Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Martes, 14 de agosto de 2012 Páx. 32566

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

COMUNICACIÓN do 7 de agosto de 2012 pola que se ordena a publicación no Diario Oficial de Galicia da modificación do vixente Regulamento do Parlamento de Galicia.

Vista a certificación do Parlamento de Galicia de dous de agosto de dous mil doce, e resultando que éste aprobou a modificación do vixente Regulamento do Parlamento de Galicia, en virtude das facultades que me confire o Estatuto de autonomía de Galicia e a Lei de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ORDENO:

A publicación da dita modificación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de agosto de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Acordo do Pleno do Parlamento de Galicia, do 2 de agosto de 2012,
polo que se modifica o Regulamento do Parlamento de Galicia

Exposición de motivos.

A progresiva incorporación das mulleres nos últimos anos a todos os ámbitos da sociedade ten tamén a súa manifestación na participación política, e no caso do Parlamento de Galicia acabamos de constatar, por primeira vez na historia, unha composición totalmente paritaria.

Este feito pon de manifesto a necesidade de que a actividade de representación política, igual que noutros ámbitos, se poida realizar con parámetros de igualdade, así como de adoptar medidas para evitar as desigualdades de trato, de forma que se garanta a posibilidade de desenvolvemento do labor das deputadas en parámetros de igualdade respecto dos deputados.

Neste sentido tense comprobado como a libre elección das deputadas para exerceren a súa maternidade pode converterse nun obstáculo para o desenvolvemento das súas obrigas e dereitos de representación, para as que foi escollida polo pobo, impedindo a súa participación nos debates e nas votacións que se desenvolven no Parlamento.

Para evitar que a maternidade constitúa un elemento de discriminación das mulleres, e das deputadas neste caso, non abonda con avances legais para favorecer a compatibilización da maternidade con outras actividades. Resulta imprescindible abordar a reforma do Regulamento da Cámara nunha inequívoca aposta pola igualdade no exercicio de dereitos e obrigas de homes e mulleres, establecendo excepcións no referido á necesidade da presenza nos debates e nas votacións tanto para as deputadas, no caso de maternidade, coma para os deputados, no caso de paternidade.

Á hora de abordar esta reforma cómpre ter en conta a propia natureza do mandato e das funcións de representación que teñen as deputadas e os deputados, da cal deriva, entre outras cuestións, o carácter persoal e indelegable do seu voto, así como o dereito e a obriga de participar nos debates dos asuntos que se sometan á súa consideración.

O carácter persoal e indelegable do voto no exercicio da función parlamentaria deriva do carácter representativo da súa función. A súa plasmación no mandato parlamentario pretende atallar a posible fraude ou perversión da vontade da deputada ou do deputado derivada dunha inadecuada utilización da intermediación. O voto non é certamente un mero mecanismo fáctico senón un dereito que se expresa na participación presencial e activa do parlamentario nun foro de debate democrático, en canto representante do pobo que o elixe. Aínda que como principio xeral debe seguir tendo unha forza traducible e informadora na regulamentación dos procesos de decisión, non se pode descoñecer que os valores constitucionais e estatutarios poden chegar a modular os criterios fixados ata o presente, de xeito que con carácter restritivo se estableza algunha excepción xustificada sobre a base dos valores superiores do ordenamento xurídico galego. Entre eles salienta o principio de igualdade recollido no artigo 4 do noso Estatuto de autonomía como mandato que vincula a todos os poderes públicos dun xeito positivo e non meramente formal.

Da propia Cámara galega teñen emanado disposicións legais que consagran non meramente uns dereitos teóricos senón imperativos concretos que afectan directamente a actuación administrativa da Comunidade Autónoma, os axentes sociais, os operadores económicos, culturais, asociativos etc. Fito importante na liña de dar articulación legal concreta ao principio de igualdade foi a Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, onde se descende a deseñar diversas medidas en defensa dun estatus xurídico, económico, social e cultural xusto para a muller na procura de eliminar todas as discriminacións directas ou indirectas con criterios de transversalidade.

A Lei 2/2007, do 28 de marzo, continuou por ese vieiro, centrando especialmente os esforzos no eido laboral mediante a ruptura coa segregación horizontal derivada dunha condición biolóxica e cultural feminina impropia dunha sociedade democrática avanzada e as súas indesexables consecuencias discriminatorias no mercado laboral.

O Parlamento de Galicia, como elemento central do noso sistema xurídico-político, pretende colocarse en primeira liña na loita contra a discriminación. Para isto, trata de apartar algúns dos obstáculos que determinan a dificultade práctica de compatibilizar a maternidade ou a paternidade co dereito a participar nos asuntos públicos consagrado no artigo 23 da Constitución. Non existe igual dereito se a muller deputada debe optar, na súa realidade cotiá, entre o exercicio da maternidade e o cumprimento das súas obrigas públicas, coma se isto último a forzase a renunciar a un aspecto fundamental do libre desenvolvemento da súa personalidade, que, como é sabido, debe estar na base da orde política (artigo 10 da Constitución).

Desta maneira, procede reformar o artigo 84 do Regulamento co fin de recoller a figura da delegación do voto e do voto telemático para que nos casos en que, por razón de embarazo, maternidade ou paternidade, as deputadas e os deputados non poidan exercer o seu dereito de xeito presencial e directo, poidan escoller de forma voluntaria entre as dúas opcións despois da autorización da Mesa do Parlamento.

Artigo único. Modificación do Regulamento do Parlamento de Galicia

Un. Modifícase o artigo 84 do Regulamento, que queda redactado como segue: 

«Artigo 84

1. Os acordos serán válidos unha vez aprobados pola maioría simple dos membros presentes do órgano correspondente, sen prexuízo das maiorías especiais que establecen o Estatuto de autonomía de Galicia, as demais leis de Galicia e mais este regulamento.

2. Computaranse como presentes nunha votación as deputadas e os deputados da Cámara que malia estaren ausentes fosen autorizados expresamente pola Mesa do Parlamento para participar na devandita votación a través dos mecanismos previstos neste regulamento.

3. O voto das deputadas e dos deputados é persoal e indelegable, agás nos casos de embarazo, maternidade ou paternidade que, por impedir o desenvolvemento da función parlamentaria e unha vez avaliadas as especiais circunstancias, se consideren abondo xustificados. A Mesa do Parlamento, mediante resolución motivada, poderá autorizar que a deputada ou o deputado poida participar nas votacións a través dos sistemas de voto delegado ou voto telemático.

4. O voto delegado: as deputadas e os deputados poderán delegar o seu voto noutra deputada ou deputado do seu mesmo grupo parlamentario. Para tal efecto, a deputada ou o deputado dirixirá escrito á Mesa do Parlamento, en que se farán constar o nome da deputada ou do deputado que delega o seu voto, o nome da deputada ou do deputado que recibe a delegación e o período de duración da delegación ou os debates e as votacións en que se debe exercer. Deberá constar, así mesmo, mediante sinatura, o coñecemento da ou do portavoz do grupo parlamentario correspondente. A delegación non se entenderá prorrogada tacitamente.

5. O voto telemático: as deputadas e os deputados poderán exercer o seu voto telematicamente. Para tal efecto, dirixirán escrito á Mesa do Parlamento, en que se fará constar o seu nome, as votacións ou o período de tempo durante o cal poderá emitir o seu voto a través deste procedemento.

6. Ningunha deputada nin deputado poderá tomar parte, directamente ou mediante delegación, nas votacións sobre resolucións que afecten o seu estatuto de deputados».

Dous. Engádese unha nova disposición derradeira quinta, que queda redactada do seguinte xeito:

«Disposición derradeira quinta

A Mesa do Parlamento habilitará os sistemas tecnolóxicos e técnicos adecuados para garantir a participación nos debates e nas votacións non presenciais previstos neste regulamento e adoptará as disposicións e as medidas necesarias para a posta en práctica deste procedemento e dos métodos de verificación persoal».

Disposición derradeira

Esta reforma regulamentaria entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.