Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 2 de xullo de 2012 Páx. 26124

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2012, da Secretaría Xeral para o Turismo, pola que se establecen as bases reguladoras en réxime de concorrencia competitiva de subvencións a entidades privadas para incentivar o turismo mediante a creación de hoteis-balneario e hoteis-talaso na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria no ano 2012, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, ten entre as súas finalidades potenciar a oferta turística galega a través de medidas de fomento que permitan modernizar e profesionalizar o sector turístico e as súas infraestruturas, e mellorar a calidade e a competitividade da oferta turística.

O Plan de acción 2010-2013 é o resultado da iniciativa do Debate do Estado de Turismo que tivo lugar entre xullo e novembro de 2009, e conta coa participación dos axentes sociais do sector turístico, desde empresarios ata universidades, pasando por padroados provinciais, asociacións, representantes políticos etc. e que serviu como base para conducir a política de actuación turística da Xunta de Galicia para o presente período lexislativo. O obxecto do presente documento é establecer cales deben ser as liñas básicas de actuación en materia turística do goberno galego a medio prazo. O plan recolle actuacións para levar a cabo unha xestión integral nos vindeiros anos e converterse, así, nunha ferramenta de traballo ao servizo do sector. Entre os seus obxectivos prioritarios están incrementar o peso do turismo no PIB, mellorar o salario medio do sector, aumentar a estadía media e o gasto medio dos turistas que nos visitan.

Preténdese, entre outros obxectivos, o estímulo á creación de infraestruturas para promover o desenvolvemento empresarial e o fomento dos hoteis.

A Secretaría Xeral para o Turismo é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao que lle corresponden as competencias en materia de promoción e ordenación do turismo dentro da comunidade. Esta mantén un decidido apoio ao fomento do turismo como factor de desenvolvemento eficiente da actividade económica.

O territorio, os recursos culturais, naturais e a paisaxe de Galicia contan con indubidable atractivo turístico. Estes factores fan preciso que a oferta turística galega tente posuír un neto carácter diferenciado, fundado na calidade e excelencia como factores clave de decisiva competitividade no mercado.

A finalidade perseguida é a de promover a imaxe de Galicia, neste caso das súas instalacións hoteleiras, fomentando a creación das nosas infraestruturas hoteleiras de saúde e benestar baseadas nas riquezas das nosas augas (mineromedicinais, termais e mariñas), e a promoción, potenciación e desenvolvemento das augas termais como un dos elementos primordiais do noso turismo.

O anterior amosa que resulta conveniente atender á necesidade de que se potencie a creación e mellora dos hoteis e se fomente á clasificación do turismo de Galicia como un turismo de calidade.

Por todo isto a Administración turística galega, dentro das súas liñas de obxectivos, continúa implementando unha serie de medidas de fomento destinadas á creación de hoteis-balneario e hoteis-talaso dedicados ao turismo de saúde, que contribúan a renovar a oferta da planta hoteleira de Galicia.

Por outra parte, o Programa operativo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia 2007-2013 é un documento de programación comunitaria aprobado pola Comisión Europea que recolle a articulación da estratexia da Xunta relacionada con distintos eixes prioritarios de intervención. Nestes eixes establécense medidas dirixidas á mellora da calidade de vida e medidas para mellorar os servizos turísticos.

Así mesmo, o Decreto 12/2012, do 4 de xaneiro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, dispón que é de aplicación á Secretaría Xeral para o Turismo o establecido na disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia (DOG núm. 119, do 19 de xuño), modificado polo Decreto 52/2012, do 26 de xaneiro (DOG núm. 21, do 31 de xaneiro), que desconcentra na secretaria xeral a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencias.

Así, para os efectos de aumentar as infraestruturas turísticas que dan servizo aos visitantes de Galicia e, deste xeito, axudar á mellora global da oferta turística de Galicia é polo que, con cargo aos créditos orzamentarios da Secretaría Xeral para o Turismo asignados para esta finalidade, e consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei, e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, convócanse axudas destinadas a incentivar o turismo mediante a creación de hoteis-balneario e hoteis-talaso na Comunidade Autónoma de Galicia.

Estas axudas sométense ao réxime xeral de axudas establecido no Decreto 432/2009, do 11 de decembro, polo que se regulan as axudas rexionais ao investimento e ao emprego na Comunidade Autónoma de Galicia (publicado no DOUE o 16 de febreiro de 2010, con número de axuda X 28/2010), en aplicación do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado; e, por todo isto

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases específicas, que se inclúen como anexo I, polas cales se rexerá a concesión das subvencións da Secretaría Xeral para o Turismo, en réxime de concorrencia competitiva, para incentivar o turismo mediante a creación de hoteis-balneario e hoteis-talaso, na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2012.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse no Rexistro Único da Xunta de Galicia ou por calquera outro dos restantes medios previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Artigo 5. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral para o Turismo, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Secretaría Xeral para o Turismo (www.sxturismo.org)

b) Os teléfonos 981 54 63 79 e 981 54 63 78 e o fax 981 54 63 71 da devandita secretaría xeral.

c) Enderezo electrónico axudas.turismo@xunta.es

d) Presencialmente.

Artigo 6. Réxime de recursos

A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral de Turismo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2012

P.D. (Resolución 19.6.2012)
Andrés González Murga
Subdirector xeral de Xestión, Fomento e Cooperación

ANEXO I
Bases reguladoras específicas para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a entidades privadas para incentivar o turismo mediante a creación de hoteis-balneario e hoteis-talaso, na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012 (TU988A)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. A subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a mellora da infraestrutura turística da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a incentivación a entidades privadas para:

– Creación de hoteis-balneario.

– Creación de hoteis-talaso.

2. As axudas reguladas nesta resolución establécense ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 210, do 31 de xullo de 2006) para o período 2007-2013, de acordo co establecido na Orde EHA 524/2008, do 26 de febreiro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Feder e o Fondo de Cohesión.

Estas axudas axústanse ao obxecto establecido no eixe 5 (Desenvolvemento sustentable local e urbano). Tema prioritario 57 (Axudas á mellora dos servizos turísticos). Actuacións de fomento do turismo (5.57.2), do Programa operativo de Galicia Feder 2007-2013.

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao Decreto 432/2009, do 11 de decembro, polo que se regulan as axudas rexionais ao investimento e ao emprego na Comunidade Autónoma de Galicia, en aplicación do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías) (DOUE L 214, do 9 de agosto de 2008).

3. En concreto, poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta resolución, os seguintes investimentos:

Liña A) de axudas destinadas a proxectos de creación de hoteis-balneario.

Liña B) de axudas destinadas a proxectos de creación de hoteis-talaso.

Liña C) de axudas destinadas ao equipamento dos proxectos de creación das liñas A) e B).

– Equipamento subvencionable para habitacións. Considérase investimento subvencionable o correspondente ao seguinte equipamento: camas, mesas de noite, mesas auxiliares/escritorio, cadeiras, butacas, sofás, lámpadas, minibares e colchóns.

O investimento subvencionable detallarase a través dunha relación por partidas, sen que no seu importe estea engadido o IVE, e calcularase en función da categoría e do número de cuartos tendo en conta o custo máximo por cuarto segundo o seguinte cadro:

Hotel

Nº cuartos: 0/50

Nº cuartos: 51/100

Nº cuartos: + 100

Cinco estrelas

9.000,00 €/cuartos

6.750,00 €/cuartos

5.850,00 €/cuartos

Catro estrelas

7.000,00 €/cuartos

5.250,00 €/cuartos

4.550,00 €/cuartos

Tres estrelas

5.000,00 €/cuartos

3.750,00 €/cuartos

3.250,00 €/cuartos

Dúas estrelas

3.200,00 €/cuartos

2.250,00 €/cuartos

1.950,00 €/cuartos

Unha estrela

1.500,00 €/cuartos

1.125,00 €/cuartos

975,00 €/cuartos

– Equipamento subvencionable para espazos comúns: lobby/recepción, salón social, salóns e/ou salas e corredores. Considérase investimento subvencionable o correspondente ao seguinte equipamento: mesas, cadeiras, butacas, sofás, lámpadas.

O investimento subvencionable detallarase a través dunha relación por partidas, sen que no seu importe estea engadido o IVE, e calcularase en función da categoría do hotel tendo en conta o custo máximo segundo o seguinte cadro:

Hotel

Importe máximo subvencionable

Cinco estrelas

40.000,00 €

Catro estrelas

35.000,00 €

Tres estrelas

25.000,00 €

Dúas estrelas

15.000,00 €

Unha estrela

9.000,00 €

– Equipamento específico para espazo balneario: hamacas, cadeiras e padiolas.

O investimento subvencionable detallarase a través dunha relación por partidas, sen que no seu importe estea engadido o IVE, e calcularase en función da categoría do hotel tendo en conta o custo máximo segundo o seguinte cadro:

Hotel

Importe máximo subvencionable

Cinco estrelas

10.000,00 €

Catro estrelas

8.750,00 €

Tres estrelas

6.250,00 €

Dúas estrelas

3.750,00 €

Unha estrela

2.250,00 €

Estas liñas de axudas corresponden cos proxectos de investimento subvencionables recollidos no artigo 3.1 do Decreto 432/2009, do 11 de decembro, e no artigo 12 do Regulamento 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008.

4. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

En particular considérase investimento subvencionable a execución material das obras que se acometan para a creación dos establecementos obxecto desta resolución. Igualmente, de ser o caso, a adecuación do contorno, as actuacións de recuperación dos elementos de arquitectura tradicional existentes e os honorarios técnicos.

5. Están comprendidos nos proxectos de obras e son, por tanto, subvencionables, todos aqueles bens de equipamento que deben ser empregados nestas mediante instalacións fixas, sempre que constitúan complemento natural da obra (cociñas, cámaras frigoríficas, instalacións de aire acondicionado, equipamento termal etc...). Non se considera subvencionable o equipamento que non cumpra as devanditas condicións, agás o que se sinala na liña C).

6. Queda expresamente excluído do ámbito de aplicación desta resolución louza e análogos, e a adquisición de terreos.

7. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se van subvencionar os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Para os efectos de cálculo do investimento subvencionable, os honorarios técnicos de redacción de proxecto e dirección de obra non serán superiores ao 8% do orzamento de execución material subvencionable.

8. Cando o importe do gasto subvencionable sexa igual ou superior a 50.000 euros no caso de contratos de obras, ou igual ou superior aos 18.000 euros cando se trate doutros contratos, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

9. Unicamente poderán recibir subvención, no caso de pemes, aqueles proxectos que se inicien e executen unha vez confirmada pola Secretaría Xeral para o Turismo a súa elixibilidade. Os solicitantes recibirán comunicación escrita en que conste que o proxecto cumpre inicialmente as condicións de subvencionabilidade suxeita ao resultado final da súa verificación detallada, sempre que a solicitude se presentase conforme o establecido nesta resolución. Os proxectos que non cumpran estes requisitos non serán obxecto de axuda posto que as actuacións subvencionables teñen que ser realizadas e pagadas no período comprendido desde esta notificación ata a data límite de xustificación establecida no artigo 18.

No caso de grandes empresas, as axudas terán efecto incentivador se cumpren con algún dos criterios recollidos no artigo 3.2.b) do Decreto 432/2009, en relación co artigo 8 parágrafo 3 do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008.

10. Considerarase que as axudas concedidas teñen un efecto incentivador se os seus beneficiarios solicitaron antes de levar a cabo os proxectos subvencionados.

Artigo 2. Conceptos e definicións

Para os efectos desta resolución considéranse:

– Hoteis-balneario: aqueles hoteis do grupo I, que cumpren a normativa sectorial vixente en materia de industria, sanidade e turismo e que contan con instalacións que ofrecen técnicas con augas minero-medicinais, declaradas así pola Administración pública e dispoñen de servizo médico. Inclúense aquí tanto os hoteis-balneario tradicionais ou de cura termal con técnicas crenoterápicas, hidroterápicas efectuadas a un ritmo, intensidade, duración e frecuencias establecidas por un médico, como os especiais, que ofrecen alternativas lúdicas tales como piscina de hidromasaxe, relaxación e tonificación, chorro de hidromasaxe manual, baño turco, tratamentos de barro e de sales.

– Hoteis-talaso: os hoteis do grupo I que, estando dotados dos medios axeitados e baixo control de persoal cualificado, utilizan a auga do mar, o clima mariño, as algas, os lodos, areas e outros elementos ou substancias do medio mariño con fins beneficiosos para a saúde, tendo en conta que a captación se efectuará directamente do mar e que cumpren a normativa sectorial vixente en materia de industria, sanidade e turismo.

Artigo 3. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións relativas á mellora dos establecementos obxecto desta resolución imputaranse ás aplicacións orzamentarias 04.80.761A.770.0, cofinanciadas ao 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, cun crédito de 1.700.000 €. A distribución por anualidades de cada unha destas aplicacións será a que se indica no cadro adxunto, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 10, con base no disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Aplicación

Anualidade

Importe

04.80.761A.770.0

2012

1.000.000 €

2013

700.000 €

Os expedientes que representen gastos plurianuais deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

O importe total da subvención distribuirase nunha ou dúas anualidades consonte a execución do investimento subvencionado.

2. Os proxectos que se recollen nesta resolución como accións subvencionables poderán acadar unha subvención de ata o 40% sobre o investimento subvencionable no caso de pemes e ata o 30% sobre o custo elixible no caso de grandes empresas.

Para o cálculo do investimento subvencionable estimarase como orzamento máximo de execución material, incluído o imputable á urbanización, o establecido por metro cadrado de superficie construída no cadro seguinte:

Categoría

Establecementos hoteleiros

*

704 €/m2

**

737 €/m2

***

759 €/m2

****

792 €/m2

*****

836 €/m2

3. Estas axudas poderán ser compatibles con outras para a mesma finalidade sempre que o conxunto de todas as concedidas para os mesmos elementos subvencionables non superen os límites máximos de axuda establecidos no anexo do Decreto 432/2009. Este límite é do 30%, porcentaxe que se poderá incrementar ata o 50% cando se trate de pequenas empresas, ou ata o 40% se se trata de medianas empresas. Estas axudas son incompatibles con outras financiadas con fondos europeos.

Estas axudas non se poderán acumular con outras axudas declaradas de minimis relativas aos mesmos gastos subvencionables se a contía resultante supera os devanditos límites.

4.Os proxectos desenvolveranse no territorio de Galicia e financiaranse con cargo a fondos Feder.

Artigo 4. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas ou xurídicas ou comunidades de bens que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e sexan titulares dos establecementos hoteleiros nos cales se poidan realizar os investimentos obxecto de subvención, segundo o establecido no artigo 1 destas bases.

Os titulares dos hoteis que se subvencionen terán que ser propietarios dos inmobles ou predios obxecto de actuación ou ben ter un dereito sobre eles, acreditada por calquera título válido en dereito, que permita realizar o investimento proxectado. O dito título terá que ser outorgado en escritura pública e inscrito no Rexistro da Propiedade. En calquera caso, o beneficiario da subvención terá o pleno uso e desfrute dos inmobles e/ou dos predios.

Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.

Tampouco poderán obter a condición de beneficiario aqueles que estean suxeitos a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase a axuda ilegal e incompatible co mercado común.

As entidades beneficiarias non poderán ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1 número 7 do Regulamento (CE) nº 800/2008, do 6 de agosto, da Comisión, en relación ás pemes e conforme o disposto no número 2.1 das Directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C 244/02) en relación ás grandes empresas.

Considerarase empresa en crise se cumpre as seguintes condicións:

a) Se se trata dunha sociedade de responsabilidade limitada, que teña desaparecido máis da metade do seu capital subscrito e perdese máis da cuarta parte nos últimos 12 meses, ou

b) Se se trata dunha sociedade na cal polo menos algún dos seus socios ten unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da empresa, que teñan desaparecido máis da metade dos seus fondos propios, tal como se indica nos seus libros, e se perdesen máis da cuarta parte deles nos últimos 12 meses, ou

c) Para todas as formas de empresas, que reúnan as condicións establecidas no dereito nacional para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia.

Unha peme con menos de tres anos de antigüidade non se considerará empresa en crise durante ese período.

Terán a consideración de mediana empresa aquelas empresas que ocupen menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non exceda 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non exceda de 43 millóns de euros.

Terán a consideración de pequena empresa, aquelas empresas que ocupen menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

Artigo 5. Solicitudes

As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e no prazo que se indiquen na convocatoria. Xunto coas solicitudes deberá achegarse un exemplar orixinal ou copia compulsada da seguinte documentación, agás a documentación técnica relativa á alínea e), que deberá achegarse por duplicado exemplar:

a) Anexo II: modelo de solicitude normalizado.

b) Anexo III: anexo técnico.

c) Certificación ou nota simple do Rexistro da Propiedade que acredite que o solicitante da subvención é propietario do inmoble obxecto da mellora. No caso de existir propiedade pro indiviso, deberase achegar poder notarial dos copropietarios, outorgando representación ao solicitante, que deberá ser un deles, para actuar neste procedemento e asumir os compromisos derivados do establecido nesta resolución.

No caso de que o solicitante non sexa o propietario, acreditará o dereito sobre o inmoble ou do predio para a realización do investimento obxecto da subvención e o período mínimo de explotación establecido no artigo 16.b) destas bases mediante certificación ou nota simple do Rexistro da Propiedade.

Todo iso sen prexuízo de que se solicite documentación complementaria aclaratoria da propiedade ou disposición dos inmobles e/ou dos predios.

d) Cando se trate de persoas xurídicas achegarase copia cotexada do NIF, do documento de constitución da sociedade e da documentación acreditativa de representatividade suficiente para actuar en nome da empresa.

Non terá que presentarse a copia cotexada do NIF se o solicitante autoriza expresamente, no formulario de solicitude de subvención, o órgano concedente para obtelo.

e) Proxecto básico, elaborado por un técnico facultativo competente, que conterá:

e.1. Memoria explicativa do proxecto e xustificación das solucións adoptadas.

e.2. Orzamento do investimento en que se especificará o importe da execución material, así como o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra e todo o equipamento proposto, segundo o anexo técnico da folla resumo xeral do orzamento que deberá estar na memoria.

Cando o importe do gasto subvencionable sexa igual ou superior a 50.000 euros no caso de contratos de obras, ou igual ou superior aos 18.000 euros cando se trate doutros contratos, o interesado achegará un mínimo de tres orzamentos de diferentes provedores nos cales se detallarán o custo de execución material, o beneficio industrial e os gastos xerais, non sendo estes dous últimos conceptos subvencionables, segundo dispón o artigo 1.9 destas bases reguladoras en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

Cando a oferta elixida non recaia na proposta económica máis vantaxosa presentarase tamén unha memoria xustificativa da elección realizada.

e.3. Planos de localización do investimento.

e.4. Planos do estado actual se corresponderen e do proxecto.

e.5. Relación exhaustiva (indicando calidades) dos materiais e acabamentos propostos.

e.6. Relación detallada dos mobles e equipamentos (débese indicar calidades, localización e número) que se van instalar.

e.7. Memoria explicativa de adecuación ao contorno das actuacións que, de ser o caso, corresponda, de recuperación de elementos de arquitectura, cultura e sociedade tradicional, así como equipamentos e servizos.

e.8. Memoria explicativa e exhaustiva, tamén asinada polo promotor, do tipo de servizos que se van prestar no hotel.

O dito proxecto deberá estar avaliado polo Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Secretaría Xeral para o Turismo, que emitirá o informe correspondente.

f) Reportaxe fotográfica do inmoble, exteriores, interiores e do contorno.

g) Prazo previsto, expresado en meses, para a execución indicando a data de inicio (cronograma de realización).

h) Proxecto de explotación do establecemento en que se reflicta a oferta de servizos prevista, o cadro de persoal, o réxime de funcionamento etc.

i) Licenza urbanística que posibilite a execución do investimento para o cal se solicita a subvención. No caso de carecer dela no momento de realizar a solicitude de subvención, presentarase certificación de viabilidade urbanística ou permiso emitido polo órgano competente do concello, en que se indique que o proxecto para o cal se solicita subvención está conforme coa legalidade urbanística vixente no municipio. Coa primeira solicitude de pagamento será obrigatoria a presentación da antedita licenza urbanística.

j) Anexo IV-A: Modelo de declaracións:

– Declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

– Declaración expresa de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Declaración de non estar suxeito/a a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase a axuda ilegal e incompatible co mercado común.

– Declaración de non ter a consideración de empresa en crise conforme o disposto no artigo 1 número 7 do Regulamento (CE) nº 800/2008, do 6 de agosto, da Comisión, en relación ás pemes e conforme o disposto no número 2.1 das Directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C 244/02) en relación ás grandes empresas.

k) Anexo IV-B: Declaración de peme.

l) Anexo IV-C: Declaración responsable da titularidade dunha conta bancaria en que faga constar o código do banco, o código da sucursal, o díxito de control e o código da conta corrente, en relación co previsto no artigo 5 da Orde do 12 de xaneiro de 2012 da Consellería de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico.

m) Cando se trate de subvencións para rehabilitación ou restauración de construcións que proxecten a captación de auga termal, minero-medicinal ou auga do mar, disporase das declaracións, autorizacións e certificacións exixidas para este tipo de establecementos pola normativa vixente. De non dispor desta documentación no momento da presentación da solicitude, deberá achegarse acreditación escrita de terse incoado expediente para acadar a correspondente autorización e certificados pertinentes.

No caso dos hoteis-balneario, declaración da condición de auga minero-medicinal e certificado de autorización de aproveitamento de augas outorgados pola Consellería de Economía e Industria ou, se é o caso, de terse incoado o expediente que posibilite acadar a dita autorización. Ademais, certificado de inscrición no Rexistro de Centros, Servizos ou Establecementos Sanitarios da Consellería de Sanidade ou, se é o caso, de terse incoado o expediente que posibilite acadar a dita autorización.

Non terá que presentarse esta documentación se o solicitante autoriza expresamente no formulario de solicitude de subvención ao órgano concedente para a obtención da mesma. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarase no formulario de solicitude a data en que se presentaron os documentos e o órgano a que os dirixiron.

No caso dos hoteis-talaso terán que acollerse ao disposto na lexislación sectorial vixente en materia de industria, sanidade e turismo de aplicación.

n) No caso de grandes empresas, co obxecto de verificar o efecto incentivador de acordo co artigo 3.2.b) do Decreto 432/2009, en relación co artigo 8 parágrafo 3 do Regulamento (CE) nº 800/2008, documentación acreditativa de un ou máis dos seguintes criterios:

– Un aumento substancial do tamaño do proxecto ou actividade grazas á axuda.

– Un aumento substancial do ámbito de aplicación do proxecto ou actividade grazas á axuda.

– Un aumento substancial do importe total investido polo beneficiario no proxecto ou actividade grazas á axuda.

– Un aumento substancial do ritmo de execución do proxecto ou actividade de que se trate.

– Ao tratarse de axudas rexionais ao investimento, consideradas no artigo 13, que o proxecto non se tería levado a cabo na rexión asistida de non ter sido pola axuda.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. Para os efectos do previsto no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 4 da Orde do 12 de xaneiro de 2012, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, o solicitante deberá indicar na epígrafe correspondente do formulario de solicitude da subvención a súa autorización para que o órgano concedente obteña de forma directa os datos de carácter persoal que figuren no NIF do interesado e a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Igualmente, de conformidade cos mesmos artigos 20.3 da Lei 9/2007 e 4 da Orde do 12 de xaneiro de 2012, se o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa figura no poder da Administración, deberá indicar na epígrafe correspondente do formulario da solicitude a autorización ao órgano concedente para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada, sempre que non teñan transcorrido mais de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponden.

Non obstante, se o solicitante non dá o seu consentimento e faino constar expresamente no formulario de solicitude, deberá presentar a documentación a que fai referencia este punto.

En calquera caso, nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano instrutor poderá requirir ao solicitante a presentación da documentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta Secretaría Xeral publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

4. De acordo co previsto nos artigos 6 e 7 número 2, letra d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006, a aceptación das axudas polos beneficiarios implica a aceptación da súa inclusión na lista de beneficiarios.

5. A Secretaría Xeral para o Turismo velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recolla e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros. No obstante, a Secretaría Xeral para o Turismo revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida, de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificios administrativos San Caetano, San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Órganos competentes

A subdirección xeral de Xestión, Fomento e Cooperación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponde á titular da Secretaría Xeral para o Turismo ditar a resolución de concesión.

Artigo 8. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desistiu da súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b), 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG, e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro de anuncios da páxina web da Secretaría Xeral para o Turismo ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG. Se a instrución do procedemento o aconsellar, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderase requirir o solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. O Servizo de Turismo da Xefatura Territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza achegará un informe que deberá indicar se o proxecto é conforme coa normativa de ordenación turística vixente, a localización e interese turístico do proxecto e, de ser o caso, as datas de autorización e de inscrición no REAT e a clasificación turística que lle correspondería. Así mesmo, achegaráselles un informe do Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística sobre a calidade do inmoble, do seu estado e do proxecto. Estes informes achegaranse cunha antelación mínima de dez días previos á realización da comisión de valoración.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 9. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) O/a subdirector/a xeral de Xestión, Fomento e Cooperación, que a presidirá.

b) Os/as xefes/as do Servizo de Turismo de cada unha das xefaturas territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

c) O/a xefe/a do Servizo de Xestión e Fomento da Secretaría Xeral para o Turismo, que exercerá as funcións de secretario/a.

d) O/a xefe/a do Servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística, da Secretaría Xeral para o Turismo.

e) Un representante da Subdirección Xeral de Ordenación, Inspección e Planificación Turística da Secretaría Xeral para o Turismo.

f) O/a xefe/a Área de Turismo Rural e Interior de Turgalicia.

3. Os/as suplentes serán designados/as pola Secretaría Xeral para o Turismo.

4. A comisión poderá estar asistida por expertos externos.

5. Así mesmo, a comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica para os efectos de colaborar na revisión e valoración dos documentos achegados xunto coa solicitude.

6. No informe que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde, segundo os criterios recollidos no artigo seguinte e indicando o importe da concesión que se propón para cada un deles.

7. No caso de existiren solicitudes que non figuran na proposta anterior por razón do baremo aplicado ao terse esgotado o crédito dispoñible, a comisión poderá emitir propostas sucesivas de concesión, ben por dispor de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta subvención.

Artigo 10. Criterios de valoración

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión da subvención serán por orde decrecente os seguintes, tendo en conta a valoración específica que se lle atribúe cada unha delas:

1º A localización do investimento atendendo especialmente á súa situación nas provincias interiores de Galicia e en áreas rurais con tendencia a despoboación, polo que debido a unha débil infraestrutura turística destas áreas precisan unha discriminación positiva, así como en municipios turísticos e en espazos cualificados con algunha figura de protección ambiental:

– Localización do proxecto nas provincias de Lugo ou Ourense (5 puntos).

– Áreas rurais con tendencia á despoboación (5 puntos).

– Situación en municipio turístico oficialmente declarado (5 puntos).

– Situación nun espazo cualificado con algunha figura de protección ambiental (5 puntos).

Ata 20 puntos.

2º Que o proxecto pretenda acadar un establecemento respectuoso co ambiente:

– A través da implantación de tecnoloxías que permitan aforros e eficiencias das instalacións en campos como residuos, enerxías, depuración de augas, contaminación acústica etc. (7 puntos).

7 puntos.

3º Que o proxecto incida especialmente nas condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

15 puntos.

4º Que o investimento inclúa novas tecnoloxías cara a xestión e comercialización dos servizos turísticos.

10 puntos.

5º Que o proxecto supoña a implantación de novas ofertas combinadas das instalacións e servizos de turismo con outras actividades complementarias que permita mellorar a oferta e contribuír a dinamizar turísticamente o contorno onde se asenta (turismo mariñeiro/náutico, turismo enolóxico, turismo ornitolóxico, turismo de golf, turismo termal, turismo cultural, turismo de aventura e turismo gastronómico).

10 puntos.

6º Rehabilitación dunha edificación singular ou dun elemento do patrimonio arquitectónico tradicional.

15 puntos.

Con base na puntuación que acaden os proxectos presentados de conformidade cos anteriores criterios, os beneficiarios acadarán unha porcentaxe de axuda sobre o investimento subvencionable correspondente, segundo a seguir se detalla:

Puntos

% Axuda

71-77

40

61-70

39,5

51-60

39

41-50

38,5

31-40

38

21-30

37,5

11-20

37

0-10

36,5

Artigo 11. Audiencia

Efectuada a avaliación, a comisión fará un informe co seu resultado, á vista do cal o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada, que deberá ser notificada aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. Examinadas as alegacións, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución definitiva e elevaraa á secretaria xeral de Turismo.

2. A secretaria xeral, á vista da proposta de resolución, ditará no prazo de 15 días desde a súa elevación a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e na cal, en todo caso, quedarán debidamente xustificados todos os aspectos contidos no artigo 34.4 do regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo elixible da actividade que desenvolverá o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecido.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de seis meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral para o Turismo. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderán remitir os beneficiarios a que consulten información detallada da resolución nun taboleiro da citada web.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación. Non obstante, poderase substituír esta notificación individual pola publicación no DOG, coa indicación de que os non beneficiarios consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución da convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral de Turismo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola secretaria xeral de Turismo, logo da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 11.

Artigo 15. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido o prazo sen que se producise manifestación expresa en contra, entenderase tacitamente aceptada.

2. Coa aceptación o beneficiario consente na publicación da resolución pola que se lle concede a axuda na lista de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión.

3. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo VI, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a secretaria xeral ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da mesma lei.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Iniciar a actividade, incluídos todos os servizos que se recolleron no proxecto, logo de declaración responsable de inicio de actividade, nun prazo máximo de seis (6) meses contados a partir da data límite da xustificación final do investimento fixada no artigo 18 destas bases.

b) Manter a entidade beneficiaria da axuda a súa actividade en Galicia, sen posibilidade de subcontratala, durante un período mínimo de dez (10) anos, contados desde a data de concesión da declaración responsable de inicio de actividade ou, na súa falta, desde que se produza a liquidación definitiva da subvención.

Así mesmo, segundo establece o artigo 57 do Regulamento 1083/2006, o investimento deberá manterse en Galicia polo menos durante os cinco anos seguintes, unha vez completada a totalidade do investimento.

De non cumprir coas citadas obrigas, procederase ao reintegro da subvención concedida.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Secretaría Xeral para o Turismo, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas e ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar á Secretaría Xeral para o Turismo a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. A Secretaría Xeral para o Turismo comprobará que non se superan as porcentaxes máximas de acumulación establecidas na normativa comunitaria europea.

e) Acreditar con anterioridade a terse ditado a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. Para tales efectos, o solicitante deberá achegar certificación de estar ao día nas citadas obrigas, salvo que autorizase expresamente no formulario de solicitude da subvención ao órgano concedente para a obtención das mesmas mediante procedementos telemáticos. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deren como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

f) Reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora percibidos desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.

– Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedirían.

– Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención

g) Adscribirse á central de reservas que para este tipo de establecementos cree a Administración turística galega.

h) Executar o proxecto de total conformidade co presentado ao concurso de subvencións ou, se é o caso, o modificado coa autorización da Administración turística galega.

i) A facilitar datos, de forma periódica ou logo de requirimento da Administración turística galega, sobre a ocupación rexistrada no establecemento.

j) Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Así mesmo, deberán cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE 27.12.2006, L371), coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) nº 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009, (DOUE 23.9.2009, L250).

En concreto, as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o cofinanciamento dos seus proxectos con fondos europeos Feder así como pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o Turismo, de acordo co disposto na regulamentación comunitaria nesta materia. Para isto empregarán a lenda «proxecto cofinanciado» acompañado do escudo normalizado da Xunta de Galicia, e podese descargarse o logotipo no seguinte enlace: www.xunta.es/descarga-do-manual e o emblema normalizado da Unión Europea coa inscrición «Unión Europea. Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional» (Feder), e precedendo os emblemas empregarase a inscrición «Unha maneira de facer Europa». Estas medidas están recollidas na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013 que pode consultarse na páxina web: http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/guia-intervencions-cofinanciadas-fe. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

Cando se materialice nunha aplicación informática, deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación («axuda», «acerca de» ou similares).

Cando o proxecto dea lugar a documentación (manuais, cadernos, folletos, notas informativas, CD-rom) deberán constar na contraportada das ditas publicacións as citadas referencias.

Os beneficiarios deberán colocar unha placa explicativa permanente, visible e de gran tamaño, nun prazo máximo de 6 meses a partir da conclusión da obra. Na placa indicarase o tipo e nome da operación, que ocupará como mínimo o 25% da placa. Durante a execución da operación o beneficiario colocará un cartel no lugar das operacións. Concluída a operación, o cartel substituirase pola placa explicativa permanente.

k) Igualmente, o beneficiario deberá incluír, nas súas accións promocionais, a marca turística de Galicia. De ser o caso, na páxina web deberá inserir un banner cunha ligazón á páxina de promoción turística de Galicia. Nos folletos e outras publicacións deberá incluír na contraportada a marca turística, seguindo as indicacións do manual de uso. Para a aplicación correcta da marca deberán descargar de www.turgalicia.es/marca01 os arquivos informáticos cos elementos gráficos en calidade e formatos axeitados, así como as indicacións do uso.

l) O beneficiario queda obrigado a manter unha separación contable adecuada para os gastos relacionados coa axuda que facilite a «pista de auditoría».

m) O beneficiario deberá conservar a documentación contable e de todo tipo relativa á execución dos gastos do proxecto obxecto da subvención por un período de 3 anos a partir do peche do programa operativo, de conformidade co artigo 89, punto 3, do Regulamento 1083/2006, do Consello.

n) Os proxectos que se subvencionen terán que cumprir o disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, e as normas regulamentarias de desenvolvemento.

Artigo 17. Subcontratación

Permítese, para a realización das obras necesarias para executar o proxecto, a subcontratación do 100%, cos límites establecidos no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Xustificación da subvención

1. No prazo de sesenta (60) días naturais seguintes á notificación da concesión da subvención, os beneficiarios presentarán na Secretaría Xeral para o Turismo orixinal ou copia compulsada da seguinte documentación:

a) Proxecto de execución definitivo da acción subvencionada, que deberá axustarse á oferta máis vantaxosa das inicialmente presentadas. O dito proxecto de execución incluirá o programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, conforme a resolución de concesión, e deberá ser avaliado polo servizo de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Secretaría Xeral para o Turismo.

b) Documento acreditativo ou contrato do nomeamento do director da obra e director da execución material da obra.

2. Para cobrar a primeira anualidade (2012) da subvención concedida, o beneficiario terá de prazo ata o 30 de decembro de 2012 para presentar nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria, mediante a modalidade de conta xustificativa (conforme o artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia), orixinal ou copia cotexada da documentación xustificativa que a seguir se indica:

a) Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo V.

b) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas.

c) Memoria económica do custo das actividades realizadas, que conterá:

c.1) Relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con indicación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento. Se for o caso, indicaranse as desviacións producidas no orzamento que serviu de base ao seu outorgamento.

c.2.) Facturas que deberán especificar a que concepto corresponden segundo o investimento que serviu de base para a concesión da subvención, xunto coas certificacións bancarias ou, na súa falta, copias das ordes de transferencia que xustifiquen o seu pagamento. En todo caso, o importe reflectido na certificación de obra debe coincidir co xustificado coas ditas facturas.

d) Certificación de obra por conceptos, en modelo normalizado, que se compón de portada, certificación en orixe, por partidas e capítulos, segundo medicións e prezos recollidos no proxecto de execución, elaborada polo arquitecto e arquitecto técnico da obra, relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra.

No caso de obras menores con orzamento de execución material superior a 50.000,00 euros, os beneficiarios presentarán certificado de fin de obra asinada por persoal técnico competente.

No caso de obras menores con orzamento de execución material inferior a 50.000,00 euros, os beneficiarios presentarán memoria xustificativa detallada e asinada.

e) Licenza urbanística ou, de ser o caso, permiso que posibilitase a execución do investimento subvencionado. O dito documento é preceptivo e non se procederá ao pagamento de ningunha anualidade mentres non se presente.

f) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditativos de estaren ao día nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da comunidade autónoma, así como nas obrigas coa Seguridade Social e de non ter ningunha débeda pendente por ningún concepto con ningunha Administración pública, a non ser que o solicitante autorizase expresamente, no formulario de solicitude da subvención, o órgano instrutor para realizar a súa comprobación.

g) Declaración responsable onde se recollan expresamente os compromisos a que se fai referencia no artigo 16 das bases reguladoras. Pode utilizarse actualizado o anexo IV-A (Modelo de declaracións).

h) Declaración actualizada de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Pode utilizarse actualizado o anexo IV-A (Modelo de declaracións).

i) Xustificante orixinal do depósito da garantía presentada no caso de pagamentos de importe superior a 18.000 euros, de acordo co establecido no artigo 62 en relación co 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Para cobrar a segunda anualidade (2013) da subvención concedida, o beneficiario terá de prazo ata o 30 de decembro de 2013, para presentar nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria a documentación que se sinala nas letras a), b), c), d), f), g) e h) do punto anterior agás que se completase a totalidade da execución e se xustificase correctamente a súa realización coa certificación de fin de obra e demais documentación na primeira anualidade neste caso unicamente terá que presentar en prazo a solicitude de cobramento.

4. Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas na resolución de concesión da subvención e responder, de xeito indubidable, á natureza da actividade subvencionada. Sen necesidade de instar procedemento de modificación da subvención, a Secretaría Xeral para o Turismo poderá aceptar variacións nas partidas de gasto aprobadas, coa condición de que as variacións non superen en conxunto o 20% do orzamento, que non aumente o importe total do gasto aprobado, que non desvirtúen as características do proxecto e condicións que foron tidas en conta para a resolución de concesión e que se cumpra coa normativa turística.

Se o beneficiario xustifica conceptos e elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60% do importe do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, por tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención. Se a xustificación é superior ao 60%, pero sen acadar o 100% do investimento subvencionable, o beneficiario percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para que se concedeu a axuda.

5. Cando a subvención se conceda para adquisición de maquinaria e equipamento, no momento da xustificación deberase xuntar unha relación dos equipamentos subvencionados en que conste a marca, modelo e número de serie ou referencia equivalente para a súa identificación. Estes mesmos datos deben figurar, ademais, na correspondente factura.

6. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, a secretaria xeral ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da secretaría xeral, antes de procederen ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificaren o cumprimento da actividade subvencionada.

2. Cando se soliciten pagamentos parciais, ademais da presentación da documentación indicada no artigo 18, tamén deberán concorrer as seguintes circunstancias e condicións a que fai referencia o artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro):

a) Os pagamentos á conta poderán supoñer a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, e aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada ata a porcentaxe que establezan as bases reguladoras.

b) O importe conxunto dos pagamentos á conta que, se é o caso, se concedan non poderá ser superior ao 80% da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

3. Os pagamentos parciais quedarán condicionados ao resultado da liquidación definitiva da subvención.

4. Os pagamentos parciais superiores a 18.000 euros terán que garantirse conforme o establecido no artigo 67.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por unha entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, deberá cubrir o 110% do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que for o prazo de xustificación previsto na convocatoria, e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes ao remate do prazo de xustificación previsto no artigo 18 destas bases reguladoras.

Tal e como establece o artigo 69 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as garantías deberán constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, situadas nas delegacións territoriais da consellería competente en materia de facenda.

Unha vez comprobada a adecuada xustificación da realización da actividade ou proxecto para o cal se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.

5. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

A comprobación material poderáselle encomendar a outro órgano distinto do que concedeu a subvención.

Excepcionalmente, a comprobación material poderase substituír por unha xustificación documental que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada.

Artigo 20. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos, a cantidade que se debe reintegrar responderá ao principio de proporcionalidade e determinarase aplicando os mesmos criterios de avaliación que se empregaron para a concesión referidos á realidade finalmente comprobada.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 21. Control

1. A Secretaría Xeral para o Turismo poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como aos dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 22. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, farano na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 €), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Secretaría Xeral para o Turismo.

Artigo 23. Remisión normativa

Son de aplicación directa o Decreto 432/2009, do 11 de decembro, polo que se regulan as axudas rexionais ao investimento e ao emprego na Comunidade Autónoma de Galicia (publicado no DOUE o 16 de febreiro de 2010, con número de axuda X 28/2010), en aplicación do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ao Regulamento comunitario 1080/2006, (DOUE 31.7.2006, L210), de 5 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional; o Regulamento comunitario 1083/2006 do Consello (DOUE 27.12.2006, L371), relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ao Fondo Social Europeo (FSE) e ao Fondo de Cohesión; o Regulamento comunitario 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006, coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) nº 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009, (DOUE 23.9.2009, L250).

Para todo o non previsto nestas bases reguladoras observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento e o resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file