Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 14 de xuño de 2012 Páx. 23290

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 4 de xuño de 2012 pola que se amplía a dotación orzamentaria para a concesión de axudas para a prevención e defensa contra os incendios forestais en montes veciñais en man común convocadas pola Orde do 11 de abril de 2012.

Mediante a Orde do 11 de abril de 2012 establecéronse as bases reguladoras das subvencións para a prevención e defensa contra os incendios forestais en montes veciñais en man común (Diario Oficial de Galicia nº 76, do 20 de abril).

No artigo 15 da devandita orde, relativo ao financiamento, detállase nos puntos 1 e 2 a aplicación orzamentaria e o orzamento previsto para as dúas liñas de subvención, mentres que no punto 3 se recolle a posibilidade de ampliar o crédito dispoñible para o financiamento desta orde, cando o aumento veña derivado de:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

c) No suposto previsto no artigo 25.3º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Tendo en conta o elevado número de solicitudes de subvencións en anos anteriores e as previsións para este ano, cómpre ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente, coa finalidade de poder amparar as solicitudes presentadas, sempre que cumpran co establecido na orde citada anteriormente.

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único

Primeiro. Amplíase a dotación orzamentaria da Orde do 11 de abril de 2012 (Diario Oficial de Galicia nº 76, do 20 de abril), pola que se convocan subvencións para a prevención e defensa contra os incendios forestais en montes veciñais en man común, nun total de 247.375,64 euros para a liña I: subvencións para o control selectivo de combustible.

Deste xeito o total da orde ascende a dous millóns seiscentos corenta e cinco mil trescentos setenta e cinco euros con sesenta e catro céntimos (2.645.375,64 euros), repartidos do seguinte xeito:

a) Liña I: dotada cun total de dous millóns trescentos oitenta e cinco mil trescentos setenta e cinco euros con sesenta e catro céntimos (2.385.375,64 euros).

b) Liña II: dotada cun total de douscentos sesenta mil euros (260.000 euros).

Segundo. Esta modificación non afecta o prazo que se establece para a presentación de solicitudes de axuda na devandita Orde do 11 de abril de 2012.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2012

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar