Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Luns, 1 de outubro de 2012 Páx. 37743

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 20 de setembro de 2012 pola que se regula o exercicio dos dereitos electorais do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia, nas eleccións convocadas para o día 21 de outubro de 2012, polo Decreto 174/2012, do 27 de agosto, de disolución do Parlamento de Galicia e de convocatoria de eleccións.

Convocadas eleccións ao Parlamento de Galicia para o día 21 de outubro de 2012 mediante o Decreto 174/2012, do 27 de agosto, de disolución do Parlamento de Galicia e de convocatoria de eleccións (DOG nº 163, do 28 de agosto), é preciso adoptar as medidas oportunas para facilitar o exercicio dos dereitos e deberes do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, en virtude do previsto nos artigos 28, 76 e 78 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, e no artigo 13 do Real decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais, e demais disposicións concordantes, esta consellería, de conformidade coas facultades que lle confire o artigo 14 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo,

DISPÓN:

Primeiro.

1. O persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que o día das eleccións non goce do seu descanso semanal terá dereito a un permiso retribuído de ata catro horas libres para exercer o seu dereito ao voto, sempre que a súa quenda de traballo, o día 21 de outubro de 2012, coincida, polo menos en catro horas, co tempo en que permanecerán abertas as mesas electorais. Cando o traballo se preste en xornada reducida, efectuarase a correspondente redución proporcional do permiso.

2. O persoal ao servizo da Administración pública de Galicia que teña previsto que na data da votación non se atopará na localidade onde lle corresponde exercer o seu dereito ao voto, ou que non poida exercer o dereito de sufraxio o día das eleccións, disporá, no seu horario laboral, de ata catro horas libres para que poida formular persoalmente a solicitude de certificación acreditativa da súa inscrición no censo, que se recolle no artigo 72 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral, así como para a remisión do voto por correo.

Segundo.

1. O persoal nomeado presidenta/e ou vogal de mesas electorais e os/as que acrediten a súa condición de interventoras/es teñen dereito, durante o día da votación, a un permiso retribuído de xornada completa se non gozan en tal data de descanso semanal, e a unha redución da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior.

2. Os que acrediten a súa condición de apoderados/as teñen dereito a un permiso retribuído durante o día da votación, se non gozan nese día de descanso semanal.

3. A acreditación do persoal nomeado presidenta/e ou vogal de mesas electorais ou da condición de interventoras/es ou de apoderados/as, realizarase mediante a presentación da oportuna xustificación documental na correspondente dirección ou xefatura de persoal.

Terceiro.

O persoal ao servizo da Administración pública de Galicia que se presente como candidato/a ás eleccións que terán lugar o vindeiro 21 de outubro poderá ser dispensado, logo da súa solicitude, da prestación do servizo nas súas respectivas unidades durante a campaña electoral; é dicir, desde as cero horas do venres 5 de outubro de 2012 ata as vinte e catro horas do venres 19 de outubro de 2012. A competencia para a concesión do referido permiso corresponderalle á secretaría xeral técnica de cada consellería.

Cuarto.

As direccións ou xefaturas de persoal das dependencias onde prestan os seus servizos as persoas afectadas por esta orde exixiranlles a estas os oportunos xustificantes expedidos polas mesas electorais de que exerceron o seu dereito ao voto.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2012

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda