Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Venres, 24 de agosto de 2012 Páx. 33927

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se ordena a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 24 de maio de 2012, polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Parque Eólico Cordal de Montouto, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os planeamentos e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 24 de maio de 2012, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Parque Eólico Cordal de Montouto, promovido por Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997, polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento nos concellos de Aranga e Guitiriz queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, modificada pola disposición adicional segunda da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado Parque Eólico Cordal de Montouto.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

ANEXO
Disposicións normativas

1. Adecuación ao planeamento local vixente e prazo para realizalo.

A continuación procédese a analizar a normativa urbanística vixente dos termos municipais afectados e propóñense as modificacións que compatibilizan os usos do parque eólico cos previstos no planeamento vixente, mentres non se adecue este ao proxecto sectorial.

Así mesmo, proponse a normativa que se debe incluír cando se modifique, revise ou se adapte ás seguintes leis:

Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural.

Lei 15/2004, do 29 de decembro, de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

1.1. Adecuación ao planeamento local vixente.

1.1.1. Análise da normativa vixente e proposta de modificacións que compatibilizan os usos do parque cos previstos nos planeamentos vixentes.

O planeamento urbanístico vixente do ámbito territorial afectado pola construción do Parque Eólico Cordal de Montouto é o seguinte:

Concello de Guitiriz: normas subsidiarias do planeamento aprobadas definitivamente o 29 de maio de 1984, Lei 9/2002, do 30 decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural, e Lei 15/2004, do 29 de decembro, de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Concello de Aranga: normas subsidiarias e complementarias do planeamento de Aranga aprobadas definitivamente o día 23 de outubro de 1985, Lei 9/2002, do 30 decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural, e Lei 15/2004, do 29 de decembro, de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

O ámbito territorial afectado pola construción do parque eólico afecta solos non urbanizables, clasificados nos planeamentos anteriores como:

Non urbanizable normal/rústico.

Resulta necesario adecuar a normativa urbanística dos municipios de Aranga e Guitiriz para que así sexa viable a implantación das instalacións do parque eólico, nos termos recollidos no Plan sectorial eólico de Galicia. Non obstante, modificarase o planeamento exclusivamente na área onde se localizan as infraestruturas previstas no proxecto sectorial sen alterar o resto do planeamento.

1.1.2. Proposta da normativa.

Cando se revise o planeamento municipal dos concellos de Aranga e Guitiriz e/ou se adapte á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e á Lei 15/2004, do 29 de decembro, de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, incluiranse as delimitacións sinaladas en planos, cualificando os solos ocupados como solo rústico de protección de infraestruturas coa seguinte normativa:

Ámbito.

Comprende esta categoría de solos as zonas delimitadas nos planos como solo rústico de protección de infraestruturas exclusivamente na área onde se localizan as infraestruturas previstas no proxecto sectorial sen alterar o resto do planeamento co uso permitido de parques eólicos.

Uso do solo.

O uso permitido ou autorizable é o de parques eólicos e someterase a un estudo de impacto ambiental de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e á aprobación dun proxecto sectorial de conformidade co
Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

O uso compatible do terreo será o de aproveitamento agropecuario coas seguintes restricións co fin de garantir que non se vai alterar o potencial eólico e con iso o funcionamento e rendemento enerxético do parque eólico:

Prohibición de levantar edificacións a unha distancia inferior a 120 metros do centro de cada aeroxerador, a excepción do edificio de control/subestación do parque eólico.

Prohibición de plantar árbores a unha distancia inferior a 120 metros do centro de cada aeroxerador.

Condicións de edificación.

As condicións de edificación que se propoñen para o edificio de control e subestación do Parque Eólico Cordal de Montouto serán as seguintes:

Parcela mínima: a sinalada en planos, correspondente á superficie de ocupación e afección das instalacións do edificio de control e subestación do parque eólico.

Edificabilidade máxima:

Edificio de control: 179,71 m2.

Parque intemperie de subestación eléctrica: 336,98 m2.

Non se alterará o estado natural dos terreos nun 85,36 % da superficie da parcela.

Ocupación máxima:

1.334,79 m2 da superficie da parcela en que se sitúen os edificios e contornos pechados (edificio de control e subestación) distribuída do seguinte xeito:

Edificio de control: 179,71 m2.

Parque intemperie de subestación eléctrica: 336,98 m2.

Outros (aparcadoiro, beirarrúas): 220,03 m2.

Resto de explanación: 647,37 m2.

Total: 1.334,79 m2.

Recuamentos:

En todos os casos os recuamentos das construcións son superiores a 5,0 metros respecto aos lindes.

Altura máxima:

A altura máxima medida desde a rasante natural do terreo ao arranque inferior das vertentes das cubertas, medidas no centro das fachadas, será de 3,80 metros.

Condicións estéticas.

O edificio de control realizarase con estrutura de formigón forxado unidireccional e cimentación mediante zapatas illadas, convenientemente arriostradas e co dimensionamento axeitado para os esforzos a que será sometido.

A cuberta é de tella curva cerámica envellecida e proxectouse con faldróns iguais con pendente do 30 %. O desaugadoiro de augas pluviais efectúase mediante baixantes exteriores ao edificio. As devanditas augas non se recollen en rede horizontal de saneamento senón que se verten directamente sobre a beirarrúa perimetral do edificio. Dótase o edificio de rede perimetral de drenaxe.

O cerramento realízase mediante muros de cachotaría careada de granito, de 20 centímetros de espesor. Trasdosado ao granito colócase un muro de ladrillo de oco dobre, o cal vai gornecido, recebado e pintado na súa cara interior vista.

A instalación de desaugadoiro de augas negras condúcese a través dunha rede de saneamento a unha fosa séptica.

Para o peche ou valado da parcela manterase o actual, realizado con materiais tradicionais do medio rural, e para o peche do parque da subestación empregarase tea metálica de simple torsión de arame de aceiro doce galvanizado plastificado en verde, para diminuír o impacto visual, completado con tres filas de arame de aceiro galvanizado de 3 milímetros de diámetro.

Condicións de servizos.

De conformidade co previsto no artigo 42.1.a) da Lei 9/2002, o promotor da infraestrutura enerxética resolverá á súa custa os servizos de acceso rodado, abastecemento de augas, saneamento e depuración e enerxía eléctrica, así como a dotación de aparcadoiros, logo de xustificación da superficie que se propoña.

1.2. Eficacia.

De acordo co establecido no artigo 24 da Lei 10/1995, a aprobación definitiva do proxecto sectorial polo Consello da Xunta, seguindo o procedemento establecido no artigo 25, á marxe de cando adecuen o planeamento, implica para os concellos afectados a obriga de conceder a licenza de obras para as conseguintes instalacións, seguindo os trámites previstos na lexislación de réxime local e do procedemento administrativo común.

1.3. Prazo.

A adecuación do planeamento urbanístico vixente ao proxecto sectorial deberá realizarse coa redacción e tramitación de:

A primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o concello que, obviamente, pode ser expresamente para esta adaptación.

A revisión do planeamento urbanístico municipal vixente.

2. Cualificación das obras e instalacións como de marcado carácter territorial.

De acordo co establecido na modificación do Plan sectorial eólico de Galicia, as obras e instalacións do parque eólico obxecto deste proxecto sectorial cualifícanse expresamente como de carácter territorial e, en consecuencia, quedan exentas das autorizacións urbanísticas a que se refire o artigo 11.4 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal e, en consonancia con este, o artigo 34.4 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e a Lei 15/2004, do 29 de decembro, de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.