable ao persoal que compón a estrutura obxecto de integración; a totalidade do orzamento dedicado a gasto ou investimento en TIC xestionado polos diferentes centros directivos».

As previsións anteriores aparecen recollidas igualmente no Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, cando na súa disposición transitoria terceira establece: «Os servizos, recursos económicos e persoal de tecnoloxías da información e comunicacións das distintas consellerías e entidades públicas delas dependentes adscribiranse progresivamente á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia no prazo máximo de catro anos. Para estes efectos, os órganos competentes en cada caso ditarán as normas que resulten precisas para tal fin». Do mesmo xeito, o artigo 6 do decreto antedito dispón: «O persoal adscrito proveniente doutras consellerías ou entidades públicas delas dependentes incorporarase á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia coas súas respectivas dotacións orzamentarias».

Así mesmo, a disposición adicional cuarta do mencionado decreto dispón: «A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia asumirá progresivamente, de conformidade co plan para a posta en marcha da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia e para a integración dos servizos tecnolóxicos da Xunta de Galicia aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 21 de xullo de 2011 e de acordo co disposto na disposición transitoria terceira deste decreto, a prestación de servizos en materia de tecnoloxías da información e comunicacións ás consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma e ás entidades públicas instrumentais do sector público autonómico, de conformidade cos decretos que sexan aprobados para tales efectos».

Finalmente, por Acordo do 21 de xuño de 2012 a Consellería de Economía e Industria e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia comprométense a efectuar o traspaso da prestación de servizos, recursos económicos e persoal nos termos que se concretan no seu anexo. Neste acordo condiciónase expresamente a efectividade dos ditos traspasos á entrada en vigor do decreto que en cumprimento da normativa aplicable se tramite.

Para dar cumprimento ás disposicións normativas transcritas, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e sete de setembro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O actual decreto ten por obxecto dispor a adscrición á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia dos servizos, recursos económicos e persoal dedicados ás tecnoloxías da información e da comunicación da Consellería de Economía e Industria.

Artigo 2. Alcance da adscrición

A adscrición á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia dos servizos, recursos económicos e persoal dedicados ás tecnoloxías da información e da comunicación da Consellería de Economía e Industria efectuarase nos termos do correspondente acordo de traspaso entre esta consellería e a Axencia no prazo máximo dun mes.

Artigo 3. Prestación de servizos tecnolóxicos á Consellería de Economía e Industria

Logo da adscrición, a prestación de servizos en materia de tecnoloxías da información e da comunicación á Consellería de Economía e Industria será asumida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Artigo 4. Adaptación da estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria

Como consecuencia da adscrición modifícase a estrutura orgánica desta consellería no sentido de suprimir a Xefatura do Servizo de Informática.

Disposición transitoria única

As unidades e postos de traballo dedicados ás tecnoloxías da información e da comunicación que se detallan no acordo de traspaso manteranse coas características e competencias que figuraban na anterior estrutura orgánica ata que queden adscritos aos órganos da estrutura orgánica da Axencia previstos nos seus estatutos mediante resolución do órgano competente en materia de función pública, por proposta da Dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira

Efectúanse as seguintes modificacións no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía:

Un. O artigo 5 queda redactado do seguinte xeito:

Artigo 5. Estrutura

A Secretaría Xeral estrutúrase, para o exercicio das súas funcións e baixo a superior dirección do/a conselleiro/a, nas seguintes unidades:

1. Vicesecretaría Xeral.

a) Servizo de Persoal.

b) Servizo de Contratación.

c) Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria.

2. Servizo Técnico-Xurídico.

3. Asesoría Xurídica da Consellería.

4. Intervención Delegada.

Dous. Suprímese o artigo 11.

Disposición derradeira segunda

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de setembro de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria