Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 30 de maio de 2012 Páx. 20892

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 13 de abril de 2012 pola que se somete ao trámite de información pública o proxecto sectorial relativo ao aproveitamento hidroeléctrico no río Oitavén, denominado Salto de Eiras II, nos concellos de Ponte Caldelas, Fornelos de Montes e Soutomaior, provincia de Pontevedra (expediente PO/1/130).

Con data do 18 de maio de 2007 o presidente de Augas de Galicia ditou resolución pola que se outorgou unha concesión de augas no río Oitavén a favor de Hidroeléctrica de Eiras, S.L., para a produción hidroeléctrica mediante a construción de dous saltos, entre os que se encontra o Salto de Eiras II.

Hidroeléctrica de Eiras, S.L. presentou no rexistro de Augas de Galicia a seguinte documentación para a súa aprobación:

– Proxecto sectorial do aproveitamento hidroeléctrico do río Oitavén. Salto de Eiras II e liña de evacuación de enerxía, en marzo de 2012.

Mediante o presente anuncio e en cumprimento do disposto no artigo 13.2 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e os proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, procédese a someter ao trámite de información pública a documentación relacionada no parágrafo anterior, aos efectos do seu coñecemento xeral, co fin de que aquelas persoas naturais ou xurídicas que se consideren afectadas nos seus dereitos poidan formular, por escrito, cantas alegacións, observacións, suxestións e reclamacións estimen procedentes, persoalmente ou por medio do seu representante con poder suficiente, perante o rexistro de Augas de Galicia sito na rúa do Tomiño n.º 16, baixo, 15703, Santiago de Compostela, no prazo dun (1) mes, establecido para o efecto.

O prazo comezará a computarse a partir do día seguinte á data da derradeira das publicacións que corresponde facer da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e no xornal La Voz de Galicia. Transcorrido o devandito período de tempo non se admitirá nin se terá en conta ningún escrito.

Para os expresados efectos, este anuncio, ademais da súa inserción nas publicacións mencionadas, será obxecto de exposición ao público no taboleiro de anuncios dos concellos de Ponte Caldelas, Fornelos de Montes e Soutomaior, así como nas dependencias de Augas de Galicia. Polo tanto, os que se consideren interesados terán a súa disposición aos devanditos efectos informativos, copia da petición e da documentación achegada polo peticionario, para que poidan ser examinados nas seguintes dependencias administrativas:

– Augas de Galicia: rúa do Tomiño, 16 baixo, 15703 Santiago de Compostela.

– Concello de Ponte Caldelas: avenida de Galicia, s/n, 36828 Ponte Caldelas.

– Concello de Fornelos de Montes: rúa do Concello, 36847 Fornelos de Montes.

– Concello de Soutomaior: rúa Alexandre Bóveda, n.º 8, 36691 Soutomaior.

Santiago de Compostela 13 de abril de 2012.

Francisco Menéndez Iglesias
Director de Augas de Galicia