Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 10 de agosto de 2012 Páx. 32286

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 2012, da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, pola que se dá publicidade ao prego de condicións da denominación de orixe Ribeiro.

De acordo co establecido na actual regulación comunitaria do sector vitivinícola, as denominacións de orixe e indicacións xeográficas con protección conforme as normas da anterior organización común do mercado vitivinícola do ano 1999 quedaron protexidas ao entrar en vigor a nova regulación do ano 2008, pero os Estados membros tiñan a obriga de presentar antes do 31 de decembro de 2011, para cada denominación de orixe ou indicación xeográfica, o denominado «expediente técnico», conxunto de documentos que inclúe o prego de condicións do produto protexido, texto onde se recollen tanto os aspectos fundamentais da súa regulación como a xustificación de que se cumpren os requisitos para o rexistro.

Para dar cumprimento a esta obriga, o pleno do Consello Regulador da denominación de orixe Ribeiro aprobou nos últimos meses de 2011 o prego de condicións correspondente á dita denominación, que fora previamente elaborado mediante a colaboración dos servizos técnicos do Consello Regulador cos da Administración. O dito prego de condicións, xunto co resto da documentación necesaria, foi remitido en prazo á comisión Europea a través do entón Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño.

De acordo co establecido na alínea 4 do artigo 118 vicies do R(CE) nº 1234/2007, na súa redacción dada polo R(CE) nº 491/2009, a Comisión poderá decidir, ata o 31 de decembro de 2014, cancelar a protección das denominacións de viños protexidas existentes no caso de que, unha vez revisado o expediente técnico se considere que non se cumpren as condicións establecidas no artigo 118 ter.

A necesidade de coñecemento do prego de condicións da denominación do orixe tanto polos operadores actuais como potenciais, así como pola cidadanía en xeral na súa condición de posibles consumidores e unha maior seguridade xurídica, aconsellan dar publicidade ao dito documento como elemento fundamental da regulación desta denominación.

Por todo o anterior,

RESOLVO:

Dar publicidade ao prego de condicións da denominación de orixe Ribeiro, que foi remitido aos servizos da Comisión Europea en decembro de 2011 desde o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño formando parte do denominado «expediente técnico» con que se tramitou o seu rexistro como denominación de orixe protexida a nivel europeo, conforme o establecido no artigo 118 vicies do R(CE) nº 1234/2007, na súa redacción dada polo R(CE) nº 491/2009. O dito prego de condicións figura como anexo desta resolución. O dito prego de condicións figura como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2012

Tomás Fernández-Couto Juanas
Secretario xeral de Medio Rural e Montes

ANEXO
Prego de condicións da denominación de orixe protexida Ribeiro

1. Nome que se debe protexer.

«Ribeiro».

2. Descrición dos viños.

Os viños que se elaboran baixo a denominación de orixe Ribeiro son viños tranquilos brancos e tintos que se axustan á categoría 1 do anexo XI ter do Regulamento (CE) 1234/2007, regulamento único para as OCM. Tamén se elaboran viños naturalmente doces de uvas pasificadas brancas ou tintas, que se axustan á categoría 15 do devandito anexo e que se comercializan coa denominación, tradicional na zona, «tostado».

As características destes viños son as seguintes:

a) Características analíticas.

Ribeiro branco:

Grao alcohólico total natural mínimo (% vol.)

9

Grao alcohólico adquirido mínimo (% vol.)

9

Contido máximo de azucres totais (g/l expresado en glicosa máis frutosa)

(1)

Acidez total mínima (g/l expresado en ácido tartárico)

4

Acidez total máxima (g/l expresado en ácido tartárico)

9

Acidez volátil máxima (g/l expresado en ácido acético)

0.8 (2)

Dióxido de xofre total máximo (mg/l)

200

Ribeiro tinto:

Grao alcohólico total natural mínimo (% vol.)

9

Grao alcohólico adquirido mínimo (% vol.)

9

Contido máximo de azucres totais (g/l expresado en glicosa máis frutosa)

(1)

Acidez total mínima (g/l expresado en ác. tartárico)

5

Acidez total máxima (g/l expresado en ác. tartárico)

10

Acidez volátil máxima (g/l expresado en ác. acético)

0.8 (2)

Dióxido de xofre total máximo (mg/l)

150

(1) Tanto nos viños brancos como nos tintos, no contido máximo en azucres totais cumpriranse os requisitos que se recollen no anexo XIV parte B do Regulamento (CE) n.º 607/2009 da Comisión, do 14 de xullo, para que os viños teñan a consideración de secos.

(2) Nos viños que foran sometidos a un proceso de envellecemento en madeira por un período superior a tres meses e con idade de ata un ano, a acidez volátil máxima será de 0,85 g/l, e cando a súa idade sexa superior a un ano, de 0,9 g/l máis 0,06 g/l por cada grao alcohólico que supere os 11 % vol., sen superar en ningún caso os límites establecidos pola lexislación vixente ao respecto.

Ribeiro tostado:

Grao alcohólico total natural mínimo (% vol.)

17

Grao alcohólico adquirido mínimo (% vol.)

13

Contido mínimo de azucres totais (g/l expresado en glicosa máis frutosa)

70

Acidez volátil máxima (g/l expresado en ácido acético)

2,1

Dióxido de xofre total máximo para tostado branco (mg/l)

250

Dióxido de xofre total máximo para tostado tinto (mg/l)

200

b) Características organolépticas.

Os viños da DO Ribeiro caracterízanse tradicionalmente por posuíren marcados trazos atlánticos, entre os cales destacan a súa frescura, finura e elegancia, máis ou menos suavizados por certa influencia de clima mediterráneo. Ademais das variacións climáticas entre as distintas colleitas, segundo sexan anadas con climatoloxía de tendencia máis atlántica ou mediterránea, debido á súa característica localización de transición climática van influír no perfil destes viños as distintas orientacións e pendentes da viña, a utilización dunha ou outra variedade así como a tradición da mestura de variedades en proporcións non preestablecidas, os solos de que proveñan as uvas, ben sexa de orixe granítica, metamórficas ou sedimentarias, as distintas prácticas de cultivo permitidas, así como os posibles distintos procesos de elaboración.

De acordo cos distintos tipos de viño que se poden elaborar, as súas características organolépticas son:

Ribeiro branco.

– Aspecto visual do viño:

Transparente con tonalidades que varían do amarelo pálido ao amarelo dourado e reflexos que varían desde tonalidades verdes a tonalidades douradas.

– Descritores olfactivos do viño:

Olores limpos e francos de intensidade media a alta a froitas maduras, froitas frescas, flores, meles, herbas aromáticas, vexetais, balsámicos e especiados.

– Características gustativas:

Frescos, equilibrados, con lixeira estrutura, de volume medio a alto, sápidos, con extracto, aromática retronasal limpa de intensidade media a alta e persistencia media a alta.

Ribeiro tinto.

– Aspecto visual do viño:

Transparente e de capa media a alta, con tonalidades que varían do vermello violáceo ao vermello cereixa e reflexos que varían dende tonalidades violetas a tonalidades tella.

– Descritores olfactivos do viño:

Cheiros limpos e francos de intensidade media a alta a froitas maduras, froitas frescas, flores, herbas aromáticas, lácteos, vexetais, balsámicos e especiados.

– Características gustativas:

Frescos, intensos e equilibrados, con estrutura tánica variable de media a alta, volume medio a alto, con extracto, sápidos, aromática retronasal limpa de intensidade media a alta e persistencia media a alta.

Ribeiro tostado.

– Aspecto visual do viño:

Transparente, con tonalidades que varían do amarelo ámbar ao caoba e reflexos que varían desde tonalidades douradas a tonalidades castañas.

– Descritores olfactivos do viño:

Cheiros limpos e francos de intensidade media a alta a froitas maduras, froitas pasificadas, froitas confeitadas, meles, flores, herbas aromáticas, especiados, balsámicos, tostados, torrefactos, madeiras nobres.

– Características gustativas:

Doces e equilibrados, con moderado frescor, intensos, volume alto e sensación graxa, con extracto e moi sápidos, aromática retronasal limpa de intensidade alta e longa persistencia.

3. Prácticas enolóxicas específicas.

a) Prácticas de cultivo.

As novas plantacións terán unha densidade máxima de 7.000 cepas por hectárea.

A poda anual realizarase en polgar e vara ou deixando o número conveniente de polgares e a condución realizarase con arame ou titores.

b) Elaboración de viños brancos e tintos.

As técnicas empregadas na manipulación de uva, mosto e viño, control de fermentación e do proceso de conservación tenderán a obter produtos de máxima calidade, mantendo os caracteres tradicionais dos tipos de viños amparados pola denominación de orixe. Aplicaranse presións axeitadas para a extracción do mosto ou viño e a súa separación do bagazo, de forma que o rendemento non sexa superior a setenta litros de viño por cada cen kg de uva.

c) Elaboración do viño tostado.

O Ribeiro tostado é un viño naturalmente doce e para a súa obtención realízase un proceso de pasificación natural das uvas en locais cubertos e con axeitadas características de deseño, localización e orientación que permitan a correcta pasificación mediante ventilación natural.

Os sistemas empregados para soportar a uva deberán garantir en todo momento as condicións necesarias para un bo secado e mantemento do axeitado estado sanitario.

O período de secado terá unha duración mínima de tres meses e durante el realizaranse os controis necesarios para evitar perdas na calidade do produto e no correcto estado sanitario. O mosto procedente das uvas pasificadas deberá ter un contido mínimo de azucres de 300 g/litro. O rendemento máximo será de 40 litros de viño por cada 100 kg de uvas pasas.

O viño tostado pasará un proceso de maduración en cubas de madeira de carballo ou de cerdeira, de maneira que o tempo total de contacto coa madeira, incluído, de ser o caso, o investido durante o proceso de fermentación, non sexa inferior a seis meses.

O viño tostado pasará un proceso de maduración en botella non inferior a tres meses.

4. Delimitación da zona xeográfica.

A zona de produción dos viños protexidos pola denominación de orixe Ribeiro está constituída polos terreos que se encontran nos termos municipais e lugares seguintes: concellos de Ribadavia, Arnoia, Castrelo de Miño, Carballeda de Avia, Leiro, Cenlle, Beade, Punxín e Cortegada; as parroquias de Banga, Cabanelas e O Barón, no concello do Carballiño; as parroquias de Pazos de Arenteiro, Albarellos, Laxas, Cameixa e Moldes no concello de Boborás; os lugares de Santa Cruz de Arrabaldo e Untes no concello de Ourense, e do concello de Toén os lugares de Puga, A Eirexa de Puga, O Olivar, o lugar de Feá e Celeirón e a parroquia de Alongos; e o lugar da Touza do concello de San Amaro.

No anexo I deste prego de condicións móstrase de forma gráfica o territorio da denominación de orixe protexida Ribeiro e a súa situación en Europa.

5. Rendementos máximos.

O rendemento máximo na produción de uva é de 30.000 kg por hectárea. Cun rendemento máximo na elaboración dos viños brancos e tintos de 70 litros por cada 100 kg de uva obtense un rendemento máximo de 210 hectolitros por hectárea.

Para a elaboración de viños tostados admítese un rendemento máximo de 12.000 kg por hectárea de uva fresca e 40 litros por cada 100 kg de uva correctamente pasificada.

6. Variedades de uvas de vinificación.

A elaboración dos viños tintos e brancos protexidos realizarase exclusivamente con uvas das variedades seguintes:

– Tintas: caíño tinto, caíño bravo, caíño longo, garnacha tintureira, ferrón, sousón, mencía, tempranillo e brancellao.

– Brancas: treixadura, palomino, torrontés, godello, macabeo, albillo, loureira e albariño.

Os viños tostados brancos elaboraranse exclusivamente a partir de uvas das variedades:

– Treixadura, loureira, torrontés, godello e albariño.

Os tostados tintos elaboraranse coas variedades:

– Caíño tinto, caíño bravo, caíño longo, ferrón, sousón, brancellao e mencía.

7. Vínculo coa zona xeográfica.

7.1. Datos da zona xeográfica.

a) Factores naturais.

Un factor importante, determinante, para que se implantase desde hai tantos séculos e con tal intensidade o cultivo da vide na denominación de orixe Ribeiro é o peculiar clima da comarca, que permite a obtención de uva para a produción de viño de alta calidade sen necesidade de sofisticadas tecnoloxías enolóxicas.

O clima da DO Ribeiro é un factor clave para a súa vocación vitícola, e determina a súa agronomía, variedades de uva, tipos e características dos seus viños. A denominación de orixe localízase na área establecida por Wagner como temperada con catro estacións ben diferenciadas e propicia para a produción de viños de calidade. Entre estas liñas dáse unha moderación nas temperaturas, aridez e ciclo termolumínico durante o período de maduración dos acios que dan lugar a viños con graduacións alcohólicas moderadas e equilibradas coa acidez, de xeito que se obteñen viños con aromas intensos e persoais. En canto ao índice Winkler, que diferencia as zonas pola integral térmica eficaz, a DO Ribeiro encóntrase na súa maioría na zona II, ascendendo nas cotas ou orientacións menos asolladas domina a zona I, e nas cotas máis baixas e insoladas achégase á zona III, o que nos indica que desde un punto de vista térmico se encontra nun ámbito moi apropiado para a produción de viños da máis alta calidade. Para valorar a iluminación considérase o índice heliotérmico de Branas, que establece o límite setentrional para un valor de I =2,60, e na DO Ribeiro obtense un valor medio de 3.9, o que confirma a aptitude heliotérmica para a viticultura coa valoración conxunta da iluminación e as temperaturas eficaces da zona xeográfica. Por outro lado, en canto á viabilidade da produción pola súa posible afección de enfermidades criptógamas, principalmente por mildiu (Plasmopara vitícola), considérase o índice hidrotérmico de Branas, Bernon e Levadoux, que nos proporciona un valor medio arredor dos 3.500, moi por baixo do máximo de 5.200, o que, se ben indica a viabilidade produtiva, tamén nos di que a viticultura na zona estará supeditada a un control constante sobre este tipo de enfermidades.

A DO Ribeiro sitúase na denominada zona de transición de Galicia e presenta un clima moi peculiar que, como xa se indicou anteriormente, é moi apropiado para a produción de viños de calidade baseados na viticultura. Exactamente, sitúase onde empeza a zona de transición, de maneira que presenta un carácter mediterráneo suavizado na súa xusta medida pola influencia atlántica e viceversa. A influencia atlántica é debida a unha escasa distancia ao océano de 45 km cara ao oeste. De feito, esta distancia debería de supoñer un maior carácter atlántico do ámbito, pero a orografía de cadeas montañosas que limita polo oeste a denominación exerce un importante efecto protector, que xera así unha viticultura en situación case marxinal, onde a planta ten certa dificultade para madurecer o froito, conseguindo a necesaria maduración alcohólica de forma paralela á maduración fenólica e conservando un equilibrado frescor propiciado pola acidez natural cun dominio do tartárico sobre o málico.

O carácter lixeiramente continental, en conxunción coas correntes de aire dominantes, provoca unha importante diferenza térmica entre o día e a noite, o que favorece a lenta maduración, e consegue, desta forma, crear e respectar o compoñente aromático e frescor natural.

A influencia marítima que penetra principalmente pola bacía do río Miño crea bandas de ecotonía climática sobre as costeiras, de maneira que se xera un maior carácter atlántico segundo ascende na cota, o que limita o cultivo aproximadamente aos 450 metros de altura para as variedades cultivadas na denominación de orixe. Outro factor tamén importante son os solos e orografía que dominan o ámbito da denominación de orixe Ribeiro, que en moitos casos, ademais de ser propicios, case obrigan ao cultivo do viñedo debido ao seu agreste carácter.

Os solos da DO Ribeiro caracterízanse por estar englobados en tres tipos principais: a maioría deles desenvólvense a partir de materiais graníticos e en menor proporción encontramos os que o fan a partir de materiais metamórficos e os desenvolvidos a partir de materiais sedimentarios.

De entre os materiais graníticos encontramos as granodioritas e granitos tardíos, que ocupan toda a parte central da denominación e se estenden tamén cara ao sur; as granodioritas precoces que abundan pola parte oeste, e os granitos de dúas micas que aparecen distribuídos por todas as zonas. No caso dos materiais metamórficos temos que os micaxistos aparecen nos sectores do oeste e norte, mentres que os xistos verdes o fan nas zonas sur e este. Aínda que con pouca importancia na súa proporción e concretamente na explotación vitícola, tamén aparecen solos derivados de materiais sedimentarios, que aparecen estendidos por toda a denominación, fundamentalmente depósitos coluviais, depósitos aluviais e terrazas fluviais. Os depósitos presentan unha composición en que se mesturan areas, gravas e cantos de cuarzo ou de xisto, que proceden da denudación dos macizos graníticos ou das áreas de xistos próximas.

Danse unha serie de circunstancias, como fortes pendentes e intensidade da acción antrópica e meteorolóxica, que contribúen a reducir a cobertoira vexetal e os materiais orixinais pobres en minerais alterables ou pouco fracturados, e a que o desenvolvemento dos solos sexa escaso en amplas zonas do territorio.

As diferenzas na natureza do material orixinal practicamente só se reflicten na textura: máis areenta no caso dos desenvolvidos sobre granitos e de franca a limosa, no caso dos desenvolvidos a partir de rochas metamórficas.

A composición da fracción coloidal varía en profundidade pero tamén o fai de forma bastante semellante sobre ambos os tipos de materiais: nos epipedóns hai un predominio das arxilas de tipo mica, aínda que poden aparecer vermiculitas, mentres que nos horizontes profundos son máis frecuentes as asociacións de minerais de tipo caolinítico e xibsita, que será o mineral predominante nos saprólitos graníticos.

Desde o punto de vista da fertilidade química habería que destacar o forte carácter ácido, a pobreza en bases e a baixa fixación de fósforo, que son moi probables, tanto nos sectores onde predominan os materiais graníticos como os metamórficos.

Pero débense de diferenciar as características particulares das explotacións vitícolas. O Ribeiro é unha zona de intenso cultivo da viña desde moi antigo, polo menos desde a recuperación da agricultura polos monxes beneditinos cara ao final do primeiro milenio e ata agora, polo que as características dos solos cultivados difiren notablemente das dos solos naturais e poderiamos falar de solos antrópicos, xa que o home vén cultivándoos e mellorándoos ao longo de xeracións, posto que esta bisbarra figura entre as que teñen unha maior tradición de agricultura comercial en Galicia e neles a fertilización practícase de forma intensiva e desde hai moito tempo.

Ademais, tamén hai que ter en conta que practicamente todos os solos de cultivo da zona están socalcados para aumentar o seu espesor e diminuír a pendente, e facilitar así a súa labra e o aproveitamento das abas e a consecuente insolación. Solos con constantes labores agrícolas e técnicos para a construción de socalcos, o que, pola súa vez, favoreceu a aparición de particulares condicións agroclimáticas, influíron nas súas propiedades e na súa evolución.

En xeral, os solos dedicados á explotación vitícola caracterízanse por ser antrosoles cumúlicos asociados a cambisoles ou regosoles dístricos, que se distribúen polos tramos finais dos noiros e vertentes e os sopés que marcan a transición cara ás veigas. Polo xeral son solos en forma de socalcos, nos cales se fan patentes as transformacións ocasionadas polo manexo agrícola que se reflicte na frecuencia con que aparecen os horizontes A mólicos (ás veces ócricos), que pode descansar ou non sobre un B cámbico máis ou menos desenvolvido, que dá paso a horizontes dun ciclo máis antigo.

Desde o punto de vista das súas propiedades e aptitude agronómica, diremos que, polo xeral, os solos de cultivo dispoñen dunha profundidade media efectiva que oscila entre 70 e 100 cm e que apenas presentan diferenciación de horizontes no seo do perfil. Os seus elevados contidos en area, sobre todo no horizonte superficial, contrastan co escaso contido en arxila (por baixo do 20 %), polo que predominarán as texturas franco-areentas e mesmo areo-francosas, salvo nos sectores en que aparecen desenvolvidos a partir de sedimentos aluviais, que adoitan dar texturas francas ou rochas metamórficas de texturas máis finas.

O seu carácter areento é un factor importante por minimizar a capacidade de campo xa que, se ben a integral pluviométrica na DO Ribeiro é relativamente alta, esta minimízase significativamente desde a floración ata a maduración, o que propicia certo estrés hídrico que favorece claramente a calidade final da uva.

Normalmente son solos de reacción ácida, pobres en materia orgánica porque neles o viñedo adoita sucederse a si mesmo desde hai moitas xeracións, moi desaturados, cun contido en calcio que tende a ser baixo.

b) Factores humanos.

Como consecuencia das características agroclimáticas naturais da comarca e a explotación vitícola, xérase unha importante e longa historia, tanto desde un punto de vista agrícola como sociocultural e económico, que, pola súa vez, modifica as condicións ambientais iniciais.

A historia do viño ribeiro remóntase á implantación do cultivo da vide de forma intensiva nos primeiros séculos do período imperial romano, século I d.C. As plantas de orixe mediterránea introducidas por estes non encontraron nestas zonas as condicións climáticas necesarias para un óptimo desenvolvemento, e sufriron ao longo da historia múltiples hibridacións con vides locais, ata obter finalmente as actuais variedades autóctonas mellor adaptadas ás condicións da zona. Así, no século III, no Ribeiro xa se dispoñería dun complexo varietal relativamente ben axustado ás súas condicións ecoclimáticas. Posteriormente, as invasións xermánicas supuxeron un forte retroceso na historia da viticultura na bisbarra, aínda que o cultivo da vide non desapareceu. Tras esta etapa, na Alta Idade Media volveu rexurdir con forza o cultivo da vide no Ribeiro, de xeito que constituía un dos principais cultivos ás portas do ano mil. Durante esta etapa, os máis importantes centros eclesiásticos galegos asentaron no Ribeiro granxas e priorados para prover de viño ribeiro as adegas das súas sedes principais. Os mosteiros foron os grandes impulsores do viñedo, e incentivaron a súa plantación por medio de contratos de aforamento. O mesmo acontece con importantes familias aristocráticas, grandes e medianos propietarios, que mostraron interese por adquiriren viñas no Ribeiro no século XI.

O florecente comercio e o aprecio polos viños do Ribeiro quedan reflectidos na aprobación dun decreto en que figuran os prezos dos víveres que se comercializaban en Santiago de Compostela en 1133. Entre eles, detállase o viño ribeiro como o máis caro de cantos se vendían na poboación. Uns séculos máis tarde os ingleses converteríanse nos principais clientes para o produto fóra da península. Para a súa comercialización, o viño levábase a cabalo, en odres, cara a Ourense, Santiago, Tui ou Pontevedra, centros de consumo pero tamén de redistribución. Pontevedra é o principal porto para o seu transporte marítimo, seguido dos de Vigo, Baiona e A Coruña. Desde estes portos saía en dirección ao Golfo de Biscaia, chegando a Bretaña, Flandes e, principalmente, Inglaterra. Pero os ribeiros aínda foron máis lonxe. Os viños da bisbarra tamén navegaron nos barcos que levaron aos primeiros colonos a América, que foron uns dos primeiros que se degustaron no Novo Mundo.

Ante o intenso fluxo económico xerado empeza a xurdir o comercio fraudulento, polo que para garantir a calidade e protexer o produto, xa en 1579 as ordenanzas municipais de Ribadavia especificaban zonas de cultivo (parroquias) e aspectos relacionados coa produción do viño e a súa comercialización, para tentar evitar a adulteración deste e a picaresca que pretendía facer pasar por ribeiro outros produtos de cuestionable procedencia. As devanditas ordenanzas son un precedente dos regulamentos das actuais denominacións de orixe. A Organización Mundial da Propiedade Intelectual recoñéceas como os primeiros indicios de protección dunha indicación xeográfica no dereito español.

Durante todo o século XVI e a primeira metade do XVII, o Ribeiro gozaba dun comercio florecente, era unha das maiores riquezas de Galicia, ata que as pragas de procedencia americana asolaron a bisbarra durante o século XIX. En 1853 chegou o oídio; a segunda praga, en 1886, foi o mildiu; e a terceira, desde 1890, foi a filoxera, o que fixo necesario enxertar as vides en pés americanos e propiciou a introdución de variedades foráneas, máis resistentes e produtivas en detrimento da calidade e que aínda agora –ben que en recesión– persisten na zona.

En 1932 a denominación de orixe Ribeiro queda protexida coa publicación do Estatuto do Viño, que foi elevado a lei o 26 de maio de 1933. Posteriormente, constituiríase o Consello Regulador mediante a Orde do 6 de decembro de 1956, e foi aprobado o primeiro regulamento do Ribeiro o 31 de xullo de 1957. O segundo regulamento foi aprobado pola Orde do 2 de febreiro de 1976, a cal foi modificada mediante a Orde do 19 de abril de 2004, publicada no Diario Oficial de Galicia o 28 de abril. A devandita modificación realizouse para incluír como produto amparado o viño tostado do Ribeiro segundo a súa histórica elaboración nesta denominación de orixe e por tratarse dun viño naturalmente doce que constitúe unha das máximas expresións dos grandes viños do Ribeiro. Actualmente a denominación de orixe Ribeiro réxese por un terceiro regulamento, do 31 de xullo do 2009.

7.2. Datos do produto.

Na DOP Ribeiro conviven variedades brancas e tintas, pero son as primeiras as máis abundantes e por iso son os viños brancos os máis característicos desta comarca. As características de ambos os tipos de viños están moi relacionadas coas variedades con que se elaboran, que son na súa maioría variedades autóctonas, entre as cales destaca a variedade branca treixadura. Como resultado obtéñense uns viños brancos, frescos e afroitados, de cor entre amarela pálida e amarela dourada, que se consomen na súa maioría no primeiro ou segundo ano. Os tintos, con cor entre vermello violáceo e vermello cereixa, son frescos, intensos e equilibrados e tamén se consomen preferentemente novos.

Por outra parte, o tostado é un viño doce obtido a partir da selección das mellores uvas, principalmente brancas das variedades autóctonas, que se someten a un proceso de pasificación en locais con ventilación natural para despois proceder á súa elaboración. Trátase, por tanto, dun produto moi característico da vitivinicultura da bisbarra, moi apreciado e custoso de producir, que entrou en decadencia durante o século pasado, coincidindo coa desaparición das casas máis poderosas que o elaboraban e que se está a tentar recuperar desde hai algúns anos.

7.3. Interacción causal.

Como resumo do xa indicado, podemos apuntar que as características dos diferentes solos da zona xeográfica, unidas ás condicións climáticas existentes e aos contrastes da súa orografía, conforman unha zona cunhas características naturais óptimas para o cultivo da viña, de xeito que se obtén un produto final específico e singularizado adaptado perfectamente ao medio.

As variedades presentes son principalmente variedades autóctonas, seleccionadas ao longo dos anos polos viticultores da zona. Por iso, as variedades utilizadas están adaptadas e toleran as condicións edafoclimáticas existentes, o que orixina unha serie de viños específicos desde o punto de vista fisicoquímico e sensorial.

Tamén ao longo dos séculos os viticultores desta rexión foron buscando as mellores zonas para o cultivo, en terreos ben orientados e cos solos máis axeitados, os que foron sometendo ás correccións necesarias para mellorar a súa fertilidade e sobre os cales, en moitas ocasións, tiveron que construír muras para conter o terreo, frecuentemente en costeiras, configurándose, así, unha paisaxe singular modelada polo home.

Ademais, na calidade e características específicas do produto é de grande importancia o esmero con que traballan os produtores locais –que coñecen as súas viñas grazas á sabedoría que dá unha longa experiencia no seu coidado– tanto na condución e na poda das cepas, para un axeitado control do potencial vitivinícola, como na selección da uva, que se vendima manualmente no momento en que, ao seu xuízo, está no óptimo de madureza. Todo o anterior unido a unha elaboración baseada nos métodos tradicionais pero á cal se engadiu o uso da moderna tecnoloxía enolóxica, permite que os viños da DOP Ribeiro sexan dos máis coñecidos polos consumidores españois, e cada vez máis nos mercados exteriores.

8. Disposicións aplicables.

a) Marco xurídico.

Lexislación nacional.

Resolución do 14 de setembro de 2009, da Dirección Xeral de Industria e Mercados Alimentarios do MARM, pola que se publica a Orde do 30 de xullo de 2009 pola que aproba o Regulamento da denominación de orixe Ribeiro e do seu Consello Regulador.

b) Requisitos aplicables.

En particular, esta disposición establece os seguintes requisitos adicionais:

b.1) Requisitos para a elaboración e o embotellamento.

Nas adegas inscritas nos rexistros da denominación de orixe Ribeiro unicamente se poderán introducir uvas procedentes das viñas inscritas e mosto ou viño procedente doutras adegas inscritas. Non obstante autorízase a recepción de uvas, elaboración e almacenaxe de viños non pertencentes á denominación de orixe que procedan de viñedos inscritos, sempre que estas operacións, así como a manipulación e almacenaxe dos produtos obtidos, se realice de forma separada das correspondentes aos produtos que opten a seren amparados pola denominación de orixe, coa debida identificación dos envases e segundo as normas que se establezan.

O transporte e embotellamento fóra da zona de elaboración constitúe un risco para a calidade do viño, xa que se pode ver exposto a fenómenos de óxido-redución, variacións de temperatura e outros, tanto máis graves canto maior sexa a distancia percorrida. O embotellamento en orixe permite preservar as características e calidade do produto. Este feito, unido á experiencia e coñecemento profundo das características específicas dos viños adquiridos durante anos polas adegas da denominación de orixe Ribeiro, fan necesario o envasamento en orixe, para preservar así todas as características fisicoquímicas e organolépticas destes viños.

Os envases para a comercialización do viño amparado pola denominación de orixe serán de vidro, das capacidades autorizadas pola normativa vixente e o Consello Regulador, coa exclusión expresa das botellas dun litro. Excepcionalmente poderanse autorizar envases doutros materiais que non prexudiquen a calidade ou prestixio dos viños protexidos.

b.2) Requisitos para a etiquetaxe.

Antes da posta en circulación de etiquetas comerciais ou calquera outro elemento identificador da botella, estas deberán de ser autorizadas polo Consello Regulador, que comprobará os aspectos relativos ás normas da denominación de orixe.

Nas etiquetas dos viños embotellados figurará sempre a mención Ribeiro, así como o logotipo da denominación de orixe que figura no anexo II deste prego de condicións.

Na etiquetaxe dos viños de uva pasificada amparados por esta denominación de orixe incluirase ademais a mención «tostado».

Para a denominación de orixe protexida Ribeiro, o termo tradicional a que se refire o artigo 118 duovicies.1a) do Regulamento (CE) n.º 1234/2007 do Consello, do 22 de outubro de 2007, regulamento único para as OCM, é «denominación de orixe». Segundo se establece no artigo 118 sexvicies.3.a) do citado regulamento, tal mención tradicional poderá substituír na etiquetaxe dos viños a expresión «denominación de orixe protexida».

As marcas comerciais que se empreguen na comercialización de viños da denominación de orixe Ribeiro non se poderán empregar na comercialización doutros viños.

Calquera que sexa o tipo de envase en que se expidan os viños para o consumo, irán provistos de precintas de garantía ou contraetiquetas numeradas, expedidas polo Consello Regulador, que deberán se colocadas na propia adega de acordo coas normas que se establezan, de maneira que non se permita unha segunda utilización.

b.3) Requisitos para o control.

Os diferentes operadores deben inscribirse, segundo corresponda, nos seguintes rexistros:

– Rexistro de viñas.

– Rexistro de adegas.

– Rexistro de locais de pasificación.

Os devanditos operadores soamente poderán ter almacenadas as súas uvas, mostos ou viños en terreos ou locais declarados nos rexistros, e perderán, en caso contrario, o dereito ao uso da denominación de orixe protexida.

As viñas inscritas deberán de estar formadas polas variedades de uvas de vinificación autorizadas.

Ademais, son necesarias as seguintes declaracións para o control:

– Todas as persoas físicas ou xurídicas inscritas no rexistro de viñas presentarán, unha vez finalizada a recolección e, en todo caso, antes do 30 de novembro de cada ano, declaración da colleita obtida, indicando o destino da uva e, en caso de venda, o nome do comprador. Se se producen distintos tipos de uva, deberán declarar a cantidade obtida de cada unha delas.

– Todas as empresas inscritas no rexistro de adegas deberán declarar, antes do 30 de novembro de cada ano, a cantidade de mosto e viño obtido, e especificar os diversos tipos que elaboren. Será obrigatorio consignar a procedencia da uva e o destino dos produtos que se expidan, indicándose destinatario e cantidade sempre segundo o procedemento que se estableza.

Toda expedición de uva, mosto ou viño que teña lugar entre operadores inscritos, aínda que proceda da mesma razón social, levarase a cabo coa documentación exixida pola lexislación aplicable, e remitirase copia ao Consello Regulador. A mesma obriga corresponderá no caso de que o destino do transporte sexa unha adega ou instalación non inscrita. O expedidor comunicará previamente ao Consello Regulador toda expedición.

9. Controis.

a) Órgano de control.

O Consello Regulador da denominación de orixe protexida Ribeiro ten identificado na súa estrutura un órgano de control e de certificación de acordo co disposto no artigo 15.1º letra b) da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; e no artigo 65 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. De acordo coas devanditas normas, o Consello Regulador é unha corporación de dereito público tutelada pola Consellería de Medio Rural e do Mar e os seus inspectores están habilitados por esta e teñen a condición de autoridade no exercicio das súas funcións de control.

– Nome: órgano de control e certificación do Consello Regulador da denominación de orixe Ribeiro.

– Enderezo: r/ Salgado Moscoso, nº 11, 32400 Ribadavia (Ourense).

– Teléfono: 0034 988 47 72 00.

– Fax: 0034 988 47 72 01.

– Correo electrónico: controldecalidade@ribeiro.es

b) Tarefas.

b.1) Alcance dos controis.

Análises químicas e organolépticas.

O órgano de control verifica que os elaboradores realizan análises químicas e organolépticas de todas as partidas de viño para comprobar que cumpren os requisitos establecidos no punto 2 deste prego de condicións. Para a realización das análises organolépticas os operadores utilizan o panel de cata con que conta o Consello Regulador.

O Consello Regulador entrega contraetiquetas cunha codificación específica para cada botella de cada partida destinada a ser comercializada coa denominación de orixe protexida Ribeiro que se axuste aos parámetros establecidos. As partidas que non reúnan as características analíticas e organolépticas do punto 2 deste prego de condicións non obterán as contraetiquetas e non poderán ser comercializadas baixo o nome da denominación de orixe protexida.

Operadores.

O órgano de control comproba que os operadores teñen capacidade para cumprir os requisitos do prego de condicións. En particular, comproba que os produtores e elaboradores dispoñen dun sistema de autocontrol e rastrexabilidade que permite acreditar as especificacións en canto a procedencia da uva, variedades empregadas, rendementos da produción, rendementos da extracción do mosto e análise dos parámetros químicos e organolépticos.

Produtos.

O órgano de control, mediante a toma de mostras, verifica que o viño comercializado baixo a denominación de orixe cumpre as especificacións establecidas no punto 2, utiliza axeitadamente a contraetiqueta asignada e se cumpren as demais condicións que se recollen neste prego de condicións.

b.2) Metodoloxía dos controis.

Controis sistemáticos.

O órgano de control realiza controis sistemáticos do sistema de autocontrol dos operadores que elaboran ou comercializan viño baixo o amparo da denominación de orixe protexida cos obxectivos seguintes:

– Verificar que a uva, o mosto e o viño son orixinarios da zona de produción.

– Controlar o cumprimento das especificacións no referente a variedades e rendemento da produción da uva.

– Comprobar que se realiza unha xestión da rastrexabilidade desde a produción de uva ata o envasamento.

– Comprobar que se realizan análises químicas e organolépticas de todas as partidas de viño que permitan acreditar o cumprimento das características definidas no punto 2 deste prego de condicións.

Controis aleatorios.

O órgano de control fai controis aleatorios para comprobar a rastrexabilidade das partidas e o cumprimento dos parámetros analíticos.

missing image file