Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 30 de maio de 2012 Páx. 20877

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 9 de abril de 2012 pola que se ordena a publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 2 de febreiro de 2012, polo que se aproba o proxecto sectorial de modificación relativo a un aproveitamento hidroeléctrico no río Xallas, Salto de Fervenza II, nos concellos de Dumbría e Mazaricos, provincia da Coruña, promovido pola sociedade Ferroatlántica, S.L. (clave 7/184/6).

En cumprimento do disposto no artigo 25.4 da Lei 10/1995, do 13 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia e o artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, disponse a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 2 de febreiro de 2012, do que de seguido se reproduce a súa parte dispositiva de xeito literal:

«Aprobar o proxecto sectorial denominado Proxecto sectorial de modificación do aproveitamento hidroeléctrico no río Xallas. Salto de Fervenza II, promovido por Ferroatlántica, S.L.

As determinacións contidas no proxecto teñen forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares, e prevalecen sobre as determinacións do planeamento urbanístico, segundo o establece o artigo 11 punto 1 do Decreto 80/2000.

De conformidade co que dispoñen o artigo 24 da Lei 10/1995, e o artigo 11 punto 2 do Decreto 80/2000, os concellos de Mazaricos e Dumbría, deberán adaptar os seus planeamentos urbanísticos ao contido no proxecto sectorial. A devandita adaptación realizarase nos prazos que determina o proxecto».

De conformidade co disposto no artigo 4 da Lei 10/1995, modificada pola disposición adicional 2.ª da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2012.

Francisco Menéndez Iglesias
Director de Augas de Galicia

ANEXO

1. Adecuación ao planeamento local vixente e prazo.

A central hidroeléctrica que se proxecta afecta os termos municipais de Dumbría e Mazaricos, ambos na provincia da Coruña.

O termo municipal de Dumbría réxese polas normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial. Os terreos afectados están clasificados como solo non urbanizable común.

O termo municipal de Mazaricos réxese polas normas subsidiarias de planeamento do concello de Mazaricos, aprobadas definitivamente o 4 de maio de 1995. Os terreos afectados están clasificados como solo non urbanizable de protección de ribeiras e canles e solo non urbanizable de protección forestal.

2. Proposta de modificación do planeamento urbanístico vixente.

2.1. Adecuación ao plan.

As obras contidas no presente proxecto desenvólvense ao abeiro do Plan Sectorial Hidroeléctrico das Concas de Galicia-Costa. A nova cualificación do solo afecto á instalación deberá ser:

Solo rústico de protección de infraestruturas (solo rústico especialmente protexido), sendo o uso permitido o de aproveitamento hidroeléctrico.

Por tanto, deberase engadir á citada normativa de planeamento a ordenanza específica de solo rústico de protección de infraestruturas que se describe a continuación:

Solo rústico de protección de infraestruturas.

a) Ámbito de aplicación.

A nova cualificación de solo proposta aplicarase ás zonas grafiadas no plano de ordenación urbanística proposta no proxecto sectorial, da seguinte maneira para os distintos elementos do aproveitamento:

– Para a obra de toma, localización de central e tubaxe de derivación, a superficie cualificada será a sinalada segundo os planos de planta. Inclúe toda a parcela da central e a obra de toma.

– Para os accesos á central e á obra de toma, a superficie cualificada será a grafiada no plano cunha franxa de 10 metros de largura.

– Para a liña eléctrica a superficie cualificada será unha franxa de 25 metros de largura grafiada nos planos.

b) Condicións de uso e licenzas.

As condicións de uso para o solo afectado pola nova clasificación e cualificación serán as recollidas na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, xunto coas súas posteriores modificacións e derrogacións por Lei autonómica 15/2004, do 29 de decembro, Lei autonómica 6/2007, do 11 de maio, Lei autonómica 3/2008, do 23 de maio, Lei autonómica 6/2008, do 19 de xuño, Lei autonómica 18/2008, do 29 de decembro, Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, e Lei 15/2010, do 28 de decembro, concretamente no que nos seus artigos 32, 33, 34 e 37 fai referencia aos solos rústicos de protección especial e aos proxectos que se desenvolvan nestes, segundo un Plan Sectorial aprobado ao abeiro da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

Doutra banda, o proxecto construtivo do aproveitamento e a falta dun novo Regulamento que desenvolva a Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, deberá cumprir o previsto no punto 3 do artigo 14 do Decreto 28/1999, do 21 de xaneiro, polo que se aproba ou Regulamento de disciplina urbanística para o desenvolvemento e aplicación da Lei do solo de Galicia, é dicir, a Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia. Así, no proxecto técnico de execución das obras da infraestrutura deberá incluírse unha memoria urbanística, como documento específico e independente no que quedará reflectida a finalidade e uso da actuación proxectada, razoándose a súa adecuación á ordenación vixente, consecuencia da aprobación deste proxecto sectorial, e onde deberá quedar explícita a presente cualificación de solo rústico de protección de infraestruturas (solo rústico especialmente protexido).

c) Condicións de edificación, estéticas e de servizos.

As edificacións asociadas á infraestrutura proxectada deberán cumprir o que a Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, xunto coas súas posteriores modificacións, recolle nos seus artigos:

– Artigo 42. Condicións xerais das edificacións en solo rústico.

– Artigo 44. Condicións adicionais para outras actividades construtivas non residenciais.

2.2. Eficacia.

As determinacións contidas no presente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente.

Os termos municipais nos que se asenten as infraestruturas enerxéticas obxecto deste proxecto sectorial deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido deste, declarando a compatibilidade do aproveitamento hidroeléctrico cos usos previstos no planeamento mediante a inclusión dos terreos suxeitos á cualificación de solo rústico de protección de infraestruturas (solo rústico especialmente protexido).

2.3. Prazo.

Na primeira modificación, revisión ou redacción do seu planeamento, os concellos deberán recoller nestes o tramo de interese enerxético e demais determinacións recollidas ao longo do presente proxecto sectorial, conforme a calquera dos seguintes fitos:

– A primeira modificación de carácter puntual que por calquera causa acorde o concello, que obviamente pode ser expresamente para a adaptación que aquí se expón.

– A revisión do planeamento urbanístico municipal vixente.

– A redacción ou adaptación do planeamento urbanístico vixente á Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, xunto coas súas posteriores modificacións e derrogacións.

3. Cualificación das obras e instalacións de marcado carácter territorial.

O proxecto sectorial redactouse ao abeiro do Plan Sectorial Hidroeléctrico das Concas Hidrográficas de Galicia-Costa, aprobado en Consello da Xunta de Galicia do 29 de novembro de 2001. De acordo con este, quedan expresamente cualificadas como de carácter territorial as construcións e instalacións que de modo concreto e detallado se definen no proxecto sectorial.

De acordo coa Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, xunto coas súas posteriores modificacións e derrogacións, neste sentido haberá que aterse ao disposto no artigo 34.4, de forma que «non necesitarán autorización autonómica previa, para os efectos desta lei, as infraestruturas, dotacións e instalacións previstas nun proxecto sectorial aprobado ao abeiro da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, nin os equipamentos ou dotacións, privados ou públicos, previstos nos plans especiais establecidos no artigo 33.2.g) desta lei».

4. Declaración de utilidade pública das obras e instalacións previstas, así como a necesidade de ocupación para os efectos de expropiación dos bens e dereitos necesarios para a execución do proxecto sectorial que levará implícita a urxente ocupación.

De acordo coa Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, xunto coas súas posteriores modificacións e derrogacións, neste sentido haberá que aterse ao disposto no punto 1 da disposición adicional primeira da Lei 10/1995.