Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 13 de xullo de 2012 Páx. 28117

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

CÉDULA do 27 de xuño de 2012 pola que se notifica a resolución da imposición dunha multa coercitiva derivada do expediente IU1/79/2010-A1.

A directora da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística ditou, o 24 de abril de 2012, resolución pola que se impón a José Manuel Ardións López e a Ana Isabel Pérez Varela unha multa coercitiva derivada do expediente de reposición da legalidade urbanística IU1/79/2010, que fora incoado polas obras consistentes na construción dunha edificación con tipoloxía de vivenda, sobre soleira de formigón e un alpendre de madeira, no lugar de Palomas (Serantes), no concello de Oleiros, provincia da Coruña.

Ao non poderse realizar a notificación persoal daquela resolución aos citados interesados, mediante esta cédula, e ao amparo do disposto no artigo 59.5º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRXPAC), notifícaselle aos interesados a devandita resolución.

Tendo en conta que, en atención ao previsto no artigo 61 da LRXPAC, o acto non se publica na súa integridade, fáiselle saber aos interesados que o texto íntegro da resolución que se lle notifica se encontra ao seu dispor nas dependencias da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística sitas no edificio Witland 1º andar, Salgueiriños, en Santiago de Compostela, para a súa consulta no prazo de 10 días hábiles, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación desta cédula. Transcorrido o devandito prazo a notificación entenderase producida.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte a aquel en que teña producido a notificación, ante a directora da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, advertíndolle que o recurso unicamente será admisible por motivos de infracción do ordenamento inherentes á imposición desta multa coercitiva, e que será motivo de inadmisión a reiteración das mesmas razóns que se esgrimiron ou puideron esgrimirse fronte á resolución da cal este acordo é un mero acto de execución.

No caso de non exerceren o seu dereito a presentar recurso potestativo de reposición, poden interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o xulgado do contencioso-administrativo en cuxa circunscrición se sitúe o inmoble afectado, conforme ao disposto no artigo 14.1º regra terceira da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Para que conste e sirva de notificación aos citados interesados, en cumprimento do disposto no artigo 59.5º da LRXPAC, expido e asino esta cédula.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2012

José M.ª Domínguez Blanco
Subdirector da Axencia da Protección da Legalidade Urbanística